DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2008 Páx. 11.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de xuño de 2008 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas, destinada a alumnos/as de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica de centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, que ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, atribúe á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 11, indica que todos os ciclos formativos de formación profesional específica incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

De acordo co anterior, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, é consciente de que as prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación en centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico e pedagóxico por achegar ao alumnado a unha situación real no contorno produtivo similar ao que vai atopar na súa nova vida profesional.

En consecuencia, e no uso das competencias que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Ao abeiro do artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas para os/as alumnos/as que realicen a formación práctica en empresas correspondentes aos ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.422K.480.0, por un importe total máximo de 95.000 euros, dos orzamentos da comunidade autónoma para 2008.

Artigo 2º.-Requisitos.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as nas ensinanzas de formación profesional específica ou ciclos formativos de formación profesional específica en centros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e cumpran os requisitos establecidos neste artigo.

2.2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polo/a interesado/a e teñan o visto e prace do director/a do centro conforme reúnen todos os requisitos exixidos.

2.3. Ter aprobados todos os módulos profesionais do ciclo formativo realizados no centro educativo.

2.4. Unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes.

Os/as alumnos/as que reúnan os requisitos exixidos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os/as alumnos/as do ciclo medio de acuicultura e ciclo medio de mergullo: nun prazo de 40 días naturais a partir da data de publicación desta orde no DOG.

b) Para os/as alumnos/as dos ciclos medios e superiores de: Pesca e transporte marítimo, Operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque, Navegación, pesca e transporte marítimo, Supervisión e control de máquinas e instalacións do buque e Produción acuícola: nun prazo de 40 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta Orde no DOG.

c) Para os/as alumnos/as que, unha vez superados os módulos que tivesen pendentes, xa remataran ou estean realizando a súa formación práctica en empresas: nun prazo de 40 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 4º.-Criterios que determinan a contía das axudas.

Os criterios que determinan a contía das axudas son:

4.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun raio de menos de 6 km: 2,5 euros.

-De 6,0 a 15,9 km: 4,5 euros.

-De 16,0 a 30,9 km: 5,5 euros.

-De 31,0 a 50 km: 7,5 euros.

-Máis de 50 km (con retorno no día): 9,5 euros.

-Máis de 50 km (sen retorno no día): 30 euros.

4.2. O número máximo de xornadas para os/as alumnos/as dos ciclos formativos serán as suficientes para completar as horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá superar os 750 euros no ciclo superior de produción acuícola e os 1.015 euros nos ciclos medios de acuicultura e mergullo.

4.3. Os/as alumnos/as con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de formación en centros de traballo (en diante FCT) se as condicións da empresa ou de embarque e de desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellasen.

4.4. Cando a empresa estea a menos de 1 km de distancia dos centros residenciais de Vigo e de Ferrol o alumno non percibirá ningunha axuda polo transporte.

4.5. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, na elaboración do proxecto económico os centros seguirán os seguintes criterios:

a) Para os/as alumnos/as que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no punto 4.1.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 9 euros por día.

4.6. Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia o alumno percibirá unha axuda complementaria máxima total de 170 euros polos gastos da viaxe. No caso de ter dereito a esta axuda complementaria polo embarque excluirá a percepción desta polo desembarque, e viceversa.

4.7. Aos/ás alumnos/as do ciclo medio de mergullo que teñan que realizar a FCT fóra da súa comunidade autónoma por falta de empresas relacionadas co sector, seralles de aplicación directa o recollido no punto 4.2.

4.8. Cando os/as alumnos/as realicen parte da FCT nun país estranxeiro e subvencionada por unha entidade pública poderán completar as horas de formación práctica na Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ás axudas establecidas nesta orde aínda que superen o tope establecido no número 4.2.

4.9. Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para axustar a dita contía en función da distancia, días de embarque e do orzamento dispoñible. Neste caso comunicaráselle aos/ás interesados/as a modificación efectuada.

4.10. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil.

4.11. Os/as alumnos/as dos ciclos medio e superior de ponte realizarán a totalidade da FCT embarcados/as e os do ciclo medio e superior de máquinas realizarán polo menos un 50% da FCT en barcos de pesca ou mercantes. Estas porcentaxes poderán ser modificadas coa autorización expresa do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, cando circunstancias persoais ou familiares así o aconsellen.

Artigo 5º.-Comisión de Selección e Seguimento das axudas.

5.1. Para o estudo das solicitudes presentadas e selección dos bolseiros constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

-O delegado/a territorial correspondente ou persoa en quen delegue.

-Un/a funcionario/a do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras

-O director/a do centro.

-O xefe/a de estudos do centro.

-Un/a funcionario/a do centro, que actuará como secretario/a, con voz e voto.

5.2. Das reunións celebradas pola comisión a que se refire o punto anterior, redactarase acta que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

5.3. As solicitudes de axudas deberán ser estudadas e comprobadas para seleccionar as que reúnan as condicións establecidas.

5.4. A comisión fará unha proposta de resolución provisional motivada ao órgano que resolva, na que figure a relación de beneficiarios que reúnen as condicións e os rexeitados, alegando as causas da súa denegación.

5.5. Publicado a listaxe e resolución provisional no taboleiro de anuncios do centro, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

5.6. Transcorrido o dito prazo, e resoltas as alegación presentadas, de ser o caso, a comisión tramitará a proposta de resolución definitiva que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 6º.-Resolucións.

6.1. A directora xeral, a proposta da comisión, aprobará a proposta de resolución definitiva por delegación expresa da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos. A listaxe definitiva de adxudicatarios/as publicaranse nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos, conferíndolles un prazo de 10 días para que acepten a axuda, transcorrido o cal sen producirse manifestación expresa, sucintamente considerarase aceptada, segundo dispón o artigo 21.5º da Lei de subvencións de Galicia.

6.2. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante os órganos desta xurisdición no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto. Todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

6.3. O prazo máximo para ditar a resolución da concesión das axudas será de 6 meses contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

6.4. A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/as solicitantes que incorran nesta situación e, polo tanto, deberán proceder á devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 7º.-Pagamento das axudas.

7.1. O pagamento das axudas farase dunha soa vez polo importe concedido, logo da certificación do centro de que os/as alumnos/as iniciaron as xornadas prácticas na empresa.

7.2. Xunto coa mencionada certificación deberase acompañar unha declaración de cada un/a dos/as beneficiarios/as manifestando que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

7.3. Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudos.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

8.1. O/a beneficiario/a está obrigado/a ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

8.2. Ademais, está obrigado/a a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

8.3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

8.4. Procederá o reintegro da axuda nos supostos sinalados no título II, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co artigo 6.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia, publicará no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras que rexerán as subvencións obxecto desta orde, así como as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario ao que se imputan, cantidade concedida e finalidade da subvención, segundo dispón o artigo 15 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º de Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web.

Segunda.

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se opoña ao establecido na Lei 9/2007, e nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "11600D008P011.PDF"