DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2008 Páx. 10.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2008 pola que se convocan as xornadas A Administración de xustiza como servizo ao cidadán.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2008, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as xornadas A Administración de xustiza como servizo ao cidadán, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Para cumprir as funcións esenciais que ten encomendadas, co fin de lograr e preservar unha convivencia ordenada, na que a coexistencia en liberdade sexa posible, a Administración de xustiza, no noso Estado social e democrático de dereito, ten que realizar numerosas e delicadas tarefas de forma cabal e razoablemente rápida, e de conformidade co ordenamento xurídico. Pero cada vez son máis as respostas que se esperan dela para novas e maiores necesidades e demandas sociais, e tamén para unha maior toma de conciencia da cidadanía dos seus dereitos. O aumento da poboación, a chegada masiva de persoas procedentes de culturas distintas, e o consecuente incremento do número de litixios; unha política criminal cuestionable en non poucos ámbitos, en materia de drogas de forma singular; as moitas voces, a miúdo atendidas, que reclaman que se criminalicen máis condutas e con penas máis severas (unha especie de cárcere para todos), en definitiva, o uso simbólico do dereito penal; o enfrontamento

político en ámbitos nos cales só se debería discutir a forma de encamiñar e resolver máis acertadamente os problemas, etc., acentuaron e aumentaron de xeito extraordinario a actividade xudicial e as queixas e denuncias conseguintes polo xeito de prestalas, non sempre ben fundadas nin ben intencionadas.

Ao aumento das exixencias dos particulares súmanse outras de orixe supranacional, e recorrentes problemas e debates sobre a temas como a investigación penal, a dobre instancia, a gobernanza dos xuíces, nunca pechadas de todo e non sempre formuladas desde unha perspectiva técnica.

Esta innegable realidade crea ou agrava cuestións e situacións xa complexas e problemáticas en si mesmas, e da súa resolución depende en gran medida a confianza da cidadanía nun poder, que, como todos, está ao seu servizo, e no propio sistema democrático, posto que aquel é o garante do respecto de todos, dos poderes públicos en especial, das regras de xogo establecidas, iguais para a totalidade das persoas, dos seus intereses individuais e dos valores proclamados e recoñecidos na Constitución. E, así mesmo, o poder xudicial é, non se debe esquecer, o garante, a última esperanza dos máis débiles fronte os atropelos que poden sufrir a mans doutras persoas ou das administracións públicas.

Para reflexionar sobre algunhas das cuestións apuntadas, en busca de mellores solucións para estas, coa menor carga posible de prexuízos, están dedicadas estas xornadas.

2. Contido.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Gobernanza e Administración de xustiza.

-O papel das comunidades autónomas na Administración de xustiza.

-As relacións entre xurisdición constitucional e xurisdición ordinaria.

-Algunhas cuestións da orde penal: a investigación e a dobre instancia.

-O Consello Xeral do Poder Xudicial e a carreira xudicial.

-A oficina xudicial.

-O poder xudicial e os principios constitucionais.

3. Destinatarios.

Maxistrados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais e demais empregados públicos, especialmente os relacionados coa Administración de xustiza, profesionais do dereito e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Datas: 26 e 27 de xuño de 2008.

-Horario: mañá e tarde do día 26 e mañá do día 27.

-Local: as xornadas convocadas desenvolveranse na sede da Fundación Caixa Galicia, sita no Cantón Grande, 21-24, A Coruña.

5. Inscrición.

-O prazo de inscrición finaliza o 24 de xuño de 2008.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión no caso de chamaren por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41 - 881 99 70 14.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "10800D013P074.PDF"