DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 18 de xuño de 2008 Páx. 11.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 122/2008, do 29 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribas de Sil, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de traída de augas a San Clodio.

O Concello de Ribas de Sil, en sesión que tivo lugar o día trinta de abril de dous mil sete, aprobou o proxecto denominado traída de augas a San Clodio e, na sesión do once de febreiro de dous mil oito, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o mesmo contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na comisión de secretarios xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a intención é a construción dunha nova traída de auga potable e así pode dar servizo aos núcleos de poboación que non dispoñen desta, o que evitaría a existencia de riscos para a salubridade pública e repercusións no ambiente, e máis aínda na saúde das persoas, polas consecuencias que pode conlevar non prestar un servizo de auga potable aos veciños do concello, e que coa execución da obra repercutiríase favorablemente na vida e na salubridade dos núcleos afectados e posibilitaría que desde a Administración local se acadase o cumprimento das súas obrigas normativas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de maio de dous mil oito.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribas do Sil, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado traída de augas a San Clodio, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e nove de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza