DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 13 de xuño de 2008 Páx. 11.389

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 10 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 8 de febreiro pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos.

O Regulamento (CE) nº 2847/1993, do Consello, do 12 de outubro, polo que se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común, e as súas posteriores modificacións, regula os documentos que van asociados a unha descarga de produtos pesqueiros en territorio da UE, estes son, entre outros, a nota de venda, o documento de transporte e a declaración de recollida. O devandito regulamento recolleuse na lexislación estatal mediante o Real decreto 2064/2004, modificado polo Real decreto 607/2006.

Por outra banda, o documento de rexistro de moluscos bivalvos vivos vén regulado no Regulamento comunitario 853/2004, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, no seu capítulo I, sección VII.

A Consellería de Pesca e Asuntos marítimos, co fin de aplicar a lexislación antes citada, publicou a Orde do 5 de novembro de 2004 (DOG nº 221, do 12 de novembro) que ía ser derrogada pola Orde do 8 de febreiro de 2008 (DOG nº 52, do 13 de marzo) unha vez que entrara en vigor aos tres meses da súa publicación.

Desde a súa publicación e debido fundamentalmente á implantación das aplicacións informáticas a todos os subsectores implicados, cómpre facer unha ampliación do prazo para a súa entrada en vigor ata que todos os operadores estean en disposición de emitir os documentos vía internet. Por outra banda, estímase conveniente modificar a redacción do artigo 3º para clarexar as obrigas dos distintos axentes respecto do documento de transporte e, finalmente, a modificación dos anexos I, II e IV, tenta recoller unicamente aqueles datos que contribúan a unha mellor rastrexabilidade dos produtos pesqueiros.

De acordo co anteriormente disposto e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modificar o artigo 3º e a disposición adicional cuarta, da Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos que quedan redactados como segue:

«Artigo 3º.-Documento de transporte.

1. Os produtos pesqueiros frescos para os que non se teña realizada a primeira venda na lonxa do porto de desembarque e se transporten cara a outra lonxa deberán ir acompañados dun documento de transporte ata que se efectúe a súa primeira venda.

2. O transportista elaborará o documento de transporte e remitirá unha copia ao órgano competente da Administración autonómica.

3. A Administración autonómica galega, no exercicio das súa competencias en materia de comercialización, porá á disposición dos transportistas os soportes papel e as tecnoloxías de información e comunicación (TIC) necesarias para que poidan redactar e remitir os documentos de transporte.

4. Para facilitar o acceso aos soportes papel e ás TIC, a Administración autonómica dotará ás entidades concesionarias dos establecementos de primeira venda do porto onde se efectúe a descarga, dos medios necesarios para prestar o servizo de elaboración do citado documento de transporte.

5. Este documento conterá os datos que se relaciona no anexo I.

6. Non se exixirá este documento cando o transporte se realice dentro do recinto portuario.

7. O transportista é o responsable da presentación dunha copia do documento de transporte á persoa responsable da entidade concesionaria da lonxa ou centro de venda de destino, que comprobará a veracidade deste e rexistrará a súa entrada.

8. No caso das importacións non realizadas por barco, indicarase o lugar no que se realizou o devandito envío, e o nome do consignatario.

Disposición adicional

Cuarta.-No caso de que os produtos pesqueiros sexan vendidos de acordo con calquera das modalidades de venda recollidas, e se transporten a un lugar distinto do de desembarque ou descarga, o transportista deberá probar en todo momento a transacción efectuada, mediante copia da nota de primeira venda, albará, factura ou outro documento que o acredite, pero, en todo caso, deberá constar, lonxa de orixe, data de transacción, identificación de especies e cantidades delas en kg».

b) Substituír os anexos I, II e IV da Orde do 8 de febreiro de 2008 antes mencionada, polos que figuran como anexos a esta orde.

Artigo 2º

Modificar a disposición derradeira segunda da Orde do 8 de febreiro de 2008 que queda redactada como segue:

«Disposición derradeira

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos nove meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia con excepción do disposto no seu artigo segundo, que modifica a disposición derradeira segunda da Orde do 8 de febreiro de 2008, que entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Documento de transporte

*No caso de buques pesqueiros:

Identificación do lugar e data da descarga:

-Data da descarga.

-Porto e lonxa ou centro de descarga.

-Entidade concesionaria: CIF, enderezo e teléfono.

Identificación do buque:

-Nome, marcas de identificación externa e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques comunitarios e número interno do buque que figura no rexistro comunitario de buques de pesca, no seu caso.

-Nome, marcas de identificación externa, indicativo internacional de radio e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques de terceiros países.

-Armador ou capitán do buque.

Identificación do transportista:

-Nome ou razón social, NIF e matrícula do vehículo.

Identificación da lonxa ou centro de venda de destino da mercadoría.

Identificación das especies transportadas.

Zona xeográfica de captura.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

*No caso do mariscador:

Identificación do lugar e data da descarga:

-Data da descarga.

-Porto e lonxa ou centro de descarga.

-Entidade concesionaria: CIF, enderezo e teléfono.

Identificación do mariscador:

-Nome, NIF e nº de permiso de explotación.

Identificación do transportista.

-Nome ou razón social, NIF e matrícula do vehículo.

Identificación do centro de destino da mercadoría.

Identificación das especies transportadas.

Zona xeográfica de captura.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

ANEXO II

Declaración de recollida

Identificación do lugar e data da descarga:

-Data da descarga.

-Porto e lonxa ou centro de descarga.

-Entidade concesionaria: CIF, enderezo e teléfono.

Identificación do buque:

-Nome, marcas de identificación externa e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques comunitarios e número interno do buque que figura no rexistro comunitario de buques de pesca, no seu caso.

-Nome, marcas de identificación externa, indicativo internacional de radio e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques de terceiros países.

-Armador ou capitán do buque.

Identificación do mariscador:

-Nome, NIF e nº de permiso de explotación.

Identificación das especies.

Zona xeográfica de captura.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

Identificación do lugar ou lugares onde a mercadoría está almacenada, no seu caso, referencia ao documento de transporte ou ao documento T2M correspondente.

Causa declaración:

-Venda aprazada.

-Non tivo lugar a primeira venda.

-Prezo contractual.

-Prezo a tanto alzado para un período de tempo determinado.

ANEXO IV

Documento de rexistro para o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos

*Respecto dun lote enviado desde unha zona de produción debe incluír, como mínimo, a seguinte información:

Identidade e enderezo do recolector ou produtor.

Data de recolección.

Localización da zona de produción, mediante o número de código que se establece na norma pola que se clasifican as zonas de produción.

Calificación sanitaria.

Zona ou subzona de control de biotoxina.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

Destino do lote.

*Respecto dun lote de moluscos bivalvos vivos enviado desde unha zona de reinstalación, o documento de rexistro incluirá a seguinte información:

Identidade e enderezo do recolector ou produtor.

Data de recolección.

Localización da zona de reinstalación.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

Duración da reinstalación indicando a data de entrada na zona.

Destino do lote.

*Respecto dun lote de moluscos bivalvos vivos enviados desde un centro de depuración, o documento de rexistro incluirá a seguinte información:

Identidade e enderezo do recolector ou produtor

Enderezo do centro de depuración.

Denominación científica e comercial de cada especie.

Cantidade de cada especie expresada en quilos.

Duración da depuración.

Datas nas cales o lote entrou no centro de depuración e saíu deste.

Destino do lote.