DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2008 Páx. 12.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 12 de xuño de 2008 pola que se convoca o concurso Coid-arte 2008.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o órgano da Administración autonómica ao cal, de conformidade coas previsións do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia e de acordo co establecido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro (DOG nº 195, do 10 de outubro), lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas autonómicas de benestar, incluíndo en particular as relativas á atención das persoas en situación de dependencia.

A atención ás persoas en situación de dependencia constitúe un dos principais retos na política social dos países desenvolvidos. O reto non é outro que atender as necesidades daquelas persoas que, por atoparse en situación de especial vulnerabilidade, requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria e poder exercer plenamente os seus dereitos de cidadanía.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida participar e dar a coñecer a realidade das persoas en situación de dependencia e o seu contorno, convoca unha serie de actividades que constitúen o concurso Coid-arte 2008, que presenta dúas modalidades; por unha parte, un concurso creativo e cultural nas modalidades de fotografía, pintura e unha terceira denominada Mistur-arte (miscelánea), dirixido a persoas en situación de dependencia, e unha segunda modalidade de boas prácticas, en que se premiarán aquelas entidades que demostren ter desenvolvidas actuacións e iniciativas de boas prácticas de cara á promoción da autonomía e á atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, desde unha perspectiva de inclusión social.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente (DOG nº 23, do 21 de marzo), modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 149, do 4 de agosto), e polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar,

Dispoño:

CAPITULO I

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o concurso Coid-arte 2008, incluído na páxina web Coidanet, que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe o concurso creativo dos usuarios da páxina web Coidanet e o concurso de boas prácticas das entidades públicas e privadas que leven a cabo proxectos relacionados coa promoción da autonomía persoal e a atención ás situacións de dependencia.

Artigo 2º.-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste concurso serán con cargo á partida orzamentaria 0541312E6401 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cunha contía de 6.300 euros para a modalidade creativa, unha contía de 2.100 euros para o concurso de boas prácticas e unha contía de 2.000 euros para gastos de xestión.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes dos/das participantes deberán facerse no impreso normalizado (anexo I).

2. As solicitudes deberán ir acompañadas dun sobre en que se incluirá, sen prexuízo do prescrito para cada modalidade no capítulo II desta orde, a seguinte documentación:

-Boletín de inscrición (anexo II), debidamente cuberto.

-Fotocopia do DNI polas dúas caras, do NIF no caso das entidades ou de calquera outro documento oficial que acredite suficientemente a identidade do/a participante.

-No caso de tratarse de descendentes de galegos no exterior, admitiranse obras presentadas por persoas descendentes ata o segundo grao de consanguinidade. Ademais da documentación anterior, deberán achegar tamén a documentación oficial que acredite a identidade da persoa de que din descender e a documentación acreditativa do parentesco existente.

-Declaración responsable de que o traballo artístico ou cultural non foi premiado en ningún outro concurso ou certame.

-Autorización asinada polo/a participante onde conste que este permite a exposición do seu traballo na páxina web: www.coidanet.com.

3. As solicitudes deberán dirixirse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e poderán presentarse, xunto co resto da documentación, no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou no rexistro da delegación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da provincia en que residan habitualmente, sen prexuízo do previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación será ata o 30 de setembro de 2008 inclusive, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación por parte da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral de Benestar, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 5º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección que será nomeada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar para cada modalidade e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de sete vogais. Actuará como presidenta a secretaria xeral do Benestar ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán funcionarios e persoal laboral da Administración pública e a secretaría recaerá nun funcionario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con voz pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.coidanet.com, con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da Comisión de Selección serán inapelables.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución.

1. As solicitudes admitidas a trámite remitiránselle á Comisión de Selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade e, de conformidade co baremo establecido para cada premio na convocatoria, proporá a adxudicación de tres premios por modalidade e redactará a proposta de resolución. Corresponderalle ditar a resolución á secretaria xeral do Benestar, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

2. A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación especificado no artigo 4º. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnado directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

CAPÍTULO II

Condicións específicas

Sección primeira

Concurso creativo

Artigo 7º.-Descrición.

É un concurso artístico e cultural nas modalidades de fotografía, pintura e Mistur-arte, que se desenvolverá de acordo coas seguintes prescricións:

7.1. A participación será a título individual.

7.2. O solicitante será unha persoa en situación de dependencia rexistrada, no momento de presentar a solicitude, como usuario do portal Coidanet.

7.3. As obras presentadas serán orixinais e inéditas.

7.4. O lema para o concurso creativo será: Podemos, facemos, participamos. Todas as obras presentadas estarán inspiradas ou relacionaranse co lema proposto.

7.5. No caso da modalidade fotográfica, a técnica será libre. Pódense presentar reproducións en branco e negro ou en cor.

7.6. No caso da modalidade pictórica, tanto as técnicas como o soporte e o estilo serán así mesmo libres.

7.7. Na modalidade Mistur-arte, aceptaranse obras ou producións orixinais que non se poidan incluír nas dúas modalidades anteriores, tales como traballos de cestaría, coiro, estaño, bordado e calquera outro material que o usuario empregue na confección da obra presentada. Exceptúanse dentro deste punto e para esta convocatoria os traballos presentados en soportes audiovisuais.

Artigo 8º.-Finalidade.

Fomentar a participación das persoas usuarias da páxina web Coidanet, facilitando un marco de exposición das súas inquedanzas artísticas e da súa realidade social.

Artigo 9º.-Destinatarios/as.

Poderán participar no concurso todas as persoas usuarias da páxina web Coidanet, galegas ou non, con residencia efectiva nalgún municipio de Galicia. Así mesmo, tamén poderán participar no concurso todas as persoas galegas e os seus descendentes que residan fóra das fronteiras de Galicia. Para se presentar ao concurso é imprescindible atoparse rexistrado/a na páxina web Coidanet, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Enténdense por usuarios da páxina web Coidanet, para os efectos de participar no concurso creativo, aqueles que están rexistrados nesta como persoas en situación de dependencia.

Non poderán concursar aquelas persoas que manteñan unha relación contractual con algunha empresa vinculada ás modalidades do concurso creativo, que leven a cabo traballos directamente relacionados con elas ou dados de alta como autónomos/as nunha actividade que teña relación coas ditas modalidades.

A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta orde e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas.

Artigo 10º.-Documentación específica para engadir á referida no artigo 3º.2 desta orde.

1. O traballo sen que figure ningún dato que identifique o/a autor/a.

-Na modalidade fotográfica, esta achegarase en tamaño medio estándar (aprox. 20×25 cm), adherida a un folio (preferentemente DIN A-4), en que figurará a ficha técnica da obra no seu reverso. A fotografía presentarase tamén en CD.

-A ficha técnica da obra indicará o título, a técnica empregada, a data de realización e unha breve presentación da obra que a relacione co lema do concurso.

-Na modalidade de pintura, achegarase a obra, que terá unhas dimensións máximas de 75x75 cm, sen estar protexida por cristal ou calquera outro material que poida romper. A colocación de marco é opcional. A obra irá acompañada dun folio (preferentemente DIN A-4), en que figurará a ficha técnica da obra no seu reverso.

-A ficha técnica indicará o seu título, a data de realización, explicación da técnica empregada e unha breve presentación da obra que a relacione co lema do concurso.

-Na modalidade de Mistur-arte, achegarase a obra nunha embalaxe que garanta a súa integridade. A obra irá acompañada dun folio (preferentemente DIN A-4), en que figurará a ficha técnica desta.

-A ficha técnica indicará o título, ano de realización, explicación das técnicas e materiais empregados e unha breve presentación da obra que a relacione co lema do concurso.

2. Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do/da autor/a e no cal irá a seguinte documentación:

-No caso das persoas non galegas, residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento.

-No caso de que o participante sexa menor de idade, autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

-Declaración responsable en que se faga constar que o concursante non mantén relación contractual con ningunha empresa vinculada ás modalidades deste concurso, levando a cabo traballos directamente relacionados con ela ou que non está dado de alta como autónomo/a nunha actividade relacionada coas ditas modalidades.

