DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 06 de xuño de 2008 Páx. 10.698

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, e se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, dispón no seu artigo 25.1º que a exixencia de autorizacións sanitarias, así como a obriga de someter a rexistro por razóns sanitarias as empresas ou os produtos, serán establecidas regulamentariamente.

O Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, polo que se regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas, dispón no seu artigo 27 que os locais ou instalacións onde se fabriquen e/ou formulen biocidas, así como os que almacenen e/ou comercialicen biocidas autorizados para uso profesional e as empresas de servizos biocidas que así se determinen regulamentariamente, deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas de cada comunidade autónoma, que será xestionado pola autoridade sanitaria competente.

A Orde SCO/3269/2006, do 13 de outubro, pola que se establecen as bases para a inscrición e o funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, e se establecen as normas reguladoras do dito rexistro, adecúa á nova lexislación de produtos biocidas a Orde do 24 de febreiro de 1993, pola que se normaliza a inscrición neste e o funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas.

Por todo iso, faise necesario adecuar á nova lexislación de produtos biocidas, a Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se crean normas para a inscrición neste na Comunidade Autónoma de Galicia.

A finalidade desta orde é establecer as condicións e requisitos mínimos para a inscrición, estrutura e funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas na Comunidade Autónoma de Galicia, con obxecto de facilitar o control oficial destas actividades, sen obstaculizar a libre circulación das ditas empresas e servizos en todo o territorio nacional.

Ao abeiro do Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, de transferencias de competencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia, entre outras de sanidade, e por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivo e ámbito de aplicación.

1. Pola presente orde regúlase o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia (no sucesivo rexistro).

2. Establécense as condicións e requisitos básicos para a inscrición, estrutura e funcionamento deste.

3. Esta orde será de aplicación aos establecementos e servizos biocidas definidos no artigo 2º e que traballen, como mínimo, con algún dos tipos de biocidas que figuran no anexo I.

4. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde:

a) Os establecementos nos que se comercialicen exclusivamente biocidas que figuren inscritos no Rexistro Oficial de Biocidas para uso polo público en xeral ou para a hixiene humana.

b) Os establecementos nos que se fabriquen, formulen, manipulen, almacenen ou comercialicen desinfectantes de material clínico, farmacéutico ou de ambiente clínico, cirúrxico ou praguicidas de uso na hixiene persoal.

c) Os servizos biocidas de carácter corporativo que actúen exclusivamente en prevención e control da lexionelose, en aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde enténdese por:

a) Almacenamento: actividade exclusiva de provisión de produtos biocidas nun local de titularidade propia, alugado ou cedido.

b) Biocidas: as substancias activas e preparados que conteñan unha ou máis substancias activas, presentados na forma en que son subministrados ao usuario, destinados a destruír, contrarrestar, neutralizar, impedir a acción ou exercer un control doutro tipo sobre calquera organismo nocivo por medios químicos ou biolóxicos, de acordo co artigo 2 do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro.

c) Carácter corporativo: tratamentos que se realizan por persoal propio pertencente a entidades cuxos espazos, locais, instalacións ou transportes sexan de uso público. Non se inclúen os tratamentos realizados nun único establecemento por persoal propio nas súas funcións de mantemento.

d) Comercialización: a subministración ou posta á disposición de terceiros de produtos biocidas con ou sen titularidade sobre estes, a título oneroso ou gratuíto, incluída a venda polo miúdo, dentro do territorio nacional.

A importación ou exportación de biocidas ao territorio aduaneiro da Unión Europea considérase para todos os efectos comercialización.

e) Envasamento: procedemento polo que unha substancia ou preparado se envasa, reetiqueta ou empaqueta para o seu transporte e venda.

f) Establecementos biocidas: os locais ou instalacións onde se fabriquen e/ou formulen e/ou envasen biocidas, así como nos que se almacenen e/ou comercialicen biocidas.

g) Fabricación: obtención en instalacións industriais de substancias activas e/ou formulación do produto biocida.

h) Instalacións fixas de tratamento: enténdense como tales, os establecementos con cámaras de fumigación, balsas de inmersión e outras instalacións fixas destinadas á realización de tratamentos biocidas.

i) Responsable técnico: persoa responsable ben da fabricación, formulación, etiquetaxe e envasamento de biocidas, ou ben da planificación, realización e avaliación dos tratamentos, así como de supervisar os posibles riscos destes e definir as medidas necesarias que se van adoptar de protección persoal e do medio. Así mesmo, será responsable de definir as condicións nas que se deba realizar a aplicación.

j) Servizos biocidas: as persoas físicas ou xurídicas que efectúen tratamentos con aplicación de biocidas.

Artigo 3º.-Inscrición no rexistro.

1. Deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter previo ao inicio da súa actividade, os establecementos e servizos biocidas incluídos no ámbito de aplicación desta orde.

2. Estarán sometidos á obriga de inscrición no rexistro:

a) As persoas físicas ou xurídicas, titulares dos anteriormente referidos establecementos, que realicen unha ou varias das seguintes actividades:

1ª Fabricación de biocidas.

2ª Envasado de biocidas.

3ª Almacenamento de biocidas.

4ª Comercialización de biocidas.

b) As persoas físicas ou xurídicas que realicen servizos de aplicación con biocidas incluídos no ámbito de aplicación desta orde, cando os ditos servizos se presten en calquera dos seguintes supostos:

1º Con carácter corporativo.

2º De servizos a terceiros.

3º En instalacións fixas de tratamento.

Artigo 4º.-Estrutura do rexistro.

O rexistro estruturarase nas seguintes actividades:

a) Fabricación.

b) Envasamento.

c) Almacenamento.

d) Comercialización.

e) Servizos de aplicación de biocidas corporativos ou a terceiros.

f) Instalacións fixas de tratamentos.

Artigo 5º.-Código de rexistro.

O código de rexistro será outorgado pola Comunidade Autónoma de Galicia a cada empresa afectada por esta orde e a súa estrutura será XXXX-ZZZ-YYY, sendo:

a) XXXX: número consecutivo outorgado a cada empresa rexistrada.

b) ZZZ: siglas que identifican á Comunidade Autónoma de Galicia (GAL).

c) YYY: siglas que identifican a actividade na que se inscribe a empresa e a provincia onde ten a súa sede social.

Artigo 6º.-Requisitos.

a) Instalacións:

1. Deberá existir un almacén de uso exclusivo para os produtos biocidas, tanto nos servizos de aplicación como nos establecementos de fabricación, envasamento, almacenamento e comercialización de produtos biocidas.

2. Aos establecementos de fabricación, envasamento, almacenamento, comercialización e aplicación de biocidas e materiais con eles relacionados, seralles de aplicación o recollido no artigo 6 do Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, Regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas e posteriores modificacións, sen prexuízo do establecido no Real decreto 379/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de almacenamento de produtos químicos e as súas instrucións técnicas complementarias, na medida en que lles sexa de aplicación.

Así mesmo, as instalacións deberan dispoñer dun sistema de prevención de riscos por roturas e derramas.

b) Persoal:

Todo o persoal das empresas, que apliquen e/ou manipulen biocidas, deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. O responsable técnico da empresa deberá dispoñer da titulación que acredite os coñecementos suficientes para o desenvolvemento das súas actividades.

2. O persoal da empresa que realice operacións de aplicación e/ou manipulación de biocidas deberá posuír o correspondente carné de aplicador/manipulador de biocidas.

c) Certificado:

Os servizos de aplicación de biocidas deberán entregar, ao responsable das instalacións onde realicen un servizo, un certificado acreditativo do tratamento biocida no que figuren os contidos recollidos no punto correspondente do anexo III.

Artigo 7º.-Solicitude e documentación para a inscrición no rexistro.

1. A solicitude de inscrición no rexistro, dirixida ao director xeral de Saúde Pública, axustarase ao modelo oficial que figura no anexo II desta orde.

2. Dita solicitude, unha vez cuberta polo seu titular ou representante, acompañarase da seguinte documentación:

a) Anexo III, debidamente formalizado, xunto coa documentación requirida, segundo corresponda, se a actividade que vai realizar é de fabricación, envasamento, almacenamento, comercialización e/ou tratamentos en instalacións fixas, ou se a actividade que vai realizar é de servizos de aplicación de biocidas.

b) Anexos IV e V, debidamente formalizados.

Cando a documentación que se presente non sexa a orixinal, deberá estar compulsada.

3. Xustificante de pagamento de taxas. Xuntarase o exemplar para a Administración da autoliquidación das taxas de inscrición, renovación ou modificación no rexistro oficial, segundo corresponda.

4. No caso de que se utilicen biocidas tóxicos ou moi tóxicos xuntarase xustificante da solicitude de apertura do Libro oficial de movemento de biocidas.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. A solicitude xunto coa documentación á que fai referencia o artigo 7º, presentarase no rexistro da delegación da Consellería de Sanidade da provincia en cuxo ámbito territorial estea situado o establecemento ou onde teña o domicilio social o servizo. Igualmente poderán presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a solicitude ou a documentación presentada non reúnen os requisitos que sinala o artigo 7º desta orde, ou non se presenta toda a documentación necesaria, por parte da delegación provincial requirirase o interesado para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa solicitude, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes de inscrición requirirán para a súa tramitación un informe dos servizos técnicos da delegación provincial da Consellería de Sanidade que corresponda, para o que poderán solicitar informes aclaratorios a outros organismos das administracións públicas, sobre a documentación presentada polo solicitante.

Artigo 9º.-Inscrición.

1. Recibidos os informes técnicos aos que fai referencia o artigo anterior, os delegados/as provinciais da Consellería de Sanidade elevarán á Dirección Xeral de Saúde Pública proposta motivada para a súa inscrición ou non no rexistro.

2. Unha vez recibida a proposta, a Dirección Xeral de Saúde Pública resolverá sobre a inscrición ou non, no prazo de tres meses, contados desde o día de presentación da solicitude.

3. No caso de resolución favorable, a Dirección Xeral de Saúde Pública expedirá a correspondente resolución de inscrición segundo o modelo oficial que figura no anexo VI e notificarallo ao interesado de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O titular da actividade deberá manter a dita resolución á disposición dos servizos oficiais de inspección correspondentes, así como o resto da documentación presentada para a inscrición do establecemento ou servizo.

5. O inicio da actividade, no caso de manexar produtos clasificados como tóxicos ou moi tóxicos, estará condicionada á tenza do Libro oficial de movemento de biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Renovación, modificación e cancelación da inscrición.

1. A inscrición no rexistro terá un prazo de validez de dez anos. Dentro dos tres meses anteriores á finalización do dito prazo, o titular da inscrición poderá solicitar a súa renovación presentando unha nova solicitude de acordo co que se indica nos artigos 7º e 8º desta orde.

Unha vez aceptada a renovación reflectirase no rexistro e procederase a notificar a resolución aos interesados.

2. O titular da inscrición será responsable do mantemento das condicións nas que se dite a resolución de Inscrición. Calquera modificación substancial ou cambio nas ditas condicións deberá ser solicitada á delegación da Consellería de Sanidade da provincia en cuxo ámbito territorial estea situada a correspondente actividade e mediante a presentación da documentación correspondente.

Unha vez aceptada a modificación reflectirase no rexistro e procederase a comunicar a súa resolución aos interesados.

3. No caso de cesamento da actividade, o titular da inscrición deberá poñelo en coñecemento da delegación da Consellería de Sanidade da provincia en cuxo ámbito territorial estea situada a correspondente actividade, para efectos da cancelación da súa inscrición no rexistro.

Ademais, poderá procederse á cancelación da inscrición:

a) Cando así o solicite o seu titular.

b) Cando, transcorrido o prazo de validez da inscrición no rexistro, o titular non solicitase a súa renovación.

c) Cando, en virtude de inspeccións realizadas de oficio ou por calquera outro medio, a autoridade competente comprobe que se incumpre a lexislación vixente, sen prexuízo da sanción a que dera lugar, segundo o previsto no artigo 30 do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro.

d) Cando, como resultado do informe dunha inspección oficial ou por motivos doutra índole, a autoridade municipal competente revogue a licenza municipal para a actividade que se vaia desenvolver.

e) Cando a autoridade competente comprobe o cesamento da actividade.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra as resolucións do director/a xeral de Saúde Pública, que non poñen fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro/a de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 12º.-Carácter do rexistro e acceso á información contida.

1. O rexistro queda adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

2. O Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas terá carácter público, podendo a autoridade sanitaria competente facilitar cantos datos consten neste para o mellor acceso dos usuarios a ese servizo, sen prexuízo das normas de confidencialidade que lle podan ser de aplicación.

Artigo 13º.-Recoñecemento doutros rexistros.

1. A inscrición das entidades que presten servizos de aplicación de biocidas a terceiros inscritas no rexistro doutra comunidade autónoma e que non posúan sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, será válida para traballar nesta, sempre que comuniquen previamente á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade a súa intención de desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, xuntando copia da resolución de Inscrición na comunidade autónoma de orixe, unha memoria das actividades que se vai desenvolver, na que se inclúa o persoal coa súa cualificación e os tratamentos que se pretenden realizar, e cumpran cos requisitos adicionais establecidos pola normativa galega de aplicación.

En función da periodicidade e volume de traballo que se vai desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia e co fin de garantir a seguridade, saúde publica e demais requisitos recollidos nesta orde, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade poderá solicitarlles a estas entidades que dispoñan dun almacén de uso exclusivo para os produtos biocidas nesta comunidade autónoma.

2. Aquelas empresas de servizos biocidas a terceiros cuxa sede social estea fóra do territorio nacional e dentro do territorio da Unión Europea, deberán aterse ao procedemento descrito no punto anterior, debendo xuntar fotocopia da autorización do país membro de orixe, e seralles de aplicación o resto das disposicións normativas relativas a empresas de servizos biocidas cando presten no noso país servizos de aplicación de biocidas.

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

A fabricación, venda, distribución ou aplicación de biocidas sen solicitar e obter a regulamentaria inscrición no rexistro ou sen cumprir os trámites de renovación ou continuación periódica das súas inscricións, sancionarase, de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1054/2002, artigo 14 do Real decreto 3349/1983, na Lei xeral de sanidade e normativa que o substitúa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Actualización.

1. A Dirección Xeral de Saúde Pública actualizará a relación de biocidas do anexo I desta orde, a medida en que estes tipos de produtos sexan incluídos no Rexistro Oficial de Biocidas, segundo o disposto no Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro.

2. A medida que se actualice o anexo I, os establecementos e servizos que realicen actividades definidas no artigo 3º disporán dun prazo de 6 meses para inscribirse no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Remisión de expedientes.

Os expedientes dos establecementos e servizos praguicidas incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas, en virtude da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan normas para a inscrición neste, na Comunidade Autónoma de Galicia, serán transferidos no prazo de seis meses, a partir da entrada en vigor desta orde, á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-As inscricións efectuadas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas, en virtude da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan normas para a inscrición neste na Comunidade Autónoma de Galicia, realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta disposición, disporán dun prazo dun año para adaptarse ao regulamentado nesta orde. Os ditos documentos serán válidos mentres non se resolva o expediente de revisión.

Segunda.-Os servizos biocidas que, á entrada en vigor desta orde, non dispoñan dun almacén para os seus produtos, maquinaria e outros aparellos de traballo inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas, en virtude da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan normas para a inscrición neste na Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñen de dous anos para formalizar, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o cumprimento de dito requisito, establecido no artigo 6º a) desta orde.

Terceira.

1. Prorrógase por dous anos a validez dos carnés de aplicador/manipulador de praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria, na medida que estes vaian caducando.

2. Os titulares dos carnés deberán presentar ante a Dirección Xeral de Saúde Pública ou nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, solicitude para a súa renovación, xuntando fotocopia compulsada do carné a renovar, fotocopia do DNI e dous fotografías tamaño carné.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados desde a data de caducidade do correspondente carné. Transcorrido o dito prazo sen formularse solicitude, os carnés quedarán sen efecto.

4. O carné de aplicador de tratamentos de DDD pasa a denominarse carné de aplicador/manipulador de biocidas.

5. Ante a inclusión dos protectores da madeira dentro do alcance do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, polo que se regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas, cómpre adaptar a capacitación dos traballadores aplicadores/manipuladores destes produtos aos novos requisitos normativos.

Tendo en conta que os traballadores aplicadores/manipuladores de produtos biocidas protectores da madeira xa realizaran no seu momento os cursos específicos de formación como aplicadores/manipuladores de produtos fitosanitarios para o sector da madeira, e considerando que a formación recibida se corresponde coa necesaria para obter o carné de aplicador/manipulador de biocidas, procederase á validación dos seus carnés polos correspondentes carnés de aplicador/manipulador de biocidas logo de solicitude a esta Dirección Xeral de Saúde Pública, xuntando fotocopia compulsada do carné a validar, fotocopia do DNI e dúas fotografías tamaño carné. Os carnés presentarán a data de emisión que figura no carné orixinal e o mesmo prazo de validez.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan normas para a inscrición no mesmo na Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o que se opoña ao establecido nesta orde para os establecementos e servizos biocidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade poderá elaborar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Grupos e tipos de biocidas que obrigan a inscripción dos establecementos e servizos biocidas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas (ROESB)

Grupo principal 1:

a) Tipo de produto 2. Desinfectantes: produtos empregados para a desinfección do aire, superficies, materiais, equipos e mobles que non se utilicen en contacto directo con alimentos ou pensos, en zonas da esfera privada, pública ou industrial.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00, 20, 40, 90 e 100.

b) Tipo de produto 4. Desinfectantes para as superficies que estean en contacto cos alimentos: equipamentos, recipientes, utensilios para consumo, superficies ou tubarías relacionadas coa produción, transporte, almacenamento ou consumo de alimentos e bebidas, excluída a auga para o consumo humano.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00, 20, 40 ou 90 e as siglas HA.

Grupo principal 2:

a) Tipo de produto 8. Protectores da madeira: produtos empregados para a protección da madeira ou derivados da madeira, desde a fase do serradoiro.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00 e 80.

b) Tipo de produto 11. Produtos empregados para a conservación da auga en sistemas de refrixeración mediante o control de organismos nocivos.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00 e 100, exclusivamente para uso en torres de refrixeración, condensadores evaporativos e arrefriadores adiabáticos que pulvericen auga.

Grupo principal 3:

a) Tipo de produto 14. Rodenticidas.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00 e 10.

b) Tipo de produto 18. Insecticidas: produtos empregados para o control dos artrópodos (insectos, arácnidos e outros).

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00 e 30.

c) Tipo de produto 19. Repelente/atraente: produtos empregados para o control dos organismos nocivos mediante repulsión ou atracción, excluídos os empregados en hixiene veterinaria ou humana.

Estes produtos correspóndense cos actualmente inscritos no Rexistro Oficial de Praguicidas da Dirección Xeral de Saúde Pública coas claves 00 e 50.

Ver referencia pdf "10900D004P026.PDF"