DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2008 Páx. 12.585

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 16 de xuño de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Consellería de Innovación e Industria, da Consellería de Sanidade e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre a educación nos valores democráticos 2008.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, fai referencia á concepción da educación como instrumento de mellora da condición humana e da vida colectiva así como á necesidade de ofertarlle ao alumnado unha formación que permita dar resposta ás cambiantes necesidades e ás demandas que presentan as persoas e os grupos sociais. Unha das novidades desta lei consiste en situar a preocupación pola educación para a cidadanía nun lugar moi destacado do conxunto das actividades educativas, coa finalidade de promover a reflexión, a análise e o estudo das características principais do funcionamento dun réxime democrático, dos principios e dereitos establecidos na Constitución española e nos tratados e declaracións universais dos dereitos humanos, así como dos valores comúns que constitúen o substrato da cidadanía democrática nun contexto global. Na mesma lei establécese que o alumnado debe alcanzar os obxectivos educativos e que, consecuentemente, deberá adquirir as correspondentes

competencias básicas, propias das áreas e materias do currículo, entre as que se atopa a competencia social e cidadá, a cal fai posible comprender a realidade social en que se vive, cooperar, convivir e exercer a cidadanía democrática nunha sociedade plural.

A adquisición da competencia social e cidadá permitiralle ao alumnado reflexionar criticamente sobre os conceptos de democracia, liberdade, solidariedade, corresponsabilidade, participación e cidadanía con particular atención aos dereitos e deberes recoñecidos nas declaracións internacionais, na Constitución española, na lexislación autonómica e mostrar un comportamento coherente cos valores democráticos. Todo isto será abordado desde unha materia específica, pero tamén terá que desenvolverse como parte da educación en valores con carácter transversal a todas as actividades escolares, que deberán basearse na actividade do alumnado para o que cumprirá crear situacións que permitan que, partindo da experiencia, dos intereses e dos problemas do alumnado, se integren na súa vida cotiá, tanto no plano persoal como no social.

En concordancia co exposto, esta convocatoria pretende recoñecer aquelas experiencias educativas innovadoras que propician a adquisición por parte do alumnado de habilidades para vivir en sociedade e para exercer a cidadanía democrática, que contribúen a mellorar as relacións interpersoais, que impulsan a educación afectivo-emocional, a convivencia, a igualdade, a participación, o coñecemento da diversidade e das situacións de discriminación e inxustiza, que axudan a interiorizar os valores de respecto, a cooperación e solidariedade entre os pobos, o consumo responsable e o coidado do ambiente e que promoven o compromiso tanto no ámbito persoal como no social, así comO a responsabilidade individual e social de promover e protexer a saúde.

A finalidade desta nova orientación pretende dar resposta ás seguintes necesidades: fomentar o uso das novas tecnoloxías, fomentar a colaboración interdepartamental e ofrecer proxectos atractivos e orixinais de traballo nas aulas; promover unha maior difusión dos traballos realizados que estimule a implicación e sirva de referente para outros centros, tendo como base de colaboración o Plan Valora.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, facendo uso das competencias que teñen atribuídas nesta materia, establecen as bases para a convocatoria e a concesión dos premios á innovación educativa nos valores democráticos, e con este motivo,

DISPOÑEN:

Artigo 1º.-Obxecto desta convocatoria.

O obxecto desta orde é a convocatoria de 26 premios á innovación educativa en valores democráticos, así como a aprobación das súas bases de concesión.

Artigo 2º.-Modalidades, categorías e dotación económica dos premios.

Modalidade A: webquest, miniquest e buscas do tesouro.

Establécense dez categorías cos temas que se indican. En cada unha delas concederanse dous premios: un primeiro premio de 2.000 € e un segundo premio de 1.500 €.

Categorías:

1. A educación para a igualdade, con cargo á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

2. A educación para a solidariedade, con cargo á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. A educación para a cooperación entre os pobos, con cargo á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. A educación viaria, con cargo á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

5. A educación para a interculturalidade, con cargo á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. A educación para o consumo responsable, con cargo á Consellería de Innovación e Industria.

7. A educación para a saúde e a calidade de vida, con cargo á Consellería de Sanidade.

8. A educación para o cambio climático, con cargo á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

9. A Axenda 21 Escolar de Galicia: procesos didácticos participativos na análise de problemas ambientais, con cargo á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

10. A educación para a sustentabilidade, noutras áreas non recollidas nas anteriores, con cargo á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Modalidade B: libro colaborativo web.

Establécense tres categorías cos temas que se indican. En cada unha delas concederanse dous premios de 2.000 €; un premio para educación primaria e outro para educación secundaria.

Categorías:

1. Educación para a cidadanía e dereitos humanos, con cargo á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Educación para a convivencia e cultura de paz, con cargo á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Educación para a solidariedade, con cargo á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 3º.-Persoas destinatarias.

Poderá participar nesta convocatoria, a título individual, o profesorado en activo de centros educativos sostidos con fondos públicos. Cada persoa poderá concorrer por varias modalidades ou categorías, pero só poderá ser premiada por un máximo de dúas.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes para participar na convocatoria abrangue desde o día seguinte ao da súa publicación ata o día 15 de outubro de 2008.

Artigo 5º.-Proceso de presentación-participación.

O material presentado a este concurso deberá estar elaborado coas ferramentas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá á disposición das persoas participantes. Para a modalidade A empregarase o programa PhpWebquest adaptado a esta convocatoria e dispoñible en www.edu.xunta.es/contidos, e para a modalidade B, a ferramenta de libros colaborativos disposta no enderezo www.edu.xunta.es/contidos.

A participación neste concurso consta de dúas fases: por unha banda é necesario obter un usuario e contrasinal que permita o acceso ás ferramentas de creación de webquest e libros colaborativos e, por outra, é necesario enviar a solicitude e documentación en papel.

A. Para obter o usuario e o contrasinal que lles dea acceso ás ferramentas, as persoas participantes deberán seguir este procedemento:

1. Cada profesor ou profesora deberá solicitar a súa participación enviando unha mensaxe desde a súa conta de correo persoal do dominio edu.xunta.es ao enderezo contidos@edu.xunta.es. Nesta mensaxe deberá indicar o seu nome completo, o seu DNI e o seu centro de destino. No caso de solicitar espazo para o libro, na mensaxe indicarase o nivel educativo para o cal irá destinado o libro, o título que non deberá ter máis de 30 caracteres, un breve prólogo ou texto introdutorio que a administración do espazo web colocará na primeira páxina do libro, en que se explique cal vai ser o contido concreto e a orientación do libro.

2. Nun breve prazo de tempo, a persoa solicitante recibirá unha mensaxe de resposta co nome de usuario e un contrasinal que lle darán acceso á ferramenta solicitada.

3. Se a persoa solicitante é profesor ou profesora dun centro privado sostido con fondos públicos e non ten conta de correo corporativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria @edu.xunta.es, deberá solicitala previamente desde o espazo web http://www.edu.xunta.es/correo.

O profesorado dos centros concertados deberá remitir previamente o documento centrosprivados.doc (modelo anexo II) que atopará no enderezo: http://www.edu.xunta.es/xade/descargas/centrosprivados.doc.

4. Recibidos o nome de usuario e o contrasinal, o profesorado participante poderá introducir unha ou varias propostas de webquest, miniquest, buscas do tesouro ou libros colaborativos e facer nelas cantas modificacións lle parezan pertinentes ata o 15 de outubro de 2008, ás 15.00 horas. Finalizado este prazo, pecharase o acceso á ferramenta e as webquests, miniquest, buscas do tesouro e libros colaborativos entrarán na fase de concurso.

B. Presentación de solicitudes e documentación.

Para a participación nesta convocatoria será necesaria a presentación antes da data de finalización de:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, asinada polo autor ou autora (anexo I).

b) Memoria e guía didáctica xustificativa da proposta pedagóxica, cunha extensión máxima de 5.000 caracteres, espazos incluídos.

c) Certificación do director ou da directora do centro educativo en que estea destinado/a cada docente, que deberá incluír o DNI, acreditativa de que a persoa autora presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinada neste durante a realización da experiencia (anexo II).

d) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou produtos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados e de que non foron premiados ou se obtivo bolsa por eles con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas (anexo III).

e) Cada participante debe achegar unha copia compulsada do seu DNI e unha certificación bancaria de que é titular da conta declarada na solicitude.

f) Autorización, se é o caso, para o uso de imaxes de menores (anexo IV).

Esta documentación presentarase no Rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se envíe por correo certificado, a documentación que deberá xuntarse ao traballo terá que ser datada e selada polo persoal funcionario de correos antes de ser certificada.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando non se achegue a documentación esixida, as persoas interesadas serán requiridas para a súa presentación nun prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación efectuada, con indicación de que de non o facer, se considerará que desiste da súa petición.

Artigo 6º.-Requisitos xerais das webquest, miniquest, buscas do tesouro e libros colaborativos web.

1. Deberán reunir os seguintes requisitos xerais:

a) Os traballos presentados deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) Os traballos e a memoria xustificativa deberán ser redactados e presentados en lingua galega, respectando as normas ortográficas aprobadas pola RAG no 2003, agás as actividades e contidos directamente dirixidos ao alumnado que versen sobre as materias de lingua castelá e literatura, que poderán estar en castelán, e lingua estranxeira, que poderán estar no idioma estranxeiro obxecto do traballo.

c) Deberán ter sido experimentados nas aulas e supoñer innovacións relacionadas coa educación nos valores democráticos, así como ser coherentes coa normativa vixente.

d) O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

e) Os materiais presentados en que aparezan menores deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización (anexo IV) para uso da súa imaxe asinada polos pais, nais, titores/as ou representantes legais das e dos menores.

f) Todos os materiais deberán fomentar a igualdade entre homes e mulleres, prestandoselle especial atención á eliminación de estereotipos sexistas e/ou discriminatorios.

g) O respecto á lexislación vixente en materia de propiedade intelectual (para máis información sobre isto, cfr. o punto 7, Propiedade intelectual, das recomendacións para a redacción e o deseño de páxinas web que se encontran no enderezo http://www.edu.xunta.es/contidos/guia_boas_practicas/).

Artigo 7º.-Comisión de selección.

1. Os traballos presentados que se axusten a esta convocatoria serán valorados por unha comisión integrada por:

-A persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como presidenta, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular do Servizo de Conservación e Explotación da Dirección Xeral de Obras Públicas, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-A persoa titular da Xerencia do Instituto Galego de Consumo, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular do Servizo de Educación para a Sostibilidade, ou persoa en quen delegue.

-Un funcionario ou unha funcionaria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

2. O funcionamento da Comisión de Selección estará regulado polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A Comisión de Selección terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. A Comisión de Selección, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, a Comisión de Selección poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, cando as características dos traballos así o permitan, unicamente dentro de cada unha das categorías previstas en ambas as modalidades.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

1. Criterios xerais (50%).

-A adecuación ao tema proposto.

-A calidade e orixinalidade dos traballos presentados.

-A xustificación pedagóxica da proposta, reflectida na memoria.

-A calidade da investigación ou avaliación previa que dea fundamento ao traballo.

-A incidencia na mellora da práctica docente e na calidade da educación.

-A contribución á consecución por parte do alumnado da competencia social e cidadá.

-A adaptación do traballo ao alumnado, ás súas necesidades e capacidades, tomando en consideración a variedade de situacións educativas persoais e sociais.

2. Criterios específicos.(50%). Aplicaranse en función do tema polo que participe.

Modalidade A:

A educación para a igualdade.

a) O fomento dunha construción de xénero igualitaria.

b) O fomento de actitudes contrarias á violencia, aos estereotipos e aos prexuízos.

A educación para a solidariedade.

a) O fomento da participación en iniciativas comprometidas e solidarias.

b) O fomento e a introdución de novas prácticas na área da solidariedade e o voluntariado.

c) A creación de sinerxías con outras organizacións ou centros de ensino.

d) A especial sensibilidade de acordo ás necesidades en materia de solidariedade.

A educación para a cooperación entre os pobos.

a) A promoción do coñecemento das causas da pobreza.

b) A promoción do comercio xusto e o consumo responsable.

c) A promoción dos dereitos humanos de todos os homes e as mulleres do mundo.

A educación viaria.

a) A promoción de comportamentos que contribúan á seguridade viaria.

b) Modificación de condutas viarias irresponsables ou pouco adecuadas.

c) Participación en actividades de coñecemento do seu contorno.

A educación para a interculturalidade.

a) A promoción da educación cívica intercultural.

b) O fomento do coñecemento doutras realidades socioculturais.

A educación para o consumo responsable.

a) O desenvolvemento de actitudes críticas e responsables fronte aos actos de consumo.

b) O fomento do coñecemento dos dereitos das persoas consumidoras e a forma de exercelos.

A educación para a saúde e a promoción de estilos de vida saudables.

a) O fomento de estilos de vida saudable na comunidade educativa.

b) A facilitación, no ámbito escolar, da práctica de hábitos saudables, especialmente de alimentación saudable, de actividade física frecuente, de hixiene corporal e de prevención de accidentes e lesións.

c) O desenvolvemento de programas ou iniciativas educativas sobre prevención do consumo de tabaco, alcohol e outras drogas, de educación afectivo-sexual, ou de calquera outro obxectivo seleccionado pola comunidade educativa, relacionado coa saúde dos seus compoñentes.

A educación para o cambio climático.

a) A definición breve e clara da tarefa e do proceso, indicando os recursos necesarios e os pasos que debe seguir o estudante para solucionar un problema ambiental; solución que se expresará mediante un produto final que sirva para a comunicación vía web dentro do Proxecto Climántica.

A Axenda 21 Escolar de Galicia.

a) O deseño de procesos didácticos participativos na análise de problemas ambientais.

b) O fomento da participación do alumnado no propio centro educativo.

A educación para a sustentabilidade.

a) O fomento de actitudes comprometidas coa conservación do contorno, considerando os aspectos ambientais, sociais e económicos, a diversidade de puntos de vista e a evolución temporal.

Modalidade B.

A educación para a cidadanía e dereitos humanos

a) O coñecemento dos mecanismos fundamentais de funcionamento das sociedades democráticas.

b) O fomento de iniciativas de participación democrática e responsable.

c) A identificación de situacións de abuso, de inxustiza e/ou de discriminación.

A educación para a convivencia e a cultura de paz.

a) A elaboración e consenso de normas de convivencia (de centro, de aula, de uso de instalacións e materiais, nos regulamentos das actividades).

b) O desenvolvemento de habilidades emocionais, comunicativas e sociais para potenciar a utilización de estratexias de resolución pacífica de conflitos.

A educación para a solidariedade.

a) O fomento da participación en iniciativas comprometidas e solidarias.

b) A identificación de situacións susceptibles dalgunha acción voluntaria.

c) A implicación do alumnado na súa elaboración.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión elevaráselle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, a relación de premiados e mais os seus traballos serán publicados no Portal Galego de Contidos Educativos: http://www.edu.xunta.es/contidos/portal/index.htm, así como nos web das consellerías implicadas no seu financiamento. O prazo de resolución desta orde será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Contra esa resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios farase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar 05.30.311A.640.0.

Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar 05.42.312F.640.0.

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 04.41.331A.640.0.

Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte 08.03.512B.640.1.

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria 09.02.423A.640.2.

Consellería de Innovación e Industria 10.80.613B.640.0.

Consellería de Sanidade 13.02.413A.640.1.

Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible 15.04.541E.640.1.

2. O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora.

3. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

4. As persoas destinatarias dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificacións da resolución das concesións.

6.-Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 11º.-Difusión e publicación das experiencias.

1. A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor das consellerías e organismos convocantes dos dereitos de edición. As webquest, miniquest, buscas do tesouro e libros colaborativos premiados serán difundidos ao resto da comunidade a través do Portal Galego de Contidos Educativos http://www.edu.xunta.es/contidos/portal e dos espazos web das consellerías implicadas.

2. Para concorreren cos traballos premiados a outros concursos convocados por outras administracións ou entes públicos ou privados, deberase contar durante os dous anos seguintes á concesión do premio coa autorización da consellería que efectuou o pagamento do premio, solicitude que se fará a través da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que dará traslado á consellería ou organismo correspondente. Unha vez acabado ese período non haberá incompatibilidade para concorrer a outras convocatorias, excepto ás realizadas por esa consellería.

3. No caso de que o/a autor/a decidise publicar por outras vías os traballos premiados, deberá solicitar o permiso correspondente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que, de ser o caso, trasladará á consellería ou organismo correspondente a petición para a súa autorización. De ser a resposta positiva, farase constar na publicación o premio de que foi obxecto.

4. Os/as autores/as quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou a subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Tales traballos terán a equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado, ao abeiro do artigo 28 da Orde do 1 de marzo de 2007, pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 11 de abril).

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser recorrida potestativamente, mediante recurso de reposición perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional

En aplicación do estipulado no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas premiadas e os importes concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Delegación de competencias.

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor. Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2008.

Anxo Quintana González José Luis Méndez Romeu

Vicepresidente da Igualdade Conselleiro de Presidencia,

e do Benestar Administracións Públicas e Xustiza

Mª José Caride Estévez Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Política Territorial, Conselleira de Educación e

Obras Públicas e Transportes Ordenación Universitaria

Fernando Xavier Blanco Álvarez Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Innovación e Conselleiro de Medio Ambiente

Industria e Desenvolvemento Sostible

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "12300D003P033.PDF"

Ver referencia pdf "12300D004P040.PDF"