DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2008 Páx. 11.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 3 de xuño de 2008 pola que se fixan as tarifas da mediación familiar en Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º b), como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia, a través de medidas técnicas dirixidas a cubrir as necesidades básicas e a mellorar o contorno familiar. Así mesmo, no artigo 12 a) establece a obrigas dos poderes públicos de desenvolver actuacións preventivas e asistenciais que garantan servizos de información e asesoramento ás familias que, entre outras cousas, procuren a busca de solucións adecuadas ás distintas problemáticas que poden darse no seo da familia.

A mediación familiar regulouse en Galicia por medio da Lei 4/2001, do 31 de maio, como unha actividade de interese público promovida pola Xunta de Galicia, en razón da indubidable utilidade pública que representa a axeitada organización e prestación deste servizo para as familias e as unidades de convivencia estable. O artigo 9.1º da lei, establece que a consellería competente en materia de familia determinará, baseándose nos criterios establecidos na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, as persoas que teñan dereito á gratuidade do servizo de mediación. No parágrafo segundo do mesmo artigo sinálase, así mesmo, que cando o beneficio de mediación gratuíta lle sexa recoñecido a un só dos membros da parella, o outro non terá que aboar máis que a metade do custo da actividade de mediación.

A mediación familiar defínese na exposición de motivos da Lei 4/2001, como unha actividade de interese público promovida pola Xunta de Galicia en razón de indubidable utilidade pública que representa a axeitada organización e prestación deste servizo para as familias e as unidades de convivencia estable, polo que cómpre establecer as tarifas para a cobertura do custo dos procesos de mediación.

Posteriormente, o Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, creou o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e estableceu o recoñecemento da mediación gratuíta, considerando a posibilidade de asinar convenios de colaboración cos correspondentes colexios profesionais ou asociacións para atención da mediación gratuíta.

A Orde do 12 de xuño de 2003 fixa as tarifas da mediación familiar en Galicia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Mediación gratuíta.

O/A mediador/a que interveña nun proceso de mediación familiar, de acordo co previsto no Decreto 159/2003, polo que se regula a figura do/da mediador/a familiar, o Rexistro de Mediadores/as Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta, ten dereito a percibir con cargo a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e, se é o caso, a través do seu colexio ou asociación profesional, os importes que se establecen neste artigo no caso en que ambas as dúas partes teñan recoñecido o dereito á mediación gratuíta:

Por cada unha das sesións: 60 euros, ata un máximo de 6 sesións:

-360 euros, se é a mediación total.

-180 euros, se é a mediación parcial.

No caso de que só unha das dúas partes teña recoñecido o dereito a mediación gratuíta, os referidos importes redúcense á metade.

Artigo 2º.-Mediación non gratuíta.

No caso de que as partes ou unha delas non teñan dereito á mediación gratuítas o importe da sesión inicial non poderá ser superior a 60 euros.

Ademais, na referida sesión inicial as partes e o/a mediador/a establecerán e aceptarán os prezos das seguintes.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 12 de xuño de 2003 pola que se fixan as tarifas da mediación familiar en Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar