DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2008 Páx. 12.604

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.

Visto o texto do acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración de Galicia, en materia de prevención de riscos laborais, que se asinou con data do 12 de maio de 2008, entre os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSI-CSIF, e que foi ratificado con data 5 de maio de 2008 pola Comisión de Persoal, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño de órganos de representatividade, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito acordo no rexistro xeral desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2008.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais

En Santiago de Compostela a 12 de maio de 2008, a Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, subscribe o seguinte acordo:

Introdución

O artigo 40.2º da Constitución española de 1978 di:

«Os poderes públicos fomentarán unha política que garanta a formación e readaptación profesionais, velarán pola seguridade e hixiene no traballo e garantirán o descanso necesario, mediante a limitación da xornada laboral, as vacacións periódicas retribuídas e a promoción dos centros adecuados».

Por outra banda, en cumprimento da Directiva marco 89/391/CEE (do 12 de xuño de 1989), a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, regula no seu capítulo V a consulta e participación dos traballadores en materias que afectan á seguridade e saúde no traballo e, mais concretamente, no artigo 33 establece a obriga empresarial de someter á consulta dos representantes dos traballadores ou, no seu defecto, aos propios traballadores individuais, coa debida antelación, a adopción dunha serie de decisións relativas á protección da saúde e á prevención dos riscos profesionais na empresa, e no seu artigo 34 establece o dereito dos traballadores a participar na empresa nas cuestións relacionadas coa prevención dos riscos no traballo, sendo os delegados de prevención e os comités de seguridade e saúde os mecanismos de participación especializada nas materias de prevención.

Pois ben, o presente acordo que agora se revisa ten por finalidade concretar os mecanismos de participación do persoal ao servizo da Xunta de Galicia nas materias relacionadas coa prevención dos riscos no traballo, o seu número, competencias, facultades e garantías necesarias para o exercicio das súas funcións especializadas.

Como consecuencia de todo o anterior, as partes asinantes acordan:

1. Ámbito persoal.

O acordo é aplicable a todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, persoal dos centros educativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o persoal da Administración de xustiza, sen prexuízo dos pactos ou acordos sectoriais vixentes nesta materia que tivesen asignado ao abeiro da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, sempre que non contradigan o disposto neste acordo.

Quedan excluídos os entes públicos e as fundacións, que polas súas peculiaridades deberán de crear os seus propios comités de seguridade e saúde en función do sinalado no articulado da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

2. Obxecto do acordo.

Este acordo ten por obxecto regular a participación dos empregados públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, dependentes da Xunta de Galicia, nas tarefas e funcións previstas na Lei de prevención de riscos laborais, adaptando e concretando as súas previsións ás particularidades propias da súa estrutura xurídica e da súa dispersión territorial.

3. Delegados de prevención.

Son delegados de prevención nos termos definidos na Lei de prevención de riscos laborais tanto os designados entre os membros da xuntas de persoal e comités de empresa como os designados por estes órganos cando, nos ámbitos recollidos no anexo, non existan traballadores que teñan a condición de delegados de persoal ou delegados sindicais, ou mediante acordo sindical. Para a elección dos delegados de prevención tómanse como ámbitos os reflectidos no anexo, sendo o número de delegados que se elixirán de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, o que, así mesmo, figura no citado anexo.

Os delegados de prevención e os representantes da empresa poderán dispor dun documento que os identifique como tal. O deseño deste documento, a súa confección, entrega, mantemento, seguimento e arquivo, coas variacións naturais por eleccións, baixas, altas, etc., será competencia e responsabilidade do Servizo de Prevención de Riscos Laborais a través do procedemento correspondente.

4. Competencias e facultades dos delegados de prevención.

As competencias dos delegados de prevención son, de acordo co disposto na Lei de prevención de riscos laborais, as seguintes:

-Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

-Promover e fomentar a cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Ser consultados polo empresario, con carácter previo á súa execución, acerca das decisións a que se refire o artigo 33 da Lei de riscos laborais.

-Exercer un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

-E toda a que recolla o artigo 36 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

5. Garantías e segredo profesional dos delegados de prevención.

As garantías dos delegados de prevención, no exercicio das funcións e potestades recoñecidas neste acordo e no artigo 37 da Lei de prevención de riscos laborais, e demais normativa vixente, abranguerán tanto os que teñan a condición de delegado de persoal ou membro dun órgano de representación unitaria como os designados por estes, ou mediante acordo sindical, que non teñan tal condición.

6. Crédito horario.

O crédito horario de carácter fixo dos delegados de prevención será, con carácter xeral, o que lle corresponda por aplicación das previsións da Lei de prevención de riscos laborais; no caso de delegados de prevención que carezan de crédito horario por non teren a condición de delegados de persoal, delegados sindicais ou membros electos de órganos unitarios, disporán do tempo necesario para poder realizar as súas funcións. Neste suposto, agás casos de forza maior debidamente acreditada, deberán comunicárllelo aos correspondentes responsables de persoal da consellería en que estean prestando servizos segundo o procedemento que se estableza. Posteriormente xustificarán tal utilización. «Non obstante o anterior, será considerado en todo caso como tempo de traballo efectivo, sen imputación ao crédito horario, o correspondente ás reunións do comité de seguridade e saúde laboral e a calquera outra convocada polo empresario en materia de prevención de riscos laborais, así como o destinado ás

visitas previstas nas alíneas a) e c) do punto 2 do artigo 36».

Por outra parte as organizacións sindicais asinantes do acordo con representación nas mesas sectoriais de ensino, Sergas e as do ámbito da función pública (funcionarios, persoal laboral e Administración de xustiza), designarán un representante a maiores, por sindicato e provincia, con atribucións en funcións de seguridade e saúde laboral, aos que se lles asignará un crédito horario de 60 horas mensuais. Este crédito poderá acumularse. No caso do persoal docente a acumulación será obrigatoria. Tales representantes poderán asistir ás reunións formalmente convocadas dos comités de seguridade e saúde laboral, con voz pero sen voto, en idénticas condicións, pois, que os delegados sindicais.

7. Formación.

Os delegados de prevención e os traballadores designados teñen o dereito a ser formados, informados e actualizados en materias relacionadas co seu cometido, tanto de carácter xeral como específico, comprometéndose a Administración, a través do Servizo de Prevención, a promover a devandita formación e actualización. A formación mínima obrigatoria para os delegados de prevención será a de nivel básico de 50 horas. O resto da formación que se pacte, en función dos recursos, será voluntaria, salvo aquela xeral e específica relativa ao posto de traballo e ás medidas de emerxencia que obriga a Lei 31/1995 a impartir a todos os traballadores.

8. Comités de seguridade e saúde laboral.

En cada un dos ámbitos definidos no anexo constituirase un comité de seguridade e saúde laboral, tal e como se recolle no anexo, coa composición e competencias previstas nos artigos 38 e 39 da Lei 31/1995.

9. Comités de seguridade e saúde laboral intercentros.

Constituiranse tres comités de seguridade e saúde laboral intercentros, un para a Administración xeral da Xunta de Galicia (incluída Administración de xustiza), outro para o persoal dos centros educativos da Consellería de Educación e outro para o persoal ao servizo das institucións sanitarias do Sergas, coas competencias que se establezan nos seus propios regulamentos de funcionamento.

Estes comités terán unha composición paritaria, as organizacións sindicais presentes en cada mesa contarán cun representante cada unha delas no citado comité.

10. Comisión paritaria de seguimento e interpretación deste acordo.

Inmediatamente, e a continuación da entrada en vigor deste acordo, constituirase unha comisión paritaria de seguimento e interpretación que, ademais da avaliación do grao de cumprimento do acordo, resolverá sobre as controversias que xurdan na súa aplicación, así como a adaptación e modificación dos comités relacionados nos anexos, podendo variar a súa organización, como consecuencia de cambios na estrutura orgánica da Administración da Xunta de Galicia, ou por outras razóns de funcionalidade. As resolucións desta comisión tomaranse por unanimidade e, cando non sexa posible, farase constar na acta a motivación explícita do desacordo. Na comisión paritaria estarán presentes as organizacións sindicais asinantes do presente acordo.

11. Ámbito temporal.

O acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo ser modificado ou derrogado por acordo das partes asinantes, estas modificacións deberán ser publicadas no DOG.

12. Disposición derrogatoria.

Única.-Queda derrogado o acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, publicado pola Resolución do 16 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Polas organizacións sindicais Pola Administración

Rubricado Rubricado

Ver referencia pdf "12300D007P052.PDF"