DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.542

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2008 pola que se publica o Acordo do 30 de maio polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado con Feader, e se convoca o correspondente proceso de selección.

O Consello de Dirección de Agader, na súa xuntanza do 30 de maio de 2008, acordou aprobar as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader e convocar o correspondente procedemento de selección.

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2º a) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural,

RESOLVO:

Publicar o acordo do Consello de Dirección de Agader, do 30 de maio de 2008, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural, e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado con Feader, e se convoca o correspondente proceso de selección.

O citado acordo incorpórase a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2008.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do Programa Leader Galicia 2007-2013; cofinanciado con Feader, e e convoca o correspondente proceso de selección

O Regulamento 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) configura o novo escenario da política de desenvolvemento rural, co obxectivo de promocionar un desenvolvemento rural sostible en toda a comunidade, como complemento das políticas de apoio ao mercado e aos ingresos aplicadas no marco da política agraria común, a política de cohesión e a política pesqueira común.

Sobre a base deste regulamento, e no marco das directrices estratéxicas comunitarias de desenvolvemento rural para o período 2007-2013, o Estado español elaborou o Plan estratéxico nacional de desenvolvemento rural e o Marco nacional de desenvolvemento rural, que foi aprobado por decisión da Comisión Europea do 25 de outubro de 2007. Neste marco, a Comunidade Autónoma de Galicia elaborou o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR), que foi aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión C (2008) 703, do 15 de febreiro.

De acordo cos documentos anteriores, a política de desenvolvemento rural céntrase na consecución de tres obxectivos, a saber, aumento da competitividade dos sectores agrario e forestal, mellora do ambiente e o contorno rural e mellora da calidade de vida e diversificación da actividade económica. As medidas dirixidas a alcanzar eses obxectivos estrutúranse en 4 eixes, sendo un deles o eixe Leader.

Desta forma, e a diferenza dos anteriores períodos de programación, o Leader deixa de ser iniciativa comunitaria para integrarse no contexto máis amplo da programación xeral do desenvolvemento rural, aínda que mantendo a súa concepción orixinaria: outorgar á poboación local, constituída en grupos de desenvolvemento rural (GDR), un poder decisorio para elaborar e aplicar unha estratexia de desenvolvemento de carácter multisectorial a partir do aproveitamento dos recursos endóxenos do propio territorio mediante a aplicación de enfoques innovadores.

De acordo coas directrices estratéxicas comunitarias de desenvolvemento rural, os recursos asignados ao eixe Leader deben contribuír á consecución dos obxectivos prioritarios dos eixes 1, 2 e 3 do Regulamento 1698/2005 antes citado, pero tamén ao obxectivo prioritario horizontal de mellorar a gobernanza e mobilizar o potencial de desenvolvemento endóxeno das zonas rurais. Desta forma, a axuda que se dispensa a través do eixe 4 abre a posibilidade de combinar os tres obxectivos da nova política de desenvolvemento rural no contexto dunha estratexia de desenvolvemento local baseada nas necesidades e características de cada territorio.

Neste marco, o PDR de Galicia deseñou a aplicación do Leader a través da posta en marcha das seguintes medidas:

-Medidas 411, 412 e 413, referidas ás estratexias de desenvolvemento local, co obxectivo de xerar dinámicas de desenvolvemento a través do deseño e aplicación de estratexias por parte da poboación do territorio. Estas medidas están dirixidas á consecución dos obxectivos dos tres eixes definidos no programa: mellora da competitividade do sector agrario e forestal (eixe 1), mellora do ambiente e o contorno rural (eixe 2) e mellora da calidade de vida e diversificación da economía rural (eixe 3).

-Medida 421, referida aos proxectos de cooperación, co obxectivo de potenciar o traballo en rede e contribuír á transferibilidade de iniciativas entre territorios rurais.

-Medida 431, referida ao funcionamento dos GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial, co obxectivo de dotar aos GDR da estrutura e capacidade suficiente para cumprir o seu labor de promoción, dinamización e desenvolvemento do territorio.

O PDR regula un sistema de xestión do Leader en que os GDR seleccionados terán respecto de Agader unha dobre condición:

-Por unha banda, serán entidades colaboradoras nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), é dicir, actuarán en nome e por conta de Agader na xestión das subvencións que vaian percibir os beneficiarios das medidas 411, 412 e 413.

-Por outra banda, terán a condición de beneficiario da subvención respecto dos fondos públicos vinculados á medida 431, nos termos previstos no artigo 8 da LSG.

A posta en marcha do novo programa Leader Galicia 2007-2013 require a convocatoria dun proceso selectivo, de forma que se garanta a competencia entre os GDR que presenten programas de desenvolvemento rural, nos termos que establece o artigo 37 do Regulamento 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento 1698/2005. Por outra banda, o artigo 13.4º da LSG require que cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionen mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non-discriminación, a colaboración se formalizará mediante convenio.

Para facer a maior extensión posible dos beneficios da metodoloxía Leader, inclúese como territorio elixible todo o territorio rural galego, agás as entidades de poboación de máis de 2.000 habitantes e parques empresariais sitos nos concellos non comprendidos nas zonas de reequilibrio do Plan de reequilibrio territorial de Galicia 2007-2010.

A partir deste criterio xeral, cómpre baixar á delimitación territorial do ámbito de cada GDR. Unha delimitación territorial espontánea e libre a partir da convocatoria produciría desaxustes territoriais, solapamentos, inclusión de distintos axentes dun mesmo termo municipal en grupos distintos,... Para evitar eses problemas, compaxinouse a necesaria planificación por parte de Agader co enfoque abaixo-arriba da metodoloxía Leader; así, desde o mes de setembro de 2007, estableceuse un proceso participativo e de consulta con axentes dos distintos territorios, con propostas, achegas e debates de diversa índole, ata chegar a definir trinta e unha áreas de actuación do Leader para o período 2007-2013.

Tendo en conta todo o anterior, procede convocar o proceso de selección de programas de desenvolvemento rural e dos GDR responsables da súa elaboración e execución, en relación coas medidas 411, 412, 413 e 431, xa que, de acordo co disposto no PDR, os proxectos que se enmarquen na medida 421 serán obxecto de convocatorias específicas.

Desde un punto de vista competencial, o artigo 6.1º d) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de Agader, atribúelle ao Consello de Dirección de Agader competencia para aprobar os procedementos de selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións vinculados cos GDR.

Por todo o anterior, o Consello de Dirección de Agader, logo da tramitación do expediente nos termos legais e regulamentarios establecidos pola lexislación vixente,

ACORDA:

1. Aprobar as bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural, e para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado con Feader.

As citadas bases incorpóranse a este acordo como apéndice I.

2. Convocar o procedemento de selección de programas de desenvolvemento rural e de GDR, de acordo coas citadas bases reguladoras.

As solicitudes presentaranse en modelo normalizado que se xunta a este acordo como apéndice II, nos termos previstos na epígrafe VIII das bases reguladoras.

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados desde a publicación deste acordo no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 142.846.735 €, coa participación financeira do Feader, de fondos da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

A repartición por anualidades e fontes financeiras é a que a seguir se indica:

Ver referencia pdf "11500D011P062.PDF"

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento aos interesados será de catro meses, contados desde o día seguinte a aquel en que remate do prazo de presentación de solicitudes. O transcurso do citado prazo sen recibir notificación expresa habilita os interesados para entenderen desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Delegar no director xeral de Agader a competencia para convocar un segundo procedemento de selección de programas de desenvolvemento rural e de GDR, para o suposto de que da execución da primeira convocatoria non resulte a adxudicación da totalidade da dotación económica referida no número anterior.

De ser necesaria a segunda convocatoria, que se rexerá polas bases reguladoras aprobadas neste acordo, publicarase dentro dos tres meses seguintes á resolución da primeira. A ela poderán concorrer GDR de territorios que non resultasen cubertos con programas aprobados na primeira convocatoria.

4. Facultar o director xeral de Agader para ditar as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento deste acordo.

5. Facultar o director xeral de Agader para modificar, de ser o caso, a parte D. Limitacións sectoriais do réxime de axudas que se incorpora como anexo III ás bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013.

6. Facultar o presidente de Agader para asinar os convenios de colaboración que se subscribirán cos GDR seleccionados para a aplicación dos respectivos programas de desenvolvemento rural, nos termos previstos na epígrafe XI das bases reguladoras.

Contra este acordo os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da publicación no DOG.

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

-Páxina web de Agader: http://agader.xunta.es.

-Telefono: 981 54 73 65.

-Enderezo electrónico: area.programas.agader@xunta.es.

APÉNDICE I

Bases reguladoras

I. Obxecto.

O obxecto destas bases é establecer as normas para a presentación e selección de programas de desenvolvemento rural no marco dos artigos 61 e seguintes do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativos á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, nos termos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

II. Definicións.

Para os efectos destas bases, enténdese por:

a) Grupo de desenvolvemento rural (GDR): entidade de natureza asociativa sen ánimo de lucro, integrada por un conxunto equilibrado e representativo das institucións e dos axentes socioeconómicos do territorio de actuación, responsable da elaboración e execución dun programa de desenvolvemento rural.

b) Programa de desenvolvemento rural: documento elaborado por un GDR, en que se define unha estratexia de desenvolvemento integrado dun territorio e se determina o procedemento para a súa aplicación.

c) Medida: conxunto de operacións que contribúen á consecución de cada un dos obxectivos de:

-Aumento da competitividade do sector agrario e forestal.

-Mellora do medio ambiente e do contorno rural.

-Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural.

-A cooperación entre os distintos territorios rurais da Unión Europea.

-Mellora da gobernanza dos territorios rurais.

III. Grupos de desenvolvemento rural.

1. Requisitos.

Os GDR deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Adoptar a forma xurídica de asociacións, con suxeición á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

As que estean en proceso de constitución ou modificación no momento da publicación da convocatoria deberán estar formalmente constituídas con suxeición aos requirimentos destas bases antes da resolución da convocatoria.

b) Estar compostos por un conxunto de interlocutores, públicos e privados, con arraigo no territorio, de xeito equilibrado e representativo tanto desde o punto de vista sectorial como territorial. O grupo deberá de documentar que seguiu un proceso participativo e aberto a todos os axentes do territorio que na fase previa á aplicación do Leader manifestasen dun ou doutro xeito o seu interese en implicarse no programa do seu territorio. Esta metodoloxía participativa debe de acreditarse desde o inicio das actuacións postas en marcha para a constitución do GDR, inclusive para a determinación de cal for a estrutura da que valerse.

En ningún caso poderán formar parte dos GDR as persoas físicas e as sociedades mercantís, excepto as seguintes entidades de economía social: cooperativas, sociedades agrarias de transformación e sociedades laborais.

Na composición do GDR rexerá o principio de portas abertas. Para estes efectos, os respectivos estatutos deberán garantir a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período de execución do programa, de todas aquelas entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociados, soliciten a súa incorporación. Unha vez seleccionados os programas de desenvolvemento rural, os GDR requiriranlles ás entidades que soliciten a súa incorporación como asociados que acrediten un ano de actividade no ámbito territorial do GDR.

c) En todos os órganos decisorios, as entidades de natureza privada haberán de representar máis do 50% dos votos. En todo caso, na Xunta Directiva ou órgano decisorio similar estarán representadas, cando menos, as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos/as, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agrarias con presenza no territorio de actuación do GDR e que formen parte deste.

Tamén serán convocados ás reunións dos citados órganos decisorios, con voz pero sen voto, un representante de Agader e un representante da estrutura comarcal da consellería competente en materia de desenvolvemento rural.

Os estatutos deberán incorporar as regras necesarias relativas ao cumprimento dos requisitos xerais previstos nas alíneas b) e c) e, necesariamente, deberán prever as seguintes regras referidas ao sistema de toma de decisións e elección de cargos:

-Todos os asociados son elixibles para calquera dos cargos dos órganos decisorios.

-No proceso de toma de decisións, cada membro dos órganos decisorios ten un voto.

-Para os efectos de adopción de acordos, os órganos decisorios só estarán validamente constituídos cando os representantes do sector privado supoñan máis do 50% dos membros presentes ou representados.

d) Ter capacidade para definir unha estratexia de desenvolvemento no territorio e para asumir as tarefas de colaboración na súa xestión, así como a eficacia dos mecanismos de funcionamento, de toma de decisións, e a transparencia na atribución de funcións e responsabilidades.

e) Dotarse dun equipo técnico con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. No procedemento de contratación do persoal garantiranse, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, publicidade e concorrencia. O equipo técnico, contratado directamente polo GDR, deberá acreditar un nivel de cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión do programa de desenvolvemento rural. Só puntualmente os GDR poderán contratar asistencias técnicas externas de apoio á xestión, e deben respectar, en todo caso, neste proceso de contratación, os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

f) Dispor de medios técnicos suficientes, en particular daqueles requiridos para a utilización da ferramenta informática que facilite Agader para a xestión do programa Leader.

g) Comprometerse a participar, polo menos, nun proxecto de cooperación interterritorial ou trasnacional, cando se faga a convocatoria para tal fin.

h) Comprometerse a traballar en rede, integrándose na Rede Galega de Grupos de Desenvolvemento Rural.

2. Funcións.

Os GDR terán como función principal executar o programa de desenvolvemento rural seleccionado ao abeiro destas bases. No marco desta función xenérica, corresponderalles aos GDR:

-Informar e asesorar a poboación rural sobre o contido e alcance do programa de desenvolvemento rural e incentivar a participación activa nel.

-Promover e captar iniciativas, así como acompañar os promotores no proceso de maduración de proxectos.

-Avaliar e seleccionar proxectos promovidos polos promotores do territorio.

-Efectuar, por delegación de Agader, o control e seguimento da execución dos proxectos.

Os GDR axustarán a súa actividade aos principios de colaboración, obxectividade, imparcialidade, eficacia, eficiencia, transparencia, publicidade e libre concorrencia.

3. Natureza.

Unha vez seleccionados, na súa relación con Agader terán a dobre condición de entidade colaboradora na xestión de subvencións respecto das medidas 411, 412 e 413 (estratexias de desenvolvemento local), e de beneficiario da subvención respecto da medida 431 (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial). Non poderán obter esta dobre condición as entidades en que concorra algunha das circunstancias referidas nos parágrafos 2º e 3º do artigo 10 da LSG.

IV. Réxime de incompatibilidades.

Aos membros dos órganos de decisión e ao persoal dos GDR aplicaráselles o réxime de incompatibilidades aplicable ao persoal da Comunidade Autónoma de Galicia. En calquera caso, o xerente ou máximo responsable técnico terá dedicación exclusiva e non ocupará cargos electos nos órganos do GDR.

V. Ámbito territorial.

O programa de desenvolvemento rural que elabore un GDR para poder concorrer a esta convocatoria deberá ter como ámbito territorial unha das áreas de actuación definidas no anexo I destas bases.

A delimitación das áreas definidas no anexo I poderá modificarse sempre e cando os axentes socioeconómicos dun termo municipal incluído nunha determinada área acrediten a súa vontade inequívoca e acordada de se integrar nunha área diferente coa que teña contigüidade territorial e, pola súa vez, os axentes socioeconómicos das áreas afectadas (tanto a de orixe como a de destino) acepten expresamente esa modificación.

En ningún caso as modificacións respecto do mapa territorial definido no anexo I destas bases poderá supor un incremento no número de GDR.

Por cada territorio só se admitirá unha candidatura, de xeito que todos os axentes do territorio interesados en promover un programa de desenvolvemento rural haberán de acordar unha única proposta de actuación. A concorrencia de máis dunha candidatura por territorio fará que non se resolva a concesión dun programa para ese territorio, co cal se pasaría, para ese territorio, a unha segunda convocatoria en que os distintos aspirantes deberán presentar unha candidatura unificada.

No suposto de que nesta convocatoria queden zonas do territorio rural galego sen cubrir cun GDR, ben porque non se presenta ningunha candidatura axustada á delimitación territorial proposta ou ben porque a candidatura presentada non cumpre os requisitos da convocatoria ou a súa calidade non lle permita superar a puntuación mínima establecida no baremo, Agader realizaría unha segunda convocatoria de selección de programas de desenvolvemento rural e de GDR responsables da súa execución, facendo uso da posibilidade prevista no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Comisión Europea.

Nesa segunda convocatoria poderían concorrer GDR daqueles territorios que non quedasen cubertos na primeira. Dependendo das áreas que quedasen sen asignación de fondos na primeira convocatoria, Agader determinará, de cara á segunda, cal será a proposta de delimitación territorial.

VI. Programas de desenvolvemento rural.

Os GDR elaborarán os programas de desenvolvemento rural de acordo coa estrutura e contidos referidos no anexo II destas bases.

Nos citados programas, os GDR definirán unha estratexia de actuación que deberá cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:

1. Estar orientada ao desenvolvemento endóxeno e sustentable do territorio en que se aplique, ao fortalecemento e diversificación do tecido empresarial e da actividade económica, á fixación da poboación, á elevación das rendas e do benestar social dos seus habitantes, así como á conservación do patrimonio natural e cultural.

2. Ser coherente coas necesidades do territorio.

3. Ser complementaria coas intervencións doutros programas e medidas que se apliquen no territorio, en particular e, de ser o caso, cos programas de desenvolvemento local xestionados polos grupos de acción costeira (GAC) constituídos ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

Para estes efectos, os GDR que se constitúan nos territorios de actuación dos GAC deberán deseñar no seu programa de desenvolvemento rural de forma nítida os criterios concretos de demarcación respecto das actuacións financiadas polos GAC, así como os mecanismos de coordinación de actuacións entre as dúas entidades.

Como criterios xerais, nestes territorios deberá terse en conta no deseño da estratexia que:

-As actuacións vinculadas ao sector pesqueiro e aqueloutras en que os beneficiarios estean relacionados coa actividade pesqueira serán financiadas exclusivamente polo FEP.

-Os GDR deberán adoptar as medidas oportunas que aseguren un nivel de investimento equilibrado en todo o seu ámbito territorial de actuación, de forma tal que naqueles concellos en que se aplique un programa de desenvolvemento promovido por un GAC non se produza un sobrefinanciamento en relación con aqueloutros en que, por razón de localización xeográfica, só se vai aplicar o programa de desenvolvemento rural promovido polo GDR.

4. Ter unha concepción e aplicación multisectorial, aplicando enfoques innovadores. A innovación debe entenderse non só como innovación tecnolóxica, senón tamén como exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos de cada territorio.

5. Ser viable desde unha perspectiva económica, social e ambiental.

6. Contribuír á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e á participación da mocidade na vida económica e social.

A estratexia proposta por cada GDR centrarase nalgún ou nalgúns dos obxectivos dos eixes 1, 2 e 3 do Regulamento 1698/2005 e incluíra como elixibles operacións correspondentes ás seguintes medidas:

Medida 411.-Dinamización do sector agrario e forestal:

-Investimentos no sector agrario. Proxectos de investimento en explotacións agrarias, coa finalidade de mellorar o seu rendemento global, nos seguintes supostos:

Que impliquen a introdución de novas técnicas de produción a través de proxectos de experimentación susceptibles de difusión posterior.

Que teñan como obxectivo a recuperación de variedades tradicionais.

Os relacionados co apoio a novas producións.

Que afecten producións extensivas en áreas ambientalmente sensibles.

Que estean dirixidos a mellorar a eficiencia enerxética das explotacións.

Os vinculados coa aplicación das TIC nas explotacións.

-Aumento do valor económico dos montes. Proxectos que impliquen a posta en valor de superficies de montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios, sempre que sexan actuacións singulares, excluíndo as plantacións forestais regulares e os tratamentos silvícolas asociados a elas. Mantemento e recuperación de sistemas pastorís en montes veciñais en man común.

-Aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais.

-Cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrario, alimentario e forestal.

Medida 412.-Mellora ambiental e do contorno rural:

-Investimentos non-produtivos en explotacións agrarias.

-Investimentos non-produtivos en espazos forestais.

-Investimentos non-produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural.

Medida 413 -Diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida:

-Diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non-agrarias.

-Creación, ampliación, modernización e/ou traslado de Pemes.

-Fomento de actividades turísticas.

-Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

-Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural.

-Formación.

Os GDR axustarán a distribución dos fondos públicos por medidas ás porcentaxes seguintes, sen prexuízo de que Agader poida autorizar variacións desas porcentaxes entre GDR, de ata 10 puntos porcentuais, en atención ás características das respectivas estratexias:

-O 25% dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 411.

-O 5% dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 412.

-O 70% dos fondos públicos para actuacións que se encadren nos obxectivos da medida 413.

Do total de fondos públicos asignados a cada estratexia de desenvolvemento rural, polo menos o 75% destinarase a financiar proxectos produtivos. Desta forma, a porcentaxe de fondos públicos destinados a proxectos non produtivos non poderá ser superior ao 25%, sen prexuízo de que Agader poida autorizar variacións nesta porcentaxe de ata o 35%, en función das características do territorio e sempre que queden plenamente xustificadas na estratexia. Para estes efectos, teranse en conta as variables de índole socioeconómica vinculadas ao despoboamento, envellecemento da poboación, niveis de poboación dependente, nivel de renda, etc.

O importe e a porcentaxe de axuda pública que pode corresponder aos proxectos de natureza produtiva virán determinados polos límites establecidos para cada medida no réxime de axudas que se incorpora como anexo III destas bases, e no cal se definen as condicións de subvencionabilidade dos proxectos promovidos no territorio no marco das medidas 411, 412 e 413 e, en todo caso, axustaranse ao disposto na normativa sobre axudas de Estado.

O importe e a porcentaxe de axuda pública que pode corresponder aos proxectos de natureza non-produtiva axustarase ás intensidades máximas de axuda que a seguir se refiren, segundo a prioridade do proxecto de que se trate:

Proxectos non produtivos de prioridade alta. Intensidade de axuda ata o 100%:

-Servizos de igualdade e benestar á poboación, tales como centros de inclusión e emerxencia social, centros de integración, inserción ou inclusión sociolaboral para discapacitados, escolas infantís, centros de maiores non dependentes (pisos tutelados, vivendas comunitarias, centros de día).

-Servizos de transporte adaptados en áreas de baixa densidade de poboación.

-Implantación de TIC no medio rural, tales como telecentros, aulas de informática e plataformas dixitais de servizos a empresas ou á poboación en xeral.

Proxectos non-produtivos de prioridade media. Intensidade de axuda de ata o 70%:

-Actuacións de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica, tales como actuacións ambientais, aulas de natureza, centros de interpretación, museos, intervencións arqueolóxicas, recuperación de construcións de interese arquitectónico, social ou cultural.

-Centros de promoción de recursos ou puntos de información turística.

-Rehabilitación e equipamento de edificios destinados a locais sociais.

Outros proxectos non produtivos. Intensidade de axuda de ata o 50%:

-Infraestrutura de lecer: ludotecas, áreas recreativas, parques ou espazos de ocio.

-Instalacións deportivas, en coordinación co mapa de dotacións da Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia.

-Sinalización de recursos turísticos.

-Participación en certames, eventos, feiras, edición de libros, mapas, guías, páxinas web e concursos vinculados á valorización dos recursos do territorio.

-Instalacións hípicas ou cinexéticas.

-Eventos de difusión ou estudos vinculados á valorización dos recursos do territorio.

Cada GDR, no proceso de definición da súa estratexia de desenvolvemento, poderá propoñer unha priorización de proxectos non-produtivos distinta desta que, en calquera caso, para poder ser aplicada, deberá ser aprobada por Agader, en función da súa xustificación e adaptación ás prioridades do PDR de Galicia 2007-2013.

Non serán elixibles dentro das estratexias de desenvolvemento rural os proxectos de sinalización territorial, nin os proxectos de infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria por parte das entidades locais ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos establecidos nos artigos 26 e 86.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

En aplicación do artigo 37.4º do Regulamento 1974/2006, que dispón que os Estados membros velarán por que se seleccionen de forma prioritaria os GDR que integren a cooperación nas súas estratexias de desenvolvemento local, o programa incluirá un plan de cooperación entre territorios rurais que prevexa a realización de accións comúns e integradas, máis alá do simple intercambio de experiencias, co obxectivo último de potenciar o traballo en rede e contribuír á transferibilidade de iniciativas que poidan ser de interese para outros territorios. O plan de cooperación poderá incluír actuacións intercomarcais (entre territorios de Galicia), interterritoriais (con territorios doutras comunidades autónomas) ou trasnacionais (entre territorios de distintos Estados membros e a cooperación con territorios de países terceiros), que se xestionarán a través dos procedementos selectivos que se convoquen con posterioridade.

VII. Financiamento dos programas de desenvolvemento rural.

Os programas de desenvolvemento rural financiaranse ata o límite de fondos públicos establecido no PDR, e de acordo co cadro orzamentario aprobado polo Consello de Dirección de Agader. O financiamento de cada programa de desenvolvemento rural completarase coa achega dos promotores, que haberá de representar polo menos unha porcentaxe do 140% respecto do total dos fondos públicos asignados á estratexia.

Os cadros orzamentarios expresarán, por medidas, anos e fontes financeiras, o importe asignado a cada GDR para o desenvolvemento da estratexia (medidas 411, 412 e 413), así como para financiar os gastos de funcionamento e executar as accións de adquisición de capacidades e promoción do territorio (medida 431).

En relación co importe asignado para as medidas 411, 412, 413 e 431, os cadros orzamentarios aprobados polo Consello de Dirección para cada GDR consignarán un importe equivalente ao 78,8220% dos fondos aprobados no PDR, de xeito que en 2010, Agader, logo da aplicación dun sistema de avaliación obxectiva de eficacia e calidade na aplicación da estratexia por parte dos GDR, procederá a asignar a reserva de eficacia, que supón un 21,1780% dos fondos vinculados no PDR para esas medidas. Esa reserva de eficacia repercutirase nas anualidades de 2011, 2012 e 2013.

A asignación inicial de fondos entre os respectivos GDR realizarase en función de:

-Superficie: peso da superficie da zona respecto ao total da superficie elixible no programa Leader de Galicia.

-Poboación: porcentaxe que supón a poboación da zona elixible para o programa de desenvolvemento rural do GDR respecto ao total da poboación de Galicia elixible para o programa Leader de Galicia.

-Porcentaxe da superficie e da poboación en concellos non incluídos en grupos de acción costeira.

-Puntuación obtida por cada GDR no proceso de selección segundo se detalla na epígrafe X destas bases.

En 2010, ano en que se procederá á repartición da reserva de eficacia, tomaranse en consideración as puntuacións empregadas na asignación inicial de selección dos programas, pero corrixíndoas en función dos seguintes criterios:

-O volume de proxectos no GDR con informe de control de elixibilidade verificado por Agader e pendentes de financiamento.

-A eficacia do labor de dinamización do territorio e difusión do programa.

-O nivel de compromiso de fondos.

-O nivel de execución de fondos.

-As incidencias de non elixibilidade.

-O funcionamento das estruturas de participación do GDR.

-A posta en marcha de proxectos de cooperación.

-As incidencias na xestión do procedemento e na tramitación de expedientes.

Respecto dos importes asignados para a execución das medidas 411, 412 e 413, os GDR terán a condición de entidades colaboradoras na xestión da subvención, nos termos establecidos na base III, e contra este importe seleccionarán os proxectos presentados polos promotores do territorio.

O importe asignado para as medidas 411, 412 e 413 servirá de base para o cálculo dos gastos vinculados á medida 431, ata unha porcentaxe máxima do 20%.

No marco da medida 431 serán elixibles os gastos necesarios para a constitución do GDR e para a elaboración do programa de desenvolvemento rural causados desde a data de publicación destas bases no DOG.

Para facer fronte aos gastos de funcionamento ordinario (submedida 431A), Agader autorizaralle a cada GDR unha dotación equivalente ao 16% dos fondos asignados á estratexia de desenvolvemento para as anualidades de 2008 e 2009. Nas anualidades sucesivas, os GDR disporán dunha asignación mínima equivalente ao 12% dos fondos vinculados á estratexia, que poderá incrementarse ata o 16%, en función do resultado da avaliación do traballo do GDR, que se realizará tomando en conta, entre outros, os seguintes indicadores: tarefas de dinamización do territorio, captación ou promoción doutro tipo de proxectos que non se financien con cargo á súa estratexia, incidencias de non-elixibilidade remitidas a Agader, funcionamento real das estruturas de participación do GDR ou a posta en marcha de proxectos de cooperación.

Como mínimo, un importe equivalente ao 4% dos fondos asignados á estratexia destinaranse a actividades de adquisición de capacidades e promoción do territorio (submedida 431B).

Os rendementos financeiros que, de ser o caso, poidan xerar os fondos librados a favor dos GDR no marco da medida 431 deberán aplicarse ás actividades que se executen nesa medida, segundo o disposto no artigo 17.5º da LSG.

Nos meses previos ao final de 2013, o excedente de fondos asignados á medida 431 que non se comprometesen, por non causar os GDR dereito á súa percepción de acordo cos criterios anteriores, sumaranse aos fondos vinculados ao desenvolvemento da estratexia de cada GDR, ou ben distribuiranse entre outros GDR no suposto de que un GDR determinado non teña proxectos para executar nas medidas da estratexia.

Os cadros financeiros asignados a cada GDR poderán sufrir modificacións como consecuencia, entre outras circunstancias, de modificacións no orzamento do PDR, de reprogramacións, ou da redistribución de fondos entre GDR. Respecto deste último suposto, no caso de atraso na execución do programa de desenvolvemento rural, e de cara a un mellor cumprimento do PDR no seu conxunto e a unha maior eficiencia das dotacións financeiras deste, poderase axustar a contribución financeira posta a disposición dun GDR á evolución real do programa de desenvolvemento rural, reasignando as dotacións procedentes destes axustes a aqueles GDR en que o seu grao de desenvolvemento investidor supere as dotacións anuais asignadas inicialmente.

Vinculado co disposto no parágrafo anterior, e co fin de asegurar o correcto cumprimento dos programas de desenvolvemento rural, Agader verificará a partir de 2010 o nivel de compromiso e de execución dos fondos. Para estes efectos, en 30 de novembro de cada ano, os GDR deberán ter seleccionados proxectos por un importe que, polo menos, cubra a totalidade dos fondos asignados nos cadros financeiros para as anualidades precedentes e mais para a metade dos fondos asignados á anualidade en curso. Os importes que non se axusten a este ritmo de selección de proxectos por parte de cada GDR serán descomprometidos de oficio e reasignados a outros GDR, aplicando os criterios referidos para a repartición da reserva de eficacia.

Así mesmo, os GDR velarán porque o prazo de execución dos proxectos promovidos no marco das medidas 411, 412 e 413 non comprometa o cumprimento da regra n+2 establecida con carácter xeral no artigo 29 do Regulamento 1290/2005, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agraria común. A eventual concesión de prórrogas de execución aos promotores de proxectos estará supeditada á seguridade de cumprimento da devandita regra n+2.

No suposto de que durante o período de execución do programa Leader, este se dote con fondos adicionais, distribuiranse entre os GDR sen necesidade de nova convocatoria para o efecto. Se a dotación de fondos adicionais se produce nos tres primeiros anos de execución do programa, a distribución entre os GDR farase na mesma proporción que se faga a repartición inicial de fondos vinculada á selección dos GDR. Se a dotación de fondos adicionais se produce con posterioridade, a distribución entre os GDR farase cos mesmos criterios que a repartición da reserva de eficacia.

Os fondos adicionais que, de ser o caso, decidan achegar as entidades públicas locais ou outras entidades para a execución do programa, aínda cando non formen parte do cadro financeiro aprobado para cada GDR, aplicaranse preferentemente ao financiamento dos gastos que se causen no marco da medida 431.

VIII. Presentación de solicitudes.

Os GDR presentarán as solicitudes para a selección de programas de desenvolvemento rural no prazo previsto na convocatoria.

Xunto coa solicitude, presentarán a proposta de programa de desenvolvemento rural, que axustará o seu contido e estrutura ao previsto no anexo II destas bases.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse, dentro do prazo que se determine na convocatoria, no rexistro xeral de Agader, situado na avda. do Camiño Fráncés, nº 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IX. Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do GDR para que Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non puidesen ser obtidas por Agader, poderán serlle requiridas ao GDR.

Segundo o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases. Así mesmo, de conformidade co anexo IV do Regulamento (CE) nº 1974/2006, do 25 de decembro, e co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e a súa publicación.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda levará implícito o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Economía e Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

X. Procedemento de selección.

I. Instrución do procedemento.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución realizaraos de oficio a Subdirección de Relacións cos Grupos de Acción Local, nos termos previstos no capítulo segundo, do título VI da LRXAP.

No suposto de defectos na documentación presentada xunto coa solicitude, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da LRXAP. Así mesmo, e de acordo co artigo 71.3º da LRXAP, poderase requirir a modificación ou mellora da solicitude e do propio programa de desenvolvemento rural.

II. Comisión de selección.

Completos os expedientes, trasladaranse á comisión de selección, que se constituirá como órgano encargado de valorar os programas de desenvolvemento rural e formalizar a proposta de resolución.

A comisión de selección terá a seguinte composición:

-Presidente: o director xeral de Agader ou persoa en quen delegue.

-Vogais:

* Unha persoa en representación da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sustentable do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

* Dúas persoas en representación de Agader.

* Unha persoa en representación de cada unha das seguintes direccións xerais da Consellería do Medio Rural:

Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

* Unha persoa en representación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

* Unha persoa en representación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

* Unha persoa en representación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

-Secretario (con voz pero sen voto): o xefe da Área Xurídica de Agader.

O presidente poderá convidar a participar nas reunións da comisión de selección a aquelas persoas que, pola súa condición de expertos, considere oportuno, que asistirán con voz, pero sen voto.

A comisión de selección valorará os programas de desenvolvemento rural presentados polos GDR en réxime de concorrencia competitiva.

Os criterios para a selección dos programas de desenvolvemento rural serán os seguintes:

I. Criterios referidos ao territorio de actuación do GDR: 50 puntos.

-Variación da poboación no último decenio: 10 puntos (a variación máis negativa maior puntuación).

-Indicador municipal de renda dos fogares (IMRF): 10 puntos (a menor IMRF maior puntuación).

-Índice de envellecemento (porcentaxe de poboación de 65 ou máis anos): 8 puntos (a maior índice de envellecemento maior puntuación).

-Densidade de poboación: 7 puntos (a menor densidade maior puntuación).

-Peso do emprego agrario no emprego total: 5 puntos (a maior nivel de emprego agrario maior puntuación).

-Porcentaxe da superficie en espazos naturais protexidos: 5 puntos (a maior superficie maior puntuación).

-Porcentaxe de superficie en zonas de montaña e outras áreas desfavorecidas: 5 puntos (a maior superficie maior puntuación).

II. Criterios referidos ao GDR: 25 puntos.

-Composición e representatividade sectorial e territorial: 5 puntos.

-Estruturas de participación e funcionamento proposto polo GDR: 4 puntos.

-Características de apertura, integración e participación do proceso constituínte e da formulación da candidatura: 4 puntos.

-Grao de participación dos axentes do territorio na formulación do programa: 4 puntos.

-Achega de infraestruturas e recursos materiais polos socios do GDR para a implementación do programa: 4 puntos.

-Compromiso de uso da lingua galega na súa relación coa Administración e na implementación do programa, de acordo co previsto no artigo 20.2º.l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia: 4 puntos.

III. Criterios referidos ao programa: 25 puntos.

-Calidade e coherencia territorial do programa de desenvolvemento rural coa diagnose e as actuacións propostas: 7 puntos.

-Plan de difusión: 3 puntos.

-Incidencia da estratexia formulada sobre elementos innovadores: 3 puntos.

-Incidencia da estratexia formulada sobre a valorización de recursos endóxenos: 3 puntos.

-Incidencia da estratexia na xeración de novas oportunidades para mulleres e mozos/as: 3 puntos.

-Incidencia ambiental da estratexia: 3 puntos.

-Plan de cooperación: 3 puntos.

Para ser seleccionado será necesario acadar tanto no bloque II como no bloque III unha puntuación mínima de 10 puntos.

Valorados os programas de acordo cos criterios referidos, a comisión de selección efectuará a proposta de resolución, que necesariamente haberá de expresar, de forma motivada, os resultados da valoración de cada programa de desenvolvemento rural, a relación daqueles para os que se propón a subvención, os importes concretos asignados para a súa execución e os GDR responsables da súa presentación. Conterá, así mesmo, a relación de programas de desenvolvemento rural para os cales non se propón subvención, con expresión dos motivos que fundamentan a súa denegación.

Previamente á proposta de resolución, deberá acreditarse que os GDR se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III. Resolución.

O Consello de Dirección de Agader resolverá o procedemento de selección de programas de desenvolvemento rural.

A selección dun programa de desenvolvemento rural supón, respecto do GDR responsable da súa presentación neste proceso selectivo, a súa selección como entidade colaboradora con Agader na xestión do citado programa.

O prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento será o que se determine nas respectivas convocatorias. O transcurso deste prazo sen terlles notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

A resolución notificaráselles aos GDR mediante carta certificada con xustificante de recepción. Os GDR seleccionados disporán dun prazo de 10 días para aceptar ou rexeitar a dobre condición de entidade colaboradora na xestión do programa respecto das medidas 411, 412 e 413 e de beneficiario da subvención respecto da medida 431, segundo o modelo que se remitirá xunto coa resolución de concesión. Transcorrido o dito prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, e procederase á sinatura do correspondente convenio.

Unha vez aprobados os respectivos programas de desenvolvemento rural, as modificacións de contido que supoñan unha reprogramación ou unha modificación das normas de xestión do programa, deberán ser comunicadas a Agader para os efectos da súa autorización. Igualmente deberán comunicar, para que Agader as autorice, as normas internas relacionadas coa xestión do programa.

En todo caso, as modificacións que supoñan unha alteración das circunstancias tidas en conta para a selección dos programas de desenvolvemento rural e dos GDR poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

XI. Convenios.

Os GDR seleccionados formalizarán un convenio de colaboración con Agader, de acordo co previsto no artigo 13 da LSG, en que establecerán as regras que deben aplicar as partes na xestión do programa de desenvolvemento rural e, en particular, as condicións e obrigas que asumen os GDR en virtude da súa dobre condición como entidades colaboradoras e como beneficiarios da subvención, nos termos previstos no anexo IV.

Os convenios incorporarán os cadros financeiros para a execución do programa, a delimitación territorial do ámbito de actuación do GDR, así como o modelo tipificado de informe de control de elixibilidade (ICE), que lle corresponde emitir ao GDR no procedemento de concesión de axudas no marco das medidas da estratexia.

Con carácter previo á súa sinatura, o contido do modelo de convenio poderá ser obxecto de modificacións puntuais para os efectos de adaptalo ao mellor cumprimento dos obxectivos do programa Leader.

O incumprimento por parte dun GDR das súas obrigas coas administracións públicas financeiras e cos promotores de proxectos poderá dar lugar á resolución do convenio e á perda da condición de entidade colaboradora. Neste caso, Agader arbitrará o procedemento necesario para asegurar a continuidade da aplicación do programa desenvolvemento rural no territorio, asumindo a súa xestión de forma directa ou ben a través doutra entidade.

XII. Reintegro.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas no marco da medida 431 en concepto de subvención, xunto cos xuros de mora correspondentes, nos casos previstos no artigo 33 da LSG e de acordo co procedemento que se regula nos artigos 37 e seguintes da citada lei; todo iso sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, poidan corresponder.

XIII. Réxime sancionador.

Con carácter xeral, resulta de aplicación o réxime de infraccións e sancións administrativas que regula o título IV da LSG.

O incumprimento das obrigas asumidas polo GDR en atención á súa condición de entidade colaboradora considerarase infracción leve cando non constitúan infracción grave ou moi grave, segundo o previsto nos artigos 54 e seguintes da LSG.

XIV. Normativa de aplicación.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

-Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, pola que se aproba o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.

-Regulamento (CE) nº 1290/1995, do Consello, sobre financiamento da política agrícola común.

-Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

-Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

-Regulamento (CE) nº 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular pola seguinte:

-Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

XV. Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases poderán ser recorridas:

-Potestativamente, mediante recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, mediante recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

ANEXO I

Ámbito territorial

GDR-1: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Barreiros, Ribadeo, Trabada.

GDR-2: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba, Xermade.

GDR-3: Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto.

GDR-4: Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade.

GDR-5: Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro.

GDR-6: O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria, Triacastela.

GDR-7: Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Carballedo, Chantada, Taboada, Portomarín.

GDR-8: Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober.

GDR-9: Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia.

GDR-10: Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Toén, Vilamarín.

GDR-11: Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo, Vilariño de Conso.

GDR-12: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras.

GDR-13: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, Mezquita.

GDR-14: Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia.

GDR-15: Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Taboadela, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo, A Bola, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos.

GDR-16: Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea.

GDR-17: Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas.

GDR-18: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Baiona, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vigo, Fornelos de Montes.

GDR-19: Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Vilaboa.

GDR-20: Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas, Valga, Cerdedo, A Estrada, Forcarei.

GDR-21: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

GDR-22: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.

GDR-23: Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro, Curtis, Vilasantar, Melide, Santiso, Sobrado, Toques.

GDR-24: A Baña, Negreira, Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, Vedra, Santa Comba.

GDR-25: Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Muros, Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Dodro, Padrón, Rois.

GDR-26: Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Carnota, Camariñas, Vimianzo, Zas, Mazaricos.

GDR-27: Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso.

GDR-28: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo.

GDR-29: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros, Sada, Aranga, Betanzos, Cesuras, Coirós, Irixoa, Miño, Oza dos Ríos, Paderne.

GDR-30: Vilarmaior, Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Moeche, San Sadurniño, As Somozas.

GDR-31: Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño, Cariño, Cerdido, Mañón, Ortigueira.

ANEXO II

Contido e estrutura do Programa de desenvolvemento rural

Os GDR presentarán os programas de desenvolvemento rural en CD. Ademais, presentarán un exemplar en papel, en formato DIN-A4.

Os programas deberán responder á estrutura e contidos que a seguir se indican:

Parte I. GDR.

I. Datos identificativos.

1. Denominación e CIF.

2. Domicilio social. Teléfono, fax, correo electrónico.

3. Copia compulsada do DNI do representante legal e da documentación acreditativa da súa representación.

II. Personalidade xurídica.

1. Copia compulsada da acta constituínte.

2. Copia compulsada dos estatutos.

3. Copia compulsada do regulamento de réxime interno, de ser o caso.

4. Inscrición no Rexistro de Asociacións dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

5. Relación de asociados, con identificación do seu carácter público ou privado. Implantación no territorio e representatividade.

6. Composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar. Cargos, nomes e representación que ostenta cada compoñente.

7. Relación de entidades ás cales se lles denegou a súa integración, e daqueloutras que están pendentes de aceptación.

8. Informe sobre o grao de participación social na elaboración do programa.

Xunto coa anterior documentación, deberá presentarse unha declaración de non estar incursa a asociación en ningunha das circunstancias referidas nos parágrafos 2º e 3º do artigo 10 da LSG.

Para a presentación desta declaración, e da documentación que se relaciona nos puntos 5 ao 8 anteriores, os interesados poderán utilizar os modelos normalizados que figuran incorporados no documento Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR, que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

A anterior documentación debe permitir a análise precisa dos seguintes extremos relativos ao GDR:

-Requisitos e procedemento para a adquisición e perda da condición de asociado.

-Sistema de participación:

Porcentaxe de participación de entidades públicas e privadas nos órganos de decisión do GDR.

Mecanismos de participación dos asociados.

-Sistema de toma de decisións do GDR.

Composición e funcións da asemblea xeral e da xunta directiva.

Convocatorias, dereitos de voto. Maiorías. Delegación de facultades.

-Funcións dos órganos do GDR.

III. Descrición (previsión) do equipo técnico e humano adscrito á xestión do programa.

1. Persoal adscrito á xestión do programa. Organigrama. Procedemento de contratación do equipo xestor.

2. Medios técnicos: local, medios informáticos.

Parte II. Territorio.

Mapa territorial incluído no ámbito de actuación do GDR e no cal se vai aplicar o Programa de desenvolvemento rural.

No suposto de que o mapa territorial proposto polo GDR non se corresponda coas áreas territoriais definidas por Agader no anexo I destas bases, deberán acompañar a documentación que xustifica esta modificación, nos termos previstos no parágrafo 2º da base V.

Parte III. Estratexia.

1. Análise da situación de partida do territorio, descrición, problemática, necesidades, recursos, posibilidades, ect.

2. Obxectivos xerais e instrumentais.

3. Estratexia proposta:

-Actuacións por medidas, segundo o modelo normalizado de fichas de actuacións por medidas que se incorpora á Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR, que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

-Tema aglutinante, de ser o caso.

-Exemplos de actuacións concretas que se estean empezando a xestar no territorio.

4. Efectos esperados respecto da situación de partida: indicadores de resultado e de impacto. Para estes efectos, tomarán como referencia os indicadores que derivan do PDR (segundo modelo normalizado que se incorpora á Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR), e aqueloutros que o GDR considere en atención á situación do seu territorio e ao contido do seu programa.

5. Complementariedade e coherencia con outros programas de desenvolvemento que se apliquen no territorio.

Parte IV. Plan de cooperación con outros territorios.

O plan de cooperación proposto por cada GDR deberá referir os seguintes contidos:

-Obxectivos perseguidos mediante a aplicación do plan.

-A súa articulación coas políticas de desenvolvemento rural e a coherencia co programa de desenvolvemento rural.

-A estratexia prevista para acadar os obxectivos propostos. Proxectos concretos: breve descrición, ámbito xeográfico, valor engadido que suporá a cooperación, GDR coordinador, entidades participantes no proxecto, estrutura xurídica común adoptada para a execución do proxecto, de ser o caso, resultados esperados, ect.

-A repercusión sobre o ambiente e o colectivo de mulleres e mozos/as.

-Previsión financeira.

Parte V. Normas para a xestión do programa.

As normas referidas á xestión do programa deberán ter os seguintes contidos mínimos:

I. Límites de axuda pública máxima (cuantitativos e porcentaxes) en función dos diferentes tipos de proxectos, dentro dos límites máximos definidos no réxime de axudas.

II. Criterios para a selección e priorización de proxectos: baremo e regras para a asignación das porcentaxes de axuda pública.

O baremo proposto por cada GDR deberá ser público, obxectivo e deberá axustarse ao seguinte esquema xeral:

a) Requisitos de subvencionalidade dos proxectos:

-Carácter innovador, entendido non só como innovacións tecnolóxicas senón como a exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos que se presentan no territorio.

-Viabilidade: o proxecto debe ser viable técnica e economicamente, comprobando especialmente a súa viabilidade financeira.

-Adecuación do proxecto á estratexia do programa de desenvolvemento definida.

b) Baremo para proxectos produtivos.

1. Situación xeográfica. 40 puntos.

1.1. Características económicas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio valorarase en función do indicador municipal de renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego); en calquera caso, os concellos cun IMRF superior á media galega terán cero puntos neste criterio.

1.2. Características demográficas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio poderá valorarse en función dun ou varios indicadores relativos á estrutura e dinámica de poboación: densidade de poboación, variación da poboación entre os anos 2002 e 2007 de acordo coas cifras do padrón municipal de habitantes, envellecemento. Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego) e os concellos co rango máis favorable, por exemplo que gañasen poboación nese período, terán cero puntos neste criterio.

1.3. Núcleo ou entidade de poboación onde se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Para priorizar os proxectos que se implanten nas áreas máis rurais de cada concello, o GDR establecerá varios rangos de tamaño dos núcleos de poboación, asignando máis puntuación canto menor sexa o tamaño dos núcleos. Para estes efectos, tomaranse inicialmente os datos do nomenclátor de 2007. Distinguiranse polo menos tres intervalos e, en calquera caso, os núcleos cunha poboación igual ou superior a 2.500 habitantes terán neste criterio cero puntos.

1.4. Outros criterios xeográficos. Máximo de 10 puntos.

Cada GDR poderá establecer outros criterios de carácter xeográfico, cun peso máximo de 10 puntos, de tal xeito que a suma deste ítem e os tres anteriores dea un total máximo de 40 puntos. Entre estes outros criterios poderanse valorar elementos como: a distancia a núcleos de poboación grandes, limitacións naturais (zonas de montaña, outras zonas desfavorecidas...), espazos naturais protexidos, etc.

2. Características do promotor do proxecto. 10 puntos.

O GDR establecerá un ou máis criterios para favorecer aqueles proxectos promovidos por determinados colectivos, como poden ser mulleres, mozos/as e persoas con discapacidade. Ademais deberá valorarse o uso do galego por parte do promotor na execución ou desenvolvemento do proxecto de acordo co previsto no artigo 20.2º l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Incidencia no emprego. 25 puntos.

Cada GDR poderá establecer un ou varios criterios para avaliar a incidencia do proxecto sobre o emprego. O factor máis relevante para puntuar terá que ser a creación de emprego neto, pero tamén se poderá valorar a incidencia sobre o emprego de determinados colectivos (mulleres, mozos, persoas con discapacidade...) ou outros aspectos.

4. Impacto sobre o territorio. 25 puntos.

4.1. Capacidade de arrastre do proxecto. Este criterio valorará o posible efecto multiplicador do proxecto, a súa capacidade motora para a economía da zona, concretada en criterios obxectivables: transformación de produtos da zona; porcentaxe de utilización, dentro dos input, de recursos endóxenos, que contribúa á valorización destes recursos; capacidade para estimular o xurdimento de novas iniciativas na zona ou afianzar empresas e actividades existentes. Mínimo de 10 puntos.

4.2. Incidencia ambiental. Poderanse valorar cuestións tales como a utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios, etc.

4.3. Outros criterios relativos ao impacto sobre o territorio; afinidade especial ou encaixe na estratexia do GDR. Definiraos o propio grupo.

c) Baremo para proxectos non produtivos.

1. Situación xeográfica. 40 puntos.

1.1. Características económicas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio valorarase en función do indicador municipal de renda dos fogares (IMRF) do ano 2002 publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego); en calquera caso, os concellos cun IMRF superior á media galega terán cero puntos neste criterio.

1.2. Características demográficas do concello en que se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Este criterio poderá valorarse en función dun ou varios indicadores relativos á estrutura e dinámica de poboación: densidade de poboación, variación da poboación entre os anos 2002 e 2007 de acordo coas cifras do padrón municipal de habitantes, envellecemento. Estableceranse polo menos catro tramos de discriminación aos cales asignar as distintas notas (en función dos datos a nivel galego) e os concellos co rango máis favorable, por exemplo que gañasen poboación nese período, terán cero puntos neste criterio.

1.3. Núcleo ou entidade de poboación onde se localiza o proxecto. Mínimo de 10 puntos.

Para priorizar os proxectos que se implanten nas áreas máis rurais de cada concello, o GDR establecerá varios rangos de tamaño dos núcleos de poboación, asignando máis puntuación canto menor sexa o tamaño dos núcleos. Para estes efectos, tomaranse inicialmente os datos do nomenclátor de 2007. Distinguiranse polo menos tres intervalos e, en calquera caso, os núcleos cunha poboación igual ou superior a 2.500 habitantes terán neste criterio cero puntos.

1.4. Outros criterios xeográficos. Máximo de 10 puntos.

Cada GDR poderá establecer outros criterios de carácter xeográfico, cun peso máximo de 10 puntos, de tal xeito que a suma deste ítem e os tres anteriores dea un total máximo de 40 puntos. Entre estes outros criterios poderanse valorar elementos como: a distancia a núcleos de poboación grandes, limitacións naturais (zonas de montaña, outras zonas desfavorecidas...), espazos naturais protexidos, etc.

2. Características do promotor e ámbito de actuación do proxecto. 20 puntos.

2.1. Cando o promotor sexa unha entidade pública priorizaranse, ademais doutros aspectos que decida o GDR, aqueles proxectos cun ámbito de actuación supramunicipal e/ou promovidos por entes supramunicipais, co fin de potenciar a vertebración comarcal do territorio e planificar as dotacións e servizos públicos.

2.2. En proxectos de promoción privada valorarase, cando menos: a implicación no proxecto de varias entidades, o peso nesas entidades de determinados colectivos (mulleres, mozos/as, persoas con discapacidade...), e o ámbito supramunicipal do proxecto.

2.3. Deberá valorarse o uso do galego por parte do promotor na execución ou desenvolvemento do proxecto de acordo co previsto no artigo 20.2º l da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Impacto sobre o territorio. 40 puntos.

3.1. Poboación beneficiada co proxecto e incidencia sobre a mellora da súa calidade de vida.

3.2. Potencialidade para favorecer o xurdimento de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego.

3.3. Incidencia ambiental. Poderanse valorar cuestións tales como a utilización sustentable dos recursos endóxenos, contribución á biodiversidade e conservación de hábitats, xestión de recursos hídricos, contribución á prevención de incendios, etc.

3.4. Incidencia sobre colectivos determinados: mocidade, promoción da igualdade entre o home e a muller, integración de colectivos de especial dificultade, etc.

d) Regras básicas:

-Os rangos de puntuación e as variables ou aspectos concretos para considerar en cada criterio determinaranse do xeito máis obxectivable posible, para que todos os potenciais beneficiarios teñan pleno coñecemento do que se vai ter en conta para avaliar o seu proxecto.

-Determinarase a nota de corte, é dicir, a puntuación mínima que haberá de obter un proxecto para ser subvencionado, e cal será a porcentaxe de axuda para esa nota de corte. Así mesmo, establecerase a puntuación á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, puntuación que pode ser inferior a 100 puntos, xa que na práctica é moi difícil que un proxecto acade os 100 puntos.

As porcentaxes de axuda entre o máximo e o mínimo, unha vez definidas a nota de corte e a nota á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, calcularanse mediante unha relación proporcional directa cos puntos obtidos no baremo, axustada esa porcentaxe a un decimal.

-Nos proxectos non produtivos establecerase unha escala de porcentaxes de axuda diferente para cada un dos grupos de priorización dos proxectos, de tal modo que en cada grupo ou categoría a porcentaxe máxima de axuda se corresponda co tope fixado para esa categoría.

III. Mecanismos que garantan os principios de obxectividade, publicidade, imparcialidade e libre concorrencia, con especial referencia aos procesos de toma de decisións e aos procedementos de contratación.

IV. O equipo xestor: funcións e responsabilidades de xestión, organización das tarefas de control e seguimento dos proxectos, con respecto ao principio de segregación de funcións imposto pola normativa do Feader.

V. Sede: referencia á sede do GDR (que deberá localizarse dentro do territorio elixible do Programa Leader) e á súa correcta identificación de acordo coa normativa do Feader.

VI. Plan de difusión: referencia á sede do GDR e á súa correcta identificación de acordo coa normativa do Feader, planificación de actuacións informativas e divulgativas, con especial referencia ás actuacións sobre o terreo, e material divulgativo que se vai utilizar (publicacións, web, etc.).

Ademais das anteriores normas de xestión, que debe concretar o GDR, a xestión do programa exixe a utilización da aplicación informática que Agader porá ao dispor dos GDR, así como a suxeición ás normas contidas no manual de procedemento Leader.

Parte VI. Plan financeiro.

Previsión financeira por medidas e fontes financeiras, utilizando, para estes efectos, o modelo normalizado que está incorporado na Guía práctica para a elaboración das candidaturas dos GDR, que está ao dispor dos interesados na páxina web de Agader.

ANEXO III

Réxime de axudas

O artigo 63 do Regulamento 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, establece que a axuda que se conceda no marco do eixe Leader se destinará á aplicación de estratexias de desenvolvemento rural con vistas a alcanzar os obxectivos dun ou varios dos eixes 1, 2 e 3, á execución de proxectos de cooperación e ao funcionamento dos grupos de desenvolvemento rural e á promoción territorial.

Nesta liña, o PDR de Galicia 2007-2013 establece que as estratexias e as actuacións dos GDR perseguirán os obxectivos dalgún dos eixes 1, 2 e 3 do Regulamento 1698/2005 e poderán incluír como elixibles operacións correspondentes ás medidas que o propio PDR relaciona; serán de aplicación a estas as condicións que establece o citado regulamento. Ademais, establece que as estratexias de desenvolvemento local poderán incluír como elixibles outras operacións non enmarcables en ningunha das medidas do Regulamento (CE) nº 1698/2005, sempre que contribúan á consecución dos obxectivos dalgún dos seus tres eixes.

Neste contexto, o réxime de axudas establece as condicións de subvencionabilidade e xustificación dos proxectos promovidos no territorio ao abeiro das convocatorias que para tal efecto fagan públicas os GDR, así como dos proxectos e gastos causados por estes en relación cos gastos de funcionamento e os proxectos de adquisición de capacidades e promoción territorial.

No marco da metodoloxía Leader, o réxime de axudas así configurado determina as condicións máximas de subvencionabilidade de proxectos, que os GDR, nos seus respectivos programas de desenvolvemento rural, poderán concretar ou limitar en atención á estratexia formulada.

Parte A. Normas xerais.

I. Proxectos subvencionables.

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán contribuír a acadar algún dos obxectivos indicados a seguir:

Aumentar a competitividade dos sectores agrario e forestal.

Mellorar o ambiente e o contorno rural.

Mellorar a calidade de vida nas zonas rurais e fomentar a diversificación da economía rural.

Mellorar a gobernanza das zonas rurais e promover os seus territorios.

2. Os proxectos deberán cumprir as condicións de subvencionabilidade que se especifican nas fichas de elixibilidade I, II, III e IV, segundo a tipoloxía de proxectos:

-Ficha de elixibilidade I: proxectos enmarcables na medida 411 do PDR. -Dinamización do sector agrario e forestal.

-Ficha de elixibilidade II: proxectos enmarcables na medida 412 do PDR. -Mellora ambiental e do contorno rural.

-Ficha de elixibilidade III: proxectos enmarcables na medida 413 do PDR. -Diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

-Ficha de elixibilidade IV: proxectos enmarcables na medida 431 do PDR. -Gastos de funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial.

3. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

i. Estar localizados no ámbito territorial elixible de aplicación do Programa de desenvolvemento rural.

ii. Ser viables técnica, económica e financeiramente.

iii. Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

iv. Ser finalistas, é dicir, que á data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos.

v. Ter carácter innovador, entendendo innovación non só como innovación tecnolóxica, senón como a exploración de novos xeitos de enfrontarse aos retos de cada territorio.

vi. Que o investimento para o cal se solicita a axuda non estea iniciado.

II. Beneficiarios.

A) No marco da estratexia de desenvolvemento formulada polos GDR nos respectivos programas de desenvolvemento rural, poderán ter a condición de beneficiarios:

-As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

-As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

-As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais.

2. Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

3. Cumprir os requisitos de PEME, nos termos regulados na recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (2003/361/CE):

-Empregar menos de 250 persoas. O cadro de persoal obterase pola media mensual habida durante o ano do último exercicio financeiro pechado e considerará tanto o persoal a xornada completa como, en ponderación mensual, o traballo a tempo parcial ou estacional.

-Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non exceda 50 millóns de euros.

-Cumprir o criterio de autonomía nos termos previstos na lexislación vixente.

Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, para os beneficiarios das axudas a proxectos non produtivos promovidos no marco das fichas de elixibilidade II e III e para os promotores de proxectos de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías que se desenvolvan no marco da medida 411.

Nos termos previstos na ficha de elixibilidade I, poderán ser beneficiarias, ademais das Pemes, as empresas intermedias, que empregan menos de 750 persoas e teñen un volume de negocios anual inferior a 200 millóns de euros.

4. Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade.

B) Respecto dos gastos referidos na ficha de elixibilidade IV, os beneficiarios serán os GDR que asinaron o convenio de colaboración con Agader para a xestión dos respectivos programas de desenvolvemento rural.

En todos os casos, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión terán tamén a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.

En ningún caso se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

III. Subvencionabilidade dos gastos.

a) Gastos subvencionables.

Terán o carácter de gastos subvencionables os que se especifican nas fichas de elixibilidade para cada medida.

Con carácter xeral, son subvencionables:

1. Construción, adquisición e mellora de bens inmobles.

A subvencionabilidade dos edificios xa construídos e dos terreos sobre os cales se asentan axustarase aos seguintes condicionantes:

-Deberá achegarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado (cámara oficial, etc.) que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

-Declaración do propietario que acredite que o ben inmoble non recibiu nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria.

-Os bens inmobles só poderán utilizarse en relación cos obxectivos do proxecto. Só poderán albergar servizos administrativos públicos cando o dito uso se enmarque na realización das actividades subvencionadas.

2. Instalacións e compra de maquinaria e equipamentos, incluídos programas informáticos, ata o valor de mercado.

3. Equipamento e material non funxible.

O equipamento e maquinaria de ocasión ou de segunda man serán subvencionables nas seguintes condicións:

-Que o beneficiario teña a condición de PEME.

-Que se presente unha declaración do provedor sobre a orixe do ben, confirmando que non foi adquirido con axuda nacional ou comunitaria.

-Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado.

-Que cumpra as características técnicas necesarias, así como as normas e criterios de aplicación.

4. Adquisición de terreos non edificados, de acordo co seguinte réxime:

-O custo aceptado de adquisición do terreo non poderá superar o 10% do investimento total.

-Deberá achegarse un certificado dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado (cámara oficial, etc.) que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.

5. Custos xerais, tales como estudos técnicos, gastos de proxectos, dirección de obra, estudos de viabilidade, adquisición e expedición de patentes e licenzas e outros gastos de consultoría relativos aos investimentos realizados, ata o 20% do investimento subvencionable.

6. Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte para o desenvolvemento da actividade empresarial.

Con carácter xeral para todas as operacións, non son subvencionables:

1. O IVE, excepto o IVE non recuperable nos proxectos non produtivos, cando sexa á custa de forma efectiva e definitiva dos beneficiarios.

2. Os demais impostos indirectos, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e os impostos persoais sobre a renda.

3. Gastos de funcionamento da actividade subvencionada e materia funxible en xeral.

4. Gastos de constitución, rexistrais e notariais.

5. Os intereses debedores das contas bancarias.

6. Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio por parte do GDR, a excepción dos gastos relativos a estudos de viabilidade ou redacción de proxectos.

7. A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

8. As obras de mantemento das instalacións.

9. Os gastos de alugamento de equipamento e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

10. A adquisición de vehículos de transporte externo. En proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade poderanse financiar vehículos industriais ou comerciais, con exclusión do sector do transporte.

11. Os xuros, recargas e sancións administrativas.

12. Os gastos de procedementos xudiciais.

13. A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación.

14. As partidas de gastos xerais e o beneficio industrial dos proxectos, agás nos proxectos de promoción pública.

b) Réxime das contribucións en especie.

Poderán considerarse gasto subvencionable as contribucións dun beneficiario público ou privado, tales como a subministración de bens ou a prestación de servizos polos que non se efectúen pagamentos en efectivo acreditados polas correspondentes facturas ou documentos equivalentes, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

-Que consistan na achega de materias primas para rehabilitación, traballos realizados con maquinaria propia, na prestación de servizos de investigación ou profesionais, ou de man de obra voluntaria non remunerada.

-Que non estean vinculadas ás operacións de enxeñaría financeira.

-Que o valor das contribucións poida calcularse e auditarse por separado.

A valoración das materias primas ou o custo de maquinaria calcularanse con base nos custos que figuran nas bases de datos oficiais de prezos.

No caso de man de obra voluntaria non remunerada, o seu valor determinarase por hora e día aboada por actividades equivalentes, cando proceda, sobre a base dun sistema de cálculo de custos estándar previamente establecido, sempre que o sistema de control ofreza garantías suficientes de que as actividades se levaron a cabo, co límite máximo de 10 €/hora de traballo.

No caso de que para a subvencionabilidade do investimento fose exixible proxecto de obra, no seu orzamento as achegas en especie deberán aparecer diferenciadas e desagregadas do resto das unidades de obra. En todos os casos deberase xuntar á solicitude de axuda informe elaborado por un técnico competente na materia no cal se valoren detalladamente os custos da achega en especie.

O gasto público destinado a unha operación que inclúa contribucións en especie non poderá ser superior ao total dos gastos subvencionables, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación.

c) Inicio da subvencionabilidade dos gastos.

Consideraranse gastos subvencionables os causados a partir da data da acta de non inicio dos investimentos referida na epígrafe IV b.i) deste réxime de axudas ou, de ser o caso, a partir da data da presentación da solicitude de axuda, respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

IV. Procedemento de concesión de axudas.

a) Inicio.

O procedemento de concesión de axudas iníciase coa convocatoria pública de selección de proxectos por parte do GDR.

A convocatoria estará vixente desde o día seguinte ao da súa publicación e durante todo o período de execución do programa, coa data límite que determine o GDR en función da dispoñibilidade de fondos, que en ningún caso excederá o 1 de setembro de 2013.

En relación co proxecto ou actividade que pretendan realizar, os promotores deberán presentar na rexistro do GDR a documentación que a seguir se relaciona:

1. Solicitude de axuda en triplicado exemplar, segundo modelo normalizado que se incorpora a este réxime de axudas e que, en todo caso, estará ao dispor dos interesados nas respectivas sedes dos GDR.

2. Documentación (orixinal ou copia compulsada):

-Documentación acreditativa da personalidade do solicitante (NIF, DNI, CIF). De ser o caso, documentación acreditativa da personalidade do representante e da acreditación da representación.

-Certificación expedida pola Axencia Tributaria en que consten as epígrafes do IAE en que está dado de alta. Esta documentación substituirase polo compromiso de darse de alta na epígrafe do IAE correspondente cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.

-Ao tratarse de persoas xurídicas, escritura de constitución e dos estatutos sociais, debidamente inscritos no rexistro correspondente.

-Documentación acreditativa do requisito de PEME (ou de empresa intermedia, de ser o caso): últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual, e informe da vida laboral da empresa emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, referido ao ano anterior ao da presentación da solicitude.

-Declaración, en documento normalizado, doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, con referencia, de ser o caso, ás axudas de minimis.

-Resumo do proxecto en documento normalizado. Se se considera conveniente, poderá achegarse unha memoria descritiva do proxecto referida á situación de partida, obxectivos perseguidos, metodoloxía de traballo, e outras explicacións necesarias para a súa comprensión, tendo en conta que esta documentación se vai tomar como referencia para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para a súa baremación.

-Orzamento de gastos desagregado por partidas, con indicación, de ser o caso, daquelas que supoñan unha achega en especie, segundo documento normalizado.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía dos 30.000 € no suposto de obra ou os 12.000 € en subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, deberanse xuntar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de acordo cos criterios de eficacia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

-Para proxectos produtivos, plan de empresa, coa xustificación da súa viabilidade económica financeira para un período mínimo de 5 anos, e para proxectos non-produtivos, plan de xestión, segundo os documentos normalizados.

-De ser o caso, documentación acreditativa de que o IVE é efectivamente soportado polo beneficiario e non recuperable.

-No suposto de investimentos no sector agrario, código de explotación agraria.

-Certificación da entidade financeira onde conste a identificación da conta bancaria.

-Calquera outra documentación ou información que o interesado considere interesante para a análise do proxecto.

Os modelos normalizados necesarios para a presentación da documentación referida estarán ao dispor dos interesados na sede do GDR.

b) Instrución.

i. Acta de non inicio (ANI). No prazo dos dez días seguintes ao do rexistro da solicitude, o GDR realizará unha inspección in situ, para verificar o non inicio dos gastos ou investimentos para os cales se solicita a axuda e levantará acta para o efecto.

ii. Análise da solicitude de axuda e da documentación. No suposto de defectos na solicitude ou na documentación, o GDR requirirá o interesado para que no prazo de 10 días corrixa a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición. Este prazo poderá ser ampliado, prudencialmente, ata 5 días, por petición do interesado ou iniciativa do GDR, cando a presentación de tales documentos presente dificultades especiais.

iii. Emisión do informe de control de elixibilidade (ICE). Compételle ao equipo técnico do GDR emitir o ICE, que reflectirá o resultado da avaliación e baremación do proxecto, ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (de acordo cos criterios previstos na parte V do anexo II das bases reguladoras da selección de GDR), deste réxime de axudas e da normativa que resulte de aplicación.

-Se o ICE é favorable, remitirase a Agader, xunto cunha copia do expediente, para os efectos da súa verificación administrativa.

-Se o ICE é desfavorable, trasladarase directamente á xunta directiva do GDR, para os efectos de efectuar a proposta de resolución.

O prazo para a emisión do ICE será dun mes contado desde a data en que o expediente estea completo, nos termos previstos anteriormente.

iv. Verificación do ICE. Compételle a Agader realizar a verificación do ICE, ao abeiro do PDR, do programa de desenvolvemento rural que aplica o GDR, deste réxime de axudas, da normativa reguladora do Feader, da normativa sectorial que resulte de aplicación ao proxecto e dos principios de complementariedade e coherencia coas políticas que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, Agader solicitará do GDR documentación complementaria. Se a documentación non está en poder do GDR, este requiriralla ao promotor, que dispón dun prazo de 10 días hábiles para presentala. Este prazo poderá ser ampliado, prudencialmente, ata 5 días, por petición do interesado ou por iniciativa de Agader, cando a presentación de tales documentos presente dificultades especiais nos termos indicados anteriormente.

O prazo para verificar o ICE será de dous meses contados desde a data de entrada do expediente no rexistro xeral de Agader ou, de ser o caso, desde a data de rexistro da documentación complementaria referida no parágrafo anterior.

Transcorrido o citado prazo sen pronunciamento expreso, entenderase que o ICE foi verificado favorablemente.

Non poderá aprobarse ningún proxecto que non conte coa verificación administrativa da elixibilidade favorable.

v. Selección e proposta de resolución da xunta directiva. A xunta directiva, no prazo máximo de 45 días contados desde a recepción da verificación do ICE, efectuará a proposta de resolución, de xeito motivado, respecto dos expedientes:

-Co ICE verificado favorablemente por Agader.

-Cuxa elixibilidade non fose validada favorablemente por Agader.

-Co ICE desfavorable emitido polo equipo técnico do GDR.

Respecto destes últimos, se a xunta directiva acorda, de xeito motivado, separarse do informe técnico, e pronunciarse favorablemente sobre a selección do proxecto, este someterase novamente á avaliación e baremación polo equipo técnico do GDR e continuará a súa tramitación nos termos previstos anteriormente nos puntos iii), iv) e v).

En todo caso, a selección e proposta de resolución por parte da xunta directiva está condicionada á existencia de fondos na anualidade correspondente.

c) Resolución.

O director xeral de Agader resolverá sobre a concesión ou denegación da axuda, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola xunta directiva do GDR, no prazo máximo de 10 días contados desde a data de rexistro en Agader da proposta efectuada pola Xunta Directiva.

Nos casos en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución, Agader devolverá o expediente ao GDR para os efectos de adecuar a proposta de resolución á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros detectados.

A resolución de concesión expresará:

-A identificación do proxecto para o que se concede a axuda.

-O orzamento aceptado, desagregado por partidas.

-A porcentaxe e importe de axuda pública, desagregado por fontes financeiras.

-Prazo máximo de execución e xustificación dos gastos e investimentos, que non excederá de 18 meses.

-A posibilidade de concesión de prórrogas.

-As condicións específicas de execución e xustificación.

-A compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

-Prazos e modos de xustificación da subvención, posibilidade de pagamentos anticipados, pagamentos parciais, así como o réxime de garantías.

-Compromisos asumidos polo beneficiario.

-Réxime de recursos.

A resolución de denegación expresará:

-A identificación do proxecto para o que se denega a axuda.

-Causas de denegación e motivación.

-Réxime de recursos.

A resolución notificarase ao interesado no prazo máximo de cinco días contados desde a data en que esta foi ditada, mediante carta certificada con comprobante de recepción. Así mesmo, notificarase ao GDR.

No prazo dos 15 días seguintes á recepción da notificación da resolución de concesión, o beneficiario deberá aceptala expresamente (utilizando o modelo normalizado de aceptación da axuda) e remitir a citada aceptación ao GDR.

Se no prazo sinalado non se recibe no GDR a aceptación expresa, arquivarase o expediente, ditando resolución para o efecto.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de nove meses, contados desde a data da presentación da solicitude de axuda no rexistro do GDR. O promotor poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución expresa.

d) Desistencia e renuncia.

En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado, que será facilitado polo GDR.

A desistencia dá lugar ao arquivo do expediente, nos termos establecidos na resolución que para o efecto dite o director xeral de Agader, por proposta da xunta directiva do GDR.

Nos mesmos termos, dá lugar ao arquivo do expediente:

-A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento.

-A falta de aceptación en prazo da subvención concedida e notificada ao promotor.

-A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar no documento normalizado que para o efecto será facilitado polo GDR.

En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida, constituíndo a falta de renuncia nestas circunstancias causa para iniciar expediente sancionador ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades percibidas ata ese momento en concepto de subvención.

V. Modificación da resolución de concesión.

a) Por cambios de titularidade.

Poderá subrogarse no lugar do beneficiario outra persoa que cumpra todos os requisitos para ser beneficiario e acepte os compromisos contraídos polo primeiro.

A tramitación da subrogación require:

-Sinatura do documento de subrogación polo titular do expediente e polo solicitante da subrogación (documento normalizado).

-Rebaremación do proxecto en atención ás circunstancias persoais do novo promotor, que poden supoñer unha modificación da porcentaxe de axuda pública respecto do expediente orixinal.

-Proposta de resolución efectuada pola xunta directiva do GDR.

-Resolución de concesión de subrogación, asinada polo director xeral de Agader.

b) Por cambios no proxecto, no orzamento ou no financiamento.

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, en particular modificacións que afecten o proxecto, variacións no orzamento aprobado na resolución de concesión e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas outorgadas polas diferentes administracións públicas ou entes de natureza privada pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A modificación da resolución de concesión polas citadas causas será tramitada de oficio por Agader ou por instancia do GDR ou do beneficiario (documento normalizado), logo da proposta efectuada pola xunta directiva do GDR.

Poderá autorizarse a dita modificación sempre que:

-Non se desvirtúe a finalidade da axuda.

-Non supoña un incremento do orzamento.

-Que os novos elementos que motivan a modificación, de concorrer no momento inicial da concesión, non supuxesen a denegación da axuda.

-Non se superen os límites máximos de axuda pública, pola concorrencia doutras axudas públicas outorgadas para o mesmo proxecto.

c) Por ampliación do prazo de execución e xustificación.

Cando o beneficiario non poida finalizar os investimentos ou cumprir os compromisos nos prazos determinados na resolución de concesión, poderá solicitar a Agader, a través do GDR (documento normalizado), unha prórroga antes do remate do prazo de xustificación, coa indicación dos motivos que a xustifican e o período de prórroga que se solicita. A prórroga non poderá ser superior á metade do prazo concedido inicialmente.

En supostos excepcionais, cando o promotor non poida executar ou xustificar o proxecto no prazo prorrogado por causas alleas á súa vontade, Agader poderá conceder unha prórroga extraordinaria, logo de solicitude do interesado en que consten as causas que a determinan e o prazo que se solicita.

Os documentos normalizados referidos neste punto estarán a dispor dos interesados na sede dos respectivos GDR.

VI. Financiamento dos proxectos.

Con carácter xeral, os proxectos seleccionaranse e financiaranse dentro das dispoñibilidades orzamentarias anuais aprobadas para a execución de cada unha das medidas do Programa de desenvolvemento rural. No suposto de esgotamento de crédito dispoñible na anualidade en curso, procederase da forma seguinte:

En primeiro lugar, cando comece a seguinte anualidade, e con cargo ao novo crédito, subvencionaranse aqueles proxectos para os que se ditase resolución de concesión, con adxudicación parcial de fondos por esgotamento do crédito.

A continuación, os proxectos que conten co ICE validado favorablemente por Agader dentro da anualidade anterior, continuarán a súa tramitación e subvencionaranse, de ser o caso, con cargo aos créditos da anualidade seguinte, en atención á súa orde de puntuación.

Aqueles outros proxectos tramitados nunha anualidade que non acadaron a fase procedemental de validación do ICE, continuarán a súa tramitación na seguinte anualidade e subvencionaranse, de ser o caso, nas mesmas condicións que os presentados nesa última anualidade, é dicir, ata o esgotamento do crédito dispoñible na respectiva medida.

En previsión de que os promotores dalgúns proxectos subvencionados non xustifiquen axeitadamente a súa execución, renuncien á axuda, proceda o reintegro, ou de que se produza, por calquera razón, un incremento no orzamento asignado ao programa, no ano 2013 o GDR poderá seleccionar proxectos excedéndose do marco financeiro previsto para esa anualidade. Nestes casos seleccionarase o proxecto e outorgarase a subvención condicionándoa á dispoñibilidade futura de fondos axeitados.

As contías liberadas asignaranse a outros proxectos encadrables na mesma medida de orixe das citadas contías. Se non hai proxectos vinculados á mesma medida, deben aplicarse as normas complementarias que para o efecto dite Agader e, subsidiariamente, as normas previstas nas bases reguladoras para a selección de programas de desenvolvemento rural e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras.

VII. Obrigas dos beneficarios.

Son obrigas do beneficiario as previstas con carácter xeral no artigo 11 da LSG e as que se establezan especificamente na resolución de concesión. Entre outras, os beneficiarios asumirán as seguintes obrigas:

1. Executar o proxecto ou realizar a actividade, e xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

2. Respectar o destino do investimento e manter os empregos creados e/ou consolidados durante os cinco anos posteriores á resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

3. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.

4. Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas por Agader, polo GDR, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes da Administración autonómica, estatal ou comunitaria, achegando canta información lle sexa requirida para os efectos.

5. Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

6. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos neste réxime de axudas, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

7. Adoptar as medidas de difusión e publicidade, nos termos que a continuación se especifican, e someterse ao Plan de Comunicación do PDR, que estará a dispor dos interesados na páxina web de Agader:

-No suposto de investimentos en obra civil, mediante a instalación dunha placa cos logotipos das administracións que cofinancian o proxecto e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013, segundo o modelo que os GDR facilitarán aos promotores.

-Cando os investimentos en obra civil sexan de importe superior a 50.000 € haberá de colocarse un panel publicitario, segundo o modelo que os GDR facilitarán aos promotores. Este panel manterase visible durante a execución do proxecto e ata a certificación final. No caso das infraestruturas e investimentos por importe superior a 500.000 € este panel terá carácter permanente.

Os gastos derivados da instalación de placas e paneis terán a consideración de custo elixible.

-Se o investimento consiste en maquinaria ou elementos móbiles, mediante a colocación dun adhesivo perdurable cos logotipos das administracións financiadoras e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013.

Tratándose de estudos, publicacións e outros materiais gráficos, mediante a inclusión dos logotipos das administracións financiadoras e o logotipo de Leader Galicia 2007-2013 nas portadas.

-As publicacións, carteis, audiovisuais e calquera información ofrecida por medios electrónicos que versen sobre medidas e actividades cofinanciadas por Feader indicarán claramente na páxina de portada a participación da comunidade e a contribución do Feader ao financiamento. Os sitios web, ademais, deberán incluír un enlace co sitio web da comisión dedicado ao Feader.

Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a súa adquisición, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes. No caso de bens inscritibles nun rexistro público deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser inscritos estes extremos no rexistro público correspondente.

No caso de proxectos técnicos, estudos, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de cinco anos contados desde a resolución de pagamento final do proxecto.

VIII. Xustificación e pagamento.

a) Réxime de xustificación.

O beneficiario das axudas deberá presentar a xustificación documental dos gastos ou investimentos vinculados á actividade subvencionada dentro do prazo máximo previsto na resolución de concesión.

Para estes efectos, o beneficiario presentará no rexistro do GDR a seguinte documentación:

-Solicitude de pagamento, segundo o modelo normalizado que estará a dispor dos interesados na sede do GDR.

-Facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente, que serán devoltas ao promotor debidamente cuñadas indicando que o seu importe foi imputado a un proxecto auxiliado no marco do Leader.

-Documentación acreditativa do pagamento en favor dos acredores:

-Como regra xeral, presentarase o xustificante bancario de pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en conta, certificación bancaria, etc.) en que conste o número de factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

-Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

-Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor na cal figure algunha expresión do tipo recibín en metálico, pagado...

-Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

-Xunto coa primeira solicitude de pagamento deberá achegar a documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se executa o proxecto, ou da súa dispoñibilidade destes durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento, así como o resto da documentación que especificamente se relacione na resolución de concesión.

-Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

-No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria do mesmo. Neste suposto, presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente.

-Cando a subvención se conceda para a adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados na que conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

-Cando a subvención se conceda para realizar estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén deben achegarse copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc.

Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

O beneficiario deberá acreditar, se é o caso, que aplicou á actividade subvencionada os rendementos financeiros xerados polos fondos librados por Agader segundo o disposto no artigo 17.5º da LSG.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Os gastos que se terán en conta para os efectos da xustificación de investimentos serán os efectivamente pagados polos beneficiarios das axudas a favor dos seus provedores antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado. No suposto de discrepancias entre Agader e o promotor respecto do valor de mercado dos gastos subvencionables, aplicarase o procedemento previsto no artigo 33 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención nos termos previstos no punto V.b) deste réxime de axudas, Agader poderá aceptar variacións nas diversas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que o incremento non supere o 20% en cada capítulo e que no seu conxunto non varíe o importe total do gasto aprobado e non desvirtúe as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión. Estas variacións en ningún caso poderán supoñer un incremento dos límites porcentuais previstos neste réxime de axudas para determinadas partidas.

Cando non se xustifique a totalidade do investimento ou gasto aprobado na resolución de concesión, o investimento certificarase aplicando ao investimento ou gasto subvencionable xustificado a porcentaxe de subvención inicialmente concedida, sempre e cando se cumprirase a finalidade ou obxectivo para o que se concedeu a axuda.

b) Réxime de pagamento.

O pagamento efectuarase na conta bancaria para tal efecto designada polo beneficiario.

Con carácter previo ao pagamento, deberá acreditarse que o beneficiario está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débeda de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán concederse pagamentos parciais e anticipos de conformidade co disposto no artigo 31.6º da LSG e nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (ou normativa que o substitúa) e no artigo 56 do Regulamento (CE)1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro.

Pagamentos parciais. Poderán realizarse pagamentos parciais cando a contía do gasto xustificado en cada pagamento parcial supere o 25% do investimento aprobado e non excederá, en ningún caso, a anualidade prevista en cada exercicio nin superará o 80% do total da subvención concedida.

Non se concederán pagamentos parciais cando o orzamento aceptado sexa inferior a 30.000 €. Se o pagamento parcial ou a suma dos importes dos pagamentos parciais é superior a 30.000 € o beneficiario deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda un aval solidario dunha entidade de crédito que deberá cubrir o importe dos pagamentos xunto cos xuros destes, calculados ao tipo de xuro oficial vixente no momento da concesión, e que deberá acadar como mínimo ata nove meses seguintes ao remate do prazo de xustificación do investimento referido na resolución de concesión da axuda.

Anticipos. No suposto de que o investimento exixa pagamentos inmediatos, os promotores poderán solicitar un anticipo equivalente, como máximo, ao 20% do importe da axuda pública. En todo caso, o pagamento do anticipo quedará supeditado á constitución dunha garantía bancaria equivalente ao 110% do importe anticipado.

IX. Réxime sancionador.

Con carácter xeral, resulta de aplicación o réxime de infraccións e sancións administrativas que regula o título IV da LSG.

X. Reintegro.

Procederá o reintegro das contías percibidas, así como os xuros de mora xerados desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33.1º da LSG.

Non procederá o reembolso da axuda nos seguintes supostos:

-Longa incapacidade profesional do beneficiario.

-Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

-Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación agraria, destrución accidental dos edificios da explotación agraria ou epizootia masiva.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido nos artigos 38 e seguintes da LSG.

XI. Acumulación de axudas.

As axudas concedidas no marco do programa Leader serán incompatibles con calquera outra que, para o mesmo gasto ou investimento, leven cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, etc...).

Coa excepción anterior, as axudas concedidas no marco do programa Leader serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos públicos e privados destinados a financiar o mesmo gasto ou investimento, sempre que:

-O importe acumulado das axudas non exceda do custo da actividade subvencionada.

-O importe total das axudas públicas non exceda dos límites máximos previstos na normativa de axudas de estado.

XII. Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación deste réxime de axudas, esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

XIII. Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude de axuda comporta a autorización do solicitante para obter de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estas certificacións non puidesen ser obtidas por Agader, poderán serlle requiridas ao solicitante.

Segundo o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas. Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda levará o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, dependente da Consellería de Economía e Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

XIV. Controis.

Efectuaranse controis administrativos respecto de todas as solicitudes de axuda e solicitudes de pagamento, así como controis sobre o terreo e controis a posteriori nos termos previstos no Regulamento (CE) nº 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, e no Plan galego de controis Feader, que está á disposición dos interesados na páxina web de Agader.

Así mesmo, en aplicación do artigo 31 do citado regulamento, cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3% ao importe que derive do estudo por Agader da admisibilidade dos pagamentos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos importes.

XV. Normativa de aplicación.

-Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por decision da Comisión C (2008), 703, do 15 de febreiro de 2008.

-Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

-Regulamento (CE) nº 1944/2006 do Consello, do 19 de decembre de 2006, que modifica o Regulamento (CE) nº 1698/2005.

-Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

-Regulamento(CE) nº 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

-Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

-Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro, modificado polo Regulamento (CE) nº 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro de 2004, e polo Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, ou disposición que o substitúa.

-Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

-Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Parte B. Fichas de elixiblidade.

Ficha de elixibilidade I.

Actuacións enmarcables na medida 411. Dinamización do sector agrario e forestal.

Tipoloxía de proxectos. No marco da medida 411 poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellorar a viabilidade dos sectores agrario e forestal, se enmarquen nalgún dos seguintes ámbitos de actuación:

1. Investimentos no sector agrario.

Proxectos de investimento en explotacións agrarias, coa finalidade de mellorar o seu rendemento global, nos seguintes supostos:

-Que impliquen a introdución de novas técnicas de produción que non teñan presenza no sector, a través de proxectos de experimentación susceptibles de difusión posterior.

-Que teñan como obxectivo a recuperación de variedades tradicionais,.

-Que estean relacionados co apoio a novas producións.

-Que afecten a producións extensivas en áreas ambientalmente sensibles.

-Que estean dirixidos a mellorar a eficiencia enerxética das explotacións.

-Que estean vinculados coa aplicación das TIC nas explotacións.

2. Aumento do valor económico dos montes.

Proxectos que impliquen a posta en valor de superficies de montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios, sempre que sexan actuacións singulares, excluíndo as plantacións ou actuacións forestais regulares e os tratamentos silvícolas asociados a elas. Mantemento e recuperación de sistemas pastorís en montes veciñais en man común.

3. Aumento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais.

-Proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos referidos no anexo I do Tratado, con excepción dos produtos da pesca.

-Proxectos de transformación e comercialización de produtos forestais.

Os proxectos relacionados coa utilización da madeira como materia prima estarán limitados nesta medida ás operacións anteriores á transformación industrial.

Os investimentos subvencionados deberán de contribuír, en todo caso, a aumentar o rendemento global da actividade.

No marco da medida 411 non se concederán axudas para:

-Investimentos dirixidos ao comercio polo miúdo en destino, salvo que a comercialización a realicen as organizacións de produtores ou as súas entidades vinculadas, dos produtos dos seus propios asociados ou doutros produtores non asociados.

-Investimentos dirixidos á obtención de produtos de imitación do leite.

-Proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios que dean lugar a un produto non incluído no anexo I do Tratado, que deberán de enmarcarse na medida 413.

A concesión da axuda está supeditada a que existan demandas e saídas normais ao mercado para o obxecto do investimento e a que estes respondan a unha necesidade estrutural ou territorial.

4. Cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrario, alimentario e forestal.

Proxectos de cooperación entre produtores agrarios e forestais, empresas de transformación e comercialización agraria e forestal e/ou centros tecnolóxicos e de investigación de cara ao desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías, con especial referencia a aqueles procesos que ofrezan saídas alternativas e de mellor calidade e que incrementen o valor engadido dos produtos.

En ningún caso se subvencionarán ao abeiro desta medida:

-Proxectos de infraestruturas rurais.

-Operacións que poidan optar a axuda no marco das organizacións comúns de mercado.

-Primas e pagamentos directos, tales como as axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria, cesamento da actividade agraria, asesoramento de explotacións agrarias e formación e capacitación agraria.

Beneficiarios.

Os beneficiarios dos proxectos promovidos no marco desta medida deberán de cumprir os requisitos que con carácter xeral se establecen na epígrafe II das normas xerais deste réxime de axudas. A condición de beneficiario acreditarase coa presentación da documentación que se refire na citada epígrafe das normas xerais.

No sector da transformación e comercialización de produtos agrarios, cando a transformación e/ou comercialización dea lugar a un produto incluído no anexo I do Tratado, poderán ser beneficiarias, ademais das Pemes, as empresas intermedias.

Teñen a consideración de empresas intermedias as que empregan menos de 750 persoas e teñen un volume de negocios anual inferior a 200 millóns de euros.

No sector da transformación e comercialización de produtos forestais a condición de beneficiario restrínxese ás microempresas. De acordo coa Recomendación 2003/361/CE, teñen a consideración de microempresas aquelas empresas que ocupan menos de 10 empregados e cun volume de negocios anual ou un balance xeral anual que non supera os 2 millóns de euros.

Gastos subvencionables.

Ademais dos gastos referidos na epígrafe III das normas xerais deste réxime de axudas, nos proxectos de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario e forestal serán subvencionables os gastos que correspondan a actividades preparatorias tales como o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos, procesos e tecnoloxías e os investimentos materiais e inmateriais relacionados coa cooperación antes do emprego dos novos produtos, procesos e tecnoloxías con fins comerciais. Particularmente para este tipo de proxectos, son subvencionables:

-Gastos de funcionamento, subministracións e gastos en material funxible.

-Gastos de persoal investigador ou auxiliar.

Financiamento.

A intensidade de axuda que pode percibir un proxecto no marco da medida 411 de axudas non excederá os seguintes límites porcentuais e cuantitativos:

-Porcentaxe máxima da axuda:

Regra xeral: 45% sobre o gasto subvencionable.

Limitacións:

-No sector da produción agraria, cando o promotor non teña a consideración de agricultor mozo e o proxecto se desenvolva fóra das zonas catalogadas como zonas desfavorecidas ou de montaña: 40% sobre o gasto subvencionable.

-No sector da transformación e comercialización de produtos agrarios, cando o promotor teña a consideración de empresa intermedia: 25% sobre o gasto subvencionable.

-Importe máximo da axuda: 250.000 €.

Respecto de todos os proxectos que se promovan no marco desta medida, a contribución do beneficiario ao seu financiamento será do 25% como mínimo.

Con carácter xeral, as axudas concedidas no marco desta medida ampáranse no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

Tratándose de proxectos de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías, cando se efectúen respecto de produtos non incluídos no anexo I do Tratado, as axudas que se concedan ampararanse no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

De acordo con este regulamento, a axuda total de minimis concedida a un beneficiario determinado non será superior a 200.000 € durante un período de tres exercicios fiscais.

Ficha de elixibilidade II.

Actuacións enmarcables na medida 412. Mellora ambiental e do contorno rural.

Tipoloxía de proxectos. No marco da medida 412 poderán subvencionarse proxectos de investimento de carácter non produtivo que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora do ambiente e do contorno rural, se enmarquen nalgún dos ámbitos de actuación que a continuación se relacionan.

I. Investimentos non produtivos en explotacións agrarias, tales como:

-Actuacións realizadas na explotación para a mellora da paisaxe en zonas Natura 2000 ou outras zonas de alto valor natural.

-Actuacións de recuperación de elementos históricos, naturais, culturais e patrimoniais representativos da paisaxe agraria.

II. Investimentos non produtivos en espazos forestais, tales como:

-Restauración de ámbitos forestais de alto valor natural e paisaxístico e de conservación da biodiversidade.

-Fomento do uso social, educativo e recreativo dos montes.

Para os efectos desta medida, entenderase por investimentos non produtivos os investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrarias ou forestais.

III. Investimentos non produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural no contorno rural.

Beneficiarios.

Os beneficiarios dos proxectos promovidos no marco desta medida deberán de cumprir os requisitos que con carácter xeral se establecen na epígrafe II das normas xerais deste réxime de axudas. A condición de beneficiario acreditarase coa presentación da documentación que se refire na citada epígrafe da parte xeral.

Gastos subvencionables.

Ademais dos gastos referidos na epígrafe III da parte xeral deste réxime de axudas, poderanse subvencionar nesta medida os gastos derivados da realización de estudos técnicos vinculados aos investimentos obxecto da axuda (plans de proteción de zonas naturais e de interese paisaxístico, recuperación de tradicións culturais, inventarios...).

Financiamento.

-Porcentaxe máxima de axuda pública: ata o 100%, sen prexuízo dos límites que, de ser o caso, se establezan nos respectivos programas de desenvolvemento rural, sobre a base da tipoloxía de proxectos que se establece na epígrafe VI das bases reguladoras para a selección do programas de desenvolvemento rural e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras.

-Importe máximo de axuda pública: 250.000 €.

Ficha de elixibilidade III.

Actuacións enmarcables na medida 413. Diversificación da economía rural e mellora da calidade e vida.

Tipoloxía de proxectos. No marco da medida 413 poderán subvencionarse proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural, se enmarquen nalgún dos seguintes ámbitos de actuación:

I. Diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias. Proxectos que impliquen o inicio ou mellora dunha actividade produtiva complementaria da propia actividade agraria que se desenvolva na explotación agraria, tales como:

-Transformación e venda de produtos agrarios ou especialidades locais na propia explotación.

-Elaboración e venda de produtos artesanais.

-Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria de cara a ofrecer servizos turísticos complementarios ao aloxamento. Os investimentos que impliquen a creación de prazas de aloxamento estarán supeditadas ás limitacións sectoriais recollidas na parte C deste réxime de axudas.

-Servizos educativos, culturais, recreativos, ambientais asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio.

-Prestación de servizos á poboación.

II. Creación, ampliación, modernización e/ou traslado de Pemes, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.

Nos proxectos de creación é requisito necesario a xeración de emprego, como mínimo, equivalente a 0,25 empregos anuais. Para estes efectos, enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo, fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, e independentemente do réxime laboral que os regule. Nos demais proxectos é requisito necesario o mantemento dos empregos existentes.

III. Fomento de actividades turísticas:

-Infraestruturas a pequena escala, tales como centros de información turística.

-Rutas de sendeirismo e outras infraestruturas turísticas.

-Desenvolvemento e/ou a comercialización de novos produtos e servizos turísticos relacionados co turismo rural.

IV. Servizos para a economía e a poboación rural:

Implantación de servizos, incluídas as actividades culturais e de lecer, para a poboación rural, e as correspondentes infraestruturas a pequena escala, así como actividades vinculadas á mellora dos sectores produtivos do territorio.

V. Renovación e desenvolvemento de poboacions rurais e conservación e mellora do patrimonio rural:

-Mantemento, restauración e mellora do patrimonio natural, incluídos os proxectos de mantemento e recuperación de sistemas silvopastorís en montes veciñais en man común sen finalidade produtiva.

-Desenvolvemento de lugares de alto valor natural.

-Investimentos relativos á restauración, mellora e posta en valor do patrimonio cultural.

VI. Formación vinculada a proxectos de investimento material promovidos no marco da medida 413.

En ningún caso se subvencionarán no marco da medida 413 os proxectos de sinalización territorial, nin os proxectos de infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria por parte das entidades locais ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos establecidos nos artigos 26 e 86.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Beneficiarios.

Os beneficiarios dos proxectos promovidos no marco desta medida deberán de cumprir os requisitos que con carácter xeral se establecen na epígrafe II das normas xerais deste réxime de axudas. A condición de beneficiario acreditarase coa presentación da documentación que se refire na citada epígrafe da parte xeral.

Tratándose de proxectos de diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias, os beneficiarios serán exclusivamente os membros dunha unidade familiar ligada a unha explotación agraria, entendendo como tales as persoas físicas ou xurídicas ou grupo de persoas físicas ou xurídicas, con excepción dos traballadores agrarios. Nos casos en que un membro da unidade familiar da explotación sexa unha persoa xurídica ou un grupo de persoas xurídicas, ese membro debe exercer unha actividade agrícola na explotación no momento en que se presente a solicitude de axuda. Tratándose de persoas físicas, a acreditación do carácter de beneficiario exixe a presentación, xunto co resto da documentación referida na epígrafe IV a) 2 das normas xerais deste réxime de axudas, do certificado de empadroamento municipal, para os efectos de constatar a convivencia do solicitante na explotación agraria.

Gastos subvencionables.

Ademais dos gastos referidos na epígrafe III das normas xerais deste réxime de axudas, poderanse subvencionar os seguintes gastos:

-Gastos derivados da realización de estudos e proxectos técnicos nos seguintes ámbitos: detección de novas iniciativas empresariais e mercados potenciais; novos circuítos de distribución comercial; deseño, promoción e/ou comercialización de produtos turísticos.

-Nos proxectos de formación, serán subvencionables os seguintes tipos de gastos: custos laborais causados polo profesorado, material didáctico e funxible, aluguer e/ou mantemento de locais e equipamentos, seguros dos alumnos, gastos en viaxes de estudo e visitas técnicas, gastos de aloxamento, manutención e transporte, custos de matrículas e os custos de formación.

Nos proxectos de traslado dunha PEME, cando o inmoble en que se sitúa a industria antes do traslado sexa propiedade do promotor, o seu valor patrimonial deducirase do importe total subvencionable. Para estes efectos, considerarase como valor patrimonial o valor do ben no mercado no momento da solicitude da axuda. Nestes supostos, o promotor deberá presentar, xunto coa documentación que se relaciona na epígrafe IV das normas xerais deste réxime de axudas, copia da inscrición do ben no rexistro da propiedade correspondente e un certificado asinado por un taxador independente debidamente cualificado en que se refira o valor do ben.

Financiamento.

A intensidade de axuda que pode percibir un proxecto no marco da medida 413 non excederá os límites porcentuais e cuantitativos que a continuación se relacionan:

Respecto dos proxectos de natureza produtiva que se promovan no marco desta medida, a contribución do beneficiario ao seu financiamento será do 25% como mínimo.

-Proxectos vinculados á diversificación cara a actividades non agrarias e de creación, ampliación, modernización e/ou traslado de Pemes:

-Porcentaxe máxima de axuda: 45% do gasto subvencionable.

-Importe máximo de axuda: 250.000 €.

Esta axuda ampárase no Regulamento 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, ou normativa que o substitúa.

-Proxectos vinculados ás epígrafes fomento de actividades turísticas, servizos para a economía e a poboación rural e renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación e mellora do patrimonio rural:

1. Proxectos de natureza produtiva:

-Porcentaxe máxima de axuda: 45% sobre o gasto subvencionable.

-Importe máximo da axuda: 200.000 €.

Esta axuda ampárase no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. De acordo con este regulamento, a axuda total de minimis concedida a un beneficiario determinado non será superior a 200.000 € durante un período de tres exercicios fiscais.

2. Proxectos de natureza non produtiva:

-Porcentaxe máxima de axuda: ata o 100%, sen prexuízo dos límites que, de ser o caso, se establezan nos respectivos programas de desenvolvemento rural, en función da tipoloxía de proxectos.

-Importe máximo de axuda: 250.000 €.

Para estes efectos, terán a consideración de proxectos non produtivos aqueles que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter aqueloutros proxectos de interese público que, aínda constituíndo unha actividade económica, ou estando afectos a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio (concello) de que se trate e sempre que estean promovidos por unha entidade pública local ou unha entidade sen ánimo de lucro.

Gastos de formación:

-Porcentaxe máxima de axuda: ata o 100%, sen prexuízo dos límites que, de ser o caso, se establezan nos respectivos programas de desenvolvemento rural.

Os gastos vinculados á formación ampáranse no Regulamento (CE) Nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. De acordo con este regulamento, a axuda total de minimis concedida a un beneficiario determinado non será superior a 200.000 € durante un período de tres exercicios fiscais.

Ficha elexibilidade IV.

Medida 431. Gastos de funcionamento, adquisición de capacidades e promoción territorial.

Beneficiarios.

Os GDR seleccionados en virtude das correspondentes convocatorias e que subscribisen con Agader un convenio de colaboración para a aplicación dun programa de desenvolvemento rural no marco do programa Leader Galicia 2007-2013.

Obxectivos da medida.

Dotar os GDR da estrutura e capacidade suficientes para cumprir o seu labor de promoción, dinamización e desenvolvemento do seu territorio en xeral, e en particular, da estrutura necesaria, tanto material como humana, para executar a estratexia de desenvolvemento referida no seu programa.

Gastos subvencionables.

I. Submedida 431 A. Gastos de funcionamento.

-Gastos do persoal que integra o equipo técnico do GDR: retribucións salariais, cotizacións á Seguridade Social, indemnizacións.

-Asistencias técnicas á xestión.

-Subministracións exteriores (material de oficina e similar).

-Material informático, telemático e de reprografía.

-Gastos relativos á sede do GDR (aluguer, acondicionamento, equipamento, gastos correntes…).

-Gastos vinculados ao traballo en rede.

-Outros gastos necesarios para realizar as funcións que lle corresponden como entidade colaboradora de Agader, tales como gastos de representación institucional ata un importe máximo de 1.000 €/ano, axudas de custo e desprazamento ou gastos asociados ás reunións dos órganos de decisión do GDR, a excepción de calquera tipo de retribución por asistencia a elas.

Non son subvencionables:

-Os gastos por despedimentos improcedentes.

-Os xuros debedores das contas bancarias, nin os xuros, as recargas, as sancións administrativas e penais nin os gastos de procedementos xudiciais que afecten os GDR.

II. Submedida 431 B. Adquisición de capacidades e promoción do territorio.

-Difusión do programa no territorio de actuación, incluíndo os gastos do equipamento técnico neste tipo de actividades.

-Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

-Estudos, informes, publicacións.

-Mapas, guías, edición de material de promoción, valorización e difusión do territorio, portais e páxinas web.

-Viaxes, presenza en feiras e eventos.

-Sinalización turística.

-Rutas.

-Proxectos sectoriais colectivos, de coordinación, accións conxuntas.

-Accións de formación vinculadas á aplicación da estratexia.

-Valorización do patrimonio cultural inmaterial.

Condicións de subvencionabilidade.

As condicións de subvencionabilidade dos conceptos e das actividades subvencionables figurarán referidas nos respectivos convenios de colaboración que os GDR seleccionados subscribirán con Agader.

Inicio de subvencionabilidade dos gastos.

Desde a data de publicación no DOG da primeira convocatoria para a selección dos programas de desenvolvemento rural e para a selección e recoñecemento dos GDR como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013.

Financiamento.

I. Submedida 431 A. Gastos de funcionamento.

Os gastos de funcionamento dos GDR financiaranse dentro dos límites do cadro financeiro anexo ao convenio de colaboración que asinen con Agader e de acordo cos importes máximos autorizados por Agader anualmente, de acordo co disposto na epígrafe VII das bases de selección de programas e de GDR.

-Porcentaxe máxima de axuda pública: ata o 100%, cos seguintes límites cuantitativos e porcentuais calculados sobre o total do importe da medida 431:

i. Gastos de persoal: salarios brutos máximos imputables ao programa:

-Xerente ou máximo responsable técnico de programa: 36.000 €/ano.

-Técnico: 28.000 €/ano.

-Administrativo: 18.000 €/ano.

En función da execución do programa e vinculado a incentivos salariais, Agader poderá autorizar a superación destes límites cuantitativos.

ii. Asistencias técnicas: ata o 12% do total do importe anual autorizado por Agader para sufragar os gastos de funcionamento.

iii. Axudas de custo:

-Causadas en territorio de Galicia: ata o importe que establece a normativa de aplicación ao persoal da Administración autonómica para o Grupo II.

-Causadas en territorio de fóra de Galicia: ata o importe que establece a normativa de aplicación ao persoal da Administración autonómica para o grupo I.

II. Submedida 431 B. Adquisición de capacidades e promoción do territorio.

Os gastos destinados a adquisición de capacidades e promoción do territorio financiaranse dentro dos límites que figuran no cadro financeiro anexo ao convenio de colaboración asinado con Agader e de acordo cos importes máximos autorizados por Agader anualmente, de acordo co disposto na epígrafe VII das bases de selección de programas e de GDR.

-Porcentaxe máxima de axuda pública: ata o 100%.

O conxunto dos gastos vinculados aos conceptos que a continuación se relacionan non excederá do 10% do total da medida 431:

-Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

-Estudos, informes e publicacións.

-Viaxes e presenza en feiras.

-Formación.

Xustificación e pagamento.

Os gastos vinculados á medida 431 xustificaranse nos termos previstos na parte xeral deste réxime de axudas, coa particularidade de que poderán presentar as xustificacións de gasto con periodicidade mensual, que darán lugar aos correspondentes pagamentos parciais.

Parte C. Limitacións sectoriais.

Dentro da liberdade de promover proxectos encadrados nas medidas anteditas, de cara a evitar diverxencias entre as actuacións incentivadas desde distintas administracións públicas e para buscar a maior complementariedade posible entre elas, nalgúns sectores cómpre establecer limitacións adicionais:

-Investimentos en centros destinados a prestación de servizos de igualdade e benestar á poboación. Non son subvencionables dentro do programa Leader os centros-residencia de maiores e os centros de protección e reeducación de menores. Non están afectados por esta exclusión as vivendas comunitarias, vivendas tuteladas e centros de día de maiores non dependentes. Os proxectos promovidos por entidades públicas e destinados á prestación de servizos do ámbito de actuación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar só serán subvencionables cando a xestión dese centro se integre no devandito consorcio.

-Investimentos en establecementos turísticos. Quedan excluídos de subvencionalidade dentro do programa Leader os establecementos de turismo rural do grupo D.

Nos establecementos de turismo rural dos grupos A e B e nos establecementos hoteleiros (tanto os de carácter xenérico como calquera das súas especialidades, de natureza, rústico...) non son financiables investimentos en novas prazas de aloxamento.

Nos establecementos de turismo rural do grupo C os investimentos que impliquen creación de novas prazas de aloxamento só serán financiables nos concellos en que se acredite a través dun informe conxunto entre Agader e a Dirección Xeral de Turismo a escaseza de prazas.

Nos proxectos de investimento que inclúan as prazas de aloxamento como unha actividade complementaria a outra actividade principal (educativa, cultural, etc,), o gasto vinculado ás prazas de aloxamento será elixible cando constitúa unha partida minoritaria dentro do proxecto (menor do 30% do investimento).

-Investimentos no sector das enerxías renovables. Quedan excluídos de financiamento dentro do programa Leader investimentos en enerxías renovables para venda á rede.

-Investimentos en actividades económicas do sector servizos. Nos sectores de hostalaría e comercio polo miúdo só son subvencionables establecementos dedicados á valorización de produtos ou recursos propios do territorio onde se localicen.

Os investimentos en actividades de asesoría, axencias de seguros, perrucarías, tinturarías, talleres de reparacións, despachos profesionais e asimiladas só serán subvencionables en núcleos de poboación onde non haxa ningún establecemento que preste ese servizo.

-Os proxectos de elaboración de estudos, celebración de eventos, certames ou feiras, edición de libros ou guías, páxinas web terán un límite máximo de axuda de 30.000 € por proxecto.

-Centros sociais e o seu acondicionamento e equipamento. Só serán subvencionables proxectos en centros de uso aberto á poboación en xeral, sendo a axuda máxima de 50.000 € por proxecto.

Ver referencia pdf "11500D011P062.PDF"

ANEXO IV

Convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e o Grupo de Desenvolvemento Rural…, para a aplicación dun programa de desenvolvemento rural no marcodo eixe 4 (metodoloxía Leader) do PDR de Galicia 2007-2013

En…, … de… de…

Reunidos:

Dunha parte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en adiante, Agader), representada por don Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural en virtude do Decreto 213/2005, do 3 de agosto, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, e presidente de Agader, en virtude do artigo 8 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de Agader, e da disposición adicional oitava do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, con facultades para formalizar este convenio segundo o acordo do Consello de Dirección de Agader do… de… de 2008.

E doutra parte, o Grupo de Desenvolvemento Rural… (en adiante, o GDR), con sede en…, e con código de identificación fiscal…, representado por…, nomeado/a por acordo da xunta directiva do… e facultado/a para a sinatura deste convenio por acordo do…/polo artigo… dos seus estatutos.

Expoñen:

Primeiro.-A Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, aprobou o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (en adiante, o PDR), ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

Segundo.-O PDR prevé a posta en marcha dunha serie de medidas a través de estratexias integradas de desenvolvemento promovidas por grupos de desenvolvemento rural nos termos sinalados no artigo 62.1º do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

Terceiro.-De conformidade coas bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras aprobadas mediante acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008 (DOG nº..., do... de... de 2008), o GDR… presentou un programa de desenvolvemento rural, formulado co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sustentable a longo prazo da zona de actuación. O programa e o GDR sinalados foron seleccionados mediante acordo do Consello de Dirección de Agader do…

Cuarto.-De conformidade co previsto na epígrafe XI das bases reguladoras aprobadas no citado acordo do Consello de Dirección de Agader, no número 5.5 do PDR (eixe 4: aplicación da metodoloxía Leader) e no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o GDR e a Agader deben asinar un convenio de colaboración en que se regulen as condicións e obrigas que asume a entidade colaboradora para a xestión do programa de desenvolvemento rural.

De conformidade co exposto e no exercicio das súas competencias, as partes reunidas acordan formalizar este convenio, coas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

Este convenio ten por obxecto establecer as regras que deberán aplicar as partes na xestión do programa de desenvolvemento rural seleccionado polo acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008 e, en particular, as funcións e obrigas que asume o GDR como entidade colaboradora de Agader de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-Duración do convenio.

A vixencia deste convenio iníciase o día da súa sinatura e producirá efecto ata cinco anos despois do último pagamento realizado no marco do programa de desenvolvemento rural, de xeito que o GDR non poderá disolverse ata que transcorra o devandito período, que alcanzará ata o 31 de decembro de 2020 como máximo, salvo que o GDR garanta previamente ante Agader as responsabilidades contraídas.

Terceira.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico de aplicación deste convenio é o territorio en que se desenvolverá o programa de desenvolvemento rural seleccionado. Este territorio figura como anexo I.

Cuarta.-Orzamento para o cumprimento do Programa de desenvolvemento rural.

O orzamento público para a aplicación do Programa de desenvolvemento rural é o importe da subvención asignada no acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008 para o programa sinalado.

O citado orzamento, desagregado por medidas, anualidades e fontes financiadoras, figura como anexo II e constitúe o marco financeiro en relación ao que o GDR seleccionará proxectos para o cumprimento dos obxectivos do programa. Así mesmo, serve de base para o cálculo dos gastos de funcionamento do GDR, regulados na cláusula oitava, e dos gastos vinculados ás actuacións de adquisición de capacidades e de promoción do territorio, regulados na cláusula novena. O devandito orzamento poderá variar como consecuencia da asignación da reserva de eficacia, segundo o previsto na epígrafe VII das bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras, das modificacións do PDR, de reprogramacións do programa do GDR, da redistribución de fondos entre programas dos GDR, do incumprimento da regra n+2 ou doutros supostos similares.

Para a execución do programa de desenvolvemento rural aplicarase o orzamento público sinalado nesta cláusula máis o seu cofinanciamento, que acadará, como mínimo, o 116% do citado orzamento público, o cal representa o 140% dos fondos públicos achegados á estratexia, e procederá das contribucións dos promotores de proxectos.

Quinta.-Principios de actuación.

Para o cumprimento dos obxectivos do programa de desenvolvemento rural, tendo en conta o carácter público dos fondos que o financian, a actuación do GDR deberá garantir os principios de colaboración, imparcialidade, publicidade, transparencia, libre concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Eses principios plasmaranse, entre outras, nas seguintes normas de actuación do GDR:

Colaboración cos cidadáns en xeral, e coas entidades públicas ou privadas do territorio, pertenzan ou non ao GDR, así como con outros GDR.

Imparcialidade, de modo que os membros dos órganos de decisión do GDR deben ausentarse dos debates e votacións daqueles proxectos en que teñan un interese directo ou indirecto, por motivos de titularidade, económicos ou societarios, de parentesco ata o terceiro grao civil por consanguinidade, afinidade ou adopción, ou de amizade íntima ou inimizade manifesta.

Publicidade, tanto das convocatorias e regras para a selección de proxectos como dos proxectos subvencionados, así como para as contratacións que deba facer o GDR.

Transparencia, materializada en expedientes completos, na ausencia de acordos ocultos, na ausencia de persoas e entidades en debates e acordos que os afecten e na sinatura por persoa delegada en representación do cargo do órgano de decisión que sexa, á vez, perceptor ou interesado na axuda.

Libre concorrencia, sen máis limitacións que as que deriven da convocatoria, tanto para a selección de proxectos como para a contratación, por parte do GDR, dos recursos humanos ou materiais.

Obxectividade ou autolimitación da discrecionalidade, mediante a aplicación aos proxectos das normas do GDR para a xestión do programa, en particular dos criterios para a selección e priorización de proxectos, previamente establecidas e feitas públicas, así como da axeitada motivación da selección ou non de cada proxecto.

Igualdade, de modo que non se dea un tratamento diferente a situacións iguais nin se traten igual situacións diversas.

Non discriminación, de xeito que non se produzan diferenzas de trato fundadas en motivos persoais nin noutras circunstancias alleas ás normas do GDR para a xestión do programa, en particular dos criterios para a selección e priorización de proxectos.

Eficacia, en canto que as actuacións deben orientarse directamente á consecución dos obxectivos do programa de desenvolvemento rural, cuantificando as decisións e analizando as súas posibles consecuencias.

Eficiencia, de xeito que cun menor custo se contribúa a un maior beneficio socioeconómico, en especial entre mulleres e mozos/as, a fin de acadar a mellor proporción entre o rendemento, a utilidade dos investimentos e os gastos de funcionamento.

Para estes efectos, tanto o GDR como as entidades que sexan socios del facilitarán a colocación nos seus taboleiros de anuncios e a inserción nas súas publicacións de cantos documentos, convocatorias, concursos ou anuncios garantan o cumprimento destes principios.

Sexta.-Funcións do GDR.

O GDR, en canto entidade colaboradora de Agader na xestión do programa de desenvolvemento rural seleccionado, asume as seguintes funcións e obrigas:

I. Promover a dinamización territorial e a mobilización social.

II. Promover a valorización do medio rural en xeral, e do seu territorio en particular.

III. Facilitar a participación da poboación nas accións de desenvolvemento do territorio.

IV. Atender o público nunha ou varias oficinas abertas no ámbito territorial do GDR, en que conste o calendario e horario de atención ao público, en particular o de atención da xerencia aos promotores. A oficina ou oficinas estarán identificadas en lugar visible mediante un cartel ou placa axeitados, de modo que non sexa confundible con ningunha dependencia administrativa ou empresarial, e deberá situarse no territorio elixible para efectos do programa Leader.

V. Asesorar os posibles beneficiarios das axudas do programa sobre a adecuación do seu proxecto ás exixencias daquel, así como sobre a posibilidade de acceder a outro tipo de axudas á marxe das previstas nel.

VI. Informar os posibles beneficiarios sobre as obrigas que asumirán no caso de percibir algunha axuda con cargo ao programa, así como sobre a forma de xustificación do cumprimento das condicións para a concesión das subvencións e dos requisitos para a verificación desta.

VII. Tramitar dilixentemente os expedientes, desde que o promotor presente a solicitude diante do GDR ata que este lle traslade a Agader a decisión sobre a selección, a proposta ou a documentación de que se trate.

VIII. Comprobar o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos determinantes para a concesión de subvencións aos promotores de proxectos.

IX. Seleccionar proxectos con cargo ao orzamento sinalado na cláusula cuarta, para darlle cumprimento ao programa de desenvolvemento rural.

X. Redactar a acta de non inicio dos proxectos, realizar actuacións de seguimento e control dos proxectos subvencionados e comunicarlle a Agader calquera incidencia ou irregularidade.

XI. Executar as actividades da medida 431 do PDR (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción do territorio) e xustificar os gastos correspondentes.

XII. Promover ou participar en proxectos de cooperación transnacional e interterritorial fóra e dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as bases reguladoras e as convocatorias da Comunidade Autónoma de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

XIII. Integrarse na Rede galega de grupos de desenvolvemento rural.

XIV. Someterse ás actuacións de comprobación de Agader e de control financeiro.

XV. Levar un rexistro de entrada e saída da documentación que afecte os asuntos vinculados á execución do programa, dándolle traslado inmediato dela a Agader cando corresponda.

XVI. Utilizar un sistema de contabilidade independente para os fondos destinados á medida 431 do PDR.

XVII. Velar pola correcta asignación dos fondos previstos para cada anualidade e a súa distribución entre proxectos produtivos e non produtivos.

XVIII. Aplicar o Manual de Xestión do Programa Leader de Galicia 2007-2013 que aprobe Agader, así como utilizar a aplicación informática correspondente que deseñe e facilite Agader, cubrindo nela todos os campos previstos para cada tipo de actuación.

XIX. Aplicar as regras de información e publicidade sobre a axuda do Feader a que se refire o anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, así como o Plan de comunicación do PDR.

XX. Comunicarlle a Agader, para que as autorice, as reprogramacións do programa de desenvolvemento rural, así como as modificacións de calquera norma interna do GDR relacionada coa xestión do programa.

XXI. Comunicarlle a Agader, no prazo do mes seguinte a terse producido, as variacións na escritura de constitución, estatutos, regulamento de réxime interior, composición dos órganos de decisión do GDR, enderezo, correo electrónico, xerente e outros datos similares referidos ao GDR.

XXII. Elaborar informes, e remitirllos a Agader antes do 1 de xuño de cada ano, sobre a xestión do programa durante o ano anterior. Estes informes deben recoller, polo menos, os acordos da asemblea xeral ou doutros órganos de decisión relativos á xestión do programa, especificamente sobre os aspectos das contas anuais vinculados ao programa, a relación de proxectos subvencionados e rexeitados e o grao de execución dos primeiros, as actuacións de dinamización do territorio, as altas e baixas de socios, o rexeitamento de candidatos a ser socios e as incidencias observadas. Antes de remitilo a Agader, o devandito informe debe ser sometido a aprobación pola asemblea xeral do GDR.

As normas do GDR para a xestión do programa son unha parte esencial do programa de desenvolvemento rural, na medida en que determinan as regras específicas aplicables no desenvolvemento do territorio, e garanten a aplicación dos principios de obxectividade e de transparencia. Por esta razón, a modificación polo GDR das citadas normas, en especial dos criterios de selección e de priorización de proxectos (baremos e regras de asignación de axudas), deberá ser comunicada a Agader para que a autorice.

Na composición do GDR rexerá o principio de portas abertas, entendido como a posibilidade da libre incorporación, tanto no momento da constitución do GDR como ao longo do período de execución do programa, das entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociadas, soliciten a súa incorporación ao GDR, sempre que, no caso de facelo despois da constitución do GDR, acrediten un ano de actividade no ámbito territorial deste. Coa finalidade de garantir a aplicación do antedito principio, cando se rexeite a solicitude dunha entidade para incorporarse ao GDR, este deberá informala da posibilidade de que recorra diante da asemblea xeral e de que lle comunique a Agader as circunstancias do rexeitamento.

O incumprimento das funcións e obrigas do GDR poderá dar lugar á suspensión temporal dos pagamentos pendentes ata que se corrixan as irregularidades cometidas. Así mesmo, o citado incumprimento poderá supoñer o non incremento dos fondos destinados aos gastos de funcionamento, a non asignación da reserva de eficacia e, en casos de grave irregularidade, a resolución do convenio e a conseguinte perda polo GDR da condición de entidade colaboradora na xestión do programa.

Sétima.-Selección de proxectos.

O GDR seleccionará proxectos encadrables nas medidas 411 (actuacións que teñan por obxecto a dinamización do sector agrario e forestal), 412 (actuacións que teñan por obxecto a mellora ambiental e o contorno rural) e 413 (actuacións que teñan por obxecto a diversificación da economía rural e a mellora da calidade de vida) do eixe 4 do PDR, segundo os obxectivos do programa de desenvolvemento rural, no marco orzamentario da cláusula cuarta.

O GDR asegurará sempre a libre concorrencia dos interesados, mediante convocatorias públicas, ata o límite da dispoñibilidade orzamentaria anual.

O equipo técnico do GDR realizará os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deban seleccionarse os proxectos, de acordo co réxime de axudas. Con esa finalidade, o GDR recibirá solicitudes, pedirá documentación complementaria, informes sectoriais da Administración competente e realizará calquera outra actuación propia da instrución segundo os artigos 78 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O equipo técnico do GDR encargarase, así mesmo, de avaliar as solicitudes de axuda en función do programa de desenvolvemento rural, das normas do GDR para a xestión do programa, en particular os criterios de selección e priorización de proxectos (baremo e regras de asignación de axudas), do réxime de axudas, así como das demais normas aplicables sinaladas na cláusula décimo oitava.

Como resultado desa avaliación elaborará o informe de control de elixibilidade (ICE) e enviarao, xunto coa documentación necesaria para valorar a elixibilidade do proxecto, a Agader para a verificación da elixibilidade deste e da correcta aplicación da normativa correspondente por parte do GDR.

Cando o GDR reciba o ICE verificado por Agader, o equipo técnico daralle traslado do ICE, xunto coa documentación que corresponda, ao órgano de decisión do GDR para que, na primeira xuntanza que teña lugar, analice e valore as solicitudes de axuda e decida sobre a selección dos proxectos. A antedita decisión trasladarase a Agader, que resolverá a concesión ou denegación da axuda segundo a proposta de resolución do GDR. Para decidir sobre a selección de proxectos o órgano de decisión do GDR reunirase, polo menos, dúas veces por trimestre. No caso de que non haxa fondos dispoñibles, a decisión sobre a selección trasladarase á primeira xuntanza do seguinte ano.

Se o equipo técnico do GDR, no proceso de instrución e elaboración do ICE, conclúe que o proxecto non é elixible, ou que procede o seu arquivo por non cumprir os requisitos para ser subvencionado ou por desestimento do promotor, daralle traslado do ICE ao órgano de decisión do GDR para que tome o acordo correspondente, decisión que se trasladará a Agader, que resolverá segundo a proposta de resolución do GDR, agás que se constate algún erro ou defecto de legalidade na proposta de resolución.

Para optimizar a execución do programa, en previsión de que os promotores dalgúns proxectos subvencionados non xustifiquen axeitadamente a súa execución, renuncien á axuda ou deban devolvela, ou de que se produza, por calquera razón, un incremento no orzamento asignado ao programa, no ano 2013 o GDR poderá seleccionar proxectos excedendo o marco financeiro do anexo II. Nestes casos seleccionarase o proxecto e outorgarase a subvención condicionándoa á dispoñibilidade futura de fondos axeitados.

As contías liberadas por falta de xustificación da execución de proxectos, renuncia ou devolución deberán ser asignadas a outros proxectos encadrables na mesma medida de orixe das citadas contías. Se non hai proxectos vinculados á mesma medida, deben aplicarse as normas complementarias que Agader dite para estes efectos e, supletoriamente, as regras previstas nas bases reguladoras de selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras.

Oitava.-Gastos de funcionamento do GDR.

1. Para a correcta aplicación do programa de desenvolvemento rural e para o cumprimento das súas funcións, o GDR deberá dotarse dos medios persoais e materiais axeitados, para o cal poderá realizar os seguintes tipos de gastos de funcionamento:

-Persoal, que terá a cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión do programa.

-Asistencia á xestión en aspectos puntuais necesarios para a correcta aplicación do programa.

-Subministracións exteriores.

-Material informático, telemático e de reprografía.

-Gastos relativos á sede do GDR (aluguer, acondicionamento, equipamento, etc.).

-Gastos vinculados ao traballo en rede.

-Outros gastos necesarios para realizar as funcións que lle corresponden como entidade colaboradora de Agader, tales como os gastos de representación institucional, as axudas de custo e desprazamento, gastos asociados ás reunións dos órganos de decisión do GDR, a excepción de calquera tipo de retribución por asistencia a elas.

Non se consideran subvencionables os gastos por despedimentos improcedentes. Tampouco os xuros debedores das contas bancarias, nin os xuros, as recargas, as sancións administrativas e penais nin os gastos de procedementos xudiciais que afecten o GDR.

Con carácter xeral, o GDR terá en conta as seguintes regras sobre os gastos de funcionamento con cargo ao programa:

-As axudas de custo limitaranse ás contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º ou para o grupo 1º, respectivamente, segundo a actividade teña lugar en Galicia ou fóra de Galicia.

-Os gastos de representación institucional non excederán de 1.000 euros anuais.

2. A contratación do equipo xestor do GDR axustarase ás seguintes regras:

-A relación entre o GDR e o persoal terá carácter laboral, non mercantil.

-Selección segundo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria, para a aplicación do programa no marco do PDR.

-O procedemento selectivo constará das seguintes partes: a) proba escrita, centrada sobre materias de desenvolvemento rural e do PDR, normativa de subvencións e territorio de actuación do GDR; B) Entrevista, cun límite do 25% da puntuación máxima do proceso selectivo; e C) Méritos, en relación á experiencia e á formación específica vinculada con programas de desenvolvemento rural, cun límite do 25% da puntuación máxima do proceso selectivo.

-Na comisión de selección preverase un representante de Agader con voz e sen voto.

-As características dos postos de traballo que poida contratar o GDR serán as seguintes:

Xerente ou máximo responsable técnico do programa. Titulación mínima: diplomatura universitaria/ enxeñaría técnica. Salario bruto máximo imputable ao programa: 36.000 €.

Técnico. Titulación mínima: diplomatura universitaria/enxeñaría técnica. Salario bruto máximo imputable ao programa: 28.000 €.

Administrativo. Titulación mínima: bacharelato/FP II. Salario bruto máximo imputable ao programa: 18.000 €.

As persoas seleccionadas farán unha declaración na cal conste que non están incursas nas causas de incompatibilidade aplicables ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma galega, así como no caso de que cambien as circunstancias que poidan afectar a compatibilidade.

O xerente ou máximo responsable técnico do programa terá dedicación exclusiva e non desempeñará cargos electos nos órganos do GDR.

3. A contratación de asistencias técnicas polo GDR axustarase ás seguintes regras:

-As asistencias técnicas só poderán utilizarse para a xestión de aspectos puntuais, como os referidos a servizos técnicos, xurídicos, laborais, fiscais e contables.

-A selección da entidade adxudicataria realizarase segundo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen a contratación das administracións públicas. Os principios de publicidade e concorrencia materializaranse na publicación de anuncios en medios de comunicación e na concesión dun prazo mínimo de dez días para a presentación de ofertas.

-Os gastos de asistencia á xestión non excederán do 12% do importe anual asignado para os gastos de funcionamento.

4. Para atender os gastos de funcionamento o GDR percibirá, con cargo á conta orzamentaria 01/01 01/43/10 656800 de Agader, unha dotación económica no marco da medida 431 do PDR. A antedita dotación será como mínimo dun 12% do orzamento asignado para a aplicación das medidas 411, 412 e 413 do PDR no programa de desenvolvemento rural do GDR. A contía anterior poderá alcanzar o 16% do antedito orzamento, segundo as regras previstas nas bases reguladoras da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras. Ese incremento será recoñecido por Agader cando autorice a previsión anual de gastos de funcionamento do GDR.

A intensidade da axuda con cargo ao programa para os gastos de funcionamento poderá ser do 100%, aínda que o GDR poderá obter financiamento suplementario ou recursos materiais dos seus asociados ou doutras entidades para eses fins.

O GDR deberá executar e xustificar os gastos de funcionamento segundo as regras xerais previstas no réxime de axudas. Ademais, de acordo co parágrafo 3 do artigo 29 da Lei 9/7007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o gasto subvencionable exceda de 30.000 €, no caso de obras, ou de 12.000 €, no caso de subministracións, consultaría ou asistencia técnica, o GDR deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores. Agader pagará os gastos de funcionamento que o GDR xustifique mensualmente, calquera que sexa a súa contía. Así mesmo, poderá aboar anticipos anuais a conta segundo a normativa aplicable ata o 20% do importe da axuda pública prevista no cadro financeiro do anexo II.

Cando o GDR non precise os equipamentos adquiridos con cargo ao programa, destinaranse a entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades vinculadas ao desenvolvemento rural.

Novena.-Actuacións de adquisición de capacidades e de promoción do territorio.

No marco da medida 431 do PDR (Funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción do territorio), o GDR poderá promover actividades do seguinte tipo:

-Difusión do programa no territorio de actuación.

-Encontros, xornadas, seminarios, congresos.

-Estudos, informes, publicacións.

-Mapas, guías, edición de material de promoción, valorización e difusión do territorio, portais e páxinas web.

-Viaxes, presenza en feiras e eventos.

-Sinalizacións turísticas.

-Rutas.

-Proxectos sectoriais colectivos, de coordinación, accións conxuntas.

-Accións de formación vinculadas á aplicación da estratexia.

-Valorización do patrimonio cultural inmaterial.

O importe mínimo de fondos públicos do programa que o GDR destinará á realización das actuacións anteriores será o equivalente ao 4% dos fondos destinados ás medidas 411, 412 e 413 de cada programa e satisfarase con cargo á conta orzamentaria 01/01 01/43/10 656800 de Agader. A intensidade da axuda con cargo ao programa para as anteditas actuacións poderá ser do 100%, aínda que o GDR poderá obter financiamento suplementario alleo ao PDR para eses fins.

O GDR distribuirá a axuda destinada ás actuacións reguladas nesta cláusula tendo en conta as seguintes regras. Por unha parte, as axudas de custo limitaranse ás contías previstas na Administración autonómica galega para o grupo 2º ou para o grupo 1º, respectivamente, segundo a actividade teña lugar en Galicia ou fóra de Galicia. Ademais, non excederá do 10% do total da medida 431 o conxunto dos seguintes gastos:

-Encontros, xornadas, seminarios e congresos.

-Estudos, informes e publicacións.

-Viaxes e presenza en feiras, sen que podan viaxar ou asistir a feiras con cargo ao programa máis de dúas persoas en cada ocasión, salvo que, en casos xustificados, Agader autorice a asistencia de máis persoas.

-Formación.

O GDR realizará a previsión anual de gastos destinados á adquisición de capacidades e de promoción do territorio e presentaralla antes do 30 de novembro de cada ano, en relación ao exercicio seguinte, a Agader para que esta a autorice.

Dado que o GDR ten a consideración de beneficiario do PDR en relación ás actuacións sinaladas, estas executaranse e xustificaranse segundo as regras xerais previstas no réxime de axudas. Agader pagará os gastos de adquisición de capacidades e de promoción do territorio que o GDR xustifique mensualmente, calquera que sexa a súa contía. Así mesmo, poderá aboar anticipos anuais á conta segundo a normativa aplicable ata o 20% do importe da axuda pública prevista no cadro financeiro do anexo II.

Décima.-Difusión do programa.

Entre as actuacións de adquisición de capacidades e promoción do territorio, debe realizarse a difusión do programa no territorio de actuación. Con esta finalidade o GDR deberá:

-Manter xuntanzas con colectivos, organizacións, grupos de veciños, profesionais vinculados ao desenvolvemento do territorio (ADL, asistentes sociais, axentes de emprego...) na maior extensión posible, co fin de que o programa sexa coñecido pola poboación do territorio e para crear dinámicas de interacción.

-Crear unha páxina web do GDR, mantela actualizada e facilitar a información relevante do GDR a Agader para que esta poida incorporala á súa páxina web.

-Ter á disposición do público no taboleiro de anuncios da oficina ou oficinas, así como nas páxinas web do GDR e de Agader, información actualizada do programa, das axudas dispoñibles no marco deste, normas do GDR para a xestión do programa, convocatorias e demais información relevante.

-Difundir o programa no territorio de actuación, as convocatorias e axudas dispoñibles no seu marco e a apertura de prazos de solicitude, de xeito que os coñeza a maior parte da poboación.

-Difundir de forma periódica, polo menos anualmente, as subvencións concedidas e denegadas con cargo ao programa.

-Facilitar aos promotores os modelos dos carteis, placas ou logotipos para publicitar axeitadamente os proxectos subvencionados.

-Dar a coñecer a sede do GDR mediante placas ou carteis e utilizar os logotipos das administracións financiadoras (Unión Europea-Feader, Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e Agader), segundo a normativa aplicable en cada caso, no material impreso que use o GDR e nas actuacións promovidas por este cando requiran cartel. A placa identificativa das oficinas deberá mencionar, cando menos, o nome do GDR, o programa Leader, os logotipos das administracións financiadoras e o lema Feader: Europa inviste no rural.

-Publicitar o principio de portas abertas dos GDR (libre acceso ao GDR das entidades interesadas).

As citadas actuacións deben cumprir as regras sobre o uso da bandeira europea e o logotipo de Leader regulamentarios, así como do lema Feader: Europa inviste no rural, segundo o previsto no anexo VI do Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

Para a ordenada realización das tarefas antes sinaladas, o GDR debe concretar e executar o Plan de difusión presentado no marco do programa de desenvolvemento rural.

Décimo primeira.-Actuacións do GDR de control e seguimento de proxectos.

O GDR fará as seguintes actuacións relativas ao control e seguimento dos proxectos:

-Levantar a acta de non inicio, antes de seleccionar os proxectos, e realizar o seguimento do cumprimento de obrigas en relación aos proxectos subvencionados durante os cinco anos seguintes ao pagamento da axuda, sen que coincida a persoa que levantou a acta de non inicio coa que faga o control posterior ao pagamento. As anteditas funcións realizaranse segundo as exixencias do Regulamento (CE) 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro, e do Plan Galego de Controis Feader.

-Recibir os estudos e traballos que deban presentar os promotores, así como a documentación xustificativa da execución dos proxectos subvencionados, comprobando que está completa, estampillando as facturas co selo do programa e compulsando as copias destas, e enviala a Agader inmediatamente despois de tela recibido. O GDR realizará estas actuacións tendo en conta que a dita xustificación servirá de base para a acreditación polas autoridades nacionais das accións do PDR diante da Comisión Europea, así como para o requirimento a esta do saldo final das axudas concedidas.

-Comunicar a Agader, no momento en que as coñeza, as irregularidades que detecte na aplicación do programa de desenvolvemento rural.

O GDR exercerá as funcións de control por delegación de Agader.

Décimo segunda.-Comprobación de actuacións e control financeiro.

O GDR someterase ás actuacións de comprobación que, respecto da colaboración na execución do programa de desenvolvemento rural e da xestión dos fondos asignados, poida efectuar Agader, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos, estatais como comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida en relación ao exercicio das funcións que lle corresponden.

O GDR quedará suxeito ás disposicións comunitarias de control establecidas no Regulamento (CE) nº 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Durante os cinco anos seguintes ao último pagamento de gastos vinculados á execución do programa de desenvolvemento rural, o GDR deberá conservar e, de ser o caso, poñer á disposición dos órganos sinalados anteriormente, a documentación administrativa, os libros de contabilidade e todos os documentos xustificativos referidos aos gastos realizados e á efectividade do pagamento.

Décimo terceira.-Calendario de xestión.

Para a xestión do programa de desenvolvemento rural o GDR deberá ter en conta as seguintes datas:

a) Data inicial de elixibilidade dos gastos da medida 431: desde a publicación no DOG da convocatoria de selección de programas e entidades colaboradoras.

b) Data inicial de admisión de solicitudes: a do acordo de selección do programa de desenvolvemento rural.

c) Data final de modificación do programa de desenvolvemento rural: 30 de xuño de 2013.

d) Data final de admisión de solicitudes: 1 de setembro de 2013.

e) Data final de selección de proxectos polo GDR: 30 de setembro de 2013.

f) Data final de concesión de axudas: 31 de decembro de 2013.

g) Data inicial de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: a partir da data da acta de non inicio ou, de ser o caso, a partir da data de presentación da solicitude de axuda respecto daqueles proxectos que non requiran acta de non inicio.

h) Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 31 de agosto de 2015.

i) Data final de xustificación de investimentos: 31 de agosto de 2015.

j) Data final de pagamentos aos titulares de proxectos da totalidade da axuda certificada: 30 de novembro de 2015.

Agader, en previsión dun ordenado peche do PDR, poderá variar as datas sinaladas, así como fixar outras para axeitar o ritmo de execución de proxectos á proximidade das datas límite sinaladas.

Décimo cuarta.-Contabilidade do GDR.

O GDR deberá levar un sistema de contabilidade independente, en que consten todas as intervencións que desenvolva respecto dos gastos, compromisos e pagamentos relacionados coa medida 431 do PDR (funcionamento do GDR, adquisición de capacidades e promoción territorial).

Para os cobramentos e pagamentos referidos á antedita medida, o GDR utilizará unha única conta bancaria.

Décimo quinta.-Modificación do convenio.

Este convenio poderá modificarse, en función do desenvolvemento efectivo do programa de desenvolvemento rural, mediante a subscrición do oportuno acordo, que deberá asinarse antes da finalización do prazo de vixencia.

Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, cando o orzamento asignado para a execución do programa de desenvolvemento rural varíe como consecuencia de modificacións no orzamento do PDR, da reprogramación solicitada polo GDR e aceptada por Agader, da distribución da reserva de eficacia, do ritmo de execución do citado programa, da redistribución de fondos entre programas dos GDR, do incumprimento da regra n+2 e doutras obrigas, así como noutros casos similares, os cadros financeiros sinalados no anexo II deste convenio entenderanse modificados sen necesidade de tramitación específica.

Ademais, as modificacións normativas e calquera variación do territorio de actuación aprobada por Agader comportará a modificación deste convenio sen necesidade de tramitación específica.

Décimo sexta.-Resolución do convenio.

Este convenio poderá rescindirse de mutuo acordo entre as partes.

A resolución do convenio suporá que o GDR perde a súa condición de entidade colaboradora e que non poderá percibir as axudas vinculadas ao programa. Os proxectos promovidos polo GDR que se estean executando nese momento deben rematarse e xustificarse segundo as regras xerais.

En caso de grave irregularidade do GDR no exercicio das súas funcións, Agader poderá acordar a resolución do convenio e a perda do GDR da súa condición de entidade colaboradora, que se tramitará respectando os principios aplicables no procedemento sancionador. Para estes efectos considéranse irregularidades graves a ausencia ou atraso inxustificado na tramitación de expedientes, a tramitación neglixente ou arbitraria, a non aplicación do principio de portas abertas no acceso ao GDR, a ausencia de difusión do programa a través de reunións coa poboación, a non adopción de medidas correctoras ou preventivas sinaladas por Agader como consecuencia das funcións desta de seguimento do programa e a perda polo GDR das condicións necesarias para ser seleccionado como entidade colaboradora.

Décimo sétima.-Consentimento sobre a publicidade de axudas e sancións.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a sinatura deste convenio leva implícito o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións que reciba o GDR, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos nos citados rexistros, que dependen da Consellería de Economía e Facenda.

Décimo oitava.-Normativa aplicable á xestión dos fondos asignados ao programa de desenvolvemento rural.

Na aplicación deste convenio e na xestión do programa de desenvolvemento rural terase en conta a normativa comunitaria, estatal, autonómica e local aplicable ás actuacións subvencionables. En particular, aplicaranse os seguintes actos e normas:

-A Decisión da Comisión Europea C (2008) 703, do 15 de febreiro, aprobatoria do PDR.

-As bases reguladoras e a convocatoria da selección de programas de desenvolvemento rural e de entidades colaboradoras, aprobadas polo acordo do Consello de Dirección de Agader do 30 de maio de 2008.

-O programa de desenvolvemento rural para o territorio do GDR, seleccionado polo acordo do Consello de Dirección de Agader do…

-As normas do GDR para a xestión do programa.

-O réxime de axudas.

-A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-O Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola común.

-O Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

-O Regulamento (CE) nº 1974/2006, da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

-O Regulamento (CE) nº 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Sen prexuízo do anterior, Agader poderá establecer regras complementarias para precisar as funcións e obrigas do GDR e para facilitar a execución do programa de desenvolvemento rural e do PDR. Así mesmo, Agader poderá concertar convenios e acordos con outras entidades sobre a complementariedade das axudas, a coordinación de actuacións ou outros aspectos que coadxuven á correcta aplicación do PDR, que lle comunicará ao GDR para que os teña en conta no exercicio das súas funcións.

Décimo novena.-Carácter e xurisdición.

Este convenio ten a natureza dos previstos no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sonlle aplicables as normas específicas previstas na normativa estatal e comunitaria aplicable ao PDR. No seu defecto, os principios establecidos na citada lei aplicaranse para resolver as dúbidas e lagoas que se poidan presentar.

As cuestións litixiosas a que poida dar lugar a interpretación e cumprimento deste convenio, unha vez rematada a vía administrativa, quedarán sometidas ao coñecemento e resolución da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da dita xurisdición.

Vixésima.-Disposición transitoria.

As axudas que, en virtude de normas transitorias ditadas por Agader, sexan concedidas entre a data do acordo polo que se selecciona tanto o programa de desenvolvemento rural como o GDR colaborador e a data da sinatura deste convenio, consideraranse concedidas ao abeiro deste convenio, sempre que non contraveñan o disposto nel, no PDR e na normativa estatal ou autonómica pola que se rexe a aplicación dos programas de desenvolvemento rural.

En proba de conformidade co que antecede, asínase este convenio por duplicado no lugar e na data sinalados ao principio.

Alfredo Suárez Canal O presidente do GDR

Presidente de Agader ....................................

e conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Ámbito xeográfico de actuación

Ver referencia pdf "11500D011P062.PDF"