DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 18 de xuño de 2008 Páx. 11.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 124/2008, do 22 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria na PO-325 (Vigo-A Ramallosa). Clave PO/07/045.06.

Con data do 29 de abril de 2008, o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou o proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria na PO-325 (Vigo-A Ramallosa). Clave PO/07/045.06.

O dito proxecto consiste nunha reordenación viaria a favor da seguranza dos usuarios e da integración paisaxística da vía no seu ámbito inmediato. Esta actuación desenvólvese na totalidade da PO-325 de 15,79 km de lonxitude, entre os concellos de Vigo e Nigrán.

O continuo e profuso crecemento dos asentamentos poboacionais arredor da periferia de Vigo, en contreto no litoral sur da cidade, que abrangue tamén Nigrán, demanda unha mobilidade de curto percorrido, que na zona obxecto da actuación se encamiña a través da PO-325, onde se mesturan tráficos de paso, urbanos, peonís e incluso ciclistas na mesma sección de paso.

Esta actuación incide na protección da seguridade viaria dos diferentes usuarios da vía. No caso dos condutores mediante o acondicionamento das interseccións ao longo do treito que eviten movementos de risco e axuden a comprensión e ordenación do tráfico. E no caso dos ciclistas e peóns, dótaos dunha opción de mobilidade ao longo do treito, que non está comprometida pola circulación dos vehículos de motor.

A teor do previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación do devandito proxecto implica a declaración de utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición de dereitos correspondentes para os efectos de expropiación.

As razóns antes expostas aconsellan unha actuación urxente coa finalidade fundamental de permitir a posta en funcionamento, no prazo máis breve posible, dunha estrada que non só supoña adecuarse aos niveis do tráfico existente na zona, senón que reducirá o risco de accidentes.

Polo exposto, cómpre acudir ao procedemento de expropiación urxente previsto na Lei de expropiación forzosa.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no antes citado proxecto de trazado.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, en virtude do previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción das transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, e en aplicación do establecido no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de maio de dous mil oito.

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, que se concretan no expediente administrativo instruído, para os efectos de expropiación, para a execución do proxecto de trazado de mellora da seguridade viaria na PO-325 (Vigo-A Ramallosa). Clave PO/07/045.06.

Santiago de Compostela, vinte e dous de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes