DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2008 Páx. 11.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de xuño de 2008 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura convocadas pola Orde do 20 de febreiro de 2008.

A Orde do 20 de febreiro de 2008, pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de investimentos relativos á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, aprobadas pola Orde do 17 de xullo de 2000, e se particulariza para o exercicio 2008 o devandito procedemento (DOG nº 40, do 26 de febreiro), establece no seu artigo 2º o importe da contía máxima das axudas que ao seu abeiro poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba de xeito sobrado a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da maior parte das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 2 da Orde do 20 de febreiro de 2008, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 20 de febreiro de 2008 coa finalidade de achegalas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 20 de febreiro de 2008 (DOG nº 40, do 26 de febreiro) en 570.808,70 euros, con cargo á aplicación 14.03.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos