DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 01 de xullo de 2008 Páx. 12.870

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

I O artigo 45 da Constitución recoñece o dereito de todos a gozar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa e o deber de conservalo, así como a obriga dos poderes públicos de velar pola utilización racional dos recursos naturais para promover e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o ambiente apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27, recoñécelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva para aprobar as normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución. No exercicio destas competencias en materia de ambiente, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia que se baseou, entre outros, nos principios de prevención, de clasificación das actividades de acordo coa súa incidencia ambiental, de información e participación pública e de coordinación entre as distintas administracións.

A aplicación do principio de prevención implica unha avaliación previa de todos os os proxectos, obras e actividades que sexan susceptibles de afectar o ambiente, a través dun procedemento que posibilita a introdución de medidas correctoras e facilita a subseguinte vixilancia e control.

A consideración de elementais principios de proporcionalidade levan á necesaria clasificación ou catalogación previa das actividades de acordo coa gravidade dos seus potenciais efectos sobre o medio, para efectos de determinar en cada caso o procedemento de avaliación ambiental que se vai aplicar entre os previstos na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia: avaliación do impacto ambiental, avaliación dos efectos ambientais e avaliación da incidencia ambiental.

O procedemento de declaración de impacto ambiental, obrigatorio para aquelas actividades ou proxectos que polas súas características e/ou dimensión, presentan un maior risco para o medio, ten sido obxecto dunha ampla regulación, recollida na actualidade no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, normativa básica que, como tal, está sendo aplicada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A avaliación de efectos ambientais, prevista para os proxectos cunha menor repercusión ambiental que os suxeitos á declaración de impacto, está regulada polo Decreto 327/1991, do 20 de outubro, de avaliación de efectos ambientais de Galicia, constituíndo un procedemento ambiental cuxa aplicación resulta cada vez máis residual.

O procedemento de avaliación de incidencia ambiental afecta, segundo a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, todas aquelas actividades que figuren no nomenclátor que se aprobe ao respecto, así como a aqueloutras que, non figurando neste, merezan a cualificación de molestas, insalubres, nocivas ou perigosas. A mesma Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, habilita a Xunta de Galicia para a aprobación tanto do correspondente nomenclátor como o procedemento en si, sendo de aplicación, en tanto se aprobe este desenvolvemento regulamentario, o Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

A Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera, veu derrogar o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas (RAMINP), aprobado polo Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, permitindo que o citado Regulamento manteña a súa vixencia naquelas comunidades autónomas que non teñan normativa aprobada na materia, en tanto non se dite a dita normativa.

Facendo uso da habilitación contida nos artigos 13 e 14 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, e no marco do ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, este decreto por unha parte regula o procedemento da avaliación de incidencia ambiental e por outra, aproba o nomenclátor das actividades sometidas a este, desprazando para estes efectos o Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

II

O decreto estructúrase en cinco capítulos con 17 artigos e unha parte final integrada por tres disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria, tres finais e tres anexos.

O capítulo primeiro define o marco de aplicación da norma: o seu obxecto, regula o procedemento de avaliación de incidencia ambiental e o ámbito de aplicación material. O procedemento remata coa emisión dun ditame de incidencia ambiental como requisito previo para o outorgamento da licenza de actividade. O ámbito de aplicación establece as actividades sometidas ao procedemento, así como aquelas que polas súas características ou dimensión, xa que presentan unha escasa incidencia sobre o medio, quedan excluídas do procedemento. Entre unhas e outras queda un abano de actividades sobre as que só é posible decidir o seu sometemento ou non con base en criterios obxectivos para aplicar en cada caso, decisión motivada que lle corresponde adoptar á consellería competente en materia de ambiente.

O capítulo segundo establece o réxime de competencias, previndo a da consellería competente en materia de ambiente para a emisión do ditame de incidencia ambiental e a dos concellos para o outorgamento da licenza de actividade. Así mesmo disponse a posibilidade de delegación nos concellos das facultades relativas á emisión do ditame de avaliación de incidencia ambiental.

O procedemento para a avaliación de incidencia ambiental regúlase no capítulo terceiro. Este procedemento iníciase mediante a presentación da solicitude de licenza da actividade no concello correspondente. Así mesmo, regúlanse os diferentes trámites desta fase do procedemento ao sinalar a documentación que hai que presentar coa solicitude, o informe de compatibilidade da actividade coa planificación urbanística que emitirá o concello, o sometemento do expediente polo concello ao trámite de información pública e a súa remisión á consellería competente en materia de ambiente, para emitir o ditame de incidencia ambiental. En relación co ditame, establécense os aspectos mínimos sobre os que deberá pronunciarse e o prazo para a súa emisión.

O capítulo cuarto engarza o ditame de avaliación ambiental no trámite da licenza de actividade a que vai conceder o concello, establecendo o seu contido, a posibilidade da súa modificación e transmisión da licenza de actividade, supeditada á previa comunicación ao concello.

A disciplina ambiental, que inclúe o réxime de vixilancia e seguimento, así como a aplicación do réxime sancionador, recóllense no capítulo quinto.

A disposición adicional primeira exclúe do procedemento de avaliación de incidencia ambiental todos aqueles proxectos, obras ou instalacións que estivesen sometidos aos procedementos de impacto ou efectos ambientais, supostos nos que se tramitará de acordo coa súa normativa reguladora específica e nos que a declaración de impacto ambiental ou de efectos ambientais substituirá para todos os efectos o ditame de incidencia ambiental.

A disposición adicional segunda exclúe da obriga de sometemento ao procedemento regulado a determinadas actividades agropecuarias e extractivas desenvolvidas en instalacións preexistentes recollidas en senllas disposicións transitorias da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, salvo supostos de modificación substancial da súa actividade.

A disposición adicional terceira establece un procedemento abreviado para as actividades que sexan acometidas directamente pola Administración autonómica como promotora, para o suposto de proxectos cuxa aprobación leve implícita a declaración de utilidade pública.

A disposición transitoria dispón a tramitación dos expedientes iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta norma conforme as normas vixentes na súa iniciación. A disposición derradeira terceira prevé un período de vacatio legis de 20 días desde a publicación desta disposición.

III

O decreto incorpora tres anexos: o anexo I, que establece o nomenclátor de actividades suxeitas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental; o anexo II que enumera os criterios para determinar o sometemento ou non das actividades non incluídas no anexo I e o anexo III que relaciona as actividades excluídas.

A configuración dos anexos I e III parte da valoración do risco de impacto sobre o medio que presentan determinadas actividades, deixando fóra do procedemento aquelas que preceptivamente xa deban ser sometidas a declaración de impacto ou de efectos ambientais, e excluíndo expresamente aquelas que queden por debaixo de determinados limiares.

O anexo I estrutúrase arredor de tres grupos de actividades: o grupo 1 que inclúe actividades xenéricas e os grupos 2 e 3 de actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera recollidas nos grupos B e C, respectivamente, do anexo IV da Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.

O anexo II establece os criterios para determinar o sometemento ou non ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental das actividades non recollidas no anexo I. Estes criterios pretenden achegar elementos para a motivación da suxeición ou non ao procedemento de avaliación de cada caso en particular en función das variables cuantitativas, das características ambientais do proxecto e da súa localización tanto con relación ás condicións ambientais do contorno coma dos asentamentos poboacionais ou equipamentos de servizos públicos.

Finalmente o anexo III contén a relación de actividades excluídas deste procedemento, fixando uns limiares por debaixo dos que as actividades referidas non están sometidas á avaliación de incidencia ambiental.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, conforme co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto deste decreto a regulación do procedemento de avaliación de incidencia ambiental recollido no capítulo IV do título II da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

2. O procedemento de avaliación de incidencia ambiental ten por obxecto a emisión do ditame de incidencia ambiental como trámite previo para o outorgamento da correspondente licenza de actividade.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Están sometidos ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental os proxectos, obras e instalacións, así como o seu traslado ou modificación substancial, das actividades, de titularidade pública ou privada, que figuran no anexo I.

2. Así mesmo estarán sometidas a este procedemento aquelas outras actividades que non estando incluídas no dito anexo I merezan a consideración de molestas, insalubres, nocivas e perigosas, consonte as definicións contidas no artigo 13 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

A consellería competente en materia de ambiente decidirá sobre a necesidade ou non da avaliación de incidencia ambiental das actividades recollidas neste parágrafo. A decisión será motivada e adoptarase de acordo cos criterios obxectivos que se determinan no anexo II.

3. Pola súa menor incidencia no ambiente, quedan exceptuadas do procedemento de avaliación ambiental as actividades que se detallan no anexo III.

Artigo 3º.-Modificación substancial.

1. Co fin de cualificar como substancial a modificación dunha actividade xa autorizada terase en conta a maior incidencia da modificación proxectada sobre o ambiente, a saúde das persoas e a seguridade, nos seguintes aspectos:

a) Un incremento superior ao 50% da capacidade produtiva da instalación.

b) Un incremento superior ao 50% das materias primas empregadas no proceso produtivo.

c) Un incremento do consumo de auga ou enerxía superior ao 50%.

d) Un incremento superior ao 25% das emisións de contaminantes atmosféricos ou a implantación de novos focos de emisión catalogados.

e) Un incremento superior ao 50% da vertedura de augas residuais.

f) A produción de residuos perigosos ou o incremento do 25 % do seu volume no caso de estar inicialmente previstos.

g) O incremento nun 25% dalgún ou da suma do total de contaminantes emitidos.

h) A incorporación ao sistema de produción ou o seu aumento por enriba do 25% de substancias perigosas, reguladas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se establecen medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

2. A aplicación dos criterios cuantitativos sinalados no punto 1 terá carácter acumulativo durante todo o proceso de vixencia da actividade.

Capítulo segundo

Réxime de competencias

Artigo 4º.-Competencias.

1. Correspóndelle á consellería competente en materia de ambiente a emisión do ditame de avaliación de incidencia ambiental.

2. Correspóndelles aos concellos o outorgamento da licenza de actividade, de acordo co establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

Artigo 5º.-Delegación das facultades relativas á emisión do ditame de avaliación de incidencia ambiental.

1. As facultades relativas á emisión do ditame de avaliación de incidencia ambiental poderán ser delegadas nos concellos nos termos previstos nos artigos 15 ao 17 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e 182 ao 185 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.

2. A delegación poderá comprender, logo de acordo cos concellos interesados, todas aquelas actividades recollidas no punto 2 do artigo 2 deste decreto, incluído o exercicio da competencia de decisión da necesidade ou non da avaliación de incidencia ambiental das ditas actividades.

Capítulo terceiro

Procedemento para a avaliación de incidencia ambiental

Artigo 6º.-Iniciación do procedemento.

1. Toda persoa física ou xurídica que pretenda desenvolver unha actividade comprendida no ámbito de aplicación definido no artigo 2 deste decreto, deberá presentar solicitude de licenza de actividade no concello correspondente ao termo municipal no que se sitúe a instalación na que se vai desenvolver.

2. Con carácter previo á solicitude, o interesado poderá realizarlle unha consulta ao concello acerca do sometemento ou non ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental da actividade que pretenda desenvolver, ou que estea desenvolvendo no suposto de modificación substancial desta. O resultado desta consulta non ten carácter vinculante, agás no suposto de que a competencia para a emisión do ditame ambiental estivese delegada no concello, consonte o previsto no artigo 5º deste decreto.

Artigo 7º.-Documentación que hai que presentar coa solicitude.

1. Á solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico redactado por técnico competente na materia.

b) Unha memoria descritiva na que se detallen os aspectos básicos relativos á actividade, á súa localización e repercusións no ambiente. A memoria deberá conter unha descrición detallada dos tipos, cantidades e composición dos residuos xerados, verteduras e emisións contaminantes e a xestión prevista para eles; os riscos da actividade e proposta de medidas preventivas, correctoras e de autocontrol; técnicas de restauración do medio afectado e programa de seguimento da área restaurada nos casos de desmantelamento das instalacións ou cesamento da actividade; os usos permitidos e prohibidos polo planeamento na zona de implantación da actividade; así coma calquera outra información que resulte relevante para a avaliación da incidencia ambiental da actividade.

c) Xustificación do cumprimento da lexislación ambiental e sectorial aplicable á actividade, da normativa de seguridade, da relativa ás medidas de autoproteción e saúde e, se é o caso, das ordenanzas municipais que resulten de aplicación.

d) Declaración dos datos que a xuízo do solicitante gozan de confidencialidade amparada na normativa vixente.

2. Nos supostos de modificación substancial dunha actividade previamente autorizada, a solicitude e documentación anexa debe ir referida á parte ou partes da actividade afectadas pola modificación.

Artigo 8º.-Tramitación polo concello.

1. Unha vez recibida a solicitude e documentación anexa de acordo co disposto no artigo anterior, os servizos técnicos do concello emitirán un informe sobre compatibilidade da actividade cos instrumentos de planificación urbanística e as ordenanzas municipais.

2. De resultar incompatible a actividade proposta cos instrumentos de planificación e ordenanzas municipais referidas, o concello poderá resolver a denegación da licenza por razóns de competencia municipal. Esta resolución poñerase en coñecemento do órgano competente en materia de ambiente da Comunidade Autónoma.

3. O expediente será sometido polo concello ao trámite de información pública por un período de vinte días mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e no BOP correspondente e exposición no taboleiro de anuncios do concello. A apertura do trámite de información pública notificaráselles persoalmente aos veciños e titulares de dereitos inmediatos ao lugar da localización proposta, para os efectos de que poidan alegar o que consideren oportuno.

4. Do trámite de información pública exceptuaranse os datos da solicitude e documentación anexa que estean amparados polo réxime de confidencialidade.

5. Os trámites de emisión do informe de compatibilidade da actividade cos instrumentos de planificación urbanística e ordenanzas municipais e de información pública efectuaranse simultaneamente.

Artigo 9º.-Remisión do expediente ao órgano ambiental.

1. Nun prazo máximo de trinta días desde a finalización do trámite de información pública remitiráselles o expediente á consellería competente en materia de ambiente, xunto coas alegacións presentadas, os informes de compatibilidade emitidos e un informe razoado do concello sobre a incidencia ambiental da actividade no ámbito local e sobre o resultado da información pública practicada.

2. O concello poderá suspender o transcurso do prazo máximo para resolver no suposto previsto no artigo 42, parágrafo 5, letra c) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Informes.

1. Recibido o expediente, a consellería competente en materia de ambiente solicitará informe dos órganos da Administración autonómica que, pola natureza da actividade, deban pronunciarse. O prazo para a emisión destes informes será de quince días desde a recepción da súa solicitude, agás naqueles casos que, por causa xustificada, e por petición do órgano que deba pronunciarse, o devandito prazo se poida ampliar noutros quince días.

2. Os informes solicitados e non recibidos no prazo estipulado entenderanse como favorables, podendo continuar o procedemento.

Artigo 11º.-Ditame de incidencia ambiental.

1. No prazo máximo dun mes, contado a partir da recepción de todos os informes preceptivos aos que se refire o punto anterior, a consellería competente en materia de ambiente emitirá o ditame de incidencia ambiental, procedéndose a súa remisión ao concello no prazo dos 10 días seguintes á súa emisión.

2. O ditame de incidencia ambiental pronunciarase, como mínimo, sobre os seguintes aspectos:

a) Descrición da instalación, incluíndo procesos, equipos principais, materias primas utilizadas, consumos de auga e recursos enerxéticos e produtos finais.

b) Verteduras e emisións, sistemas de tratamento e corrección, emisións finais ao medio receptor, técnicas de prevención e redución en orixe e técnicas de corrección e tratamento.

c) Técnicas de minimización na produción de residuos e as medidas relativas á súa xestión.

d) Valores-límite de emisión que resulten de aplicación á actividade.

e) Técnicas de medida, control e avaliación das emisións e verteduras, frecuencia das medicións e obrigas de información que, se é o caso, se establezan.

f) Medidas correctoras, de ser o caso.

3. Para o establecemento dos valores-límite e medidas a que se refire o punto anterior teranse en conta as mellores técnicas dispoñibles, así como a localización da actividade con relación aos núcleos de poboación.

4. O prazo máximo do procedemento de emisión do ditame de incidencia ambiental será de tres meses contados desde a entrada do expediente na consellería competente en materia de ambiente ata o seu traslado ao concello.

Capítulo cuarto

Licenza das actividades sometidas a avaliación de incidencia

ambiental

Artigo 12º.-Licenza de actividade.

1. No ámbito de aplicación do procedemento de avaliación de incidencia ambiental, o ditame de incidencia ambiental será preceptivo e previo ao outorgamento da licenza de actividade.

2. Cando fose negativo ou impuxese medidas correctoras que non estivesen no proxecto e na memoria que lle xunten á solicitude, o ditame de incidencia ambiental terá efectos vinculantes para a autoridade municipal a que corresponda resolver sobre o outorgamento ou denegación da licenza da actividade.

3. A resolución recaída deberalle ser notificada ao solicitante e demais interesados no procedemento, así como remitida copia ao órgano emisor do ditame de incidencia ambiental dentro do prazo de 10 días desde a data na que o acto foi ditado.

4. En caso de impugnación en vía administrativa da licenza municipal baseada no contido do ditame de incidencia ambiental, o concello dará traslado do recurso á consellería competente en materia de ambiente para que, se así o considera, presente alegacións no prazo de quince días.

Artigo 13º.-Contido da licenza de actividade.

1. A licenza de actividades sometidas a avaliación de incidencia ambiental incorporará o contido do ditame de incidencia ambiental, así como as prescricións necesarias relativas á seguridade e medidas de autoprotección, á saúde e demais aspectos de competencia municipal.

2. A licenza deberá establecer, así mesmo, o prazo para o comezo da actividade que, en todo caso, deberá respectar a normativa sectorial aplicable. De non iniciarse a actividade no prazo sinalado, o concello poderá declarar a caducidade da licenza, logo da instrución do correspondente procedemento con audiencia do interesado.

Artigo 14º.-Modificación da licenza de actividade.

1. A licenza de actividades sometidas á avaliación de incidencia ambiental poderá ser modificada de oficio ou por instancia de parte cando se persiga como fin a adaptación ás modificacións da normativa aplicable ou ao progreso técnico e científico.

2. Procede a modificación de oficio da licenza nos seguintes casos:

a) Cando a contaminación producida pola actividade faga conveniente a revisión dos valores-límite de emisión determinados na licenza ou a adopción de novos valores.

b) Cando se produza unha variación importante do medio receptor con respecto ás condicións existentes no momento do seu outorgamento.

c) Cando o funcionamento do proceso ou da actividade faga necesario utilizar técnicas que melloren substancialmente a súa seguridade.

d) Cando, como consecuencia de importantes cambios nas mellores técnicas dispoñibles, resulte posible reducir significativamente as emisións sen impoñer custos excesivos.

Artigo 15º.-Transmisión da licenza de actividade.

1. Cando se transmita a titularidade da licenza de actividades sometidas á avaliación de incidencia ambiental será precisa a súa comunicación previa ao concello polos suxeitos que interveñan na transmisión.

2. Unha vez producida a transmisión, o novo titular subrogarase nos dereitos, obrigas e responsabilidades do anterior titular, coa excepción das responsabilidades de orde sancionadora.

Capítulo quinto

Disciplina ambiental

Artigo 16º.-Vixilancia e seguimento.

1. O réxime de inspección e vixilancia deste decreto será o contido no capítulo I do título IV da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, pola que se establecen normas de protección do medio.

2. Sen prexuízo das competencias atribuídas á Xunta de Galicia, correspóndelle ao concello a vixilancia e o seguimento do cumprimento das condicións establecidas na licenza das actividades sometidas a avaliación de incidencia ambiental.

Artigo 17º.-Réxime sancionador.

O incumprimento das obrigas establecidas neste decreto sancionarase, cando proceda, de conformidade co disposto nos capítulos II, III e IV do título IV da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde a que houbese lugar.

Disposicións adicionais

Primeira.-Proxectos, obras ou instalacións suxeitos aos procedementos de avaliación de impacto ambiental ou efectos ambientais.

Se o proxecto, obra ou instalación remitido á consellería competente en materia de ambiente estivese sometido ao procedemento de avaliación de impacto ou efectos ambientais procederase á súa tramitación consonte a normativa reguladora dos ditos procedementos. Nestes supostos, a declaración de impacto ambiental ou de efectos ambientais substituirá para todos os efectos o ditame de incidencia ambiental.

Segunda.-Actividades agropecuarias e extractivas de recursos minerais.

1. As actividades agropecuarias desenvolvidas nas construcións e instalacións previstas na disposición transitoria undécima da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, estarán suxeitas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental só cando acometan unha modificación substancial da súa actividade nos termos previstos no artigo 3º deste decreto.

2. As actividades extractivas de recursos minerais desenvolvidas nas explotacións mineiras previstas na disposición transitoria duodécima da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgada a licenza urbanística nos termos previstos na citada disposición, estarán suxeitas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental só nos casos de modificación substancial, consonte os termos previstos no artigo 3º deste decreto, ou de renovación da concesión.

Terceira.-Procedemento abreviado.

1. Cando as actividades suxeitas á avaliación de incidencia ambiental fosen acometidas directamente pola Administración autonómica como promotora dun proxecto, cuxa aprobación leve implícita a declaración de utilidade pública, o procedemento de avaliación de incidencia ambiental tramitarasconforme a un procedemento abreviado. Neste sentido, o departamento ou órgano promotor presentará directamente ante a consellería competente en materia de ambiente a documentación sinalada no artigo 7.

2. A consellería competente en materia ambiental someterá directamente o expediente ao trámite de información pública polo termo de vinte días e solicitará os informes de compatibilidade e os informes preceptivos previstos nos artigos 8 e 10 deste decreto, respectivamente. Estes informes serán emitidos nun prazo de quince días desde a recepción da súa solicitude.

3. A consellería competente en materia de ambiente emitirá o ditame de incidencia ambiental previsto no artigo 11 deste decreto, no prazo máximo de vinte días, contados a partir da recepción dos informes sinalados no punto anterior, procedéndose á súa remisión ao concello no prazo dos cinco días seguintes ao da emisión.

4. O prazo máximo do procedemento abreviado de emisión do ditame de incidencia ambiental será de tres meses contados desde a entrada do expediente na consellería competente en materia de ambiente ata o seu traslado ao concello.

Disposición transitoria

Única.-Os expedientes iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, tramitaranse de conformidade coas normas vixentes na súa iniciación.

Disposición derrogatoria

Única- Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior rango, se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Conforme o disposto na disposición derrogatoria única da Lei estatal 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera, e na disposición transitoria segunda da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, pola que se establecen normas de protección do ambiente, queda sen aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia o Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xuño do dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Actividades suxeitas ao procedemento de avaliación

de incidencia ambiental

Grupo 1.-Actividades xenéricas.

Nota: estarán sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental aquelas instalacións nas que se desenvolva algunha das actividades incluídas neste grupo e que non estean suxeitas a declaración de impacto ou de efectos ambientais ou queden por baixo dos limiares sinalados no anexo III.

1.1. Explotacións de gandería (código CNAE 01) e acuicultura (CNAE 05) en réxime intensivo:

1.1.1. Explotacións avícolas: entre 1.000 e 40.000 prazas de galiñas poñedoiras e entre 1.000 e 55.000 prazas de polos.

1.1.2. Explotacións de porcino: entre 25 e 750 prazas de porcas nai e entre 50 e 2.000 prazas de porcos de engorde.

1.1.3. Explotacións de vacún: entre 20 e 300 cabezas de vacún de leite e entre 20 e 600 cabezas de vacún de ceba.

1.1.4. Explotacións de ovino e caprino: entre 500 e 2.000 cabezas.

1.1.5. Explotacións cunícolas: entre 200 e 20.000 prazas.

1.1.6. Instalacións para a acuicultura intensiva que teñan unha capacidade de produción entre 100 e 500 toneladas anuais.

1.2. Industria de produtos alimenticios e bebidas (código CNAE 15):

1.2.1. Matadoiros e instalacións para o sacrificio e/ou despezamento de animais cunha capacidade de produción de canles inferior a 50 toneladas por día.

1.2.2. Instalacións de eliminación ou aproveitamento de canles ou refugallos de animais con capacidade entre 2 e 10 toneladas por día.

1.2.3. Industrias lácteas nas que se reciba unha cantidade de leite entre 20 e 200 toneladas por día en valor medio anual.

1.2.4. Instalacións cuxa materia prima sexa de orixe vexetal cunha superficie útil superior a 1.000 m2 ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW e unha capacidade de produción inferior a 300 toneladas por día de produtos acabados.

1.3. Industria téxtil (código CNAE 17); industria da confección e peletaría (código CNAE 18):

1.3.1. Instalacións para o tratamento previo (operacións de lavado, branqueo, mercerización) ou para a tinguidura de fibras ou produtos téxtiles cando a capacidade de tratamento non supere as 10 toneladas diarias.

1.3.2. Outras instalacións cunha superficie útil superior a 1.000 m2, ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW.

1.4. Industria do coiro e calzado (código CNAE 19):

1.4.1. Instalacións para a curtidura de coiros cando a capacidade de tratamento non supere as 12 toneladas de produtos acabados por día.

1.4.2. Outras instalacións cunha superficie útil superior a 1.000 m2, ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW.

1.5. Industria da madeira e da cortiza, excepto mobles; cestaría e espartaría (código CNAE 20):

1.5.1. Instalacións para a serradura ou transformación da madeira cunha superficie útil superior a 1.000 m2, ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW.

1.6. Industria do papel (código CNAE 21), edición, artes gráficas e reprodución de soportes gravados (código CNAE 22):

1.6.1. Instalacións de produción e tratamento de celulosa cunha capacidade de produción non superior a 15 toneladas diarias.

1.6.2. Instalacións destinadas á fabricación de papel e cartón cunha capacidade de produción non superior a 20 toneladas diarias.

1.6.3. Industria das artes gráficas cunha superficie útil superior a 1.000 m2, ou unha potencia mecánica instalada superior a 250 kW.

1.6.4. Actividades correspondentes á industria das artes gráficas que, non alcanzando as condicións de superficie e potencia sinaladas anteriormente, teñan un consumo de disolventes orgánicos igual ou superior a 15 toneladas/ano.

1.7. Fabricación de produtos de caucho e materias plásticas (código CNAE 25):

1.7.1. Instalacións para o tratamento de superficie de materiais plásticos por procedemento electrolítico ou químico, cando o volume das cubetas ou das liñas completas destinadas ao tratamento empregadas non sexa superior a 30 m3, excluídas as cubetas de lavado.

1.7.2. Outras instalacións para a fabricación de productos de plástico e outros polímeros, mediante inxección, moldeo ou extrusión, cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.8. Fabricación doutros produtos minerais non metálicos (código CNAE 26):

1.8.1. Instalacións de fabricación de cemento, magnesita e/ou clínker en fornos rotatorios cunha capacidade de produción non superior a 500 toneladas diarias, ou de cal en fornos rotatorios cunha capacidade de produción non superior a 50 toneladas por día, ou en fornos doutro tipo cunha capacidade de produción non superior a 50 toneladas por día.

1.8.2. Instalacións para a obtención de amianto e para a fabricación de produtos a base de amianto entendendo por tales as instalacións destinadas á extracción de amianto, así como o tratamento e transformación do amianto e dos produtos que conteñen amianto: para os produtos de amianto-cemento, cunha produción anual non superior a 20.000 toneladas de produtos acabados; para os usos do amianto como materiais de fricción, cunha produción anual non superior a 50 toneladas de produtos acabados; para os demais usos do amianto, unha utilización anual non superior a 200 toneladas.

1.8.3. Fabricación de formigón en instalacións cun prazo de implantación superior a 2 anos.

1.8.4. Talleres de cantaría cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.8.5. Instalacións para a elaboración de elementos prefabricados de formigón cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.8.6. Instalacións para a fabricación de vidro incluída a fibra de vidro, cunha capacidade de fusión non superior a 20 toneladas por día.

1.8.7. Instalacións para a fabricación de xeso e produtos cerámicos mediante forneado, en particular tellas, ladrillos, refractarios, azulexos ou produtos cerámicos ornamentais ou de uso doméstico, cunha capacidade de produción non superior a 75 toneladas por día, e unha capacidade de forneado non superior a 4 m3 nin tampouco superior a 300 kg/m2 de densidade de carga por forno.

1.9. Metalurxia (código CNAE 27); fabricación de produtos metálicos, excepto maquinaria e equipo (código CNAE 28):

1.9.1. Laminado en quente cunha capacidade non superior a 20 toneladas de aceiro bruto por hora.

1.9.2. Forxado con martelos cuxa enerxía de impacto non sexa superior a 50 quilo xulios por martelo ou cando a potencia térmica utilizada non sexa superior a 20 MW.

1.9.3. Aplicación de capas de protección de metal fundido cunha capacidade de tratamento non superior a 2 toneladas de aceiro bruto por hora.

1.9.4. Fundicións de metais ferrosos cunha capacidade de produción non superior a 20 toneladas por día.

1.9.5. Instalacións para a transformación de metais ferrosos, entre as cales se atopa o laminado en quente cunha capacidade non superior a 20 toneladas de aceiro bruto por hora.

1.9.6. Instalacións para a fusión de metais non ferrosos, inclusive a aliaxe, así como os produtos de recuperación (refinado, moldeado en fundición) cunha capacidade de fusión non superior a 4 toneladas para o chumbo e o cadmio e non superior a 20 toneladas para todos os demais metais, por día.

1.9.7. Instalacións para o tratamento de superficie de metais por procedemento electrolítico ou químico, cando o volume das cubetas ou das liñas completas destinadas ao tratamento empregadas non sexa superior a 30 m3, excluídas as cubetas de lavado.

1.9.8. Outras instalacións para a fabricación de produtos metálicos cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.10. Fabricación de mobles; outras industrias manufactureiras (código CNAE 36):

1.10.1. Instalacións para a fabricación de mobles, cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.10.2. Instalacións para o tratamento de superficie de materiais, obxectos ou produtos con utilización de disolventes orgánicos, en particular para aprestalos, estampalos, revestilos e desengraxalos, impermeabilizalos, pegalos, enlacalos, limpalos ou impregnalos, cunha capacidade de consumo non superior a 150 kg de disolvente por hora, nin tampouco superior a 200 toneladas por ano.

1.10.3. Instalacións para outras actividades manufactureiras, que unicamente realicen operacións de montaxe de compoñentes cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2, ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.11. Reciclaxe (código CNAE 37):

1.11.1. Instalacións para as actividades de recollida, tratamento, recuperación e eliminación de residuos sólidos, líquidos ou gasosos, urbanos, agrícolas ou industriais non suxeitos a outros instrumentos de avaliación ou autorización ambiental, incluíndo as instalacións de selección e tratamento e vertedoiros de residuos inertes cuxo período de explotación sexa igual ou superior a dous anos.

1.11.2. Centros autorizados de tratamento e descontaminación de vehículos ao final da súa vida útil con capacidade de xestión inferior a 2.200 vehículos por ano.

1.12. Captación, depuración e distribución de auga (código CNAE 41):

1.12.1. Plantas de depuración de augas residuais urbanas, de capacidade entre 10.000 e 150.000 habitantes-equivalentes.

1.13. Venda, mantemento e reparación de vehículos de motor; venda polo miúdo de combustible para vehículos de motor (código CNAE 50):

1.13.1. Talleres de reparación de vehículos e maquinaria cando a súa superficie útil sexa superior a 1.000 m2 ou a súa potencia mecánica instalada sexa superior a 250 kW.

1.13.2. Parques de almacenamento de combustibles líquidos.

1.13.3. Gasolineiras e estacións de servizo.

1.14. Comercio por xunto e intermediarios do comercio, excepto de vehículos de motor e motocicletas (código CNAE 51):

1.14.1. Comercio por xunto de alimentos e bebidas en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.2. Comercio por xunto de perfumaría e produtos de beleza.

1.14.3. Comercio por xunto de produtos farmacéuticos.

1.14.4. Comercio por xunto doutros produtos de consumo, en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.5. Comercio por xunto de produtos semielaborados, chatarra e produtos de refugallo en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.6. Comercio por xunto de combustibles sólidos, líquidos e gasosos e produtos similares.

1.14.7. Comercio por xunto de madeira, materiais de construción e aparellos sanitarios en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.8. Comercio por xunto de fertilizante e produtos químicos para a agricultura.

1.14.9. Comercio por xunto de caucho e materias plásticas en formas primarias.

1.14.10. Comercio por xunto de produtos químicos industriais e outros produtos semielaborados.

1.14.11. Comercio por xunto doutros compoñentes e equipos electrónicos en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.12. Comercio por xunto de máquinas-ferramenta en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.13. Comercio por xunto de máquinas, accesorios e útiles agrícolas, incluídos os tractores en establecementos cunha superficie superior a 1.000 m2 ou unha potencia superior aos 50 kW.

1.14.14. Almacéns de obxectos e materiais que poidan ser prexudiciais para o ambiente, entendendo por tales aqueles que teñen presenza de substancias perigosas en cantidades tales que supoñan a existencia de risco de accidente grave.

Grupo 2.-Actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera incluídas no grupo B do anexo IV da Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.

Nota: estarán sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental aquelas instalacións nas que se desenvolva algunha das actividades incluídas neste grupo e que non estean suxeitas a declaración de impacto ou de efectos ambientais ou queden por baixo dos limiares sinalados no anexo III.

2.1. Enerxía:

2.1.1. Centrais térmicas convencionais de potencia inferior a 50 MWt.

2.1.2. Xeradores de vapor de capacidade superior a 20 t/h de vapor e xeradores de calor de potencia superior a 2.000 termias/h. Se varios equipos illados forman parte dunha instalación ou se varias instalacións illadas desembocan nunha soa cheminea común, aplicaranse para estes efectos a suma das potencias dos equipos ou instalacións illados.

2.1.3. Fabricación de aglomerados e briquetes de carbón.

2.1.4. Instalacións de acondicionamento e tratamento do carbón (machacadura, moenda e cribadura).

2.1.5. Almacenamento á intemperie de combustibles sólidos e residuos das centrais térmicas.

2.1.6. Carbonización da madeira (carbón vexetal) en canto sexa unha industria fixa e extensiva.

2.1.7. Instalacións de gasificación e licuefacción do carbón.

2.2. Minaría:

2.2.1. Extracción de rochas, pedras, gravas e area.

2.2.2. Instalacións de tratamento de pedras, seixos e outros produtos minerais (machacadura, esmiuzado, trituradura, pulverizadura, moenda, tamizadura, cribadura, mesturadura, limpadura, ensacadura) cando a capacidade é superior a 200.000 t/a ou para calquera capacidade cando a instalación se atope a menos de 500 m dun núcleo de poboación.

2.2.3. Instalacións de manutención e transporte nas explotacións mineiras.

2.2.4. Almacenamento á intemperie de produtos minerais, incluídos os combustibles sólidos e escoriais.

2.3. Siderurxia e fundición:

2.3.1. Produción de fundición de ferro, ferro maleable e aceiro en fornos rotativos e cubilotes e fornos de arco eléctrico, con capacidade de produción igual ou inferior a 10 t.

2.3.2. Fabricación de ferroaliaxes en forno eléctrico cando a potencia sexa igual ou inferior a 100 kW.

2.3.3. Tratamento de escorias siderúrxicas.

2.4. Metalurxia non férrea:

2.4.1. Fabricación de sílico-aliaxes en forno eléctrico (silicio-aluminio, sílice-calcio, silicio-manganeso, ..., con excepción de ferrosilicio), cando a potencia do forno é superior a 100 kW.

2.4.2. Refundición de metais non férreos.

2.4.3. Recuperación dos metais non férreos mediante tratamento por fusión de chatarras, excepto o chumbo.

2.4.4. Preparación, almacenamento á intemperie, carga, descarga, manutención e transporte de minerais nas plantas metalúrxicas.

2.5. Transformados metálicos:

2.5.1. Esmaltados de condutores de cobre.

2.5.2. Galvanizadura, estañadura e emplomadura de ferro ou revestimentos cun metal calquera por inmersión en baño de metal fundido.

2.5.3. Fabricación de placas de acumuladores de chumbo con capacidade superior a 1.000 t/a.

2.6. Industrias químicas e conexas:

2.6.1. Fabricación de amoníaco.

2.6.2. Fabricación de alumina.

2.6.3. Producción de cloruro de amonio.

2.6.4. Produción de derivados inorgánicos do mercurio.

2.6.5. Produción de sales de cobre.

2.6.6. Produción de óxidos de chumbo (minio e litarxirio) e carbonato de chumbo (albaialde).

2.6.7. Produción de selenio e os seus derivados.

2.6.8. Produción de hidróxido de amonio, hidróxido potásico e hidróxido sódico.

2.6.9. Produción de hidrocarburos fosforados.

2.6.10. Produción de hidrocarburos haloxenados.

2.6.11. Produción de fenol, cresois e nitrofenoles.

2.6.12. Produción de piridina e metilpiridinas (picolinas) e cloropicrina.

2.6.13. Produción de formol, acetaldehído e acroleína e os seus alquil-derivados.

2.6.14. Produción e utilización de aminas.

2.6.15. Produción de ácidos graxos industriais.

2.6.16. Preparación de mesturas bituminosas a base de asfalto, betumes, alcatráns e breas.

2.6.17. Produción de benzol bruto.

2.6.18. Produción de colorantes orgánicos sintéticos.

2.6.19. Produción de litopón, azul de ultramar, azul de prusia e peróxido de ferro.

2.6.20. Saponificación e cocción de xabón.

2.6.21. Rexeneración do caucho.

2.6.22. Produción de plásticos para moldeo do tipo vinílico, fenólico, acrílico, uretánico e haloxenado.

2.6.23. Produción de cauchos nitrílicos e haloxenados.

2.6.24. Produción de viscosa e fibras acrílicas.

2.6.25. Fabricación de guarnicións de fricción que utilicen resinas fenoplásticas.

2.6.26. Fabricación de ebonita.

2.6.27. Produción de tintas de imprenta.

2.6.28. Instalacións químicas que utilicen un procedemento químico ou biolóxico para a fabricación de medicamentos de base.

2.6.29. Produción de praguicidas.

2.6.30. Fabricación de colas e xelatinas.

2.6.31. Fabricación de explosivos.

2.7. Industria téxtil (ningunha).

2.8. Industria alimentaria:

2.8.1. Fabricación de malta e cervexa.

2.8.2. Azucreiras, incluído o depósito de pulpas húmidas de remolacha.

2.8.3. Fabricación de fariña de ósos e glutes de peles.

2.8.4. Produción de fariña de peixe e extracción e tratamento do aceite de peixe.

2.8.5. Destilarías de alcol e fabricación de augardentes cando a produción expresada en alcol absoluto é superior a 500 l/d.

2.8.6. Fabricación de fermento.

2.8.7. Almacenamento de sebos brutos destinados á extracción de graxas industriais.

2.8.8. Fundición, refundición, neutralización, branqueadura e filtración de graxas e sebos.

2.8.9. Produción de alimentos precociñados e afumado, secado e salgas de alimentos.

2.8.10. Produción de conservas de peixe, crustáceos e moluscos.

2.8.11. Almacenamento de peixes salgados, afumados ou secados cando a cantidade almacenada é superior a 500 kg.

2.8.12. Almacenamento de ovas de peixe.

2.9. Industria da madeira, cortiza e mobles:

2.9.1. Impregnación ou tratamento da madeira con aceite de creosota, alcatrán e outros produtos para a súa conservación.

2.10. Industria de materiais para a construción:

2.10.1. Fabricación de cal e xeso con capacidade de produción igual ou inferior a 5.000 t/a.

2.10.2. Fabricación de produtos de arxila para a construción, azulexos, material refractario e artigos de porcelana, louza e gres.

2.10.3. Fabricación de vidro.

2.10.4. Plantas de preparación de formigón.

2.11. Industria da pel, coiro e calzado:

2.11.1. Almacenamento de peles frescas ou coiros verdes.

2.11.2. Tratamento e curtidura de coiros e peles.

2.12. Industrias fabrís e actividades diversas:

2.12.1. Aplicación en frío de vernices non graxos, pinturas e tintas de impresión sobre calquera soporte e cocción ou secado destes, cando a cantidade almacenada no taller é superior a 1.000 litros.

2.12.2. Plantas de tratamento de residuos urbanos con capacidade igual ou inferior a 150 t/d.

2.12.3. Instalacións para a eliminación dos residuos non perigosos, en lugares distintos dos vertedoiros, cunha capacidade de máis de 50 t/día.

2.12.4. Fornos crematorios, hospitais e cemiterios.

2.12.5. Almacenamento á intemperie e manipulación de materiais e refugallos pulverulentos.

2.13. Actividades agrícolas e agro-industriais (ningunha(1)).

Grupo 3.-Actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera incluídas no grupo C do anexo IV da Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.

Nota: estarán sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental aquelas instalacións nas que se desenvolva algunha das actividades incluídas neste grupo e que non estean suxeitas a declaración de impacto ou de efectos ambientais ou queden por baixo dos limiares sinalados no anexo III.

3.1. Enerxía:

3.1.1. Xeradores de vapor de capacidade igual ou inferior a 20 t/h de vapor e xeradores de calor de potencia igual ou inferior a 2.000 termias/h. Se varios equipos illados forman parte dunha instalación ou se varias instalacións illadas desembocan nunha soa cheminea común, aplicaranse para estes efectos a suma das potencias dos equipos ou instalacións illados.

3.1.2. Produción de gas pobre, de gasóxeno ou de auga.

3.2. Minaría:

3.2.1. Instalacións de tratamento de pedras e outros produtos minerais (machacadura, esmiuzadura, trituradura, pulverizadura, moenda, tamizadoura, cribadura, mesturadura, limpadura, ensacadura) cando a capacidade é superior a 200.000 Tm/a.

3.2.2. Talladura, serradura e pulidura por medios mecánicos de rocas e pedras naturais.

3.3. Siderurxia e fundición:

3.3.1. Tratamentos térmicos de metais férreos e non férreos.

3.3.2. Operacións de moldeo e tratamento de areas de fundición e outras materias de moldeo.

3.3.3. Fornos de conformado de ferros e perfís.

3.4. Metalurxia non férrea:

3.4.1. Refino de metais en fornos de reverbero a excepción do chumbo e cobre.

3.4.2. Fabricación de silicoaleacións, agás ferrosilicio, cando a potencia do forno é igual ou inferior a 100 kW.

3.5. Transformados metálicos (ningunha (1)).

3.6. Industrias químicas e conexas:

3.6.1. Produción de cloruro e nitrato de ferro.

3.6.2. Produción de compostos de cadmio, cinc, cromo, magnesio, manganeso e cobre.

3.6.3. Produción de aromáticos nitrados.

3.6.4. Produción de ácidos fórmico, acético, oxálico, adípico, láctico, salicílico, maleico e ftálico.

3.6.5. Produción de anhídridos, acético, maleico e ftálico.

3.6.6. Fabricación de produtos deterxentes.

3.6.7. Produción de celuloide e nitrocelulosa.

3.6.8. Produción de pinturas, vernices e lacas.

3.6.9. Recuperación de prata por tratamento de produtos fotográficos.

3.6.10. Fundidura de resinas.

3.6.11. Oxidación de aceites vexetais.

3.7. Industria téxtil:

3.7.1. Lavado e cardado de la.

3.7.2. Fabricación de fieltros e guatas.

3.8. Industria alimentaria:

3.8.1. Torradura e torrefactado de cacao, café, malta, achicoria e outros sucedáneos do café.

3.8.2. Preparación de produtos opoterápicos e de extractos ou concentrados de carnes, peixe e outras materias animais.

3.8.3. Freidurías industriais de produtos alimentarios (peixes, patacas, etc.) nas aglomeracións urbanas.

3.9. Industria da madeira, cortiza e mobles:

3.9.1. Fabricación de taboleiros aglomerados e de fibras.

3.10. Industria de materiais para a construción:

3.10.1. Centrais de distribución de cementos a granel. Ensacadura de cementos.

3.10.2. Fabricación de produtos de fibrocemento.

3.11. Industrias fabrís e actividades diversas:

3.11.1. Aplicación sobre calquera soporte (madeira, coiro, cartón, plásticos, fibras sintéticas, tecido, fieltro, metais, etc.) de asfalto, materiais bituminosos ou aceites asfálticos, de vernices graxos e aceites secantes para a obtención de papel recuberto, tecidos recubertos (hules, coiros artificiais, teas e papeis aceitados e linóleos).

ANEXO II

Criterios para determinar o sometemento ou non ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental das actividades sinaladas no artigo 2, punto 2

1. Características dos proxectos ou actividades, en particular:

1.1. As variables cuantitativas (superficie, potencia, produción...).

1.2. A xeración de residuos perigosos, químicos ou biolóxicos.

1.3. As emisións, verteduras ou contaminación á atmosfera, á auga ou ao solo.

2. Situación dos proxectos ou actividades con relación á sensibilidade ambiental das áreas xeográficas que poidan verse afectadas, en particular:

2.1. Os cambios de usos do solo.

2.2. A capacidade do medio receptor.

2.3. Zonas declaradas vulnerables conforme coa Directiva 91/676/CEE, do Consello, do 12 de decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos empregados na agricultura.

2.4. Zonas protexidas baixo a normativa nacional, autonómica ou local debido aos seus valores ecolóxicos, paisaxísticos, culturais ou doutro tipo.

2.5. Outras zonas con importancia ambiental, tales como zonas húmidas, ríos ou masas de auga, zonas usadas polo público para acceder a servizos recreativos e zonas con elementos de importancia histórica ou cultural.

3. Outros criterios a ter en conta en función das características do proxecto:

3.1. Actividades realizadas en zonas ocupadas por usos sensibles tales como hospitais, centros médicos, escolas ou colexios, servizos comunitarios, parques infantís ou similares.

3.2. Localización con relación aos núcleos urbanos.

3.3. Localización con relación a áreas dotadas de equipamentos e infraestruturas axeitadas, tales coma polígonos industriais.

3.4. Dotación de infraestruturas hidráulicas de abastecemento e saneamento.

ANEXO III

Actividades excluídas do procedemento de avaliación de incidencia ambiental

1. Instalacións para a cría de animais domésticos e actividades agrogandeiras:

1.1. Instalacións para a cría intensiva de animais domésticos, sempre que non superen 9 cabezas de gando vacún, equino ou porcino, 15 de ovino ou caprino, 15 coellas nais ou 50 aves.

1.2. Instalacións para cría ou garda de cans, susceptibles de albergar como máximo 5 cans maiores de tres meses.

1.3. Actividades de almacenamento de equipos e produtos agrícolas, sempre que non conten con sistemas de refrixeración e/ou sistemas forzados de ventilación, que como máximo conteñan 2.000 litros de gasóleo ou outros combustibles.

2. Actividades industriais, sempre que a potencia mecánica instalada non supere os 15 kW e a súa superficie non supere os 400 m2:

2.1. Talleres de confección, xastraría, peletaría e similares.

2.2. Talleres auxiliares de construción, tales como carpintaría, albanelaría, escaiolistaría, cristalaría, electricidade, fontanaría, calefacción e aire acondicionado.

2.3. Talleres de encadernación e afíns.

2.4. Talleres de reloxaría, ourivaría, óptica, ortopedia, e outros afíns aos anteriormente indicados.

3. Comercio polo miúdo, excepto o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores; reparación de efectos persoais e aparellos domésticos, sempre que a potencia mecánica instalada non supere os 15 kW e a súa superficie non supere os 400 m2:

3.1. Comercio polo miúdo de alimentos, bebidas e tabaco en establecementos especializados.

3.2. Comercio polo miúdo de produtos farmacéuticos, artigos médicos, beleza e hixiene.

3.3. Comercio polo miúdo de téxtiles, pezas de vestir, calzado e artigos de coiro.

3.4. Comercio polo miúdo de mobles, aparellos de iluminación e outros artigos para o fogar.

3.5. Comercio polo miúdo de electrodomésticos, aparellos de radio, televisión e son.

3.6. Comercio polo miúdo de ferraxaría, vidro, pinturas e materiais de bricolaxe.

3.7. Comercio polo miúdo de materiais de construción, e material de saneamento.

3.8. Comercio polo miúdo de libros, periódicos e papelería.

3.9. Comercio polo miúdo de óptica, fotografía e precisión.

3.10. Comercio polo miúdo de artigos de reloxaría, xoiaría e prataría.

3.11. Comercio polo miúdo de xoguetes e artigos de deporte.

3.12. Comercio polo miúdo de artigos de droguería, papeis pintados e revestimentos de solos.

3.13. Comercio polo miúdo de sementes, flores, plantas e animais de compañía.

3.14. Galerías de arte comerciais.

3.15. Outro comercio polo miúdo de artigos novos en establecementos especializados ou non especializados.

3.16. Comercio polo miúdo de bens de segunda man e anticuarios.

3.17. Reparación de efectos persoais e aveños domésticos.

3.18. Outro comercio polo miúdo non comprendido noutras partidas.

4. Outras actividades:

4.1. Actividades de ocio e entretemento e de restauración previstas no Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 292/2004, do 18 de novembro.

4.2. Centros e instalacións de turismo rural.

4.3. Residencias de anciáns, centros de día e escolas infantís.

4.4. Centros e academias de ensino, agás salas de baile, música e canto.

4.5. Despachos profesionais, xestorías, oficinas e similares.

4.6. Barberías, saunas, institutos de beleza e similares.

4.7. Actividades de almacenamento de obxectos e materiais, sempre que a súa superficie sexa inferior a 500 m2, excepto as de produtos químicos ou farmacéuticos, combustibles, lubricantes, fertilizantes, praguicidas, herbicidas, pinturas, vernices, ceras ou pneumáticos.

4.8. Garaxes para estacionamento de vehículos agás os comerciais de uso público.

4.9. Plantas de tratamento de augas residuais para poboacións inferiores a 2.000 habitantes equivalentes.

(1) Ver anexo I grupo 1.