DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2008 Páx. 11.981

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE de 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, establece que a explotación de recursos mariños en Galicia terá como obxectivos, entre outros, a preservación dos recursos e a rendibilidade bioeconómica. Ademais prevé a actuación da Administración autonómica orientada a regular o esforzo pesqueiro en orde a garantir o equilibrio entre a explotación sustentable e responsable dos recursos e a súa conservación. En concreto, regula que establecerá as normas para o exercicio da actividade encamiñada á explotación dos recursos mariños nas súas distintas modalidades, entre outras, as relativas ás cotas ou aos topes máximos de captura.

A Orde do 30 de abril de 2007, pola que se regula, a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas, establece as cotas máximas de captura por buque e período de tempo para as especies de sardiña e xurelo, co obxecto de regular o esforzo pesqueiro, garantir a conservación e xestión sustentable das súas poboacións e mellorar a comercialización, mantendo o nivel adecuado dos prezos e ingresos dos pescadores.

O seguimento desta campaña e a situación do stock de xarda (Scomber scombrus) recomendan que a regulación do esforzo pesqueiro se estenda tamén a esta especie, considerando necesario establecer unhas cotas de desembarques e un control destas.

Por outra banda, como a xarda tamén é capturada por outras artes, á parte do cerco, considérase necesario establecer uns límites de desembarque para o censo de artes menores.

Polo tanto, logo da consulta co sector afectado, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

Esta orde ten por obxecto regular as capturas e desembarques de determinadas especies de pequenos peláxicos de buques autorizados a exercer a pesca de cerco e artes menores que desembarquen as súas capturas nos portos do ámbito territorial desta comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Volume de desembarques diarios para o cerco.

Os buques ateranse no volume de desembarques aos seguintes topes máximos diarios, respectando, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidas:

Sardiña (Sardina pilchardus): 7.000 kg/embarcación/día

Parrocha (sardiña de 11 a 15 cm de talla): 2.000 kg/embarcación/día.

Xurel (Trachurus trachurus): 6.000 kg/embarcación/día.

Xarda (Scomber scombrus): 1.500 kg/tripulante/día.

Mestura ou varios (entendéndose por mestura cando a especie máis abundante non supere o 80% do total das capturas): 10.000 kg/embarcación/día.

Os límites diarios establecidos no punto anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais.

Artigo 3º.-Volume de desembarques diarios para artes menores.

Os buques ateranse no volume das súas desembarques aos seguintes topes máximos diarios, respectando, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidos:

Xarda (Scomber scombrus): 1.000 kg/tripulante/día.

Os límites diarios establecidos no punto anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais.

Artigo 4º.-Cesión de excedentes para embarcacións de cerco e artes menores.

Se as capturas obtidas superasen as cantidades sinaladas, a cesión dos excedentes a outras embarcacións poderán facerse unicamente cando se leve a cabo no mar, fóra do porto, quedando prohibido o transbordo e traspaso deles noutras condicións.

No caso de que a especie capturada fose a xarda, autorízase a cesión no mesmo porto, sempre e cando as dúas embarcacións estean presentes.

Artigo 5º.-Portos de desembarque.

Para a descarga de especies peláxicas pola flota do cerco, autorízanse os seguintes portos: Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro, Cariño, Cedeira, Sada, Corcubión, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Portosín, Aguiño, Ribeira, Cambados, Portonovo, Marín, Bueu e Vigo.

Non obstante, segundo o disposto no punto 3º do artigo 16 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, se os lotes vendidos por telefonía se pretenden descargar nun porto distinto ao da venda, a entidade concesionaria da lonxa ou a responsable do centro de venda estará obrigada a comunicalo de forma inmediata á Sala de operacións da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia (fax: 981 54 40 31), non podendo realizarse a descarga ata dúas horas despois de ser transmitida a devandita documentación.

Para a descarga das especies peláxicas con artes menores se autorízanse todos os portos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Utilización de portos diferentes ao de base.

Os buques poderán utilizar, con carácter circunstancial, para as súas actividades pesqueiras portos diferentes ao do seu porto base, coas seguintes limitacións:

O cumprimento da normativa específica do porto.

O estrito respecto dos usos e costumes dos pescadores locais.

A capacidade de atraque e subministración dos servizos básicos.

Artigo 7º.-Tallas mínimas de xurelo.

De acordo co disposto nos regulamentos (CE) polos que se establecen para cada ano as posibilidades de pesca e as condicións correspondentes para determinadas poboacións e grupos de poboacións de peixes, aplicables en augas comunitarias, e no caso dos buques comunitarios en demais augas onde sexa necesario establecer limitacións de capturas, no caso do xurelo (Trachurus spp.), admitirase un 5% en peso e en cómputo total, con talla comprendida entre os 12 e 14 cm. Para os efectos do control desta cantidade, aplicarase o coeficiente 1,2 ao peso dos desembarques.

Para os efectos de control e xestión desta cota, as correspondentes federacións provinciais de confrarías de pescadores e asociacións remitiranlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños, antes do día 15 de cada mes, a información relativa ás cantidades de xurelo de talla comprendida entre 12 e 14 cm capturadas durante o mes anterior.

Artigo 8º.-Horario de pesca.

Establécese o seguinte horario de pesca para as embarcacións de cerco: desde as 12.00 horas do luns ata as 16.00 horas do venres. As horas que se sinalan entenderanse como de saída e chegada ao porto. Poderase modificar o devandito horario en circunstancias excepcionais, logo de autorización da Dirección Xeral de Recursos Mariños, sempre e cando non supoña un incremento de esforzo en cómputo semanal.

O horario de pesca para as embarcacións de artes menores será o establecido no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos permisibles en Galicia.

Artigo 9º.-Sancións.

O incumprimento do establecido nesta orde sancionarase segundo o establecido na Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia, ou aquela que a modifique ou substitúa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 30 de abril de 2007 pola que se regula a captura e desembarque de determinadas especies peláxicas durante a campaña de 2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para ditar as resolucións precisas para o mellor cumprimento do aquí establecido.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos