DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 11 de xuño de 2008 Páx. 11.134

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se regula o procedemento de presentación telemática da documentación que controla o traslado de residuos perigosos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a levanza do libro de rexistro en formato electrónico.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, recoñece o dereito de estes a se relacionaren coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica.

Dentro das competencias da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, un dos procedementos administrativos susceptible de xestionarse a través de medios electrónicos ou telemáticos é o control e seguimento dos traslados de residuos perigosos, regulado no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, e no Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control dos traslados de residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos.

O Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, establece a obrigatoriedade para produtores e xestores de residuos de levar un rexistro dos movementos de residuos que teñen lugar nas súas instalacións. Os diferentes campos que se van rexistrar no libro rexistro están listados nos seus artigos 17 e 37, non obstante, non se establece a forma en que se deben de recoller os devanditos datos, nin se establecen formatos nin outras condicións do libro de rexistro (impreso, en soporte informático,....). O xeito de formalizar o libro de rexistro de residuos en moitos casos atópase en clara contradición coas posibilidades que actualmente ofrecen as novas tecnoloxías.

Mediante a orde do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 14 de marzo do 2006 incluíuse entre os procedementos para os que está habilitado o rexistro telemático da Xunta de Galicia recollidos no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, o procedemento de control dos traslados de residuos perigosos, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, xerados polos produtores de residuos.

O ficheiro no que se recollen os datos de carácter persoal que conforma o rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia foi creado pola orde do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, do 2 de novembro do 2005.

Así, co obxecto de facilitar o acceso por medios electrónicos dos cidadáns ao procedemento administrativo, creando ao tempo as condicións necesarias de confianza no seu uso, apróbase o procedemento que permite a presentación e xestión telemática dos documentos que controlan o traslado de residuos perigosos -notificacións previas de traslado (NPT) e documentos de control e seguimento (DCS)-, así como o mantemento do libro de rexistro, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para garantir a identificación dos cidadáns, así como a autenticidade, integridade e confidencialidade dos documentos electrónicos que se transmitan a través desta aplicación informática, utilizarase o sistema de sinatura electrónica avanzada -regulada na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica- ou aqueles outros sistemas de certificación electrónicos recoñecidos e admitidos pola Xunta de Galicia.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 6 do Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto establecer o procedemento de presentación electrónica e telemática das notificacións previas ao traslado de residuos perigosos (NPT), e os documentos para o seu control e seguimento (DCS), que se realicen dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o mantemento do libro de rexistro.

Segundo.-Programas e aplicacións.

Apróbase a aplicación informática elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e dispoñible na páxina web do Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga) para a xestión dos trámites previstos nesta resolución, sen prexuízo de que no futuro se habiliten novas ferramentas ou facilitadores para a introdución de datos no sistema.

Terceiro.-Sede electrónica e acceso.

Aos programas e aplicacións sinalados no artigo anterior accederase a través do enderezo electrónico do Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga)http://Sirga.medioambiente.xunta.es e, co axeitado direccionamento, no portal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A persoa interesada pode solicitar acceso ao sistema de acordo coas instrucións que facilita a web do Sirga.

O sistema permite a realización de actuacións por parte dos usuarios todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrucións que sexan necesarias por razóns técnicas derivadas da utilización ou mantemento de todo equipamento informático ou sistemas de comunicacións.

Cuarto.-Usuarios/as do sistema.

1. Poden ser usuarios/as do sistema electrónico e telemático calquera persoa física ou xurídica produtora ou xestora de residuos, sobre as cales recaen as obrigas documentais que establece o Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, e o Decreto 221/2003, do 27 de marzo, así como a demais normativa aplicable en materia de residuos.

2. Os usuarios do sistema poderán presentar por medios electrónicos as NPT e os DCS do traslado de residuos perigosos, facer as anotacións que corresponda no libro de rexistro, realizar consultas á base de datos, obter copias ou duplicados, efectuar comunicacións, ou calquera das actuacións permitidas polo sistema, sen prexuízo do disposto no artigo 6º.

Quinto.-Representación.

Sen prexuízo do indicado no artigo 4º poderase habilitar tamén como usuario/a do sistema a calquera persoa física ou xurídica para que actúe en representación dos interesados. A devandita habilitación especificará as condicións e obrigas ás que se comprometen os que así adquiran a condición de representantes. En ningún caso a devandita representación suporá cesión da responsabilidade ou titularidade do residuo.

A referida representación debe ser comunicada por parte do representado, de forma expresa e por escrito conforme o modelo recollido no anexo I, ao órgano competente en materia de calidade ambiental, así como tamén calquera modificación posterior dos datos achegados.

Sexto.-Identificación e autenticación.

En función do trámite administrativo ou consulta que se vai realizar, o/a usuario/a do sistema ten que identificarse e autenticarse mediante un ou dous filtros de seguridade.

No primeiro filtro, cada usuario/a dispón dunha conta de usuario/a e dun contrasinal, que é persoal e intransferible, coa que poden comunicar ao órgano ambiental competente as NPT e crear os DCS.

Para realizar a presentación telemática dos DCS existe un segundo filtro de seguridade, co que o sistema pide a sinatura electrónica avanzada e exixe estar en posesión dun certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda ou calquera outro prestador de servizos de certificación os certificados da cal sexan admitidos pola Xunta de Galicia.

Sétimo.-Procedemento electrónico para realizar a notificación previa de traslado (NPT).

Unha vez accedeu ao sistema, o/a usuario/a (o posuidor do residuo ou quen o represente) debe realizar a notificación previa de traslado (NPT) cunha antelación mínima de 10 días á data prevista do primeiro traslado, indicando os datos correspondentes aos residuos, produtores, transportistas e xestores de destino.

No réxime ordinario de traslado que se describe no artigo 8º, o produtor ou o xestor intermitente (ou quen o represente) accederá ao Sirga para realizar a NPT.

No réxime simplificado de traslado que se describe no artigo 9º, números 2 e 3, o pequeno produtor dos residuos -ou ben o xestor cando exista previo acordo co produtor para que sexa el quen realice o aviso previo- accederá ao Sirga para realizar a NPT.

O sistema fará unha validación automática dos datos subministrados. En caso de que estea todo correcto a NPT será autorizada. Excepcionalmente, e sempre que o usuario acredite causa suficientemente xustificada, a Administración poderá autorizar a realización do traslado de residuos recibindo a NPT con menos de 10 días de antelación.

Nunha única NPT pódense comunicar todos os traslados que se prevén realizar no prazo máximo dun ano contado desde a data de comunicación. As NPT realizadas serán almacenadas no sistema informático para a súa consulta posterior.

Oitavo.-Procedemento electrónico para realizar o traslado de residuos perigosos procedentes de produtores ou xestores intermedios (réxime ordinario).

Cando vaia ter lugar o traslado do residuo, o remitente (posuidor do residuo ou quen o represente) deberá acceder ao Sirga, localizar a NPT autorizada e crear o documento de control e seguimento (DCS) que controlará o traslado.

Unha vez creado o documento de traslado emitirá o número de copias necesario, segundo se establece no anexo II. No momento da entrega do residuo o transportista asinará as copias en papel do documento de traslado (DCS) e accederá ao Sirga para completar e asinar o DCS con certificado dixital válido, acreditará así, ante o órgano administrativo competente a entrega do residuo.

Se o remitente posúe certificado dixital, asinará electronicamente o documento de traslado (DCS) no sistema e enviarao ao xestor destinatario.

O xestor destinatario unha vez reciba o residuo acreditará a súa recepción asinando as copias en papel correspondentes e, en caso de que dispoña de certificado dixital acreditado, accederá como usuario ao sistema para completar e asinar electronicamente o DCS.

Noveno.-Procedemento electrónico para realizar o traslado de residuos perigosos procedentes de pequenos produtores (réxime simplificado).

1. Recollida itinerante dun mesmo residuo a varios pequenos produtores efectuada por xestor-recolledor.

Cando vaia ter lugar o traslado do residuo, o xestor-recolledor deberá acceder ao sistema, localizar a NPT autorizada e crear o documento de control e seguimento que controlará o traslado (SXCR-1), así como o documento en que deben figurar as sinaturas e selos das empresas produtoras.

Unha vez creado o documento de traslado emitirá unha copia en papel, a cal deberá acompañar o residuo durante o seu traslado para quedar finalmente en posesión do xestor-recolledor. O xestor, en caso de que acepte o residuo entregado, proporcionará ao produtor o xustificante de entrega (SXCR-2) debidamente asinado e selado.

O xestor-recolledor, despois de realizar a recollida e transporte do residuo, accederá ao sistema para asinar electronicamente con certificado dixital válido o documento de traslado (SXCR-1), co que acreditará a realización do traslado.

2. Recollida de varios residuos a un mesmo pequeno produtor efectuada por xestor-recolledor.

Cando vaia ter lugar o traslado do residuo, o xestor-recolledor deberá acceder ao sistema, localizar a NPT autorizada e crear o documento de control e seguimento que controlará o traslado (SXCR-3).

Unha vez creado o documento de traslado emitirá dúas copias en papel, unha das cales entregará ao produtor no momento da recepción do residuo e a outra deberá acompañar ao residuo durante o seu traslado para quedar finalmente en posesión do xestor-recolledor.

O xestor-recolledor, despois de realizar a recollida e transporte do residuo, accederá ao Sirga para asinar electronicamente con certificado dixital válido o documento de traslado (SXCR-3), co que acreditará a realización do traslado.

3. Recollida de varios residuos a un mesmo pequeno produtor efectuada por transportista que non asume a titularidade.

Cando vaia ter lugar o traslado do residuo, o pequeno produtor (ou quen o represente) deberá acceder ao sistema, localizar a NPT autorizada e crear o documento de control e seguimento que controlará o traslado (SXCR-3).

Unha vez creado o SXCR-3 emitirá en papel o número de copias necesario, segundo se establece no anexo III.

Se o pequeno produtor posúe certificado dixital, asinará electronicamente o documento de traslado (SXCR-3) no sistema e enviarao ao xestor destinatario.

Se o xestor destinatario posúe certificado dixital acreditado, unha vez reciba o residuo, accederá como usuario ao sistema para completar e asinar electronicamente o documento de traslado (SXCR-3), acreditando con iso a recepción do residuo.

Décimo.-Validez das actuacións.

A presentación telemática dos documentos que controlan o traslado de residuos perigosos causará anotación, se é o caso, no rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

A transmisión de datos entenderase correctamente efectuada cando permita ao usuario expedir un recibo de presentación no que quedará constancia do número identificador do documento, a identidade do remitente, o órgano destinatario, a data de presentación e un extracto do contido da comunicación.

A recepción de comunicacións nun día inhábil para a Administración entenderase efectuada na primeira hora do primeiro día hábil seguinte. Así mesmo, para os efectos de cómputo de prazos, os interesados como a Administración pública observarán o disposto no artigo 26 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de servizo público e, demais normas de procedemento administrativo común que sexan de aplicación.

As copias realizadas en soporte papel dos DCS emitidos polo sistema telemático e asinados mediante sinatura electrónica avanzada, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, terán a consideración de copias auténticas. Os devanditos DCS entenderanse como presentados e rexistrados nesta consellería e non será necesaria ningunha comunicación noutro formato.

Décimo primeiro.-Libro de rexistro.

Produtores e xestores de residuos perigosos ou non perigosos poden rexistrar todos os movementos e cambios de titularidade dos residuos que xeran ou xestionan no libro de rexistro que, para o efecto, e en formato electrónico, está dispoñible no Sirga.

No libro de rexistro consignaranse os seguintes movementos de residuos:

-Traslados de residuos perigosos realizados dentro de Galicia.

-Traslados de residuos perigosos que procedan de ou vaian a outras comunidades autónomas.

-Traslados de residuos transfronteirizos.

-Traslados de residuos non perigosos.

No libro de rexistro deberán figurar os seguintes datos, en función de que o usuario actúe como produtor ou xestor de residuos:

Produtor:

-Orixe dos residuos.

-Cantidade, natureza e código de identificación.

-Data de cesión destes.

-Se é o caso, data e descrición dos pretratamentos realizados.

-Se é o caso, data de inicio e finalización do almacenamento temporal.

-En caso de importación de residuos perigosos, data e número da partida arancelaria.

-En caso de produtor autorizado para realizar operacións de xestión «in situ», data e descrición das operacións de tratamento e eliminación.

-Frecuencia da recollida e medio de transporte

Xestor:

-Procedencia dos residuos.

-Cantidades, natureza, composición e código de identificación.

-Data de aceptación e recepción destes.

-Tempo de almacenamento e datas.

-Operacións de tratamento e eliminación, datas, parámetros e datos relativos aos diferentes procesos e destino posterior dos residuos.

Aqueles traslados de residuos perigosos formalizados directamente polo remitente a través do Sirga quedarán anotados de forma automática no libro de rexistro cando se finalicen e asinen con sinatura electrónica avanzada.

Establécese o prazo máximo dun mes, contado desde a data de realización do traslado, para anotar no libro de rexistro ou, se é o caso, asinar con sinatura electrónica avanzada os movementos de residuos realizados.

O mantemento do rexistro por medios electrónicos a través do Sirga terá validez xurídica suficiente para os efectos dos establecido nos artigos 16 e 37 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo.

Décimo segundo.-Protección de datos.

A Consellaría de Medio e Desenvolvemento Sostible adoptou os niveis de seguridade de protección dos datos persoais legalmente requiridos, e instalou todos os medios e medidas técnicas ao seu alcance para evitar a perda, mal uso, alteración, acceso non autorizado e roubo dos datos.

A persoa interesada, cando utilice o sistema telemático para tramitar as NPT e DCS dos traslados de residuos perigosos, consente no tratamento dos seus datos de carácter persoal que sexan necesarias para o mantemento e cumprimento do trámite e recoñece a validez e eficacia dos escritos, solicitudes e documentos telemáticos que sexan autenticados mediante este sistema.

Os datos solicitados, conforme o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, serán tratados de forma confidencial e incluiranse no ficheiro creado pola orde do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, do 2 de novembro do 2005, inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos do cal é responsable a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. En calquera momento, os titulares dos datos teñen recoñecidos e poderán exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición ante a devandita dirección xeral.

Décimo terceiro.-Compromisos do servizo.

Os compromisos do servizo que é obxecto de regulación, así como as condicións de uso e termos da web, son os que se fan públicos a través da web da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2008.

Joaquín Lucas Buergo del Río

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Acordo de representación para a tramitación telemática no sistema de información de residuos de Galicia (Sirga).

D/Dna. …. con DNI …. persoa física/representante legal da empresa …. con CIF …. e domicilio en …. e D/Dna. …., con DNI …. persoa física/representante legal da empresa …. con CIF …. e domicilio en …. Na calidade que interveñen, recoñécense mutuamente con capacidade legal suficiente para formalizar este acordo.

Consideracións legais:

-O Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, establece que o produtor de residuos perigosos, para o seu traslado desde o lugar de orixe ata unha instalación de tratamento, debe cumprir unha serie de trámites e formalizar uns documentos cos que se delimita a transferencia de titularidade do dito residuo, debendo ter constancia diso o órgano ambiental da comunidade autónoma.

-A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos establece que no artigo 23º que as administracións públicas poderán habilitar, con carácter xeral ou específico, a persoas físicas ou xurídicas autorizadas para a realización de determinadas transaccións electrónicas en representación dos interesados.

-O artigo 5 da Resolución do 23 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se regula o procedemento de presentación telemática da documentación que controla o traslado de residuos perigosos dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a levanza do libro de rexistro en formato electrónico, establece que os interesados poderán convir con calquera persoa física ou xurídica que sexa esta quen a represente para os efectos da tramitación electrónica dos procedementos habilitados a través do Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga). A dita representación debe ser comunicada de forma expresa por parte do representado ao órgano competente en materia de calidade ambiental, así como tamén calquera modificación posterior dos datos achegados.

Tendo en conta o anterior, ACÓRDASE:

Que .... actúe en representación da persoa física/empresa .... para realizar a través do sistema telemático Sirga os trámites habilitados en materia de produción, xestión e traslados de residuos.

Este acordo de representación queda sometido ao cumprimento das seguintes CONDICIÓNS:

-Ambas as partes, representado e representante, establéceo de mutuo acordo.

-O representante dispón de acceso ao Sirga como usuario rexistrado con certificado dixital válido.

-En ningún caso a representación supón cesión da responsabilidade nin titularidade do residuo por parte do representado ao representante.

-O acordo estará vixente mentres que o representado non manifeste o contrario ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ou ata que o representante cancele o acceso como usuario do Sirga.

En …., …. de …. de 2008.

O/A representado/a O/A representante

Asdo.: Asdo.:

(representante legal) (persoa física ou representante legal)

Ver referencia pdf "11200D002P014.PDF"

Ver referencia pdf "11200D003P020.PDF"