DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 27 de maio de 2008 pola que se abre un novo prazo de presentación das solicitudes e se modifica a máxima porcentaxe subvencionable dos equipos que se acollan ao abeiro da Orde do 4 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2008 (IN420A).

A Consellería de Innovación e Industria ditou a Orde do 4 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 52, do 13 de marzo).

Na citada disposición establécese que o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, así como que a contía máxima da subvención neta equivalente poderá alcanzar ata o 20% do custo do investimento subvencionable.

Tendo en conta a desaceleración que está a sufrir o sector da construción, na súa actividade produtiva considérase necesario abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, así como o incremento da contía máxima do investimento subvencionable.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Abrir un novo prazo para a presentación das solicitudes, que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, así como a contía máxima da subvención neta equivalente, que poderá alcanzar ata o 40% do custo do investimento subvencionable, a cal se aplicará a todos os beneficiarios, tanto aos que solicitaron a axuda no primeiro prazo de presentación das solicitudes, como aos que presenten neste novo prazo.

Para todo o non previsto nesta orde, atenderase ás bases reguladoras e a convocatoria da Orde do 4 de marzo de 2008, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2008 (DOG nº 52, do 13 de marzo).

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria