DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2008 Páx. 12.565

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 9 de xuño do 2008 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asignadas as competencias nesta materia en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos no momento da entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra acordou, en Asemblea Xeral extraordinaria, a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra é unha corporación de dereito público de carácter profesional, amparada pola Constitución, pola Lei 2/1974, de 13 de febreiro, de colexios profesionais, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos estatutos da Organización Médica Colexial de España, pola LOPS e pola LOSGA, que goza de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra estende a súa competencia a todo o territorio da provincia de Pontevedra, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Sede.

A sede principal do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra fíxase na cidade de Pontevedra, rúa Echegaray, número 8, cunha delegación comarcal na cidade de Vigo, rúa Ecuador, 84.

Artigo 4º.-Representación institucional.

A representación institucional do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo da Permanente da Xunta Directiva.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra posuirá o emblema que tradicionalmente vén utilizando, en toda a correspondencia, selos, insignias, diplomas e demais documentos específicos da institución.

Artigo 5º.-Relacións coa Administración e tratamentos.

Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao Consello de Colexios de Médicos de Galicia, o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra relacionarase en todo o que se refire aos aspectos institucionais e corporativos coa consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia e, en todo o que atinxe aos contidos da profesión, co Ministerio de Sanidade, coa consellería competente en materia de Sanidade, gozará do amparo da lei e do recoñecemento das distintas administracións públicas.

O presidente e os vicepresidentes do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra terán a condición de autoridade no ámbito corporativo e no exercicio das funcións que lles están encomendadas.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra terá o tratamento de ilustre e o seu presidente de ilustrísimo.

Artigo 6º.-Fins.

Son fins fundamentais do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra:

1. A ordenación do exercicio da profesión, dentro do marco legal específico, no ámbito da súa competencia, en beneficio tanto da sociedade a que serven coma dos intereses xerais que lle son propios.

2. A defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a representación exclusiva da profesión.

3. A vixilancia do exercicio da profesión, facilitando o coñecemento e cumprimento de todo tipo de disposicións legais que a afecten e facendo cumprir os principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión médica, a súa dignidade e prestixio.

4. Velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados; para isto promoveranse os oportunos sistemas para a acreditación de méritos profesionais de acordo coa lexislación vixente, e facilitarase a formación continuada.

5. A promoción por todos os medios ao seu alcance da constante mellora dos niveis científico, económico e social dos colexiados.

6. A colaboración cos poderes públicos na consecución do dereito á protección da saúde e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina.

7. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra colaborará co sistema sanitario público e privado na prestación de servizos aos cidadáns no marco da profesión médica.

Artigo 7º.-Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins esenciais, corresponden especificamente ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra as seguintes funcións:

1. Asumir a representación e defensa da profesión médica e dos médicos da provincia ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais.

2. Examinar e denunciar as cuestións relacionadas coa intrusión da profesión e exercer as accións que as leis establezan para evitalo, sen prexuízo das actuacións de inspección e sanción a que está obrigada a Administración.

3. Levar o censo de profesionais e o rexistro de títulos, con cantos datos de toda orde se estimen necesarios para unha mellor información e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionadas co exercicio da medicina.

4. Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velar pola ética, deontoloxía e dignidade profesional, así como polo respecto debido aos dereitos dos particulares contratantes dos seus servizos, tanto públicos como privados.

5. Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial para sancionar os actos dos colexiados que practiquen unha competencia desleal no ámbito profesional co resto dos colexiados, cometan infracción deontolóxica ou abusen da súa posición de profesional fronte aos pacientes.

6. Informar directamente e/ou a través do Consello de Colexios Médicos de Galicia de todas as normas que promulgue a Xunta de Galicia sobre as condicións xerais da práctica profesional na Comunidade Autónoma.

7. Establecer baremos de honorarios, que terán carácter simplemente orientativo.

8. Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con estas, mediante a realización de estudos e informes.

9. Cooperar na formulación da política sanitaria e dos plans asistenciais e na súa execución, participando en cantas cuestións afecten ou se relacionen coa promoción da saúde e a asistencia sanitaria.

10. Participar nos órganos consultivos da Administración en materia sanitaria, cando aquela o requira ou así o establezan as disposicións aplicables.

11. Organizar cursos de formación ou perfeccionamento para os colexiados, actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados.

12. Velar polos dereitos e intereses sanitarios da poboación e polo dereito á protección da saúde dos cidadáns e o dereito á información e libre elección de asistencia polos pacientes, e para estes efectos o colexio promoverá os estudos e actuacións que estime oportunos.

13. Colaborar coas universidades na elaboración dos plans de estudo e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos colexiados.

14. Aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

15. Aprobar os seus orzamentos, así como regular e fixar as cotas dos colexiados.

16. Facilitarlles aos tribunais a relación de colexiados que pola súa preparación e experiencia profesional puidesen ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais ou propolos por instancia da autoridade xudicial, así como emitir informes e ditames cando sexan requiridos para isto por calquera xulgado ou tribunal, informando e velando polos intereses profesionais e/ou económicos de quen fai a peritaxe.

17. Intervir nos procedementos de arbitraxe, naqueles conflitos que por motivos profesionais se susciten entre colexiados o nos que o colexio sexa designado para administrar a arbitraxe, conforme o artigo 10.a da Lei 36/1988.

18. Subscribir todo tipo de acordos e establecer relacións de cooperación con entidades públicas e privadas, sempre que redunden en beneficio xeral da profesión.

19. Colaborar coas organizacións sen ánimo de lucro para desenvolver accións humanitarias, dentro dos fins xerais do colexio.

20. Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que se encamiñen ao cumprimento dos obxectivos colexiais, dentro do marco da lexislación vixente.

Título II

Dos órganos do colexio

Capítulo I

Órganos do colexio

Artigo 8º.-Órganos do Colexio.

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra son:

a) A Asemblea Xeral de Colexiados.

b) A Xunta Directiva.

c) O presidente.

Capítulo II

Asemblea xeral de colexiados

Artigo 9º.-Natureza.

A Asemblea Xeral, constituída pola totalidade dos colexiados, é o órgano superior de representación do Colexio, onde se expresa a máxima vontade da corporación. Os acordos tomados en Asemblea Xeral serán vinculantes para todos os colexiados.

Funcións da Asemblea Xeral:

1. A aprobación e modificación dos estatutos deste colexio e dos regulamentos de réxime interior para o seu desenvolvemento e a elección, cando corresponda, da Xunta Directiva e do seu presidente, así como a remoción deles por medio da moción de censura.

2. A aprobación do balance de cada exercicio cumprido.

3. A aprobación das cotas colexiais de incorporación e das cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados, así coma as reducións e bonificacións que puidesen establecerse.

4. A aprobación ou censura da xestión da Xunta Directiva ou de calquera dos seus membros.

5. A aprobación dos acordos da Xunta Directiva sobre a adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da corporación.

6. Aqueles asuntos que lle someta o Pleno da Xunta Directiva que, ao seu criterio, merezan esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial, sempre que non sexa da exclusiva competencia da Xunta Directiva.

7. Todas as funcións derivadas das competencias atribuídas pola lexislación vixente estatal e autonómica, e por estes estatutos.

Artigo 10º.-Convocatoria.

1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, unha vez ao ano, no primeiro trimestre, para aprobar o balance e liquidación de contas orzamentarias do exercicio anterior. Con carácter extraordinario, por iniciativa do presidente cando as circunstancias o aconsellen ou así o solicite o quince por cento dos colexiados, en cuxo caso se aceptará a orde do día que obrigatoriamente deberá acompañar a solicitude e terá lugar nun prazo non superior a corenta días hábiles desde a presentación da solicitude.

2. Cando a convocatoria extraordinaria teña por obxecto unha moción de censura, do presidente, da Xunta Directiva, ou dalgún dos seus membros, a petición deberá ser subscrita ao menos polo vinte e cinco por cento dos colexiados e expresará con claridade os motivos en que se funde e non poderán ser tratados máis asuntos que os expresados na convocatoria. A súa aprobación farase consonte o establecido no artigo 13 destes estatutos.

3. A convocatoria faraa a Secretaría co visto e prace do presidente, logo de mandato do Pleno da Xunta Directiva, levándose a efecto por medio de comunicación escrita dirixida a cada colexiado, e publicación no taboleiro de anuncios e na páxina web da institución, na cal se exprese o lugar, día e hora en que deberá de ter lugar, en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día.

4. A convocatoria farase, polo menos, con quince días naturais de antelación á data prevista para a Asemblea.

Artigo 11º.-Orde do día e actas.

1. A orde do día da Asemblea será fixada polo Pleno da Xunta Directiva e acompañarase á convocatoria.

2. Das reunións levantará acta o secretario, en que se reflectirán os asuntos tratados e os acordos adoptados. A acta será subscrita polo presidente e secretario do colexio, logo da súa aprobación pola Asemblea Xeral inmediata posterior.

3. Se na orde do día se consígna o punto de rogos e preguntas, estes serán o máis concretos posibles, sen que os asuntos motivo deles poidan ser obxecto de discusión nin de votación.

Artigo 12º.-Constitución e acordos.

1. Para a válida constitución da Asemblea Xeral, xa sexa ordinaria ou extraordinaria, será necesaria, en primeira convocatoria, a presenza da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Se non se acadase o devandito quórum quedará validamente constituída en segunda convocatoria, polo menos media hora máis tarde, calquera que sexa o número de colexiados presentes. En ambos os dous casos deberán asistir o presidente e o secretario do colexio ou as persoas que deban substituílos en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

2. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple de votos emitidos polos colexiados asistentes, salvo nos supostos de aprobación e modificación de estatutos e de alleamento ou constitución de gravames sobre bens inmobles, nestes casos exixirase un quórum de asistencia da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Se non se reúne este quórum, celebrarase unha nova Asemblea Xeral, dentro das 24 horas seguintes á primeira convocatoria, que poderá adoptar acordos por maioría simple e sen quórum especial de asistencia.

3. Non se admitirá o voto delegado.

Artigo 13º.-Acordos especiais.

Na convocatoria da Asemblea Xeral anunciarase a hora e data da segunda, para o suposto de que non se reúna o quórum exixido na primeira.

Se a Asemblea extraordinaria tivese por obxecto a moción de censura, requirirá un quórum de asistencia, como mínimo da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Para ser aprobada exixirase o voto favorable da metade máis un dos presentes unha vez validamente constituída. Aprobada a moción, os sometidos a ela cesarán no seu cargo, e debe convocarse eleccións para a súa renovación. Os sometidos a moción manteranse en funcións ata que remate o proceso de renovación e tomen posesión os que resultasen elixidos.

Capítulo III

Xunta Directiva

Artigo 14º.-Composición.

A Xunta Directiva estará constituída polo Pleno e a Comisión Permanente.

Artigo 15º.-Composición do Pleno.

O Pleno da Xunta Directiva estará integrado por:

a) O presidente.

b) Os vicepresidentes.

c) O secretario.

e) O vicesecretario.

f) O tesoureiro-contador.

g) Os vogais representantes das seccións colexiais ou áreas de traballo.

Artigo 16º.-Funcións.

Son competencias do Pleno da Xunta Directiva:

a) A convocatoria de eleccións para cubrir os cargos da Xunta Directiva, e o nomeamento do presidente da mesa electoral.

b) A convocatoria da Asemblea Xeral e a confección da correspondente orde do día.

c) A potestade de outorgar poderes xerais para preitos a procuradores ou letrados, por parte do presidente.

d) O nomeamento dos membros da Comisión Deontolóxica.

e) Outorgar distincións e premios.

f) A aprobación do anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos.

g) A aprobación e proposta á Asemblea Xeral do proxecto da conta xeral de tesouraría e a liquidación das contas.

h) Exercer a potestade sancionadora nos casos de faltas graves e moi graves.

i) Autorizar a cancelación polas sancións por faltas graves e moi graves.

j) Acordar, cando se dean os requisitos establecidos nestes estatutos, a creación ou supresión de seccións colexiais.

k) Acordar a creación de comisións e grupos de traballo que considere convenientes para o mellor funcionamento do colexio e un máis adecuado servizo dos intereses colexiais para fins específicos.

l) A regulación dos gastos de representación e compensación que ocasione o exercicio dos cargos colexiais.

m) A organización do servizo pertinente para a emisión de informes ou ditames médicos.

n) Autorizar a subscrición de convenios ou outro tipo de acordos sempre que redunden en beneficio da profesión.

ñ) Autorizar os gastos extraordinarios superiores a 9.000 euros.

o) Designar os colexiados de honra.

Artigo 17º.-Reunións e acordos.

1. O Pleno da Xunta de Directiva reunirase ordinariamente polo menos unha vez ao mes, excepto en período de vacacións, e extraordinariamente cando o soliciten polo menos un terzo dos seus membros ou as circunstancias o aconsellen a xuízo da Comisión Permanente ou do presidente. As convocatorias faraas a Secretaría, logo de mandato da Presidencia, que fixará a orde do día, con oito días naturais de antelación polo menos. Indicarase día e hora en primeira e, media hora máis tarde, en segunda convocatoria, o lugar da realización e a orde do día.

O presidente está facultado para convocar o Pleno en calquera momento con carácter de urxencia, cando, ao seu criterio, as circunstancias así o exixan, ben por escrito, oral, fax ou telefonicamente, sempre que quede constancia da súa realización.

2. Para que poidan adoptarse validamente acordos en primeira convocatoria será requisito indispensable que concorran a maioría de membros que integran o Pleno da Xunta. En segunda convocatoria, serán válidos os acordos adoptados pola maioría simple, calquera que sexa o número de asistentes. Deberá asistir, en todo caso, o presidente e o secretario do colexio ou as persoas que deban substituílos en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Será obrigatoria a asistencia dos membros ao Pleno, salvo causa xustificada.

Artigo 18º.-Composición da Comisión Permanente.

A Comisión Permanente da Xunta Directiva estará integrada por:

a) O presidente.

b) Os vicepresidentes.

c) O secretario.

d) O vicesecretario.

e) O tesoureiro-contador.

Artigo 19º.-Competencias da Comisión Permanente.

Son competencias da Permanente:

a) A autorización para outorgar poderes xerais ou especiais por parte do presidente a procuradores, letrados ou mandatarios.

b) A resolución das peticións de altas e baixas de colexiación.

c) Exercer a potestade sancionadora nos casos de faltas leves.

d) Autorizar a cancelación de sancións por faltas leves.

e)Mediar en litixios profesionais entre colexiados/as.

f) A autorización de gastos extraordinarios ata 9.000 euros.

g) A designación de colexiados honoríficos.

h) Aqueles asuntos que resolva por delegación do Pleno da Xunta de Goberno e os demais previstos nestes estatutos.

i) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral ou ao Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 20º.-Convocatoria e constitución da Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente reunirase por citación do presidente, que fixará a orde do día, cando os asuntos así o requiran ou o soliciten por escrito polo menos catro dos seus membros.

2. A convocatoria da Comisión Permanente cursarase polo menos con corenta e oito horas de antelación coas mesmas formalidades e requisitos có Pleno, quedando facultado o presidente para convocar de urxencia en calquera momento.

3. A asistencia ás reunións da Comisión Permanente é obrigatoria, salvo causa xustificada.

Título III

Réxime electoral

Artigo 21º.-Proceso electivo.

Todos os cargos da Xunta Directiva serán elixidos polos colexiados do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra con dereito a voto, en elección libre, directa e secreta.

Artigo 22º.-Duración do mandato e toma de posesión.

1. A duración dos cargos da Xunta Directiva será de catro anos e poderán ser reelixidos, se ben non se poderá superar un máximo de dous mandatos consecutivos para o mesmo cargo, salvo solicitude expresa e xustificada do aspirante a candidato que, logo de aprobación da Asemblea Xeral de Colexiados, poderá acceder a un terceiro e último mandato.

2. Os candidatos electos tomarán posesión dos seus cargos no prazo máximo de trinta días naturais contados desde a realización das eleccións.

Artigo 23º.-Requisitos de elixibilidade.

Para ser elixible requírese estar colexiado no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, ao corrente no pagamentos das cotas, acreditar o exercicio da profesión, salvo as excepcións previstas nestes estatutos, e non estar condenado por sentenza firme que leve aparellada suspensión para o exercicio de cargo público, ou estar sancionado disciplinariamente en calquera colexio de médicos mentres non fose rehabilitado.

Artigo 24º.-Convocatoria.

1. A convocatoria de eleccións á Xunta Directiva será realizada por acordo do Pleno da Xunta, como mínimo, un mes antes de finalizar o seu mandato.

2. A convocatoria será anunciada dentro dos cinco días naturais seguintes á adopción do acordo correspondente, mediante circular a todos os colexiados. Ademais inserirase nos taboleiros de anuncios das sedes colexiais de Pontevedra e Vigo, na páxina web do colexio.

3. No anuncio das eleccións deberán constar os cargos a que se refiren estas, o calendario electoral, o día e lugar da súa realización, e o horario de apertura e peche das urnas.

Artigo 25º.-Constitución e funcións da Xunta Electoral.

1. A Xunta Electoral será a encargada de controlar e levar a termo todo o proceso electoral segundo as normas estatutarias, estará formada por un presidente, un secretario e tres vogais.

2. Presidirá a Xunta Electoral o presidente da Comisión de Deontoloxía do colexio; en caso de ausencia, vacante ou enfermidade nomearase o membro de maior idade de devandita comisión.

3. Como secretario nomearase o funcionario de maior rango entre o persoal administrativo do colexio; en caso de ausencia, vacante ou enfermidade nomearase o seguinte na escala, quen terá voz pero non voto.

4. Os tres vogais da Xunta Electoral e os seus respectivos suplentes elixiranse por sorteo entre os colexiados con dereito a voto, de cada un dos terzos colexiais. O sorteo para a designación dos vogais terá lugar na propia sesión en que se convoquen as eleccións.

5. Ningún dos membros da Xunta Electoral poderá ser candidato ás eleccións da Xunta Directiva.

6. A Xunta Electoral constituirase nun prazo máximo de cinco días naturais seguintes ao seu nomeamento e velará polo mantemento dos principios democráticos, o decoro e o cumprimento das normas electorais.

7. O mandato da Xunta Electoral conclúe cando toma posesión a nova Xunta Directiva, como máximo aos trinta días das eleccións.

8. Nos supostos de renuncia ou cesamento dos compoñentes da Xunta Electoral, procederase á súa substitución polo mesmo procedemento previsto para a súa designación.

9. As sesións da Xunta Electoral son convocadas polo seu presidente. O vogal de maior idade substitúe o presidente no exercicio de devandita competencia cando este non poida actuar por causa xustificada.

10. Para que os acordos das reunións da Xunta Electoral sexan válidos, é indispensable que concorran polo menos tres dos seus membros con dereito a voto, incluíndo o presidente. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes, sendo de calidade o voto do presidente.

11. Serán funcións da Xunta Electoral as seguintes:

a) Dirixir e supervisar o proceso electoral, para que se desenvolva segundo as normas electorais estatutarias e o Código de Deontoloxía Médica, sobre todo, en canto atinxe ao respecto persoal entre os candidatos.

b) Proclamar as candidaturas presentadas e rexeitar aquelas candidaturas ou candidatos que non reúnan os requisitos exixibles polas normas vixentes.

c) Aprobar os modelos normalizados de papeletas de voto e sobres segundo as normas destes estatutos.

d) Velar polo correcto funcionamento do sistema de voto por correo, podendo ditar, a este respecto, instrucións, para facilitar o voto a quen desexe exercitalo por esta vía coas debidas garantías.

e) Corrixir e resolver, con carácter inmediato, calquera queixa, infracción ou defecto de funcionamento que poida producirse durante a campaña electoral.

f) Vixiar o correcto funcionamento das mesas electorais e o desenvolvemento da votación e o escrutinio dos votos emitidos directamente ou por correo.

g) Proclamar os resultados electorais producidos.

h) Será función da Xunta Electoral designar por sorteo a composición das mesas electorais.

i) A Xunta Electoral poderá facilitar, logo de solicitude, os censos do grupo/s a que refira/n a/s elección/s á candidatura ou candidatos participantes nelas.

Artigo 26º.-Presentación e aprobación de candidaturas.

1. As candidaturas aos cargos da Xunta Directiva do Colexio poderán presentarse á Xunta Electoral en listas pechadas ou abertas, dentro dos quince días naturais seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria. Deberán incluír relación nominal de candidatos e de cargos elixibles, debidamente asinadas por todos os compoñentes da candidatura ou candidatos, facendo constar o seu número de colexiado e o DNI.

2. Ao día hábil seguinte ao da expiración do prazo de presentación de candidaturas reunirase a Xunta Electoral e proclamará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade, de non existir causa de inelixibilidade nalgún deles.

Dentro dos cinco días naturais seguintes ao da expiración do prazo para presentar candidaturas, a Xunta Electoral comunicaralle ao cabeza da candidatura, de existiren, as causas de non elixibilidade apreciadas respecto de todos ou algúns dos integrantes da lista. O prazo para a reparación destas anomalías é de dous días hábiles. Finalizado o devandito período proclamarase a relación final de candidatos admitidos ás eleccións, dentro dos dous días seguintes.

3. Contra o acordo da Xunta Electoral de excluír da lista os candidatos incursos en causa de non elixibilidade, os candidatos excluídos e os representantes das súas candidaturas poden interpoñer recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Médicos de Galicia, nos termos previstos nestes estatutos. A interposición do recurso non suspende a execución do acto impugnado nin a continuación do proceso electoral.

4. Ao mesmo tempo que se publica a convocatoria de eleccións exporanse, nos taboleiros de anuncios do Colexio, os censos electorais, concedéndose un prazo de dez días naturais para formular reclamacións contra eles, que serán resoltas pola Xunta Electoral, dentro dos sete días naturais seguintes á expiración do prazo para formulalas, resolución que se lle notificará a cada reclamante.

5. As eleccións terán lugar a partir dos 30 días naturais desde a proclamación definitiva de candidaturas.

6. No caso de que se presentase unha soa candidatura, a Xunta Electoral, logo de comprobación de que os candidatos reúnen as condicións de elixibilidade recollidas nestes estatutos, proclamaranse os mesmos electos, sen que proceda votación ningunha, segundo o estipulado no artigo 30 destes estatutos.

Artigo 27º.-Campaña electoral.

1. Desenvolverase desde o día seguinte da proclamación das candidaturas, ata un día natural antes da realización da votación para as eleccións, o día anterior á votación será xornada de reflexión e estará prohibida toda actividade electoral.

2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos demais candidatos ou estea en desacordo cos principios contidos no Código de Deontoloxía Médica. O quebrantamento desta prohibición levará aparellada a exclusión como candidato, por acordo da Xunta Electoral, logo de informe, non vinculante, da Comisión de Deontoloxía.

3. A Xunta Electoral poderá autorizarlles ás distintas candidaturas, logo de solicitude e de conformidade coa dispoñibilidade, o uso das instalacións colexiais para actos electorais.

Artigo 28º.-Elección.

1. Todo o territorio en que se estende a xurisdición do Colexio formará un só distrito electoral, constituíndose a/s mesa/s electorais nos locais do propio Colexio, nas sedes de Pontevedra e delegación comarcal de Vigo.

2. As mesas electorais estarán constituídas no día e hora que fixe a convocatoria por un presidente e tres colexiados e os seus respectivos suplentes, non candidatos, que deberán pertencer a cada un dos terzos de colexiados.

a) O/s presidente/s da/s mesas serán designados polo Pleno da Xunta Directiva, os vogais serán designados pola Xunta Electoral mediante sorteo, sendo obrigatoria a aceptación polos colexiados a que lles corresponda.

Toda candidatura logo de solicitude á Xunta Electoral que, de ser o caso, expedirá a oportuna credencial, poderá nomear un interventor en cada mesa electoral. Os interventores das candidaturas, ademais de estar colexiados, deberán reunir os requisitos do artigo 23.1 destes estatutos.

b) Se chegada a hora de constitución das mesas electorais non puidese levarse a efecto por non acadar os seus membros o número necesario para isto, a Xunta Electoral proverá a constitución ao seu libre criterio, coa facultade mesmo de modificar a súa composición ao longo da xornada de votación, se fose necesario, respectando, a ser posible, os requisitos exixidos aos membros das mesas electorais no punto 2.

3. En cada sede electoral haberá, á disposición dos colexiados que queiran emitir o seu voto persoalmente, un número suficiente de papeletas de cada unha das candidaturas que se presenten e de sobres especiais de votación.

4. As papeletas de voto que editen as candidaturas, deberán ser brancas e do mesmo tamaño (10’5 X 15 cm), debendo levar impresos, por unha soa cara e correlativamente, os cargos aos que se procede a elixir.

5. Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que non se axustaren ao modelo descrito no punto 4, ou que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proclamado.

6. Finalizado o período de votación, procederase seguidamente ao escrutinio dos votos obtidos por cada candidatura, en cada unha das mesas electorais. Do desenvolvemento da votación e resultados desta levantarase acta, asinada por todos os compoñentes da/s mesa/s electorais, que se transmitirá á Xunta Electoral.

7. Sumados os resultados de todas as mesas electorais e levantada a oportuna acta, o presidente da Xunta Electoral proclamará os resultados, expedindo o Colexio os correspondentes nomeamentos aos integrantes da lista que obtivesen a maioría de votos. A toma de posesión efectuarase o día que a tal fin sinale o Pleno da Xunta dentro do prazo establecido nos estatutos.

Artigo 29º.-Instrucións do voto.

1. O dereito de sufraxio exércese persoalmente, sen prexuízo das disposicións sobre o voto por correo. O voto é segredo, ninguén pode ser obrigado ou coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto.

O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, mediante papeletas separadas para cada un dos cargos que se voten, ou nunha soa se forman candidatura unida, contida/s nun/s sobres especiais de voto, debidamente cerrados, confeccionados polo colexio, e no seu exterior figurará a seguinte inscrición:

«Contén papeleta para a elección da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra do/s seguinte/s cargo/s .............................».

2. Os colexiados que prevexan que na data da votación non se atoparán na localidade onde se proceda á votación ou que, por calquera outra circunstancia, non poidan presentarse, poderán emitir o seu voto por correo solicitándoo mediante comparecencia persoal na sede social do colexio ou nalgunha das súas delegacións comarcais, no horario de oficina que teñan establecido, a partir da data da aprobación das candidaturas ata o décimo quinto día anterior á votación, acreditando a súa identidade mediante exhibición do carné colexial ou do DNI.

Aqueles colexiados que por imposibilidade física, debidamente acreditada a xuízo da Xunta Electoral, non puidesen comparecer persoalmente (para solicitar o voto por correo) poderán outorgar poderes notariais a terceira persoa con carácter individual para o devandito trámite.

3. Procedemento do voto por correo.

No caso de que os colexiados decidan emitir o voto por correo solicitarán, persoalmente, nas oficinas do colexio (segundo se recolle no punto 2), os sobres especiais de voto (descritos no punto 1), e un segundo sobre especial de identificación, tamén editado exclusivamente polo colexio, así coma as papeletas dos distintos grupos a que se deba referir a elección.

Unha vez introducidas as papeletas nos sobres especiais de voto (referidos no punto 1) e debidamente pechados, estes introduciranse nun segundo sobre especial de identificación, confeccionado polo colexio, en cuxo anverso rezará a inscrición:

«Eleccións aos cargos directivos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

que se citan: ----------------------------------------».

e no seu reverso:

«Votante:

Apelidos e nome:

Nº colexiado:

Sinatura:».

Tamén debidamente cerrados estes sobres especiais de identificación, editados e facilitados polo colexio, remitiranse, por correo certificado e con antelación suficiente ao secretario da Xunta Electoral, dentro dun terceiro sobre no que figurará de forma destacada a palabra eleccións. Aberto o sobre exterior e logo de recoñecemento da sinatura do votante pola Xunta Electoral, esta custodiará sen abrir os sobres especiais de identificación que conteñen os especiais do voto ata o momento da elección, en que os pasará á Mesa Electoral, procederá entón o presidente da Mesa á súa apertura e a depositalos nas urnas correspondentes, logo de comprobación de que o votante figura nos censos a que votou.

Non se admitirán os sobres chegados ao colexio con posterioridade aos cinco (5) días hábiles previos á data da elección, e destruiranse sen abrir os que se reciban con posterioridade.

4. O voto persoal anula o voto por correo.

5. A Xunta Electoral reunirase nunha ou varias ocasiones para a apertura dos sobres exteriores, procedendo en primeiro lugar á comprobación dos datos do elector e a sinatura que constan na parte exterior do sobre especial de identificación, editado polo colexio, o cal contén o sobre especial de voto pechado coas papeletas, cotexando os datos de identificación, cos contidos no expediente persoal do colexiado. Os sobres serán agrupados por mesas electorais (Pontevedra e Vigo), levantando acta e listaxe dos sobres recibidos e os seus votantes, tanto dos validados como os que conteñan incidencias, custodiándoos no seu poder ata o día da votación, en que trasladará todo isto ás mesas electorais unha vez constituídas.

6. Serán nulos todos os votos emitidos por correo que non utilicen os sobres especiais de voto e especiais de identificación, editados exclusivamente polo Colexio Médico provincial. Ningún dos candidatos ou candidaturas poderá reproducilos.

Artigo 30º.-Condicións particulares electorais.

1. Non será necesaria a realización das eleccións cando se proclamase unha única lista de candidatos.

2. Neste caso, a Xunta Electoral levantará acta, asinada por todos os seus compoñentes, onde se expresará a citada circunstancia e a non necesidade de realizar eleccións, transmitíndose á Xunta Directiva do colexio.

3. Despois da notificación da acta á Xunta Directiva, expedirá o colexio os correspondentes nomeamentos, cuxa toma de posesión se verificará o día que, para tal fin, sinale o Pleno da Xunta dentro do prazo establecido nos estatutos.

Artigo 31º.-Deber de comunicación.

1. Da convocatoria de eleccións darase conta ao Consello de Colexios de Médicos de Galicia no prazo máximo de quince días.

2. A composición da Xunta Directiva que resulte das eleccións seralle notificada á Consellería de Presidencia, á Consellería de Sanidade, ao Consello de Colexios de Médicos de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos.

Artigo 32º.-Cesamento e vacantes.

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra cesarán polas seguintes causas:

a) Incumprimento sobrevido dos requisitos estatutarios para desenvolver o cargo.

b) Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

c) Renuncia do interesado.

d) Ausencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas da Xunta de Goberno dentro do mesmo ano.

e) Aprobación de moción de censura pola Asemblea Xeral.

2. No caso de que se produza a vacante dun cargo da Xunta Directiva, polas causas previstas no punto anterior e antes da expiración do período normal de mandato, a Xunta designará o substituto no prazo máximo dun mes, que deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral ou, de ser o caso, pola asemblea da sección colexial correspondente. O substituto ocupará o cargo durante o tempo que reste ata a finalización do mandato que correspondese á persoa substituída. Se a vacante afecta o cargo de presidente ou secretario, serán substituídos, respectivamente e logo de ratificación da Asemblea Xeral, polo vicepresidente que corresponda ou vicesecretario.

3. En caso de non obter a ratificación pola Asemblea, a Xunta Directiva proporá un novo substituto.

4. Cando as vacantes que se produzan afecten a metade máis un dos membros da Xunta Directiva, o Consello de Colexios de Médicos de Galicia designará unha Xunta Provisional que convocará eleccións no prazo de 30 días.

5. Conforme o establecido na Lei galega de colexios profesionais, deberá efectuarse auditoría da contabilidade do colexio cando se proceda á renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos colexiais . Para tal efecto, a Xunta Directiva contratará un auditor titulado con oficina aberta na provincia de Pontevedra. O seu ditame completo estará á disposición dos colexiados quince días antes da Asemblea Xeral en que deban tomar posesión os novos directivos.

Título IV

Dos cargos da Xunta directiva

Artigo 33º.-Presidente.

1. O Presidente terá a representación institucional do colexio ante toda clase de autoridades e organismos, e velará dentro da provincia polo cumprimento das prescricións regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten os órganos de goberno.

2. Ademais correspóndenlle no ámbito provincial as seguintes funcións:

a) Presidir as reunións da Xunta Directiva, as asembleas xerais e as comisións a que asista, sen prexuízo, neste último caso, de que delegue noutro membro da Xunta Directiva.

b) Convocar as sesións do Pleno da Xunta Directiva e da Comisión Permanente, así coma as comisións a que asista.

c) Nomear todas as comisións colexiais, por proposta da Xunta Directiva, presidíndoas se o estimase conveniente.

d) Abrir, dirixir e levantar as sesións.

e) Asinar as actas que correspondan, unha vez aprobadas.

f) Autorizar a apertura de contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades, xunto co tesoureiro.

g) Visar as certificacións que expida o secretario do colexio.

h) Aprobar os libramentos e ordes de pagamento e libros de contabilidade xunto co tesoureiro.

i) Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do colexio.

j) Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións e particulares.

k) Xestionar canto conveña ao interese do colexio.

l) En caso de xulgalo necesario, o presidente poderá designar un asesor persoal en materia colexial, logo de autorización da Xunta Directiva. O devandito asesor deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 do artigo 23 destes estatutos.

Artigo 34º.-Vicepresidentes.

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lles encomende o presidente, a quen substituirán, por orde de nomeamento, en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación sen necesidade de xustificación ante terceiros. Vacante a Presidencia observarase o disposto no artigo 32º.2.

Artigo 35º.-Secretario.

Independentemente das outras funcións que derivan destes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes emanadas da presidencia, correspóndenlle ao secretario as seguintes funcións:

a) Redactar e dirixir, segundo as ordes que reciba do presidente ou da Xunta Directiva e coa anticipación debida, os oficios de citación para todos os actos do colexio.

b) Redactar as actas das asembleas xerais, plenos da Xunta Directiva e reunións da Comisión Permanente.

c) Levar os libros de rexistro que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo, debendo existir obrigatoriamente aquel en que se anoten as sancións que se impoñan aos colexiados.

d) Recibir e dar conta ao presidente de todas as comunicacións e solicitudes que se remitan ao colexio.

e) Asinar co presidente o documento acreditativo de que o médico está inscrito no colexio.

f) Expedir co visto e prace do presidente as certificacións que soliciten os colexiados.

g) Redactar anualmente a memoria que recolla as actividades do ano, que deberá de lerse na Asemblea Xeral ordinaria.

h) Asumir a dirección dos servizos administrativos, do arquivo e a xefatura do persoal do colexio consonte as disposicións destes estatutos. O cargo de secretario será retribuíd,o coa asignación económica que acorde a Xunta Directiva, e será consignado no orzamento colexial.

Artigo 36º.-Vicesecretario.

O vicesecretario, conforme acorde a Xunta de Goberno, auxiliará no seu traballo o secretario, asumindo as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación. Vacante a Secretaría observarase o disposto no artigo 32º.2.

Artigo 37º.-Tesoureiro.

Correspóndenlle ao tesoureiro as seguintes funcións:

a) Velar pola recadación e custodiar os fondos do colexio.

b) Dispor o necesario para que a contabilidade do colexio se leve polo sistema e conforme as normas fixadas.

c) Pagar os libramentos que serán autorizados coa sinatura do presidente, así como autorizar os cheques e talóns das contas correntes bancarias.

d) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

e) Presentar a conta xeral anual de Tesouraría que requirirá a aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

f) Redactar anualmente o anteproxecto de orzamentos.

g) Subscribir o balance que da contabilidade se deduza, efectuando os arqueos que correspondan dunha maneira regular e recíproca.

h) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

i) Levar inventario minucioso dos bens do colexio de que será administrador.

Artigo 38º.-Vogais ou representantes das seccións colexiais.

As vogalías ou seccións colexiais agrupan os colexiados que coa mesma modalidade e/ou forma de exercicio profesional participan duns obxectivos comúns.

a) A creación, supresión e/ou modificación das vogalías ou seccións colexiais requirirá o acordo do Pleno da Xunta Directiva. Para constituír unha sección colexial será necesario que o solicite un número non inferior a cincuenta colexiados e que se cree unha comisión xestora que elaborará un regulamento provisional de funcionamento e unha listaxe de membros dela.

b) As vogalías ou seccións colexiais elaborarán anualmente unha memoria de actividades.

c) Os representantes das vogalías ou seccións colexiais formarán parte necesariamente de cantas comisións negociadoras constituídas pola Xunta Directiva se poidan establecer para tratar problemas específicos da sección. Así mesmo, o representante da vogalía ou sección será convocado, con voz pero sen voto, ás reunións da Comisión Permanente, cando se traten asuntos directamente relacionados coas funcións específicas daquela.

d) Para pertencer a unha vogalía ou sección colexial é necesario estar colexiado e reunir as condicións que se establezan para ser incluído no seu censo.

Os vogais desenvolverán as funcións que lles sexan específicas en relación coa súa vogalía ou sección colexial, así como todas aqueloutras funcións que lles encomende o Pleno da Xunta Directiva.

Artigo 39º.-Relación de vogalías.

Sen prexuízo de que pola Xunta Directiva se poidan crear outras, constituiranse nun principio as seguintes:

Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Primaria Urbana.

Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Primaria Rural.

Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Especializada.

Vogalía ou sección colexial de Médicos de Exercicio Privado.

Vogalía ou sección colexial de Médicos Mozos e/ou en Formación.

Vogalía ou sección colexial de Médicos Xubilados.

Vogalía ou sección colexial de Médicos con Emprego Precario ou en Promoción de Emprego.

Vogalía ou sección colexial de Médicos ao Servizo da Administración.

Artigo 40º.-Compensacións económicas.

Os membros da Xunta Directiva percibirán as axudas de custo e gastos de representación aprobadas polo Pleno, estas axudas de custo e gastos serán establecidos dentro dos límites que para cada anualidade fixen os orzamentos da entidade.

Artigo 41º.-Réxime de garantías dos cargos colexiais.

O cumprimento das obrigas correspondentes aos cargos electivos, para efectos corporativos e profesionais, terá a consideración e carácter de cumprimento de deber colexial, dada a natureza de corporación de dereito público do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, recoñecida pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e amparada polo resto do ordenamento xurídico.

Artigo 42º.-Facultades.

O nomeamento para un cargo colexial electivo faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandato, comprendendo as seguintes facultades:

a) Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos e intereses confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos colexiados, conforme as normas estatutarias, para deliberar, acordar e xestionar sobre temas de actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarios nas tarefas do seu cargo.

f) Dispor das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

g) Non ser obxecto de sanción administrativa ou persecución como consecuencia do desenvolvemento das súas funcións colexiais.

Artigo 43º.-Asistencia a reunións.

1. A asistencia dos cargos electos ás reunións regulamentariamente convocadas dos órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, do Consello de Colexios de Médicos de Galicia ou da Organización Médica Colexial, terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

2. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra instará as autoridades autonómicas competentes para que lles faciliten, aos membros da Xunta Directiva e de calquera órgano colexial, a asistencia aos actos e reunións, sen que se recargue por isto o traballo noutros compañeiros.

Título V

Da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica.

Artigo 44º.-Composición e funcións.

1. No Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra existirá con carácter obrigatorio unha Comisión de Ética e Deontoloxía Médica, formada por un presidente e catro vogais, actuando un deles de secretario. O nomeamento dos seus membros o efectuarao o Pleno da Xunta Directiva. O nomeamento terá unha vixencia de catro anos, iniciándose coa constitución de cada Xunta Directiva e finalizando ao expirar o mandato desta.

2. É función da Comisión asesorar a Xunta Directiva en todas as cuestións e asuntos relacionados coas materias da súa competencia.

3. Será, non obstante, preceptivo un informe nos seguintes supostos:

a) En todas as cuestións en que, por afectaren a deontoloxía médica, deban aplicarse os principios contidos no Código Deontolóxico.

b) Previamente á imposición de calquera tipo de sanción a un colexiado.

4. De cada sesión, cuxa convocatoria corresponderá ao presidente, redactarase acta, que será asinada por aquel e o secretario, e unha copia da cal será remitida á Xunta Directiva.

Título VI

Da colexiación

Artigo 45º.-Obrigatoriedade da colexiación.

1. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión médica en calquera das súas modalidades, dentro dos límites da provincia de Pontevedra, con carácter de dedicación principal, darse de alta no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

2. Para tal efecto, considérase como exercicio da profesión médica a prestación de servizos médicos nas súas distintas modalidades, aínda cando non se practique o exercicio privado ou se careza de instalacións propias.

3. Se o profesional presta os seus servizos en calquera das administracións públicas só será obrigatoria a súa colexiación conforme o disposto no artigo 3 da Lei galega 11/2001, do 18 de setembro, sobre colexios profesionais.

Artigo 46º.-Tramitación da colexiación.

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, o interesado deberá solicitalo por escrito e xuntarase á solicitude o correspondente título profesional orixinal ou testemuño notarial del e cantos outros documentos ou requisitos considere necesarios o colexio.

2. Para figurar inscrito como médico especialista, é obrigatoria a presentación do correspondente título de médico.

3. Para os cidadáns estranxeiros será preceptiva a previa homologación/validación do título polo Ministerio de Educación e Ciencia, atenderase ao que determinen as disposicións vixentes.

4. Quen pretenda incorporarse ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, se pertencese con anterioridade a outro colexio, deberán presentar ademais certificado de baixa expedido polo colexio de orixe, en que se exprese se está ao corrente de pagamento das cotas colexiais e non estar inhabilitado temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión.

5. A Permanente da Xunta Directiva acordará, no prazo máximo dun mes, o que estime pertinente acerca da solicitude de colexiación, practicando no devandito prazo as comprobacións que crea necesarias, e poderá requirirlle solicitante os documentos e aclaracións complementarias.

6. Para o caso dos médicos acabados de graduar que non recibisen aínda o título de licenciado en medicina e cirurxía, a Xunta Directiva poderá conceder unha colexiación provisional, sempre e cando o interesado presente unha certificación da universidade que xustifique ter aboados os dereitos de expedición do título correspondente, o cal terá obriga de presentar no colexio para o seu rexistro, no prazo máximo dun ano.

7. Os médicos que estivesen de alta noutro colexio poderán acollerse para o exercicio provisional neste de Pontevedra nos termos que establezan os estatutos do Consello de Colexios de Médicos de Galicia ou, no seu defecto, os estatutos xerais da Organización Médica Colexial.

Artigo 47º.-Denegación.

1. A solicitude será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou reparasen no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o solicitante non acredite que satisfixo as cotas colexiais, se é o caso, no colexio de médicos de procedencia ou no que siga incorporado.

c) Cando o solicitante sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

d) Cando fose sancionado disciplinariamente coa expulsión deste ou outro colexio mentres non obteña a rehabilitación respectiva.

e) Cando ao formular a solicitude se atopase suspendido do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio, o Consello de Colexios de Médicos de Galicia, ou o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxesen á colexiación, esta deberá aceptarse polo colexio sen dilación nin escusa ningunha.

2. Se a Permanente da Xunta Directiva acordase denegar a colexiación, comunicarallo ao interesado dentro dos quince días seguintes á data do acordo, expresando os seus fundamentos e os recursos de que é susceptible.

3. Contra o acordo que denega a colexiación poderá formular o interesado recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Médicos de Galicia, o cal resolverá no prazo dun mes. Contra a resolución desestimatoria do recurso poderá o interesado recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 48º.-Tarxeta de identidade e expediente.

Admitido o solicitante no colexio, expediraselle a tarxeta de identidade colexial correspondente e abrirase un expediente en que se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional.

O colexiado está obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os devanditos antecedentes, especialmente os censos electorais.

Artigo 49º.-Control da colexiación.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra está facultado para verificar e exixir o cumprimento do deber de colexiación ou acollida.

Artigo 50º.-Clases de colexiados.

1. Para os fins destes estatutos, os colexiados clasificaranse nas seguintes clases:

a) Con exercicio.

b) Sen exercicio.

c) Honoríficos.

d) De honra.

2. Serán colexiados con exercicio aqueles que obtendo a incorporación ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, practiquen a medicina en calquera das súas diversas modalidades.

3. Serán colexiados sen exercicio aqueles médicos que, desexando pertencer ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, non exerzan a profesión.

4. Os médicos acollidos temporalmente no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra non teñen a condición de colexiados e non poden participar nos órganos de goberno do colexio nin exercer o dereito ao voto.

Os médicos que conten coa acollida correspondente quedan suxeitos á disciplina deste colexio nas súas actuacións profesionais.

5. Serán colexiados honoríficos os médicos que cumprisen a idade de xubilación fixada pola lei e os que, sen cumprila, se atopen en estado de discapacidade ou incapacidade física total. En ambos os dous casos deberán acreditalo documentalmente, levar máis de 25 años de colexiación, e non continuar no exercicio activo da profesión médica.

Para acceder á condición de colexiado honorífico será requisito indispensable atoparse ao día no pagamento das cotas colexiais e obter acordo da Xunta Directiva.

Os colexiados honoríficos estarán exentos do pagamento das cotas colexiais, esta categoría colexial por idade é compatible co exercicio profesional que o seu estado psicofísico lles permita.

6. Serán colexiados de honra aquelas persoas, médicos ou non, que realizasen un labor relevante e meritorio coa profesión médica. Esta categoría é puramente honorífica e acordada en Asemblea Xeral por proposta do Pleno.

Cando, polos seus relevantes méritos, o médico xubilado ou inválido se faga acredor a superior distinción, será proposto para unha recompensa á autoridade sanitaria e elevado á consideración de colexiado de honra.

Artigo 51º.-Suspensión da colexiación.

a) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

b) Impagamento de cotas.

Artigo 52º.-Perda da condición de colexiado.

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por expulsión do colexio acordada en expediente disciplinario.

b) Por petición propia formulada ante a Xunta Directiva en cumprimento da lexislación vixente.

c) Por falecemento.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas das letras a) e b) deberá ser lle comunicada por escrito ao interesado, momento en que xurdirá efectos.

Artigo 53º.-Dereitos.

1. Os colexiados que estean ao día das súas cotas terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa e, por tanto, exercer o dereito de petición de voto, de promover moción de censura e de acceso aos cargos directivos mediante os procedementos e cos requisitos recollidos nestes estatutos.

b) Ser defendidos, por petición propia, polo colexio cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados e apoiados polo colexio e as súas asesorías cando precisen presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais, entidades públicas ou privadas e en cantas diverxencias xurdan con ocasión do exercicio profesional, sendo por conta do colexiado solicitante os gastos e custas xurídicas que o procedemento ocasione, salvo decisión contraria da Xunta de Goberno.

2. Todos os colexiados terán ademais os seguintes dereitos:

a) Actuar no exercicio profesional con total liberdade e independencia, sen máis limitacións que as previstas na lei, as normas deontolóxicas ou estes estatutos.

b) Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, estes estatutos ou as validamente acordadas.

Artigo 54º.-Deberes.

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Cumprir o disposto nos estatutos xerais e particulares, así coma as decisións deste colexio e do Consello de Colexios de Médicos de Galicia, sen prexuízo do dereito de impugnación.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais e dos padroados.

c) Levar coa máxima lealdade as relacións co colexio e cos outros colexiados, comunicando a aquel calquera vexame ou atropelo a un compañeiro no exercicio profesional de que teña noticia.

d) Comunicarlle ao colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e especialidades que exerzan co seu título correspondente, para efectos de constancia nos seus expedientes persoais.

e) Comunicarlle ao colexio os seus cambios de residencia e domiciliación bancaria, nun prazo máximo de dous meses desde que se produza o cambio.

f) Cumprir calquera requirimento que faga o colexio e especificamente prestarlles apoio ás comisións a que foren incorporados.

g) Tramitar por conduto do colexio, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que lle deba formular ao Consello de Colexios de Médicos de Galicia.

h) Emitir os certificados médicos e os documentos de información ao paciente e autorización do acto médico que se vai realizar exclusivamente nos impresos que para o efecto poida editar para tal fin en papel oficial o Colexio de Médicos.

Artigo 55º.-Prohibicións.

Ademais das prohibicións sinaladas no Código de Ética e Deontoloxía Médica, de rigorosa observancia, e do establecido nos artigos anteriores, todo colexiado absterase de:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a consagración de entidades científicas ou profesionais médicas de recoñecido prestixio.

b) Tolerar ou encubrir a quen, sen posuír o título de médico, trate de exercer a profesión.

c) Empregar fórmulas, signos ou linguaxes convencionais nas súas receitas, así como utilizar estas se levan impresos nomes de preparados farmacéuticos, títulos de casas produtoras ou calquera outra indicación que poida servir de anuncio.

d) Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade, para acadar fins utilitarios que sexan ilícitos ou atentatorios á corrección profesional.

e) Empregar recrutadores de clientes.

f) Venderlles ou administrarlles aos clientes, empregando a súa condición de médico, drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

g) Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao Código de Deontoloxía Médica.

h) Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos en calquera forma, das casas de medicamentos, utensilios de cura, balnearios, sociedades de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión propagandística ou como provedor de clientes ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

i) Empregar para o tratamento dos seus enfermos medios non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

j) Realizar prácticas dicotómicas.

k) Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara a consulta particular, con fins interesados.

l) Permitir o uso da súa clínica a persoas que, mesmo posuíndo o título de licenciado ou doutor en medicina, non fosen dados de alta no Colexio de Médicos.

m) Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o incapaciten para o devandito exercicio, logo do recoñecemento médico pertinente, acreditado con certificado médico oficial.

Artigo 56º.-Diverxencias entre colexiados.

As diverxencias de carácter profesional que puidesen xurdir entre colexiados serán sometidas á xurisdición e ulterior resolución da Xunta Directiva, logo de informe da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica.

Título VII

Do réxime económico e financeiro

Artigo 57º.-Competencias.

1. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra gozará de plena autonomía na xestión e administración dos seus bens, con total independencia do Consello de Colexios de Médicos de Galicia e do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

2. Os fondos do Colexio serán os procedentes das cotas de incorporación/entrada, cotas ordinarias e extraordinarias, a participación asignada nas certificacións, selos autorizados, impresos de carácter oficial, os prezos privados que se perciban pola emisión de informes ou ditames médicos, a parte fixada ou que se fixe no sucesivo por prestacións de servizos xerais, habilitación, taxación, etc., e os legados ou donativos que fixeren particulares ou profesionais e, en xeral, cantos poidan arbitrarse.

3. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra contribuirá equitativamente ao financiamento do Consello de Colexios de Médicos de Galicia e do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, de conformidade co que se dispoña por acordo da Asemblea do Colexio.

Artigo 58º.-Confección dos orzamentos.

1. A confección do anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos correspóndelle ao tesoureiro, que o someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva.

2. Unha vez obtida esta, o proxecto de orzamentos será presentado á Asemblea Xeral para a súa aprobación definitiva dentro do primeiro trimestre de cada ano.

3. Durante os tres días naturais anteriores á realización da asemblea, o proxecto de orzamentos porase á disposición de calquera colexiado que desexe consultalo, na sede colexial.

Artigo 59º.-Liquidación.

Durante o primeiro trimestre de cada ano, o tesoureiro someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva o balance de situación e liquidación de contas correspondentes ao ano anterior para a súa aprobación ou rexeitamento. Obtida a aprobación do Pleno da Xunta Directiva, someterase á preceptiva aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 60º.-Cotas colexiais.

1. Cotas de incorporación/entrada.

Os colexiados satisfarán ao inscribirse no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra unha cota de incorporación, cuxo importe fixará e poderá modificar a Asemblea Xeral.

2. Cotas ordinarias.

Os colexiados, con ou sen exercicio, están obrigados a satisfacer as cotas trimestrais, cuxo importe fixa a Asemblea Xeral.

3. Cotas extraordinarias.

En caso de débitos ou pagamentos extraordinarios, e logo de acordo da Asemblea Xeral, poderanse establecer cotas extraordinarias que serán satisfeitas obrigatoriamente polos colexiados.

4. Redución de cotas.

O Pleno da Xunta Directiva poderá proporlle á Asemblea Xeral a redución ou bonificación das cotas a aqueles grupos de colexiados que polas súas especiais circunstancias se considere oportuno.

Os médicos colexiados, con ou sen exercicio, veñen obrigados a satisfacer as cotas trimestrais (ordinarias ou extraordinarias) establecidas pola Asemblea Xeral. O colexiado que non aboe as cotas correspondentes a dous trimestres será requirido para facelas efectivas, concedéndoselle para o efecto un prazo prudencial, transcorrido o cal se lle , recargará un 20%.

Transcorridos seis meses, suspenderase o colexiado no exercicio da súa profesión ata que por este sexa satisfeita a débeda, sen que tal suspensión o libere do pagamento das cotas que se continúen xerando e sen prexuízo de que o colexio proceda ao cobramento dos débitos, recargas e gastos orixinados.

Sen prexuízo do anterior, o colexiado poderá rehabilitar os seus dereitos pagando o adebedado e a cantidade que corresponda, como nova incorporación.

A Xunta Directiva esta facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e débitos nas condicións que acorden en cada caso particular.

Non poderá expederse certificación colexial, nin mesmo a de baixa, ao colexiado moroso.

Artigo 61º.-Gastos.

1. Os gastos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra serán soamente os necesarios para o sostemento decoroso dos servizos.

No orzamento habilitarase unha partida para gastos de difícil previsión.

2. Non obstante o disposto no número anterior poderá o Pleno da Xunta Directiva habilitar suplementos de créditos sen previa aprobación da Asemblea Xeral para o pagamento de:

a) Tributos estatais, locais ou autonómicos e cando o aumento do gasto derive de disposición legal o estatutaria.

b) Persoal, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou estatutaria.

c) Outros gastos non previsibles e que sexa ineludible atender.

3. Os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais serán aboados polo colexio nas contías e condicións que periodicamente regule o Pleno da Xunta Directiva. O mesmo criterio se observará nos orzamentos en que calquera colexiado sexa comisionado por órgano do colexio para a realización da función concreta que se lle designe, debendo, en todo caso, acreditarse documentalmente os gastos producidos.

4. Pagamentos. Para efectuar os pagamentos dos gastos realizados será indispensable a previa conformidade conxunta do presidente e do tesoureiro, por forza maior e en caso de falta dalgunha sinatura habilitarase o secretario para dar conformidade.

5. Contas bancarias. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra manterá as contas bancarias que estime necesarias para o mellor desenvolvemento da súa actividade, procurando, cando sexa posible, efectuar os pagamentos a través delas, ben mediante transferencias ou cheques.

As sinaturas autorizadas en cada conta bancaria serán as do presidente, tesoureiro e secretario, empregándose sempre dous para todos aqueles movementos que supoñan unha diminución dos saldos.

Título VIII

Dos certificados médicos

Artigo 62º.-Distribución.

Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra a distribución dos impresos de certificados médicos oficiais, calquera que sexa a finalidade deles dentro do seu territorio.

Artigo 63º.-Clase e importe.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra rexerase en canto á clase e importe dos certificados pola normativa establecida no artigo 59 dos estatutos xerais da Organización Médica Colexial.

Artigo 64º.-Honorarios médicos.

A expedición dos certificados médicos é gratuíta. Os médicos percibirán, cando proceda, os honorarios correspondentes polos actos médicos que efectúen para estendelos.

Artigo 65º.-Inspección.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra inspeccionará o uso do certificado médico oficial, sen prexuízo das atribucións sancionadoras que a aquel compete sobre os seus propios colexiados.

Título IX

Da receita médica

Artigo 66º.-Competencia.

O colexio de médicos seguirá a norma legal para a edición e distribución de impresos normalizados de receitas para o exercicio libre que dite o Consello de Colexios de Médicos de Galicia e a Organización Médica Colexial.

Título X

Do réxime disciplinario

Artigo 67º.-Principios, competencia e prazo.

1. Os colexiados estarán suxeitos á potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, nos supostos e circunstancias establecidas nestes estatutos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades civís e penais en que os colexiados puidesen incorrer.

3. Non poderán imporse sancións disciplinarias, senón en virtude de expediente instruído para o efecto, consonte o procedemento ordinario establecido neste capítulo e, no seu defecto, as normas do procedemento sancionador recollidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e normas que a desenvolven.

4. A potestade sancionadora correspóndelle, segundo os casos, ao Pleno ou á Permanente da Xunta Directiva, logo de informe reservado da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica do Colexio. Non obstante, o procesamento e sanción das faltas cometidas polos membros de devandita Xunta Directiva será competencia do Consello de Colexios de Médicos de Galicia.

5. Para a incoación de expediente, será necesaria a designación, por parte da Xunta Directiva, dun xuíz instrutor e un secretario. A resolución do procedemento sancionador deberá emitirse dentro do prazo máximo de 6 meses desde a data en que lle sexa notificada ao instrutor a súa designación como tal.

O prazo de 6 meses, por petición do instrutor e cando a complexidade do caso o requira, poderá ser prorrogado polo órgano competente para resolver ata 3 meses. A prórroga acordada seralle notificada ao interesado.

6. As sancións disciplinarias faranse constar no expediente persoal do interesado.

7. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra levará un rexistro das sancións impostas e enviaralles informe á Consellería de Sanidade, ao Consello de Colexios Oficiais de Médicos de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, no prazo máximo de quince días tras a súa firmeza, de todas las sancións consideradas graves ou moi graves.

Artigo 68º.-Faltas disciplinarias.

As faltas disciplinarias clasificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) A falta de dilixencia no cumprimento das normas estatutarias.

b) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial, ou que deban de ser tramitadas polo seu conduto.

c) A neglixencia en comunicarlle ao colexio as vicisitudes profesionais para a súa anotación no expediente persoal.

d) A desatención respecto aos requisitos ou peticións de informes solicitados polo colexio.

e) Non corresponder á solicitude de certificación ou información nos termos éticos cando isto non supoña un perigo para o enfermo.

f) A infracción neglixente das normas contidas no Código de ética e deontoloxía, cando non supoña falta grave ou moi grave.

2. Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos da Xunta Directiva ou Asemblea Xeral, salvo que constitúan falta de maior entidade.

b) A infracción das prohibicións contidas no artigo 56º, salvo que constitúa falta de maior entidade.

c) Indicar unha competencia ou título que non se posúa.

d) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave do respecto debido a aqueles.

e) Os actos e omisións que atenten contra a moral, decoro, dignidade, prestixio e honorabilidade da profesión, ou sexan contrarios ao respecto debido aos colexiados.

f) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiro.

g) O incumprimento das normas sobre restrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

h) A emisión de informes ou expedición de certificados con falta á verdade.

i) Os actos e omisións deliberados que infrinxan as normas deontolóxicas, sempre que non constitúan falta moi grave.

j) A reiteración das faltas leves durante o ano seguinte á súa corrección.

3. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso, en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención maliciosa ou intencionada dos enfermos.

e) A reiteración das faltas graves durante o ano seguinte á súa corrección.

Será preceptivo que a Comisión de Ética e Deontoloxía Médica do Colexio emita o seu informe antes de imporse calquera sanción.

Artigo 69º.-Sancións disciplinarias.

1. Por razón das faltas a que se refire o artigo precedente, poden imporse as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por oficio.

c) Suspensión temporal do exercicio profesional.

d) Expulsión do colexio.

2. As faltas leves serán corrixidas coa sanción de amoestación privada ou apercibimento por oficio.

3. As faltas graves sancionaranse coa suspensión do exercicio profesional por tempo inferior a un ano.

4. As faltas moi graves sancionaranse con suspensión do exercicio profesional por tempo superior a un ano e inferior a dous.

5. A sanción de expulsión do colexio soamente poderá imporse pola reiteración de faltas moi graves, e o acordo que determine a súa imposición deberá ser adoptado polo Pleno da Xunta Directiva, coa conformidade das dúas terceiras partes daqueles que o integran.

6. Para a imposición de sancións, deberán os órganos competentes para resolver, graduar a responsabilidade do inculpado en relación coa natureza da infracción cometida, a transcendencia desta e demais circunstancias, tendo potestade para impor a sanción axeitada, se fose máis dunha a que se estableza para cada tipo de faltas.

Artigo 70º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por falecemento do inculpado.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición das faltas.

d) Por prescrición das sancións.

2. Os sancionados poderán pedir a súa rehabilitación coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente persoal. A cancelación concederase sempre que, unha vez cumprida a sanción, os colexiados observen boa conduta despois de transcorridos os seguintes prazos:

a) Se fose por falta leve, aos 3 meses.

b) Se fose por falta grave, aos 2 anos.

c) Se fose por falta moi grave, aos 4 anos.

A rehabilitación resolverase polo Pleno da Xunta Directiva e seguirá os mesmos trámites que para a imposición da sanción.

3. As faltas prescriben:

a) As leves, aos tres meses.

b) As graves, ao ano.

c) As moi graves, aos dous anos.

Artigo 71º.-Iniciación e actuacións previas. Procedemento ordinario.

1. O procedemento iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou denuncia.

2. O Pleno da Xunta Directiva do colexio, ao ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá decidir a realización dunha información reservada antes de acordar a incoación de expediente ou, de ser o caso, o arquivo das actuacións, ben sen imposición de sanción por sobresemento, ou ben coa dalgunha das previstas para corrixir faltas leves.

3. A Xunta Directiva do colexio poderá delegar nunha comisión para o efecto a práctica da información reservada a que se refire o punto anterior.

Artigo 72º.-Procedemento simplificado.

Se o Pleno da Xunta Directiva considera que existen elementos suficientes para cualificar a infracción como leve, seguirase o procedemento simplificado regulado neste artigo:

a) O Pleno da Xunta Directiva do colexio notificaralle ao interesado unha proposta de resolución, concedendo un prazo máximo de oito días para que formule alegacións e achegue os documentos que estime pertinentes na súa defensa.

b) Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo outorgado para isto, a Permanente da Xunta de Goberno resolverá sen máis trámite.

Artigo 73º.-Procedemento xeral.

1. Iniciado o procedemento, o órgano competente para resolver poderá adoptar as medidas provisionais que estime oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidese ditarse, de existiren elementos de xuízo suficientes para isto. Non se poderán tomar medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables aos interesados, ou ben que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

2. O Pleno da Xunta Directiva, ao acordar a incoación do expediente, designará como xuíz instrutor un dos seus membros ou outro colexiado. O designado deberá ter maior antigüidade no exercicio profesional que o procesado ou, no seu defecto, polo menos dez anos de colexiación. Desenvolverá obrigatoriamente a súa función, a menos que tivera motivos de abstención ou que a recusación promovida polo procesado fose aceptada pola xunta. Esta poderá tamén designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os colexiados.

3. Só se considerarán causas de abstención ou recusación do instrutor e secretario as establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para os efectos do exercicio do dereito de recusación, os nomeamentos de instrutor e secretario serán comunicados ao procesado, quen poderá facer uso de tal dereito dentro do prazo de oito días tras de recibir da notificación.

5. O procesado pode nomear un colexiado para que actúe de defensor ou home bo, o que lle será dado a coñecer, dispoñendo dun prazo de 10 días hábiles, a partir da recepción da notificación, para comunicarlle á Xunta Directiva o citado nomeamento, debendo acompañar a aceptación deste por parte do interesado. O defensor asistirá a todas as dilixencias propostas polo xuíz instrutor e poderá propor a práctica doutras en nome do seu defendido. Así mesmo, o procesado poderá acudir asistido de letrado.

6. Compételle ao instrutor achegan os antecedentes que estime necesarios e ordenar a práctica de cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos ou a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

7. Ademais das declaracións que presten os inculpados, o instrutor notificaralles en forma escrita un prego de cargos, no cal describirá con precisión os que contra eles se deduzan, concedéndolles un prazo improrrogable de oito días a partir da notificación, para que o contesten e propoñan a proba que estimen ao seu dereito. Na notificación advertiráselle ao interesado que, de non efectuar alegacións sobre o contido da iniciación do procedemento, o prego de cargos poderá ser considerado proposta de resolución.

8. Contestado o prego de cargos, o instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas e acordará a práctica das admitidas e cantas outras actuacións considere eficaces para o mellor coñecemento dos feitos.

9. Terminadas as actuacións, o instrutor formulará proposta de resolución, que deberá notificar por copia literal ao citado, quen disporá dun prazo de oito días desde a recepción da notificación para examinar o expediente e presentar escrito de alegacións.

10. Remitidas as actuacións ao órgano competente para resolver, en canto se reciba o escrito de alegacións presentado polo procesado, ou transcorrido o prazo para facelo, resolverá o expediente na primeira sesión que realice, oíndo previamente o asesor xurídico do colexio, se o houbese, e a Comisión de Ética e Deontoloxía Médica, notificando a resolución ao interesado nos seus termos literais.

11. O Pleno da Xunta Directiva poderá devolver o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, sendo omitidas, resulten imprescindibles para a decisión. En tal caso, antes de que o instrutor remita de novo o expediente, darase vista do actuado ao inculpado, co fin de que no prazo de oito días alegue canto estime conveniente, non contando este tempo como prazo de alegacións.

12. A decisión pola que se poña fin ao expediente sancionador deberá ser motivada, e nela non se poderán aceptar feitos nin fundamentos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración.

13. Contra a resolución que poña fin ao expediente poderá o interesado interpor recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Médicos de Galicia, presentándoo no colexio, quen, dentro dos quince días seguintes, o remitirá, en unión do expediente instruído e do seu informe, ao consello.

14. A interposición de recurso administrativo contra a sanción disciplinaria dentro do prazo establecido suspenderá a execución do acordo recorrido. A suspensión levantarase unha vez que se resolva o recurso.

15. Contra a resolución ditada polo Consello de Colexios de Médicos de Galicia poderá o interesado recorrer ante a xurisdición contencioso administrativa.

Título XI

Do réxime xurídico

Artigo 74º.-Recursos.

1. Os actos e resolucións adoptados polos órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra sometidos ao dereito administrativo poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo do disposto no punto seguinte.

2. Contra os acordos definitivos da Asemblea Xeral, da Xunta Directiva, da Xunta Electoral e os actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar un procedemento ou produzan indefensión poderá interporse recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Médicos de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que fose notificado.

3. O recurso será presentado ante o órgano que ditou o acordo, o cal deberá elevarse, cos seus antecedentes e informe que proceda, ao Consello de Colexios de Médicos de Galicia, dentro dos dez días seguintes á data de presentación.

Artigo 75º.-Impugnación xurisdicional.

En canto estes actos estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 76º.-Eficacia dos actos.

Os actos ditados polos órganos colexiais presúmense válidos e producirán efectos desde a súa adopción.

Artigo 77º.-Notificación.

Os actos e resolucións limitativos de dereitos dos colexiados serán notificados aos interesados no enderezo que deles conste nos arquivos do colexio. A notificación practicarase por calquera medio que permita acreditar a súa recepción, incluíndo, sen ánimo exhaustivo, o correo certificado, a comunicación mediante os servizos administrativos do colexio ou o correo electrónico. O disposto é de aplicación ás notificacións que se practiquen na instrución dos expedientes disciplinarios.

Título XII

Do réxime de distincións ou premios

Artigo 78º.-Insignia de ouro e brillantes do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

O Pleno da Xunta Directiva poderá acordar anualmente a concesión dunha insignia de ouro e brillantes do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, máximo galardón colexial, que distinguirá persoas de especial relevancia cultural, social, profesional ou política. De concorrer circunstancias extraordinarias, a criterio do Pleno, poderá concederse, excepcionalmente, unha segunda medalla no mesmo ano.

Artigo 79º.-Colexiado de honra.

O título de colexiado de honra, será outorgado polo Pleno da Xunta Directiva do colexio, cos requisitos e procedemento previstos nestes estatutos.

A Xunta Directiva porá en coñecemento da Asemblea Xeral todo nomeamento de colexiado de honra, na primeira reunión que esta realice.

Artigo 80º.-Medalla ao mérito colexial.

Con absoluta independencia da distinción de colexiado de honra, o Pleno da Xunta Directiva poderá outorgar a medalla ao mérito colexial aos médicos colexiados e, excepcionalmente, a persoas que non fosen médicos, para premiar condutas que supoñan un relevante e meritorio labor en favor do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

Esta distinción só poderá outorgarse como máximo unha vez por ano, sen que sexa preceptivo concedela anualmente.

Artigo 81º.-Competencia.

A proposta de concesión da medalla ao mérito colexial poderán realizala os colexiados ou a propia Xunta Directiva, a excepción das que poidan supor concesión a título póstumo, en cuxo caso a iniciativa será só competencia da Xunta Directiva.

Unha vez formulada a proposta, o Pleno da Xunta Directiva, por maioría simple, poderá acordar a apertura do expediente de concesión, de cuxa instrución se ocupará o secretario do colexio.

Artigo 82º.-Expediente.

O expediente de concesión da medalla encabezarase con copia do acordo da Xunta Directiva que mande instruílo, e a el uniranse todos os documentos e testemuños que haxa para acreditar:

1. Un labor meritorio e relevante nas actividades colexiais.

2. O estrito cumprimento de todos os deberes colexiais, tanto os xenéricos como os que se encomendasen a título persoal. Este estremo quedará acreditado por certificación do secretario con base no expediente persoal que se encontra na secretaría do colexio, sen prexuízo doutras probas que poidan atoparse.

3. Exercicio profesional exemplar.

4. Total ausencia de amoestacións, correccións ou sancións colexiais, o que se acreditará mediante certificación da secretaría.

5. Non desenvolver na data do acordo de instrución cargo na Xunta Directiva do colexio.

O secretario ordenará inserir na publicación periódica do colexio anuncio da instrución do expediente co fin de que calquera colexiado que o desexe achegue datos ou testemuños que poidan afectar a concesión da medalla, no prazo que se estableza para o efecto.

Artigo 83º.-Resolución.

Concluído o expediente, cuxa duración desde o acordo de instrución no poderá ser superior a dous meses, o secretario elevarao ao coñecemento e resolución da Xunta Directiva en Pleno, a que por maioría de dous terzos dos seus compoñentes poderá outorgar a medalla, mediante votación secreta.

Artigo 84º.-Outorgamento.

Á concesión da medalla ao mérito colexial daráselle a pertinente publicidade e outorgarase, coa maior solemnidade, en calquera dos actos de relevo que organice o colexio.

Artigo 85º.-Outras distincións e premios.

A Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva, poderá establecer outras distincións e premios diferentes aos regulados nos artigos anteriores, sen que isto supoña modificación estatutaria.

Artigo 86º.-Libro rxistro de distincións e premios.

1. A concesión de calquera distinción ou premio inscribirase no libro rexistro que se levará para tal efecto, no cal se anotarán tamén os concedidos con anterioridade á entrada en vigor destes estatutos.

2. No expediente persoal de cada colexiado faranse constar as felicitacións e distincións que reciba a título persoal da Asemblea Xeral, Xunta Directiva ou presidente do colexio, sempre que o órgano que a curse o manifeste expresamente.

Título XIII

Das sociedades profesionais

Artigo 87º.-O exercicio da medicina en sociedade.

O exercicio en común da medicina poderá exercerse por medio de sociedades profesionais constituídas consonte o disposto na lei e disposicións que a desenvolven. Será requisito imprescindible que a sociedade estea inscrita no Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais.

Artigo 88º.-Rexistro de Sociedades Profesionais.

1. Créase o Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Pontevedra, no cal deberán inscribirse, conforme a lei, todas as sociedades profesionais médicas que actúen na demarcación colexial.

Para tal efecto, sen prexuízo da constatación informática, abrirase un libro rexistro de sociedades profesionais en que se anotarán pola súa orde as inscricións consignen a súa data e dándolle o número de inscrición conseguinte.

2. O rexistro constará das seguintes mencións:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e descrición identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante; e duración da sociedade se se constituíse por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

3. Tamén deberá ser obxecto de inscrición neste rexistro calquera cambio de socios ou de administradores, así como calquera modificación do contrato social.

4. A inscrición xerará as correspondentes cotas de rexistro que deberán ser aprobadas pola Xunta Directiva do colexio.

Artigo 89º.-Réxime disciplinario das sociedades profesionais.

1. As sociedades profesionais e os profesionais médicos que actúen no seu seo, exercerán a súa actividade profesional de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario do colexio.

2. Sen prexuízo das demais medidas que procedan, poderá suspenderse polo tempo máximo previsto no Código Deontolóxico a efectividade da inscrición da sociedade no rexistro colexial, cando os seus administradores, sexan ou non médicos, incorran en infracción deontolóxica grave.

Título XIV

Disolución do colexio e réxime de liquidación

Artigo 90º

O colexio soamente poderá disolverse por causa prevista na lei, en tal caso, a Asemblea Xeral nomeará unha comisión liquidadora que se limitará a practicar con axuda dos expertos necesarios as operacións de liquidación do patrimonio colexial, pagará con cargo aos activos as débedas e obrigas colexiais de lexítimo aboamento que resulten da contabilidade auditada e entregará os activos remanentes da liquidación a outra institución ou corporación profesional legal de análogos fins.

Disposicións transitorias

Primeira.

Co fin de acomodar a composición actual da Xunta Directiva ao previsto nestes estatutos, establécense as seguintes normas:

a) As primeiras eleccións conforme estes estatutos terán lugar ao termo do mandato dos actuais cargos.

b) En caso de producirse vacantes antes da realización das eleccións rexe o disposto no artigo 32 destes estatutos.

c) Os períodos de mandato do artigo 22º.1 computaranse a partir das primeiras eleccións realizadas conforme estes estatutos.

Segunda.

As seccións colexiais actualmente existentes subsistirán coa organización e atribucións precedentes ata a realización de novas eleccións á Xunta Directiva.

Disposicións adicionais

Primeira.

Autorízase a Asemblea Xeral a ditar os regulamentos de réxime interior para o desenvolvemento destes estatutos.

Segunda.

As remisións que nestes estatutos se fan ao Código de Deontoloxía Médica entenderanse referidas ao aprobado pola Organización Médica Colexial e ao que no seu día aprobe o Consello de Colexios de Médicos de Galicia.

Disposición derradeira

No que non está expresamente sinalado nestes estatutos, observarase o disposto nos estatutos do Consello de Colexios de Médicos de Galicia e, no seu defecto, aplicaranse os estatutos xerais da Organización Médica Colexial, aprobados polo Real decreto 1018/1980, do 19 de maio.