DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 18 de xuño de 2008 Páx. 11.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2008 pola que se convocan varios cursos de formación continua para o persoal da Xunta de Galicia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2008 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2º da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo,

RESOLVO:

Convocar os cursos de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2008 cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración da Xunta de Galicia que se atopan en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos casos no anexo II. Exceptúase o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral, que disporá das súas propias e exclusivas convocatorias.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda.-Acceso ás actividades, datas e lugares de realización.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos e as preferencias exixidas para cada curso nos anexos II e III. A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos centros directivos.

Os cursos realizaranse coa duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo II. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP, http://egap.xunta.es.

Esta convocatoria estrutúrase en accións formativas de carácter xeral e específicas, referidas todas elas ás seguintes áreas: dirección e xerencia pública, economía e finanzas, recursos humanos, recursos materiais e tecnolóxicos, procesos de traballo, normativa e organización autonómica, específicas do sector competencial, idioma, coñecementos transversais e outros. As accións formativas de carácter xeral teñen por obxecto ofrecer un currículo básico horizontal que capacite os empregados públicos para realizar funcións e tarefas en calquera posto de traballo ao longo da súa carreira profesional. Correspóndese con funcións, coñecementos e habilidades que son xenéricas e constitúen as bases da organización e o funcionamento da Administración. As accións formativas específicas comprenden o conxunto de actividades formativas cuxo obxectivo está directamente relacionado coa adaptación permanente ao posto de traballo que se desempeña e que inclúen contidos basicamente sectoriais que

afectan competencias específicas.

Terceira.-Solicitudes.

A) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, non sendo admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para lles enviar mensaxes aos candidatos.

B) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

C) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecido ou sexan presentadas fóra de prazo.

D) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

-Ordenador con conexión á internet.

-Calquera navegador web co plugin de flash.

-Conta de correo electrónico especificada correctamente na solicitude.

E) As solicitudes cubertas adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a correspondente documentación por fax ao número 981 54 63 30 ou correo electrónico ao enderezo autonomico.egap@xunta.es, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

F) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de se encontraren varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

G) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 2 xullo de 2008.

H) O número máximo de cursos en que se pode solicitar participar nesta convocatoria limítase a cinco. Non se terán en conta as matrículas que excedan este número.

I) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nas mesmas datas.

Cuarta.-Formulario normalizado de solicitude.

A) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula.

B) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

C) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

D) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 63 40, ou fax: 981 54 63 30 ou enderezo de correo electrónico matricula.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta.-Criterios de selección.

A) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 7, do 10 de xaneiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa sinalados no anexo III.

Para os efectos do previsto no punto segundo, alínea 4ª da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 80% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 20% restante a antigüidade na Administración de acordo coa fórmula que se vai empregar, que se publicará na páxina web da EGAP.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

B) Nos cursos que teñan varias edicións, terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que teña o seu posto de traballo nelas.

C) A EGAP poderá solicitar en calquera momento, nos centros directivos dos cales dependan os solicitantes, un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso nas accións formativas específicas.

D) Así mesmo, poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.

E) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

Sexta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica aqueles que faciliten os seus datos na solicitude. As persoas que non figuran na relación non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º.b da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) A EGAP solicitaralle, de ser o caso, ao centro directivo en que está adscrita a persoa preseleccionada ou á xefatura de persoal da entidade correspondente, a documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude así como a certificación de que a materia do curso ten relación co posto de traballo.

C) O persoal preseleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así sexan acreditadas documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días hábiles ao do inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente a causa que a produce suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

D) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de admitidos ao curso. A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade en caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

E) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima.-Asistencia aos cursos.

Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Oitava.-Certificados.

A) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

B) Outorgaráselle certificado de aproveitamento ao alumnado dos cursos que así se regule na convocatoria e requirirase, como mínimo, cumprir o control de asistencia establecido na actividade, desenvolvemento, avaliación da aprendizaxe mediante diferentes instrumentos segundo a actividade e superación do sistema de avaliación axeitado a cada actividade do cal se terá coñecemento antes do comezo da actividade formativa. En caso de non superar as probas, tampouco se facilitará certificado de asistencia.

C) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente se poderá autorizar a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de dez (10) días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. A ausencia, mesmo xustificada, superior ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma

D) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatoria das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

E) Para poder superar os cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

-Asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

-Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

-Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. En cada curso estimarase un tempo mínimo que será comunicado polas titorías ao seu inicio.

O alumnado deberá superar unha proba final, de carácter presencial, que terá lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado nesa proba e cumprir os demais requisitos con anterioridade.

F) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Novena.-Facultades da EGAP.

A) A EGAP resolverá aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así se exixa por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, para o cal informará o grupo de traballo da Comisión Autonómica de Formación Continua. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

B) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

C) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

D) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

Ver referencia pdf "11700D008P010.PDF"