DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2008 pola que se fai pública a adhesión de diversas asociacións mexilloeiras ao convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as organizacións máis representativas dos intereses dos sectores implicados na produción, manipulación e transformación do mexillón na comunidade autónoma, para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as empresas galegas produtoras de mexillón.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 8 de febreiro de 2008, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as empresas galegas produtoras de mexillón, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras adheridas e as asociacións de produtores colaboradoras. Estas bases foron publicadas mediante Resolución do 3 de abril de 2008 (DOG nº 69, do 10 de abril).

Xunto co texto das devanditas bases publicouse a relación de entidades financeiras e de asociacións de produtores que se adheriron ao convenio.

Téndose ratificado durante o mes de maio de 2008 a adhesión de diversas asociacións mexilloeiras ao convenio, cómpre facelo público.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e o artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer pública a adhesión da Asociación de Acuicultores Mejilloneros de Galicia (Acuimega), Asociación de Productores Mejilloneros San Amaro, Egrome Sociedad Cooperativa Galega e Asociación de Mexilloeiros Xidoiros á relación de asociacións de produtores adheridas ao convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as organizacións máis representativas dos intereses dos sectores implicados na produción, manipulación e transformación do mexillón na comunidade autónoma, para a habilitación dunha liña de financiamento específica para as empresas galegas produtoras de mexillón, asinado o 1 de abril de 2008.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2008.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica