DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2008 Páx. 12.676

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

A Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral establece no seu artigo 5 e seguintes, os órganos de dirección e xestión do instituto, así como as súas funcións.

Pola súa banda, no artigo 11 do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, na redacción dada polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, estableceuse a estrutura orgánica básica do Instituto ata que conforme o establecido na disposición adicional terceira da lei, se proceda á publicación do seu regulamento orgánico e funcional.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Traballo, logo do informe favorable do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral do 21 de maio de 2008 e das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xuño de dous mil oito

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) é un organismo autónomo dos previstos no artigo 11.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo, que se configura como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, goza de personalidade xurídica de seu, autonomía funcional e plena capacidade de obrar.

Artigo 2º.-Estrutura orgánica.

Para o desempeño dos fins e funcións que lle atribúen os artigos 3 e 4 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral contará cos seguintes órganos e unidades:

1. De dirección e xestión.

1.1. A dirección do instituto.

1.2. A Comisión de Goberno.

2. De xestión:

2.1. A Subdirección Xeral de Administración e Persoal.

-O Servizo de Administración Xeral.

2.2. A Subdirección Xeral Técnica e de Planificación.

-O Servizo Técnico e de Planificación.

2.3. Os centros de seguridade e saúde laboral.

Artigo 3º.-A dirección do instituto.

1. O/A director/a do Instituto será o seu órgano executivo e será nomeado polo Consello da Xunta por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de traballo.

2. Correspóndelle ao director/a do instituto o desempeño das funcións recollidas no artigo 6 da Lei 14/2007 e en concreto:

-Representar institucionalmente e legalmente o Instituto.

-Elaborar o plan anual de actividades, que incluirá as actuacións técnicas que se desenvolverán no ano correspondente, deseñando as accións que se desenvolverán e a súa planificación temporal.

-Dirixir os servizos administrativos do instituto e desenvolver a xefatura do todo o persoal ao seu servizo.

-Autorizar os gastos necesarios e ordenar os pagamentos correspondentes do instituto.

-Elaborar o borrador do anteproxecto de orzamento para a presentación á comisión de goberno.

-Actuar como órgano de contratación e subscribir os convenios e os acordos que corresponda.

-Elaborar a memoria anual para a súa remisión á comisión de goberno.

-Proporcionarlles ás consellerías con competencias concorrentes na materia de seguridade e saúde laboral canta información precisen para o desenvolvemento das súas funcións.

-Facilitarlle ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral canta información sexa precisa para o desenvolvemento das súas funcións.

-Exercer as facultades non atribuídas especificamente a outros órganos.

Artigo 4º.-A Comisión de Goberno.

1. A Comisión de Goberno é o máximo órgano de dirección do instituto. Os seus membros, agás os designados por razón do seu cargo, serán nomeados por orde da persoa titular da consellería competente en materia de traballo, por proposta das consellerías e das organizacións empresariais e sindicais.

2. A Comisión de Goberno estará formada por :

a) O presidente ou presidenta da comisión, que será o director ou directora xeral con competencias en materia de relacións laborais.

b) Dous vicepresidentes:

-Un director ou directora xeral representante da consellería con competencias en materia de sanidade.

-Un director ou directora xeral representante da consellería con competencias en materia de industria.

c) Tres vogais en representación da administración:

-O director ou directora do instituto.

-A persoa titular da Subdirección Xeral Técnica e de Planificación.

-Unha persoa designada polo director ou directora con competencias en materia de relacións laborais con nivel non inferior a xefe/a de servizo.

d) Seis vogais en representación dos axentes económicos e sociais, tres a proposta das organizacións empresariais e tres a proposta das organizacións sindicais.

e) Actuará como secretario ou secretaria da comisión, con voz pero sen voto, unha persoa pertencente ao funcionariado, que teña un rango non inferior a xefatura de servizo, que nomeará para o efecto a dirección do instituto de entre o seu persoal. Do mesmo xeito e cos mesmos requisitos nomearase o substituto ou a substituta.

3. De conformidade co artigo 8 da Lei 14/2007 correspóndelle á comisión de goberno:

-Establecer os criterios xerais de actuación en materia de seguridade e saúde laboral na Comunidade Autónoma, en virtude das políticas, dos programas e dos plans que estableza o Consello da Xunta de Galicia.

-Establecer as liñas xerais de actuación do instituto e aprobar o plan anual de actividades.

-Aprobar o anteproxecto de orzamento anual.

-Elaborar o seu propio regulamento orgánico de funcionamento.

Artigo 5º.-A Subdirección Xeral de Administración e Persoal.

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Administración e Persoal, baixo a dependencia do director:

-Executar o orzamento do instituto.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento e a xestión dos expedientes de contratación.

-Elaborar os informes de carácter económico ou administrativo que lle solicite o director.

-Xestionar os asuntos de réxime interior, rexistro, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario.

-A xestión de persoal e coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outras de contido administrativo que lle atribúa o director.

-A xestión de asuntos xerais tales como mantemento das instalacións ou vehículos adscritos.

-A organización, xestión e desenvolvemento dos procedementos informáticos e a creación de aplicacións informáticas.

-O control das actuacións económico-administrativa dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos ditados polo instituto.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións a Subdirección Xeral de Administración e Persoal contará coas seguintes unidades administrativas.

2.1. Servizo de administración xeral, ao que lle corresponde:

-Asesorar e emitir informes sobre aquelas cuestións que o director someta á Subdirección, así como aquelas que lle encomende o propio subdirector/a.

-Execución e control dos orzamentos do instituto, a tramitación das súas modificacións, así como a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios.

-Habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario do instituto.

-Coordinación e xestión dos expedientes de contratación administrativa.

-Xestión do persoal e nóminas do instituto.

-Exercer cantas funcións lle encomende o subdirector/a de administración e persoal.

Artigo 6º.-Subdirección Xeral Técnica e de Planificación.

1. Corresponde á Subdirección Xeral Técnica e de Planificación, baixo a dependencia do director:

-Elaborar o Plan anual de actividades técnicas de acordo coas instrucións do director.

-A elaboración da Memoria anual das actividades realizadas.

-Execución, seguimento e control con carácter xeral das actividades e accións técnicas planificadas.

-A planificación, execución e control das actuacións técnicas dos centros de seguridade e saúde laboral, de acordo coas políticas establecidas e as actividades planificadas e o control das súas actividades.

-Desenvolver as actuacións de colaboración técnica coa autoridade laboral en xeral e especialmente en relación coas funcións da autoridade laboral indicadas no Real decreto 396/2006, relativas aos traballos con amianto e en relación coas actividades dos técnicos habilitados.

-Elaborar os informes de caracter técnico que lle solicite o director.

-Desenvolver as actuacións de colaboración técnica coa inspección de traballo, a administración sanitaria, industrial, mineira, educativa e outras que o demanden.

-Garantir a colaboración, se é o caso, dos técnicos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral cos tribunais de xustiza.

-Coordinar a participación técnica en grupos de traballo no ámbito estatal.

-A elaboración, xestión, control e seguimento dos convenios de colaboración.

-Executar as accións planificadas pola autoridade laboral dos técnicos habilitados consonte o establecido no Real decreto 689/2005, do 10 de xaneiro, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e o Decreto 138/2007, do 5 de xullo, polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións a Subdirección Xeral Técnica e de Planificación contará coas seguintes unidades administrativas.

2.1. Servizo Técnico e de Planificación ao que lle corresponde:

-Asesorar e emitir informes sobre aquelas cuestións que lle encomende o subdirector/a.

-Executar as actividades e accións planificadas de acordo coas instrucións da Subdirección Xeral Técnica e de Planificación.

-A planificación, execución e control das actuacións técnicas dos centros de seguridade e saúde laboral, de acordo coas políticas establecidas e as actividades planificadas.

-Analizar, investigar e avaliar as causas e os factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais.

-Coñecer, tratar, elaborar e difundir os informes e os datos estatísticos sobre sinistralidade laboral, e condicións de traballo.

-Efectuar a través do persoal do instituto, os informes técnicos para a acreditación ou a autorización dos servizos de prevención alleos, entidades formativas e persoas ou entidades especializadas.

-A xestión estatística dos accidentes de traballo.

-A xefatura do laboratorio de referencia de hixiene analítica.

-Xestionar a acción informativa e formativa incluíndo a información a través de web.

-Coordinar as accións planificadas dos técnicos habilitados consonte o establecido no Real decreto 689/2005, do 10 de xaneiro, polo que se modifica o regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e o Decreto 138/2007, do 5 de xullo, polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo.

Artigo 7º.-Os centros de seguridade e saúde laboral.

1. Configúranse como órganos de ámbito territorial provincial do instituto aos que lles corresponde o desenvolvemento das funcións propias deste no seu ámbito territorial.

2. Existirá un centro de seguridade e saúde laboral en cada unha das catro provincias galegas. Ao fronte destas existirá un/unha xefe/a do centro coa categoría de xefe/a de servizo que exercerá as súas funcións baixo a dependencia da dirección e dos órganos de xestión centrais do instituto.

O xefe do centro coordinará as actuacións dos técnicos habilitados.

Artigo 8º.-Outros órganos do instituto.

1. O laboratorio de referencia de hixiene analítica.

A unidade de hixiene analítica situada no Centro de Seguridade e Saúde de Pontevedra constitúese como laboratorio de referencia de hixiene analítica, que desenvolverá as súas funcións baixo a dependencia do Servizo Técnico e de Planificación.

2. A Comisión para a integración da igualdade.

O instituto porá en marcha unha comisión permanente de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos, correspondéndolle á Subdirección Xeral Técnica e de Planificación a coordinación e xestión da dita comisión.

A comisión estará presidida polo subdirector/ra xeral técnico e de planificación e, dela, ademais de representantes da autoridade laboral, poderán formar parte representantes das unidades de igualdade dos departamentos da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 11 do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, na redacción dada polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, e se establece a estrutura orgánica básica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os postos de traballo comprendidos na relación de postos de traballo da Dirección Xeral Relacións Laborais e das delegacións provinciais que desenvolvan as súas funcións no ámbito das competencias asumidas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral integraranse no instituto, tendo dereito a manter, o persoal que os ocupa, a mesma situación administrativa, antigüidade e grao.

Segunda.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha delas, autorízase o conselleiro de Traballo para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Traballo realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo