DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2008 Páx. 12.673

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 10 de xuño de 2008 pola que se crea o catálogo de grupos de investigación pertencentes ao sistema público de I+D+I de Galicia, se ditan regras para o seu funcionamento e se crea o correspondente ficheiro de datos de carácter persoal.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19, recoñécelle á nosa comunidade autónoma a competencia no fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, asígnalle á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a ordenación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuída a comunidade autónoma.

Esta competencia desenvólvese mediante a Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, na que se crea o Plan galego de investigación e desenvolvemento tecnolóxico como o conxunto de programas coordinados, orzamentados, establecidos segundo prioridades e financiados, que responden á política científica e tecnolóxica da comunidade autónoma.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006 aprobou o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (INCITE).

No Programa de promoción xeral da investigación do INCITE establécese, entre outros, o obxectivo de aumentar a competitividade dos grupos de investigación, incrementando a porcentaxe de éxito dos investigadores e investigadoras nas convocatorias estatais e europeas. Para a consecución deste obxectivo o Plan establece unha serie de actuacións dirixidas especificamente aos grupos de investigación así como indicadores específicos relativos aos ditos grupos. Con tal fin, publicouse no ano 2007 a convocatoria de axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+I (DOG do 16 de outubro).

Para garantir e facilitar a correcta xestión destas axudas cómpre crear o catálogo de grupos de investigación do sistema público de I+D, nomeadamente grupos pertencentes ás universidades galegas, aos centros de investigación da rede sanitaria e dos organismos públicos de investigación radicados en Galicia. Este catálogo, permanentemente aberto, facilitará a identificación dos grupos de investigación do sistema público de I+D e as súas liñas de investigación sendo unha ferramenta imprescindible para a Dirección Xeral de I+D+I no seu obxectivo de estruturar e consolidar as unidades de investigación do sistema público de investigación.

Por último, debido ao carácter persoal e profesional dos datos que se van recoller para a creación do catálogo e do correspondente ficheiro de datos de carácter persoal, é preciso establecer as medidas que garantan o cumprimento do establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

Na súa virtude, no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, no seu artigo 34.6, de exercicio da potestade regulamentaria nas materias da súa consellería,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

É obxecto desta orde a creación do catálogo de grupos de investigación do sistema público de I+D+I de Galicia, así como o establecemento das regras para o seu correcto funcionamento e a creación do correspondente ficheiro de datos de carácter persoal.

Artigo 2º

O catálogo ten natureza administrativa e carácter público e a inscrición nel é voluntaria e gratuíta.

Artigo 3º.-Inscrición no catálogo.

Poderán inscribirse no catálogo os grupos de investigación de Galicia pertencentes aos seguintes axentes do sistema público de I+D+I.

1. Universidades públicas galegas.

2. Organismos e centros públicos de investigación radicados en Galicia.

3. Centros de investigación da rede sanitaria pública galega que realicen actividades de I+D+I.

Artigo 4º.-Dependencia orgánica.

O catálogo dependerá organicamente da consellería que desempeñe as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, adscribíndose funcionalmente e correspondéndolle a súa xestión á dirección xeral que teña atribuídas tales compentencias.

Artigo 5º.-Grupos de investigación.

Para os efectos da inscrición no catálogo, enténdese por grupo de investigación o conxunto de investigadores e investigadoras que pertenzan a algún dos organismos do sistema público de I+D indicados no artigo 3, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan conxuntamente actividades de investigación arredor de liñas comúns.

b) Que teñan vocación de permanencia no tempo.

Artigo 6º.-Composición dos grupos de investigación.

1. Os grupos de investigación deberán contar cun mínimo de tres doutores con dedicación completa a algún dos organismos públicos de investigación que se indican no artigo 3, sendo preciso que polo menos un deles teña vinculación contractual ou estatutaria estable co organismo ao que pertence. Excepcionalmente, no caso dos grupos de investigación constituídos por investigadores pertencentes á rede sanitaria, só é preciso que un dos membros sexa doutor, sendo os 2 restantes investigadores titulados superiores.

2. Os grupos de investigación estarán coordinados por un/unha investigador/a responsable que deberá ser doutor e ter vinculación contractual ou estatutaria estable co organismo ao que pertence.

3. Poderán formar parte dos grupos de investigación outros titulados universitarios que realicen actividades de I+D+I, bolseiros ou contratados pre e post doutorais de convocatorias competitivas da Xunta de Galicia ou equivalentes.

4. Poderá adscribirse aos grupos de investigación persoal de apoio, técnico ou administrativo, con dedicación completa ou parcial ás actividades do grupo. Este persoal figurará especificamente baixo a epígrafe de persoal auxiliar técnico e administrativo e non terá en ningún caso a consideración de persoal investigador do grupo.

5. Ningún membro investigador dun grupo poderá pertencer a outro grupo de investigación dos inscritos no catálogo. Exímese desta limitación ao persoal técnico e administrativo o que fai referencia o punto 4 deste artigo.

Artigo 7º.-Procedemento de inscrición no catálogo.

1. Para a inscrición dun grupo de investigación no catálogo, o investigador responsable deberá formular solicitude de inscrición ante o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. A dita solicitude de alta deberá estar asinada polos integrantes e a persoa responsable do grupo así como polo representante legal do organismo do que dependa o grupo.

2. A formalización da solicitude realizarase utilizando os medios telemáticos postos a disposición para o efecto na páxina web da consellería que desempeñe as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación (na actualidade, Consellería de Innovación e Industria, enderezo electrónico para solicitar a inscrición: http://www.conselleriaiei.org/dxidi).

3. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte información e/ou documentación:

a) Denominación do grupo e o seu acrónimo.

b) Persoal investigador do grupo.

c) Fotocopia do DNI dos membros do grupo.

d) Liñas activas de investigación nas que traballa o grupo, palabras chave e a súa clasificación UNESCO.

e) Persoal auxiliar técnico e administrativo do grupo.

f) Breve memoria xustificativa de cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5. Esta memoria non será precisa se o grupo de investigación que fai a solicitude de inscrición figura como tal nalgún catálogo de grupos de investigación das entidades que se indican no artigo 3, en cuxo caso se xuntará certificación emitida pola devandita entidade, e ademais cumpre cos requisitos de composición establecidos no artigo 6 desta orde.

4. A documentación presentarase preferentemente no rexistro da consellería que desempeñe as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación (na actualidade, Consellería de Innovación e Industria) así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A inscrición no catálogo poderá realizarse en calquera momento, agás, por razóns meramente organizativas, no período de presentación de solicitudes que se estableza na convocatoria anual de axudas para a consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+I, ou naquelas outras convocatorias nas que os destinatarios sexan os grupos de investigación aos que vai dirixido este catálogo, de ser o caso.

Artigo 8º.-Inscrición de oficio.

Os grupos de investigación que teñen concedida unha subvención, ao abeiro da orde do 3 de outubro de 2007 da Consellería de Innovación e Industria, pola que se convocan axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+I do ano 2007 (DOG do 16 de outubro) serán inscritos de oficio no catálogo.

Así mesmo, incluiranse de oficio aqueles grupos de investigación que, non tendo solicitada a inscrición, resulten beneficiarios destas axudas nas súas sucesivas convocatorias.

Artigo 9º.-Efectos da inscrición no catálogo.

1. Producida a inscrición dun grupo de investigación no catálogo, a dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación proporcionaralles aos membros do dito grupo o código identificativo que deberá ser utilizado para a presentación de solicitudes e documentación requiridas nas futuras convocatorias de apoio aos grupos de investigación convocadas pola consellería que desempeñe as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

2. A inscrición no catálogo exime de presentar en cada convocatoria concreta os datos que xa figuran nel e, se é o caso, a documentación acreditativa de tales datos.

Artigo 10º.-Clasificación dos grupos por áreas.

1. O catálogo, co fin de sistematizar a súa información e facilitar a consulta, clasificará os grupos en áreas, en función das liñas de investigación que desenvolvan.

2. As áreas que se consideran son:

a) Agroindustrial e alimentación.

b) Ciencias da vida.

c) Ciencias e tecnoloxías da saúde.

d) Recursos naturais, enerxía e ambiente.

e) Ciencias sociais, económicas e xurídicas.

f) Humanidades e creación artística.

g) Física, química e matemáticas.

h) Tecnoloxías da produción e da construción.

i) Tecnoloxías da información e a comunicación.

Artigo 11º.-Modificacións do catálogo.

1. O investigador responsable do grupo deberá notificarlle á dirección xeral competente calquera modificación que afecte a composición do grupo ou as súas liñas de investigación para os efectos de que estas modificacións sexan incorporadas no catálogo.

2. No caso de incorporacións de persoas a solicitude deberá ir asinada polos interesados así como polo responsable do grupo.

3. A solicitude de baixa dun integrante do grupo deberá ser presentada e asinada polo interesado co visto e prace do responsable do grupo.

4. Non se autorizará a inscrición no catálogo e, polo tanto, non farán efectos, as modificacións que provoquen un incumprimento dos requisitos que foron exixidos para a inclusión do grupo no catálogo.

5. O cambio de investigador responsable solicitarase por escrito coa sinatura do anterior responsable e do novo que o sucede, así como o visto e prace e toma de razón do cambio solicitado por parte do representante legal do organismo do que depende o grupo.

Artigo 12º.-Obrigas dos grupos de investigación inscritos.

1. Os grupos de investigación, a través do seu responsable, terán a obriga de poñer en coñecemento da dirección xeral responsable do catálogo as alteracións e modificacións que afecten os datos inscritos, sendo responsables en todo caso das consecuencias que puideran derivarse do incumprimento desta obriga.

2. En calquera momento, o responsable do catálogo poderá solicitarlle aos interesados a documentación e información adicional que se considere necesaria para completar, clarificar ou comprobar os datos achegados polos grupos inscritos ou que se atopen en trámite de inscrición.

Artigo 13º.-Baixa no catálogo.

1. A permanencia como grupo inscrito é voluntaria e, en consecuencia, o responsable do grupo poderá solicitar a súa baixa do catálogo en calquera momento.

2. Igualmente, o responsable do catálogo poderá dar de baixa de oficio unha inscrición cando o grupo deixe de reunir as cirscunstancias que xustifican a súa inscrición, sempre logo de audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Difusión do catálogo e acceso á información.

Os datos recollidos nas letras a), b) e d) do artigo 7.3º desta orde serán obxecto de difusión xeral na páxina web oficial da consellería competente en materia de investigación e innovación logo de consentimento expreso dos interesados, de conformidade co establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 15º.-Ficheiro de datos de carácter persoal.

1. En correspondencia coa creación do catálogo, e de acordo co establecido no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, créase o ficheiro de datos persoais do catálogo de grupos de investigación pertencentes ao sistema público de I+D+I de Galicia.

2. O titular do órgano responsable do ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización precisas para asegurar a súa confidencialidade, así como os dereitos e obrigas recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 16º.-Características do ficheiro.

a) Identificación do ficheiro: GRUPINV.

b) Finalidade do ficheiro e usos previstos del: rexistro e tratamento automatizado dos datos de carácter persoal dos integrantes dos grupos de investigación de Galicia pertencentes ao sistema público de I+D+I inscritos no catálogo de grupos de investigación.

c) Persoas ou colectivos sobre os que se obteñen datos: investigadores, bolseiros, persoal contratado e persoal de apoio que forme parte dos grupos de investigación do sistema público da I+D+I de Galicia.

d) Procedemento de recollida de datos: os propios interesados ou os seus representantes, a través de formularios de solicitude, e a Administración autonómica, de oficio, para aqueles datos que xa estean no seu poder.

e) Estrutura básica do ficheiro e datos de carácter persoal recollidos nel:

O ficheiro estrutúrase segundo as áreas de investigación recollidas no catálogo de grupos de investigación e recolle datos identificativos, datos persoais e datos laborais e profesionais segundo o detalle especificado no artigo 7.3º desta orde.

f) Cesión de datos de carácter persoal prevista: a outras administracións por razón da materia nos supostos expresamente previstos pola lei.

Non se prevén transferencias de datos a terceiros países.

g) Órgano da Administración responsable do ficheiro: consellería que desempeñe as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación a través da dirección xeral que teña atribuídas tales competencias.

h) Servizos e unidades diante das que exercitar os dereitos de acceso, rectificación e cancelación: dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

i) Medidas de seguridade: básica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite cantas disposicións considere necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria