DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 6 xuño de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a programas de accións de concellos incluídos na Rede Natura 2000.

Ao abeiro da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres (tamén coñecida como Directiva Hábitat), a Rede Natura 2000 xorde como unha rede coherente, ecolóxica e representativa de espazos naturais coa contribución de todos os Estados membros da Unión Europea, e ten como obxectivo principal asegurar o mantemento nun bo estado de conservación das mellores manifestacións da biodiversidade europea, ideada tamén para fomentar o equilibrio harmónico entre as actividades sociais e económicas que neles se levan a cabo e a calidade de vida das persoas que os habitan.

A creación da Rede Natura 2000 é un proceso complexo e dinámico en que participan os estados membros e as institucións comunitarias e que, tras máis de dez anos de elaboración, entra na súa fase final.

A Rede Natura 2000 está conformada por dous tipos de áreas: zonas de especial protección para as aves (Zepas) e lugares de interese comunitario (LIC).

En Galicia foron declaradas ata catorce zonas de especial protección para as aves (Zepas), que abranguen 71.578 ha de extensión. A parte mariña integrada nas Zepas galegas comprende 14.763 ha, mentres que a parte terrestre representa o 1,9% da superficie total de Galicia. A contribución das Zepas galegas á Rede Natura 2000 céntrase especialmente nos ecosistemas costeiros, cun total de once Zepas, que inclúen illas, acantilados mariños, praias, rías ou esteiros. As Zepas de montaña acollen, entre outros medios, monte baixo, bosques e zonas rochosas.

Na actualidade, a Rede Natura 2000 está representada en Galicia, ademais das Zepas, por 59 lugares de importancia comunitaria (LIC), que suman unha superficie total de 374.405 ha, das cales unhas 29.000 ha corresponden a áreas mariñas. A extensión terrestre dos LIC representa o 11,6% da superficie de Galicia. A maioría dos espazos sitúanse na rexión bioxeográfica atlántica (49 LIC), catro están na rexión mediterránea e seis repártense entre ambas as dúas rexións, abranguendo no seu conxunto unha variada mostra de ecosistemas costeiros, fluviais e de montaña, entre outros.

Por último, cabe destacar que todos estes espazos (tanto as Zepas como os LIC) foron declarados como zonas de especial protección dos espazos naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, consonte o establecido no artigo 16 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia.

Mediante a Orde do 1 de decembro de 2006 (DOG nº 241, do 18 de decembro), establecéronse as primeiras bases para a concesión de axudas a actividades de divulgación, formación educativa e estudos técnicos para os concellos incluídos na Rede Natura 2000, así como a súa convocatoria para o pasado ano 2007. Á vista do éxito desta orde, faise preciso renovar as súas prescricións.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa Comunidade Autónoma estableceuse nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal está representada polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña á citada lei. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, que lle fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúenlle á mesma consellería, dentro das súas competencias, as referidas á conservación da natureza.

De acordo co anteriormente exposto, respectando os contidos da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, da Lei estatal 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

É obxecto desta orde regular as bases do réxime de axudas para a difusión da Rede Natura 2000 con medidas de divulgación e uso público, e a súa convocatoria para o ano 2008.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderanse acoller ás axudas desta orde os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie incluída na Rede Natura 2000.

As ditas entidades locais deberán concorrer individualmente, admitirase unha única solicitude e proxecto por concello, e deberase indicar expresamente na solicitude a acción que se vai desenvolver, o investimento que se realizará e o importe da axuda correspondente á acción para a que se solicita.

2. En ningún caso poderán ter a consideración de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Réxime e principios de aplicación.

1. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como o de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados nesta orde e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, tal e como se establece no artigo 5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte o anterior e mais o artigo 6.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible: http://medioambiente.xunta.es.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

1. Con carácter xeral, as actividades deberanse levar a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente poderán subvencionarse as actividades de promoción desenvolvidas polos concellos fóra do territorio da comunidade autónoma.

Artigo 5º.-Actividades subvencionables e importe.

1. Poden ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades:

a) Actividades de divulgación: publicación de libros, guías e folletos divulgativos, páxinas web, así como a formación educativa e outras accións semellantes que traten sobre a Rede Natura 2000.

b) Actuacións para o fomento do uso público respectuoso co ambiente: apertura e sinalización de sendeiros, instalación de paneis informativos e accións semellantes na Rede Natura 2000.

2. En ningún caso serán subvencionables para un mesmo concello as accións que xa foron obxecto de subvención pola Orde do 1 de decembro de 2006, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades de divulgación, formación educativa e estudos técnicos para os concellos incluídos na Rede Natura 2000, así como a súa convocatoria para 2007. Tampouco se subvencionarán inventarios ou estudos técnicos.

3. Poderase conceder ata o 100% do seu custo, cun importe máximo de 10.000 euros/proxecto, en función do ámbito territorial da actividade e da importancia dos obxectivos que se perseguen co proxecto. Só se admitirá unha única solicitude de axuda e un único proxecto por concello.

4. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes deben manterse afectos ao fin para que se lle concedeu a subvención, como mínimo durante dous anos.

O IVE será sempre subvencionable, agás que o concello realice a actividade subvencionada utilizando unha empresa pública local, caso en que esta podería recuperar o IVE soportado.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

As axudas concederanse con base nos criterios de valoración que a seguir se indican:

1. Porcentaxe da superficie do concello incluído na Rede Natura 2000:

-Cando a superficie do concello sexa menor do 30% da superficie: 30 puntos.

-Cando a superficie do concello sexa entre o 30% e o 60% da superficie: 40 puntos.

-Cando a superficie do concello sexa maior do 60% da superficie: 50 puntos.

A superficie dos diferentes concellos incluída na Rede Natura 2000 indícase no anexo VII.

2. Alcance e contido das repercusións ambientais da acción do proxecto e a calidade deste:

a) Alcance e incidencia das repercusións ambientais da acción, ata 18 puntos.

b) Contido e beneficios xerais e sociais do proxecto ou actividade, ata 18 puntos.

c) Relación calidade/custo da actuación reflectida na memoria achegada polo concello, ata 12 puntos.

3. Emprego da lingua galega na realización das actividades: ata 2 puntos.

Artigo 7º.-Baremación.

1. As axudas solicitadas serán baremadas segundo os criterios xerais de valoración establecidos no artigo 6º desta orde e unicamente se terán en conta aquelas que acaden unha puntuación igual ou superior a 65 puntos.

2. A puntuación máxima que poderán acadar os solicitantes é de 100 puntos. Os puntos acadados na baremación transformaranse nunha porcentaxe equivalente ao correspondente da subvención.

3. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes que se vaian aprobar. Neste sentido, ordenaranse os investimentos solicitados para cada provincia de acordo cos criterios do baremo indicado, aprobándose estes investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible para a provincia. No caso de que nunha das provincias non se esgotase o crédito dispoñible, este será repartido entre as restantes provincias.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As entidades deberán solicitar as axudas no modelo que se xunta como anexo I a esta orde, que estará ao dispor dos interesados nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, mesmo tamén a poderán acadar na páxina web desta consellería:

http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp

Artigo 9º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención a que se refire o artigo anterior irán dirixidas ao director xeral de Conservación da Natureza, e presentaranse, debidamente asinadas por duplicado, nas delegacións provinciais, directamente ou ben en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Documentación.

Xunto coa solicitude, en orixinal ou debidamente compulsada e por duplicado, deberase presentar a seguinte documentación:

-Certificación expedida polo secretario do concello relativa á resolución adoptada polo órgano local competente, na cal dispón solicitar a subvención regulada nesta orde.

-Memoria explicativa da actividade que se vai realizar e para a cal se solicita axuda. Esta memoria incluirá todos os datos precisos para a descrición detallada da actividade proxectada e como mínimo os indicados no anexo IV (memoria).

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou percibidas para a mesma finalidade de calquera Administración pública ou entidades dependentes.

-Certificación orixinal da conta bancaria en que se desexe cobrar a axuda.

Artigo 11º.-Órganos de xestión e resolución.

1. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizarana os servizos de Conservación da Natureza das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

2. Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, a delegación provincial correspondente e a través do servizo provincial competente en materia de Conservación da Natureza requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, se poderá considerar desistido da súa petición e arquivala sen máis trámite, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible remitirán os expedientes, xunto co informe-proposta dos seus servizos provinciais de Conservación da Natureza, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza no prazo máximo de 45 días naturais, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes. O servizo provincial acompañará o devandito informe-proposta dunha táboa coa baremación das solicitudes segundo os criterios reflectidos no artigo 6º desta orde.

4. Os expedientes serán avaliados por unha comisión creada para tal fin. Esta comisión será presidida polo director xeral de Conservación da Natureza ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da devandita comisión o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade e o xefe do Servizo de Conservación de Espazos Naturais nos servizos centrais; o xefe da Sección de Conservación de Ecosistemas actuará como secretario. Auxiliará o secretario un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, designado para o efecto polo seu titular.

Se algún dos membros da comisión non puidese participar nunha sesión, por calquera causa, será substituído por un funcionario da dirección xeral designado para o efecto polo seu titular.

5. A comisión de avaliación dará traslado das súas propostas de resolución ao director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento por delegación do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

6. A proposta de resolución fará mención aos solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención e a contía desta de modo individualizado, especificándose a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.

Artigo 12º.-Resolución.

1. O director xeral de Conservación da Natureza, por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de 6 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos criterios preferentes contidos nela e das dispoñibilidades orzamentarias.

2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se dite e notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo consonte o establecido nos artigos 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, 44.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, e sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1º do mencionado texto legal.

3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención. En todo caso, o prazo para a execución será improrrogable.

4. A resolución motivarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións constará, ademais do solicitante ou relación de solicitantes a que se lles concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes.

5. Na resolución de concesión da subvención, o director xeral de Conservación da Natureza poderá formular directrices previamente determinadas ou establecer condicións para a execución dos investimentos, con motivo dun mellor cumprimento do fin da subvención e da adecuación aos obxectivos de conservación do espazo natural.

6. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 13º.-Recursos.

A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 do artigo anterior, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes desde a notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14º.-Publicidade.

1. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o seu importe, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3 e 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se puidesen impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

2. Así mesmo, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida ao abeiro do disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deste xeito, sempre e cando a execución da actividade o permita, esta deberá facer referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, que deberán ir acompañados polo logotipo oficial da Xunta de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Tamén deberá pór un cartel, en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto, nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo VI).

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Aceptación.

O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, mediante a remisión á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dun escrito de aceptación da axuda (anexo III). En caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerarase tacitamente aceptada.

Artigo 17º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, consonte co establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18º.-Xustificación e aboamento.

1. Unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade, o beneficiario deberá solicitarlle á delegación provincial competente en materia de conservación da natureza o aboamento do importe da axuda logo da xustificación, en documentación orixinal ou copia compulsada, segundo os casos.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a través dos servizos provinciais de Conservación da Natureza, deberán certificar, despois da inspección final, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

3. No caso de execucións parciais da actividade e sempre e cando non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Do mesmo xeito, se o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

4. No caso de material de difusión, e co obxectivo de garantir a finalidade efectiva do obxecto da subvención, a inspección deberá realizarse previamente á súa difusión.

5. No caso de publicacións, o solicitante deberá achegar dúas copias en formato papel e dúas en formato dixital (páxina web, pdf, dvd, cd...). No caso de carteis, exposicións...., deberá presentarse, ademais, unha reportaxe fotográfica en que se observen, ademais dos elementos subvencionados, a súa montaxe e localización. A non remisión das devanditas copias no seu formato definitivo antes da fin do prazo para xustificar as actuacións poderá dar lugar á redución do importe correspondente á subvención ou, de ser o caso, á súa revogación.

6. No momento de xustificación da execución total do proxecto, con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

7. A xustificación do investimento obxecto da axuda deberá realizarse segundo o disposto no punto 2.c do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, certificación expedida e asinada polo secretario do concello beneficiario consonte o cumprimento da finalidade pola que foi concedida a subvención (anexo V).

8. A data máxima de xustificación para as accións que se realicen ao longo do ano 2008, incluídas as iniciadas con anterioridade á publicación desta convocatoria, será o 30 de outubro do 2008. Para as actuacións que rematen en 2009, a data máxima de xustificación será o 30 de outubro do ano 2009, e serán, en todo caso, improrrogables.

En todo caso, as accións subvencionables deberán comezarse neste exercicio.

9. Para os investimentos plurianuais, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para este efecto determinan os artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A suma dos pagamentos axustarase en todo caso e non excederá a cantidade orzada para cada anualidade, segundo o artigo 19 desta orde.

Artigo 19º.-Crédito.

1. Esta orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541B.760.3 (código de proxecto 2007.00.640), Axudas a concellos Rede Natura 2000, por un importe de 1.086.216 euros coa seguinte distribución por anualidades: 386.216 euros para o 2008 e 700.000 euros para o 2009.

2. O crédito dispoñible repartirase para os concellos das catro provincias galegas segundo a superficie incluída na Rede Natura 2000 de cada unha das provincias. Dese xeito, correspóndenlles ás distintas provincias as seguintes cantidades:

Ver referencia pdf "11500D006P032.PDF"

3. Esta dotación inicial poderá incrementarse en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control das actividades subvencionadas.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a axeitada execución das actividades que fosen obxecto das axudas.

Artigo 21º.-Obriga de facilitar información.

1. Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen obriga, conforme os artigos 42 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Para os efectos de comprobación e control, os beneficiarios deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, polo menos durante cinco anos desde o último pagamento.

Artigo 22º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Artigo 23º.-Infraccións e sancións.

Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá reproducir, almacenar e distribuír por calquera medio, electrónico, en soporte papel ou outros semellantes, a información obtida e os traballos subvencionados mediante esta orde de convocatoria de axudas, citando as fontes dos titulares dos dereitos da propiedade intelectual, respectando en todo caso as prescricións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segunda.-No caso de que, atendidas as solicitudes presentadas nesta convocatoria, haxa un remanente de crédito, poderase reabrir o prazo, tantas veces como se coide oportuno, ata esgotar a consignación orzamentaria, por orde publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para resolver as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1º, conforme o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de febreiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "11500D006P032.PDF"

Ver referencia pdf "11500D007P044.PDF"