DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2008 Páx. 10.596

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2008 pola que se procede á publicación da prelación, en réxime de concorrencia competitiva, dos polígonos industriais ou parques empresariais seleccionados nos concellos solicitantes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que a Consellería de Innovación e Industria vai proceder ao desenvolvemento de redes de telecomunicacións sen fíos de acceso á internet de banda larga, no marco do Plan estratéxico galego da sociedade da información e se procede á súa convocatoria (código procedemento IN527A) (Diario Oficial de Galicia número 31, do 13 de febreiro).

Mediante Resolución do 22 de maio de 2008, o conselleiro de Innovación e Industria ditou resolución pola que se establece unha prelación de solicitudes ao abeiro da Orde do 4 de febreiro de 2008 que ten por obxecto regular as condicións para a elaboración dunha prelación, en réxime de concorrencia competitiva, dos polígonos industriais ou parques empresariais nos concellos solicitantes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que a Consellería de Innovación e Industria vai proceder ao desenvolvemento de redes de telecomunicacións sen fíos de acceso á internet de banda larga, no marco do Plan estratéxico galego da sociedade da información e se procede á súa convocatoria.

O órgano instrutor do procedemento administrativo establecido na citada orde reguladora vén de revisar as solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde, identificando tanto as solicitudes que se presentaron sen erros e dispoñen de toda a documentación preceptiva, como aquelas solicitudes en que non se reúne algún dos requisitos exixidos.

Segundo o previsto no artigo 12 da orde de convocatoria, para emendar os defectos presentados nas súas solicitudes, procedeuse ao requirimento de documentación necesaria mediante Resolución do 17 de abril de 2008 (publicada no DOG do 28 de abril), indicándoselle aos solicitantes que no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Na citada resolución indicábaselles expresamente aos solicitantes suxeitos a emenda de documentación que, de non o facer, se consideraría por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que sería ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, pola que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo para a presentación da emenda de documentación finalizou o 10 de maio de 2008.

No punto 4º do artigo 12 tamén se dispón: «Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

Segundo o establecido no artigo 13º da devandita orde, as solicitudes foron valoradas pola comisión constituída para o efecto o 31 de marzo de 2008, que seguindo os criterios establecidos no artigo 14 da Orde do 4 de febreiro de 2008, propuxo a prelación dos parques industriais e dos polígonos industriais seleccionados dos distintos concellos solicitantes que figura como anexo I «Relación de solicitudes seleccionadas» e anexo II «Relación de solicitudes non seleccionadas», indicando os motivos de exclusión.

Na súa virtude,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación da relación de solicitudes que, en función das dispoñibilidades orzamentarias, reúnen todos os requisitos para a súa concesión, segundo o establecido na orde reguladora citada. Esta relación achégase como «anexo I, Relación de solicitudes seleccionadas» desta resolución.

2. Ordenar a publicación da relación de solicitudes que non reúnen os requisitos para seren seleccionadas. Esta relación achégase como «anexo II, Relación de solicitudes non seleccionadas» desta resolución.

3. Todos os solicitantes que se recollen nos anexos poderán obter información detallada da súa resolución unha vez sexa publicada a resolución no DOG accedendo ao Taboleiro electrónico dispoñible na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, no enderezo:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons= IN&cod_proc=527A

Os solicitantes cuxa solicitude non fora seleccionada tamén poderán obter información detallada das causas de denegación accedendo ao Taboleiro electrónico dispoñible na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, no enderezo:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons= IN&cod_proc=527A

O acceso a este enderezo tamén pode facerse desde o enderezo da internet http://www.conselleriaiei.org, seleccionando a Oficina Virtual, para a continuación acceder á aplicación Internet Expres e dentro desta, escoller o procedemento IN527A.

Para o acceso ao contido do Taboleiro electrónico cada solicitante deberá introducir o código electrónico facilitado por esta dirección xeral, o que garante a intimidade do acceso á información.

4. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos 981 95 74 56 ou 981 54 55 89, do número de fax 981 54 47 06 ou do enderezo de correo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2008.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24, do 3 de febreiro)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria

Ver referencia pdf "10800D010P061.PDF"