DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 10 de xuño de 2008 Páx. 10.965

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 115/2008, do 29 de maio, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008 e o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

O Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro, modifica o Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se aproba o Plan estatal 2005-2008, para favorecer o acceso dos cidadáns á vivenda.

Esta modificación recolle a proposta da Consellería de Vivenda e Solo, co fin de pór en circulación as numerosas vivendas novas construídas en Galicia, de reducir a un ano, en lugar de dous, o prazo transcorrido a partir da licenza de primeira ocupación en vivendas libres de nova construción para que poidan ser adquiridas cos mesmos beneficios que o Plan de vivenda 2005-2008 prevé para as vivendas usadas.

Recolle, así mesmo, a proposta da Consellería de Vivenda e Solo, en atención ás características das actividades e das vivendas do medio rural, da extensión do financiamento protexido a un anexo destinado a actividades económicas e vinculado á vivenda, no caso de promotores individuais, para uso propio de vivenda de protección autonómica e de adquirentes de vivendas unifamiliares usadas en zonas rurais.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, desenvolve no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se aproba o Plan estatal 2005-2008, para favorecer o acceso dos cidadáns á vivenda, complementa as axudas do dito plan e adapta a política de vivenda ás necesidades específicas da comunidade autónoma.

Este decreto modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, co fin de adaptar á Comunidade Autónoma de Galicia as modificacións introducidas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro, actualiza o prezo das vivendas usadas e establece as axudas da Comunidade Autónoma de Galicia para a nova modalidade de áreas de renovación urbana, dentro das cifras de obxectivos previstos no Plan estatal de vivenda 2005-2008 para as áreas de rehabilitación.

Por outro lado, e polo que se refire ás axudas a propietarios de vivendas libres para o seu arrendamento do artigo 43 do Real decreto 801/2005, do 5 de xullo, obxecto igualmente de modificación polo Real decreto 14/2008, introdúcese a dita regulación no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer. Ábrese a posibilidade de que os propietarios que cedan as súas vivendas ás sociedades públicas encomendadas da xestión do referido programa para o seu arrendamento poidan beneficiarse desta subvención de 6.000 euros, sempre e cando acrediten que a vivenda permaneceu desocupada polo menos durante os doce meses anteriores á súa solicitude de incorporación ao programa.

Esta axuda será compatible coa subvención para as reformas interiores precisas nas ditas vivendas cuxa contía máxima está establecida en 12.000 euros, e que son financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.

Con esta modificación potenciarase a efectividade como instrumento mobilizador da vivenda baleira do Programa de vivenda en aluguer.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello de Goberno da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o Decreto 18/2006, do 28 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

Un.-Modifícase o establecido para a zona 2ª do artigo 9º.1 que queda redactado como segue:

«Zona 2ª:

1,30 polo prezo básico nacional vixente para as vivendas de réxime especial.

1,45 polo prezo básico nacional vixente para as vivendas de prezo xeral.

1,60 polo prezo básico nacional vixente para as vivendas usadas.

1,65 polo prezo básico nacional vixente para as vivendas de prezo concertado».

Dous.-Modifícase o parágrafo primeiro do artigo 9º.2 que queda coa seguinte redacción:

«Nos municipios integrados na zona territorial 1ª que, en virtude do previsto no artigo 2.12º do real decreto, se determinen como ámbito territorial de prezo máximo superior, o prezo máximo de venda das vivendas obxecto deste decreto incrementarase en relación cos prezos máximos establecidos con carácter xeral nun 15%, salvo as vivendas libres usadas adquiridas en segunda ou posterior transmisión nas cales o prezo se incrementará un 30%».

Tres.-Engádese unha alínea d) ao artigo 18.1º co seguinte texto:

«Tamén serán vivendas protexidas de réxime especial, de prezo xeral ou de prezo concertado, as vivendas libres de nova construción que sexan así declaradas, por instancia da persoa promotora, durante a súa construción e ata o primeiro ano cumprido desde a expedición da licenza de primeira ocupación, o certificado final de obra ou a cédula de habitabilidade, segundo proceda, sempre que cumpran cos requisitos necesarios para tal efecto polo que se refire á superficie útil máxima, prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil, niveis máximos de ingresos dos/as adquirentes e demais exixidos por este decreto».

Catro.-Engádese unha alínea d) ao artigo 18.2º.1 co seguinte texto:

«Tamén serán vivendas protexidas para arrendar, de renda básica ou renda concertada, as vivendas libres de nova construción que sexan así declaradas, por instancia da persoa promotora, durante a súa construción e ata o primeiro ano cumprido desde a expedición da licenza de primeira ocupación, o certificado final de obra ou a cédula de habitabilidade, segundo proceda, sempre que cumpran cos requisitos necesarios para tal efecto polo que se refire á superficie útil máxima, prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil, niveis máximos de ingresos dos/as adquirentes e demais exixidos por este decreto».

Cinco.-Modifícase o segundo parágrafo do artigo 30 que queda redactado co seguinte teor:

«As condicións para a cesión e alleamento son as establecidas no artigo 33 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro. E para os efectos do prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil a que fai referencia o seu punto 2 tomarase como límite o máximo previsto polo artigo 20 do citado real decreto».

Seis.-Modifícase o artigo 32º.1 no seguinte sentido:

Introdúcese un segundo parágrafo co seguinte texto:

«Tamén se poderán autorizar modificacións da declaración provisional cando se produza unha alteración de prezos dentro do ámbito permitido polo artigo 6.6º do Real decreto 801/2005, modificado polo Real decreto 14/2008».

Engádese un terceiro parágrafo nos termos que seguen:

«No caso de que se autorizasen unha ou varias modificacións, deberase facer constar este feito na declaración provisional mediante dilixencia».

Sete.-Modifícase o artigo 38º o cal terá o seguinte teor:

«Enténdese por aloxamentos protexidos aquelas vivendas declaradas protexidas pola comunidade autónoma que sexan de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios, que se destinen a arrendamento ou a outras formas de explotación xustificadas por razóns sociais, para xente moza e para persoas maiores».

Oito.-Modifícase o artigo 39º.2 co seguinte teor:

«No caso de que exista, será tamén protexida a superficie útil correspondente a servizos comúns, a cal non poderá exceder do 30% da superficie útil das vivendas ou aloxamentos, independentemente de que a superficie real sexa superior. En todo caso, os servizos comúns conformarán un conxunto residencial integrado ao servizo dos seus residentes.

Así mesmo, protexerase unha praza de garaxe, vinculada rexistralmente e en proxecto, sempre que o requiran as ordenanzas municipais. A superficie útil máxima computable da praza de garaxe, así como o prezo máximo legal de referencia por metro cadrado de superficie útil, serán os mesmos que os establecidos para os garaxes das vivendas de protección autonómica de nova construción de renda básica».

Nove.-Introdúcese un segundo parágrafo ao artigo 45º.1 co seguinte texto:

«As vivendas rurais usadas a que fai referencia o artigo 27.2º d) do Real decreto 801/2005, deberán estar situadas en municipios ou núcleos de poboación que non superen os 10.000 habitantes».

Dez.-No artigo 46.1º onde se establece ata o 10% deberá indicarse o 30%.

Once.-Engádese un último inciso ao artigo 46º.2 co seguinte teor:

«... e sen prexuízo do establecido no artigo 33.2º do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo».

Doce.-No texto do artigo 46.3º suprímese a alusión á alínea b) do artigo 27.2º do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo.

Trece.-Modifícase o punto 2 do artigo 55º que queda redactado como segue:

«O prazo de execución das obras non poderá exceder de 18 meses excepto nas actuacións en áreas de rehabilitación en que o prazo de execución das obras se adecuará ás anualidades previstas nos respectivos acordos.

Por petición motivada do promotor da actuación antes da finalización do prazo de execución e por causa xustificada poderá concederse unha ampliación do prazo que non excederá da metade do inicialmente concedido».

Catorce.-Modifícase o punto 2 do artigo 67º que queda redactado como segue:

«2. As axudas financeiras para as actuacións protexidas en áreas de rehabilitación integral, que consistirán en préstamos convidos sen subsidiación e subvencións a fondo perdido con cargo aos orzamentos do Ministerio de Vivenda son as previstas no artigo 59 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro, segundo o procedemento nel establecido».

Quince.-Modifícase o parágrafo primeiro do punto 2 do artigo 68º que queda redactado como segue:

«2. As axudas financeiras para ás vivendas e edificios nas áreas de rehabilitación de centros históricos consistentes en préstamos convidos sen subsidiación e subvencións a fondo perdido con cargo aos orzamentos do Ministerio de Vivenda son as establecidas no artigo 61 do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro, segundo o procedemento nel establecido».

Dezaseis.-Engádese unha sección 4ª no capítulo IV, coa seguinte redacción:

«Sección 4ª

Áreas de renovación urbana.

Artigo 69º duo.-Concepto e obxecto das áreas de renovación urbana.

1. Entenderase por áreas de renovación urbana os tecidos urbanos, zonas destes ou barrios en proceso de degradación física, social ou ambiental que así fosen declarados pola Consellería de Vivenda e Solo, logo de petición motivada polo concello afectado, e que cumpran os requisitos recollidos no artigo 70 duo do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro.

2. A declaración de áreas de renovación urbana terá como finalidade coordinar e programar as actuacións das administracións públicas e fomentar as actuacións privadas de renovación mediante axudas de carácter técnico, económico e de xestión e información.

Artigo 69º ter.-Áreas de renovación urbana. Condicións xerais.

Nas áreas de renovación urbana deberanse cumprir as seguintes condicións:

As vivendas e edificios deberán cumprir as condicións xerais que se recollen no artigo 70 ter do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro.

Os promotores deberán cumprir as condicións xerais que se recollen no artigo 70 quatuor do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro.

Os/as beneficiarios/as das novas vivendas protexidas deberán cumprir as condicións xerais que se recollen no artigo 70 quinque do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro.

As actuacións de renovación deberán cumprir as condicións xerais que se recollen no artigo 70 sex do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do11 de xaneiro.

Artigo 69º quatuor.-Axudas financeiras para as áreas de renovación urbana.

1. As axudas financeiras para as actuacións protexidas en áreas de renovación urbana, que consistirán en préstamos convidos, subsidiacións e subvencións a fondo perdido con cargo aos orzamentos do Ministerio de Vivenda son as previstas no artigo 70 septem do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, modificado polo Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro.

2. Con carácter complementario ás axudas estatais previstas no punto 1, a Consellería de Vivenda e Solo, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións en áreas de renovación urbana da forma seguinte:

a) Para as actuacións protexidas de renovación nestas áreas as persoas promotoras e adquirentes poderán obter as axudas financeiras determinadas neste decreto.

b) Para operacións de realoxo como consecuencia das actuacións de renovación as unidades familiares afectadas poderán obter subvencións do 50% do custo do realoxo cun límite de 1.000 euros.

c) Para as actuacións de rehabilitación que poidan darse nestas áreas as persoas promotoras poderán obter as axudas financeiras que figuran no punto 3 a) do artigo 67º deste decreto.

d) Para as actuacións de urbanización o reurbanización a subvención poderá acadar o 50% do custo sempre que a contía resultante non exceda de 1.500 euros por vivenda renovada ou rehabilitada.

Artigo 69º quinque

As axudas para as actuacións en áreas de renovación urbana reguladas neste decreto son incompatibles coas dos programas autonómicos de erradicación do chabolismo e da infravivenda rural e coas dos programas autonómicos de subvencións ás actuacións de rehabilitación e renovación de calidade».

Dezasete.-Engádense dúas novas disposicións adicionais coa seguinte redacción:

«Novena.-Financiamento de anexos en vivendas en zonas rurais.

1. Nas vivendas de protección autonómica de nova construción promovidas por persoas promotoras individuais para uso propio e nas vivendas unifamiliares usadas en zonas rurais poderán financiarse ademais 25 m2 de superficie útil dun anexo, con independencia de que a súa superficie sexa superior, destinado a actividades económicas, vinculado á vivenda, nos termos, condicións e características establecidas na disposición adicional cuarta do Real decreto 14/2008, do 11 de xaneiro, polo que se modifica o Real decreto 801/2005, do 1 de xullo.

2. Para a aplicación desta disposición entenderase por zona rural:

a) Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente, sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, sempre que a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso da vivenda unifamiliar.

c) Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios sen planeamento, sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan características de aglomeracións ou concentracións urbanas.

3. Para acreditar a actividade profesional a persoa solicitante ou algún membro da unidade convivencial deberá achegar xustificación de estar de alta no réxime da Seguridade Social nalgunha das seguintes actividades: agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou outras.

Décima.-Subrogación no caso de falecemento.

«1. No caso de que falecese a persoa adquirente, adxudicataria ou promotora da actuación subvencionable, logo de presentar a solicitude de axudas, poderán subrogarse como persoas interesadas no procedemento pendente de resolución as persoas herdeiras ou a parella ou cónxuxe supérstite.

2. A solicitude deberá presentarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día do falecemento e deberá achegarse xunto coa seguinte documentación:

a) A solicitude mediante o modelo normalizado que figura no anexo II deste decreto.

b) O certificado de defunción da persoa solicitante da subvención.

c) Acreditación da súa condición de persoa herdeira ou parella ou cónxuxe supérstite.

d) Autorización de todos os membros da comunidade hereditaria para subrogarse na solicitude de axudas e o compromiso de dedicar a vivenda a residencia habitual e permanente.

e) Acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa reguladora das axudas».

Dezaoito.-Publícanse de novo os modelos de solicitude con código VI416A, VI416B e VI427A no anexo I deste decreto.

Artigo 2º.-Modificación do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer, queda modificado como segue:

Un.-Engádese un punto 3 ao artigo 3º coa seguinte redacción:

«3. As subvencións para o arrendamento de vivendas libres baleiras reguladas no capítulo IV deste decreto, serán financiadas con fondos do Ministerio de Vivenda. En calquera caso, o volume total destas subvencións que se concederá dentro de cada exercicio non excederá a contía máxima establecida na orde de convocatoria anual que se publicará con posterioridade á entrada en vigor desta norma».

Dous.-Modifícase o primeiro parágrafo do apartado da alínea a) do artigo 6.1º co seguinte texto:

«a) Unha renda periódica, que se calculará segundo os prezos medios do mercado, unha vez deducidos os gastos de xestión, sen que se poida superar a renda de aluguer taxada pola correspondente sociedade xestora. A dita renda de aluguer taxada debe encontrarse dentro dos parámetros establecidos no artigo 32.1º a) e concordantes do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, debendo oscilar entre o 2% e o 8% do prezo máximo referido no dito artigo; no artigo 9 e concordantes do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008. Para os efectos do cálculo do límite máximo dos prezos de aluguer a superficie máxima computable para as vivendas será a de 90 m2 de superficie útil. En relación aos garaxes e rochos as superficies computables serán as establecidas no artigo 19.4º do Real decreto 801/2005, do 1

de xullo».

Tres.-Modifícase o segunto punto do artigo 7 co seguinte texto:

«2. As persoas demandantes de vivenda do programa de vivenda en aluguer non poderán ser propietarios/as nin titulares dun dereito real de uso ou desfrute sobre outra vivenda, salvo as excepcións xustificadas, debidamente apreciadas, como o caso das mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan acreditada esta condición, ou salvo que sendo unha vivenda libre, ésta se encontre situada noutra localidade diferente á da vivenda alugada pola beneficiaria da axuda».

Catro.-Engádese un punto 5 ao artigo 9º, que terá o seguinte teor:

«5. A incorporación no programa de vivenda en aluguer dará o dereito ás persoas solicitantes de vivenda a entrar en todos os procedementos de adxudicación das vivendas cedidas ás sociedades públicas, podendo así mesmo, se for o caso, ser perceptoras da correspondente subvención ao aluguer, de acordo con este decreto e normativa de desenvolvemento. As persoas arrendatarias de vivendas no programa de vivenda en aluguer non poderán percibir ningunha outra subvención que teña por obxecto o pagamento do arrendamento convocada por outras administracións públicas».

Cinco.-Modifícase o artigo 14º do capítulo II, engadíndose un novo parágrafo entre os actuais primeiro e segundo, quedando redactado como segue:

«Non poderán ser beneficiarios/as da subvención para rehabilitación as persoas propietarias de vivendas protexidas con independencia do seu réxime de cualificación».

Seis.-Engádese un capítulo IV, composto dos artigos 20º, 21º, 22º, 23º e 24º, os cales terán o seguinte teor:

«Capítulo IV.-Subvencións a vivendas baleiras.

Artigo 20º.-Obxecto.

Serán obxecto destas subvencións as vivendas libres que non estean ocupadas nin arrendadas, nos doce meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude de incorporación ao programa de vivenda en aluguer e que sexan arrendadas no marco do dito programa conforme o establecido neste decreto e normativa de desenvolvemento.

Artigo 21º.-Beneficiarios/as.

Poderán ser beneficiarios/as da subvención ás vivendas baleiras as persoas propietarias que teñan solicitada a incorporación da súa vivenda libre ao Programa de vivenda en aluguer, sempre que esta cumpra os requisitos establecidos no artigo 4º deste decreto, e estivese desocupada no período dos doce meses anteriores á presentación da solicitude de incorporación no referido programa. En ningún caso o prezo de aluguer poderá superar o límite da renda máxima anual establecido no artigo 43.4º do Real decreto 801/2005, en relación co disposto no artigo 9.6º do Decreto 18/2006, para as vivendas protexidas de renda concertada.

Artigo 22º.-Contía.

A contía da subvención será de 6.000 euros.

Artigo 23º.-Pagamento.

O pagamento da subvención efectuarase logo da acreditación do período de desocupación establecido no artigo 21º deste decreto, e tras o arrendamento da vivenda no programa de vivenda en aluguer.

Para optar á subvención, a persoa propietaria deberá achegar, xunto coa solicitude desta, os recibos de consumo de electricidade e auga correspondentes aos doce meses anteriores á solicitude de inclusión da vivenda no Programa de vivenda en aluguer.

A mera incorporación da vivenda non outorgará ningún dereito económico.

Artigo 24º.-Compatibilidade.

A concesión desta subvención non excluirá os seus titulares de poder ser beneficiarios, se é o caso, da subvención por rehabilitación regulada neste decreto».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2008.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "11100D002P013.PDF"

SINATURA DO SOLICITANTE OU PERSOA QUE O REPRESENTA

de de

Ver referencia pdf "11100D002P013.PDF"

SINATURA DO SOLICITANTE OU PERSOA QUE O REPRESENTA

de de

Ver referencia pdf "11100D002P013.PDF"

SINATURA DO/A SOLICITANTE OU PERSOA QUE O/A REPRESENTA

de de

Ver referencia pdf "11100D002P013.PDF"

SINATURA DO/A SOLICITANTE OU PERSOA QUE O/A REPRESENTA

Ver referencia pdf "11100D002P013.PDF"