DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.537

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2008 pola que se convoca un curso sobre documentación de condutores e vehículos estranxeiros que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso sobre documentación de condutores e vehículos estranxeiros, que se desenvolverá a través da internet, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

-Dotar os membros das forzas e corpos de seguridade dos coñecementos fundamentais en materia documental (formato, medidas de seguridade, validez, etc.), profundizando nos relacionados coa condución e circulación de vehículos de motor e como complemento ás actividades relacionadas coa vixilancia do tráfico e o control policial.

Destinatarios:

Persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, tendo preferencia os das policías locais e da policía autonómica.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas e selección:

Ata 50 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de entrada de solicitudes, tendo en conta o disposto na alínea de destinatarios.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, ou o formulario de inscrición que estará operativo na páxina web da academia, en que indicará unha conta de correo electrónico.

Todas aquelas persoas que formalicen a solicitude de participación deberán inscribirse como alumna/o na plataforma de formación en liña da academia, a que se accede a través da web http://agasp.xunta.es na alínea de Formación en liña.

Calquera continxencia para formalizar a inscrición na aula de formación en liña será atendida a través do teléfono 886 20 61 07, das 9.00 ás 14.00 horas.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 23 de xuño ás 14.00 horas.

3. As solicitudes de participación deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, ao fax: 886 20 61 22.

Datas: o curso realizarase desde o 30 de xuño ao 29 de xullo e terá unha valoración de carga horaria de 25 horas lectivas.

Contido:

1. Documentos.

2. Permisos nacionais e internacionais de condución.

3. Documentos de circulación. Propiedade de vehículos.

4. Elementos de identificación de vehículos.

5. Falsificacións. Cotexos documentos dubitados e indubitados.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos farase pública o día 24 de xuño a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es.

As persoas comprendidas na listaxe disporán do prazo de dous días, a partir da data da publicación, para acceder á plataforma e inscribirse no curso. O prazo rematará o 26 de xuño ás 14.00 horas.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso, e a academia procederá a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a academia e comunicaráselle por correo electrónico á persoa interesada.

O curso estará operativo o día 30 de xuño ás 9.00 horas.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipos dos alumnos:

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da AGASP (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Hardware.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

Software.

Calquera navegador web actual (de versión recente) sobre calquera sistema operativo de uso común.

Por exemplo:

-En Windows pódense empregar o Mozilla Firefox, o Opera ou o Internet Explorer.

-En Linux pódese empregar o Firefox, o Konqueror ou o Opera.

Comunicacións.

Para acceder á estrutura de xestión do curso abonda unha conexión de baixa velocidade (por exemplo: unha conexión telefónica con módem a 40 Kbps permite interactuar comodamente coa ferramenta de xestión do curso).

Desenvolvemento do curso:

Probas avaliativas.

O alumnado participante terá que superar un exame tipo test de preguntas e respostas alternativas de cada un dos módulos.

A non superación dun exame implica a baixa no curso e o/a alumno/a non será avaliado/a ao remate del.

Casos prácticos:

Establécese a realización dunha serie de casos prácticos de acordo cun calendario de presentación; a falta de presentación dalgún caso práctico no prazo establecido motivará a inmediata baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, faráselle unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender á indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Desenvolvemento das probas.

As probas avaliativas sinaladas, agás a proba final, desenvólvense a través da plataforma de formación en liña da academia.

Proba presencial final.

Desenvolverase na academia.

Tratase dunha proba xeral de coñecementos dos contidos do curso, a través dun exame, tipo test, de preguntas curtas.

O alumnado con interese en desenvolver esta proba final terá que ter superadas as actividades de cada módulo que ten que desenvolver pola internet.

Certificados (exixencias):

Asistencia: superación das probas avaliativas que se desenvolven a través da internet.

Aproveitamento: asistencia e participación a unha clase práctica sobre documentación policial, e superación das probas exixibles para o certificado de asistencia e unha proba xeral de coñecementos.

Proba final e certificado de aproveitamento:

O día 29 de xullo ás 17.00 horas, o alumnado que opte ao certificado de aproveitamento deberá asistir a unha sesión presencial que versará sobre documentos policiais de interese, desenvolvéndose entre as 17.00 e as 19.00 horas. Ás 19.30 horas deberán superar a proba presencial final indicada. Noutro caso outorgaráselles certificado de participación activa.

Incompatibilidade:

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do alumno noutra actividade da AGASP que se desenvolva por internet ou en edicións anteriores desta mesma temática.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de xuño de 2008.

P.S. Disp. 1ª Orde do 31 de xaneiro de 2008

(DOG nº 23, do 1-2-2008)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "11500D009P057.PDF"