DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2008 Páx. 11.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 120/2008, do 15 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do enlace de Curro na estrada PO-531. Clave PO/06/090.03.

Con data do 27 de marzo de 2008, o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou o proxecto de construción do enlace de Curro na estrada PO-531. Clave: PO/06/090.03.

O dito proxecto ten por obxecto a análise, definición e valoración da remodelación da intersección entre a PO-531 e a antiga C-531 na parroquia de Curro, de xeito que se resolvan os problemas existentes na actualidade, e os que poidan xurdir nun futuro, de capacidade e seguridade viaria, coa consolidación das áreas industrais próximas definidas nos planeamentos do Concello de Barro e do Concello de Meis. Posto que o deseño do enlace actual non está preparado para asimilar os aumentos de tráfico na antiga estrada C-531.

O lugar de Curro na estrada PO-531 no concello de Barro converteuse, e co tempo incrementouse esta situación, nun punto conflitivo para o tráfico das estradas de Galicia. A razón fundamental estriba na concentración de tráficos e actuacións empresariais que se desenvolven nese punto:

-Actual estrada PO-531 en dirección a Vilagarcía de Arousa.

-Conexión coa AP-9.

-Autovía do Salnés en construción.

-Autovía Curro-Vilagarcía de Arousa en proxecto.

-Mellora de capacidade da estrada PO-531 Pontevedra-Curro en proxecto.

-Polígonos industriais de Barro e Meis en execución ou planificación.

Todo este entramado de vías e demandas de tráfico, propio das superficies industriais asentadas moi preto do enlace, fai necesario unha actuación de reordenación da rede viaria que garanta a seguridade e a fluidez do tráfico a todos os usuarios cun novo enlace coa capacidade axeitada.

A teor do previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación do devandito proxecto implica a declaración de utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición de dereitos correspondentes para os efectos de expropiación.

As razóns antes expostas aconsellan unha actuación urxente coa finalidade fundamental de permitir a posta en funcionamento, no prazo máis breve posible, dunha estrada que non só supoña adecuarse aos niveis do tráfico existente na zona, senón que reducirá o risco de accidentes.

Polo exposto, cómpre acudir ao procedemento de expropiación urxente previsto na Lei de expropiación forzosa.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no antes citado proxecto de construción.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, en virtude do previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción das transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, e en aplicación do establecido no artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, que se concretan no expediente administrativo instruído, para os efectos de expropiación, para a execución do proxecto de construción do enlace de Curro na estrada PO-531. Clave: PO/06/090.03.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes