DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2008 pola que se convoca un curso de dispensa dun grao na titulación exixida para o persoal que poida estar encadrado nos corpos de policía local, ou desempeñando funcións como auxiliares de policía, interinos ou vixilantes municipais dos concellos galegos.

Dentro das actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto desenvolver para o ano 2008, conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a celebración dun curso de dispensa dun grao na titulación exixida para o persoal que poida estar encadrado nos corpos de policía local, ou desempeñando funcións como auxiliares de policía, interinos ou vixilantes municipais dos concellos galegos, segundo o previsto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes condicións:

1. Obxectivos: o curso ten por obxectivo fundamental seguir o espírito da citada Lei 4/2007, que busca a integración nos corpos de policía local de determinado persoal que, sen ter a condición de policía local, mantén unha relación de servizo coa administración local da que depende, desempeñando postos de traballo e funcións diversas, algunhas baixo fórmulas xuridicamente pouco ortodoxas, que non permiten acadar a necesaria coordinación que tanto a Lei 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, como as propias leis de coordinación encomendan ás comunidades autónomas.

Por isto, a través deste curso, que abrangue a formación teórico-práctica que lles permitirá acadar un nivel formativo axeitado, así como complementario en materia de actualización policial útil no desempeño posterior da súa profesión, preténdese ao mesmo tempo dispensar dun grao na titulación (bacharel), segundo o disposto tanto na disposición adicional segunda como na transitoria primeira, punto segundo, da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia.

2. Destinatarios:

a) O curso vai dirixido a todos aqueles vixilantes, auxiliares de policía e interinos que se atopen na situación prevista na disposición adicional segunda da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais de Galicia, é dicir, que cumpran os requisitos para optar pola súa integración nos corpos policiais respectivos ou nos que se creen, pero carezan da titulación requirida para iso.

b) Tamén vai dirixido aos membros da escala básica dos corpos de policía local que carezan da titulación precisa para a súa clasificación e integración no novo grupo en que a Lei 4/2007 os reclasifica, mesmo para a promoción interna á categoría de oficial desde a de policía, tal e como se recolle no punto segundo da disposición transitoria primeira.

3. Requisito de titulación dos destinatarios: os solicitantes deberán estar en posesión do título de bacharel elemental, graduado escolar, graduado en ESO, ou título equivalente, do que deberán achegar copia compulsada xunto coa solicitude de admisión no curso. Noutro caso non serán admitidos nel.

4. Inscrición: a inscrición dos participantes no curso terá un custo de 250 euros. A preinscrición debera efectuala cada alumno antes do 30 de xuño de 2008 para efectuar a correspondente reserva de praza. O día 2 de xullo farase pública a listaxe de admitidos, debendo estes confirmar a súa inscrición definitiva mediante o pagamento da taxa prevista para este curso, ingresando, antes das 14.00 horas do día 4 de xullo, na conta que a AGASP ten aberta na entidade Caixanova co nº 2080 0031 30 0040019194 a cantidade de 250 euros, facendo constar o nome, apelidos e DNI do alumno solicitante.

5. Prazas: sen límite, para facilitar a todos os que estean interesados a posibilidade de acadar esta dispensa no prazo máis curto posible.

6. Solicitudes:

-Todos os que desexen preinscribirse neste curso deberán remitir, debidamente cuberta, a solicitude que figura no anexo, á que xuntarán a copia da titulación descrita no punto 3.

-O prazo para a remisión de instancias rematará o día 30 de xuño de 2008.

-As solicitudes deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, vía fax (886-206122), por correo ou por calquera outro medio dos que a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, permite facelo.

7. Contido e duración:

a) Alumnos afectados pola disposición adicional segunda.

O curso desenvolverase na súa maior parte na modalidade de formación a distancia, pero tamén prevé xornadas presenciais que se intercalan ao longo deste, aproveitando probas parciais ou finais dos módulos que se desenvolvan por completo á distancia.

A parte deste curso de máis carga horaria presencial, que se desenvolverá nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, comprende os seguintes módulos:

-Módulo I: actualización normativa (32 horas, con 3 sesións presenciais).

-Módulo II: operativa policial (48 horas con 4 sesións presenciais).

-Módulo III: deontoloxía policial (20 horas con 3 sesións presenciais).

Xunto coas sesións presenciais inclúese outra parte de distancia, conformando entre ambas 100 horas totais.

A parte que se desenvolverá totalmente a distancia consta de cinco módulos, cunha carga lectiva estimada de 400 horas:

-Módulo IV: cálculo e lóxica matemática.

-Módulo V: ciencias naturais.

-Módulo VI: lingua, ortografía e literatura castelá.

Módulo VII: historia e sociedade contemporánea.

Módulo VIII: literatura galega, idioma galego e linguaxe administrativa.

Na parte que se cursa a distancia facilitaráselles aos alumnos o material necesario e tests ou traballos de avaliación para remitir á AGASP ou entregar periodicamente.

b) Alumnos afectados pola disposición transitoria primeira.

O curso desenvolverase na modalidade de formación a distancia, pero os alumnos deberán comparecer na AGASP a determinadas sesións presenciais para o desenvolvemento de probas parciais ou finais dos módulos.

O curso, cunha carga lectiva total de 500 horas, comprende os seguintes módulos:

-Módulo I: actualización normativa (40 horas).

-Módulo II: operativa policial (40 horas).

-Módulo III: deontoloxía policial (20 horas).

Módulo IV: cálculo e lóxica matemática (80 horas).

-Módulo V: ciencias naturais (80 horas).

-Módulo VI: lingua, ortografía e literatura castelá (80 horas).

-Módulo VII: historia e sociedade contemporánea (80 horas).

-Módulo VIII: literatura galega, idioma galego e linguaxe administrativa (80 horas).

Para o desenvolvemento do curso facilitaráselles aos alumnos o material necesario, así como tests ou traballos de avaliación para remitir á AGASP ou entregar periodicamente.

8. Datas: o curso comezará o dia 7 de xullo de 2008, tanto para os alumnos afectados pola disposición adicional segunda, como pola transitoria primeira da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. Rematará o dia 10 de decembro e o exame final, para aqueles que non tivesen superadas as probas parciais, terá lugar o dia 15 de decembro.

Unha vez rematado o proceso de preinscrición e confirmada a asistencia ao curso, tralo pagamento das taxas correspondentes, os alumnos poderán obter a través da páxina web da AGASP a guía do curso, que tamén lles será entregada en soporte papel o dia do seu comezo.

9. Desenvolvemento do curso:

-Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia no curso, rexeranse polo regulamento de réxime interior desta.

-En función do número final de alumnos, a dirección xeral da AGASP e a xefatura de formación arbitrarán medidas que favorezan tanto o desenvolvemento das actividades do curso como a súa posible descentralización.

10. Certificado: ao remate do curso entregaráselles un diploma a aqueles alumnos que acrediten telo superado.

Este certificado habilitará para a dispensa dun grao na titulación (bacharel), só para os efectos do disposto tanto na disposición adicional segunda como na transitoria primeira, punto segundo, da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. Non poderá constituír mérito para o baremo de cara á promoción profesional.

11. Cursos semellantes desenvolvidos con anterioridade: os cursos de dispensa de grao semellantes a este, ou outra actividade formativa que se puidese homologar con el, desenvolvidos pola Academia con anterioridade á entrada en vigor da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, carecen de validez para todos os efectos.

12. Modificacións: a Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de xuño de 2008.

P.S. (Disp. 1ª Orde do 31 de xaneiro de 2008; DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "11500D010P059.PDF"