-Declaración responsable de que o traballo non forma parte doutra exposición e que está en propiedade do/da autor/a.

Artigo 11º.-Traballos e premios.

1. A presentación dos traballos supón a aceptación das bases desta convocatoria.

2. Cada concursante só poderá presentarse a unha das modalidades e presentar un único traballo.

3. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras presentadas.

4. Os traballos presentados polos/as participantes non poderán ter sido premiados noutros certames ou concursos.

5. A Secretaría Xeral do Benestar quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer os/as participantes.

6. A Secretaría Xeral do Benestar reserva para si o dereito para a exhibición, reprodución ou publicación do contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitación que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

7. Establécense os seguintes premios para cada modalidade:

-Un primeiro premio de 900 euros.

-Un segundo premio de 700 euros.

-Un terceiro premio de 500 euros.

8. Con carácter xeral, poderánselles outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante. Así mesmo, poderánselles conceder mencións de honra, que carecerán de dotación económica, ás obras dos/das participantes menores de idade para os efectos de recoñecemento da súa participación.

9. Cada participante non poderá recibir máis ca un premio.

10. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán aboadas en metálico e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

11. Entregaránselles diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

12. Segundo a calidade dos traballos, poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se vai repartir será de xeito directamente proporcional ao número de traballos premiados.

Artigo 12º.-Criterios obxectivos.

1. Os traballos presentados valoraranse de 1 a 10 puntos e os criterios para a asignación destes serán os que a seguir se detallan:

-A promoción da vida autónoma.

-A prevención da dependencia.

-A participación das persoas en situación de dependencia na comunidade.

Artigo 13º.-Destino e devolución dos traballos.

1. Os traballos dos participantes premiados quedarán en posesión da Secretaría Xeral do Benestar.

2. Os traballos dos participantes non premiados ou, se é o caso, o que presentou no seu lugar, poderán ser retirados por eles ou pola persoa autorizada no lugar que determine a Secretaría Xeral do Benestar, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da Comisión de Selección. Transcorrido este prazo, os traballos non retirados quedarán á disposición da Secretaría Xeral do Benestar e poderán ser destruídos ou utilizados na forma que se considere oportuna.

3. A Secretaría Xeral do Benestar reserva para si o dereito a montar exposicións e/ou a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

4. A Secretaría Xeral do Benestar poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as modalidades incluídas nesta convocatoria, propiciando mostras itinerantes en Galicia e noutras comunidades autónomas e, se é o caso, a edición de catálogos e outros soportes diferentes dos traballos presentados.

Sección segunda

Concurso de boas prácticas

Artigo 14º.-Descrición.

1. Concurso en que se premiarán aquelas entidades rexistradas como entidades prestadoras de servizos sociais na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que demostren estar a desenvolver actuacións e/ou iniciativas de boas prácticas de cara á promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, desde unha perspectiva de inclusión social, de acordo co lema desta convocatoria recollido no artigo 7º.

2. As actuacións neste ámbito levadas a cabo polas entidades poderán ser:

-Elaboración e posta en marcha deste tipo de iniciativas e/ou desenvolvemento de actuacións específicas.

-Participación xunto con outras entidades en accións específicas no ámbito da promoción da autonomía persoal e da atención á dependencia.

-Actuacións de integración das persoas en situación de dependencia no seu contorno.

-Actuacións encamiñadas á igualdade de oportunidades.

3. Para esta convocatoria, o formato elixido para as presentacións dos traballos será o da curtametraxe de vídeo, que terá unha duración máxima de cinco minutos. O enfoque, técnicas, distribución de contidos e medios para a súa realización serán libres. O traballo deberá ir acompañado dunha memoria explicativa das actividades desenvolvidas. A memoria explicativa en ningún caso substituirá a curtametraxe de vídeo, soamente poderá ser utilizada pola Comisión de Selección como ferramenta auxiliar de valoración, no caso de que o considere necesario.

4. Soamente se admitirá unha presentación por entidade.

Artigo 15º.-Finalidade.

1. Divulgar as actuacións e/ou iniciativas que se especifican no artigo 14º levadas a cabo por entidades que traballan no ámbito da promoción da autonomía e atención ás situacións de dependencia, de acordo co lema desta convocatoria recollido no artigo 7º.

2. Recoñecemento e publicidade das entidades que realizan estas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Destinatarios/as.

Poderán participar no concurso aquelas entidades de iniciativa social rexistradas como entidades prestadoras de servizos sociais na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e administracións públicas que desenvolvan actuacións e/ou iniciativas de boas prácticas para a promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, desde unha perspectiva de inclusión social.

Artigo 17º.-Documentación específica para engadir á referida no artigo 3º.2 desta orde.

17.1. Curtametraxe de vídeo en formato CD, sen que figure ningún dato que identifique o/a autor/a.

17.2. A memoria explicativa, sen que figure ningún dato que identifique o/a autor/a.

17.2.1 A memoria das actuacións e/ou proxectos levados a cabo que ocupará un máximo de 45 páxinas numeradas e redactadas a unha cara, incluíndo os anexos, en tamaño A4, cun interliñado dobre e utilizando o tipo de letra Arial tamaño de 12 puntos. Se se presentasen máis de 45 páxinas, as adicionais non se terán en conta na avaliación, tanto se pertencen á memoria ou aos anexos.

A memoria comprenderá as seguintes seccións:

i. Portada.

ii. Índice.

iii. Contextualización resumida da entidade: descrición, obxectivos, ámbito de actuación, organización intern

iv. Responsable ou responsables das actuacións levadas a cabo.

v. Descrición completa das actuacións que foron desenvolvidas en que se inclúa:

-Punto de partida, xustificación destas e obxectivos.

-Accións, procedementos e recursos que se puxeron en práctica para desenvolver as actuacións, sinalando con claridade os ámbitos en que se actuou, que poden ser varios á vez, a temporalización das actuacións, o plan de seguimento e a avaliación, así como as medidas emprendidas para dar visibilidade e difundir a experiencia.

vi. Valoración dos resultados obtidos.

vii. Calquera outra información que se considere necesaria.

17.3. Un sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo da entidade e en que irá a seguinte documentación:

-Fotocopia acreditativa de que a entidade figura inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Declaración xurada do responsable da entidade de que o proxecto está realizado pola propia entidade que se presenta ao concurso.

Artigo 18º.-Traballos e premios.

1. A presentación dos traballos supón a aceptación das bases desta convocatoria.

2. Cada entidade só poderá presentar un único traballo.

3. Os traballos presentados polas entidades non poderán ter sido premiados noutros certames ou concursos.

4. A Secretaría Xeral do Benestar quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer os/as participantes.

5. A Secretaría Xeral do Benestar reserva para si o dereito para a exhibición, reprodución ou publicación do contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

6. A Secretaría Xeral do Benestar poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados nesta convocatoria.

7. Establécense os seguintes premios:

-Un primeiro premio de 900 euros.

-Un segundo premio de 700 euros.

-Un terceiro premio de 500 euros.

8. Con carácter xeral, poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, a aquelas memorias que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden calidade bastante.

9. Cada entidade non poderá recibir máis ca un premio.

10. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán aboadas en metálico e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

11. Entregaránselles diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

12. Segundo a calidade dos traballos, poden ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se vai repartir será de xeito directamente proporcional ao número de traballos premiados.

Artigo 19º.-Criterios obxectivos.

1. Os traballos presentados valoraranse de 1 a 10 puntos e os criterios para a asignación destes serán os que a seguir se detallan:

-A participación das persoas en situación de dependencia na comunidade.

-A igualdade de oportunidades.

-Actuacións innovadoras no ámbito da promoción.

-A incorporación das novas tecnoloxías ao servizo da atención á dependencia.

-A orixinalidade do guión e posta en escena da curtametraxe de vídeo.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral do Benestar para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "12300D001P006.PDF"