DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2008 Páx. 12.799

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 132/2008, do 19 de xuño, polo que se modifica o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro.

A Directiva 2000/60/CE, do 23 de outubro de 2000, do Parlamento e do Consello, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (coñecida como Directiva Marco de Augas) ten fixado un espazo para a protección das augas comunitarias, incidindo de xeito directo nos seus aspectos ambientais.

A Directiva Marco de Augas traspúxose ao noso ordenamento xurídico a través da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, en concreto a través do seu artigo 129, que modificou determinados aspectos do texto refundido da Lei de augas, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, para adecualo ás disposicións da dita directiva. Unha destas modificacións foi a incorporación ao noso ordenamento xurídico do concepto de demarcación hidrográfica como unidade de xestión, que comprende a zona terrestre e mariña composta por unha ou varias bacías hidrográficas veciñas e as augas de transición, subterráneas e costeiras asociadas ás ditas bacías.

Así mesmo, o artigo 3.2º desta Directiva marco establece que se designará a autoridade competente axeitada para a aplicación das normas da propia directiva en cada demarcación hidrográfica.

De acordo co exposto, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia que, en virtude da súa autonomía exerce competencias sobre as bacías hidrográficas comprendidas integramente dentro do seu territorio, determinar o ámbito xeográfico da demarcación hidrográfica que comprenda as augas internas de Galicia e coordinar as diferentes autoridades con atribucións competenciais no seo da demarcación.

Por outro lado, a Comunidade Autónoma de Galicia exerce as súas competencias e funcións en materia de protección do medio público hidráulico a través do organismo autónomo Augas de Galicia, que reúne na súa Xunta de Goberno, prevista no capítulo II do Regulamento do organismo autónomo de Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, as administracións públicas e organismos que abranguen os diferentes aspectos competenciais afectados pola Directiva marco, coa única excepción da Administración xeral do Estado, que non está representada no dito órgano colexiado.

Así pois, procede modificar o regulamento de Augas de Galicia para dar cumprimento á Directiva marco no relativo á determinación do ámbito da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e á inclusión na Xunta de Goberno do dito organismo autónomo, en canto autoridade competente da dita demarcación para os efectos da directiva, dunha axeitada representación da Administración xeral do Estado para levar a cabo unha completa coordinación funcional das distintas políticas sectoriais que inciden nas súas augas.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xuño do dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, nos seguintes termos:

1. Incorpórase un novo artigo 5 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 5 bis.

A Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa comprende o territorio de todas as bacías hidrográficas sitas integramente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as augas de transición a elas asociadas, xunto coas subbacías vertentes na marxe esquerda da ría do Eo e as augas costeiras ata o límite sur da liña con orientación 270º que pasa pola Punta Bazar, ao norte da desembocadura do Miño e ata o límite leste da liña con orientación 0º que pasa pola punta de Penas Brancas, ao oeste da ría do Eo».

2. Dáselle nova redacción ao artigo 6, que queda redactado como segue:

«Artigo 6.

1. Augas de Galicia exercerá as funcións que lle asigna o artigo 7.2º da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

2. Para os efectos establecidos no parágrafo anterior, o territorio de Galicia queda dividido nas zonas hidrográficas que se expresan:

Zona Galicia Norte, con sede na Coruña, que inclúe as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao mar Cantábrico e a do Eume, tanto na parte en que discorren pola provincia de Lugo, como as que concirnen a todos os concellos da Coruña, ao norte da liña formada por: Carballo, Cerceda, Carral, Abegondo, Cesuras, Oza dos Ríos, Aranga, Monfero, As Pontes de García Rodríguez e Mañón, inclusive.

Zona Galicia Centro, con sede en Santiago de Compostela, que inclúe os concellos da provincia da Coruña, salvo os de Galicia Norte.

Zona Galicia Sur, con sede en Vigo, que inclúe as bacías intracomunitarias dos ríos da provincia de Pontevedra vertentes ao océano Atlántico.

3. Nas cidades de Lugo e Ourense existirán oficinas de Augas de Galicia que exercerán as funcións que lles encomende a súa dirección xeral en materia de obras hidráulicas de interese autonómico no ámbito das súas respectivas provincias».

3. Dáselle nova redacción ao artigo 14, co seguinte teor:

«Artigo 14.

A Xunta de Goberno é o máximo órgano directivo colexiado de Augas de Galicia, na que están representados a Administración da Xunta de Galicia e cantas administracións territoriais teñan atribuídas competencias sectoriais no seo da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, así como os usuarios da auga polos diversos tipos de aproveitamento e outros intereses relacionados coa política hidráulica».

4. Dáselle nova redacción ao artigo 17, que queda redactado como segue:

«Artigo 17.

1. A representación da Administración da Xunta de Galicia na Xunta de Goberno estará integrada polos seguintes membros:

a) O/a presidente/a de Augas de Galicia.

b) Tres vogais designados pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

c) Un/unha vogal por cada unha das consellerías competentes en materia de protección civil, economía e facenda, ordenación do territorio, industria, agricultura, saúde pública e pesca, designados polo conselleiro respectivo.

2. Os/as vogais a que se refire o punto anterior deste artigo serán membros comúns das dúas seccións permanentes da Xunta de Goberno.

3.- A Administración xeral do Estado estará representada por un/unha vogal na Xunta de Goberno e na súa sección Galicia-Costa».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible