DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2008 Páx. 11.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 121/2008, do 22 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade dos treitos antigos da AC-550, p.k. 83+050 ao 83+450 e 90+240 ao 90+750, nas parroquias de Abuín e Cans a prol do Concello de Porto do Son.

Con data do 17 de novembro de 2006 o Concello de Porto do Son asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para execución das obras de saneamento, abastecemento e beirarrúas en Abuín e Cans, no que o mencionado concello, dá a súa conformidade e aceptación á transferencia da titularidade de tramos na AC-550.

O Servizo de Conservación e Explotación da Dirección Xeral de Obras Públicas informa favorablemente a transferencia da titularidade.

Tras a conformidade da Dirección Xeral de Obras Públicas co citado informe, o Concello de Porto do Son manifestou a súa aceptación á transferencia da titularidade con data do 19 de novembro de 2007.

O artigo 54 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia establece que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos concellos respectivos.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes estimou adecuado o cambio de titularidade dos seguintes treitos antigos da estrada AC-550: p.k. 83+050 ao 83+450 (tramo de Cans) e 90+240 ao 90+750 (tramo de Abuín); susceptibles de cesión ao concello por estaren incluídos no Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas, por non dar continuidade a itinerarios ou ser treitos antigos de estradas nas que se fixeron variantes de trazado, tendo en conta que as estradas citadas adquiriron características netamente urbanas.

Nos tramos da estrada AC-550 na que se ten previsto transferir concorren as seguintes características: as actuacións acometidas esténdense a dous tramos da estrada AC-550 que, tras unha modificación de trazado, quedaron relegados a unha función de vía urbana, utilizadas unicamente como acceso ás vivendas lindantes do lugar.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e dous de maio de dous mil oito,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Porto do Son en relación aos seguintes treitos antigos da AC-550, nas parroquias de Abuín e Cans:

-AC-550, p.k. 83+050 ao 83+450 (tramo de Cans).

-AC-550, p.k. 90+240 ao 90+750 (tramo de Abuín).

Artigo 2º

En aplicación do previsto no artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os treitos mencionados incorporaranse á relación de estradas de titularidade do Concello de Porto do Son.

Artigo 3º

Correspóndelle ao Concello de Porto do Son, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Artigo 4º

A entrega da vía formalizarase, durante os dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes