DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.524

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 6 de xuño de 2008 pola que se desenvolve o Decreto 251/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de xestión que, en materia de traballo, emprego e formación vén realizando o Instituto Nacional de Emprego (Inem).

O Decreto 251/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo establece na súa disposición adicional que, para os efectos de regular o procedemento de captación de ofertas que van ser desenvoltas polas entidades inscritas no rexistro, publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de desenvolvemento.

Con base no exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en virtude do estipulado na disposición derradeira do mencionado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Execución das accións.

A execución das accións que van realizar as entidades colaboradoras quedará determinada no modelo de contratación administrativa que se estableza segundo a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, tal como aparece recollido no artigo 10.1º do Decreto 251/2007.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

1. O prazo de execución das accións será o que estableza a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, atendo ao tipo de contrato administrativo empregado. Será requisito indispensable que a entidade colaboradora manteña todos os requisitos polos que se lle otorgou esa condición, así como non incorrer no resto dos supostos enumerados no artigo 7 do Decreto 251/2007, do 13 de decembro.

2. O importe da compensación económica para pagar pola realización das accións de captación de oferta será como máximo de 50 € por oferta captada e debidamente tramitada, e en función do cumprimento dos seguintes criterios:

-Por oferta de emprego captada que culmine coa contratación por parte da empresa oferente, 40 euros.

-Se ademais a mesma oferta inclúe máis dun posto de traballo aboaranse 5 euros.

-E se ademais a oferta implica a captación dun novo oferente aboaranse outros 5 euros.

3. O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter xeral, trimestralmente, logo da presentación da factura correspondente ao dito período por parte da entidade colaboradora.

Disposicións adicionais

Primeira.-As cantidades mencionadas no artigo 2º serán susceptibles de actualización consonte o establecido na Lei 30/2007, de contratos do sector público.

Segunda.-As accións incluídas nesta orde financiaranse para o ano 2008, con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2008: 16.03.321A.227.99 cun importe de 500.000 euros. Para futuras anualidades farase con cargo á aplicación orzamentaria que corresponda, a cal virá recollida nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para a dita anualidade. Estas cantidades poderán ser susceptibles de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa responsable da Dirección Xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo