DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2008 Páx. 10.585

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 26 de maio de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a asociacións con destino ao apoio ás festas populares e outros eventos de contido turístico, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

Entre as actuacións de fomento do turismo son especialmente relevantes todas aquelas encamiñadas á conservación do seu patrimonio inmaterial, o realce e a difusión do acervo cultural e histórico dun pobo. Entre estas últimas atópanse as festas e eventos populares, que na actualidade acadan unhas cotas moi altas de participación de persoas, tanto naturais do lugar como visitantes, o que implica que se consideren de grande interese na vida diaria da sociedade que as celebra.

A importancia crecente destas celebracións fai que moitas das festas sexan declaradas de interese turístico de Galicia, estatal ou internacional, tanto polas súas singulares características de orixinalidade e calidade, pola súa capacidade de convocatoria e participación, como polo seu especial arraigamento na localidade.

Estas actuacións, que nun importante número son organizadas por entidades asociativas sen ánimo de lucro, dan a coñecer a extraordinaria diversidade de Galicia a través da gastronomía, da artesanía e das distintas tradicións das localidades dun xeito lúdico e festivo; supoñen, porén, importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais que cómpre promover desde os poderes públicos.

Deste xeito, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, quere optimizar os recursos dispoñibles, tanto de infraestrutura como humanos e económicos, para contribuír á organización e promoción destes eventos.

Así, para os efectos de axudar á mellora global da oferta turística de Galicia, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Innovación e Industria asignados para esta finalidade, con base no establecido sobre medidas de fomento nos artigos 73 e 74 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido nesta lei, convócanse axudas destinadas ao apoio a festas populares e outros eventos turísticos para o ano 2008.

A través desta orde publícase a convocatoria das ditas axudas, que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible; a elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas, xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia orde.

Polo exposto e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, para investimentos relacionados coa promoción e difusión de festas, romarías, exposicións, festivais, certames e outros eventos similares de contido turístico que se celebren en Galicia no ano 2008.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2008.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderán obterse a través do DOG, do enderezo da internet www.conselleriaiei.org/ga/web/index.php da Xunta de Galicia no punto «Axudas Consellería de Innovación e Industria» ou nas dependencias da Consellería de Innovación e Industria.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida ou necesidade de máis información, poderán dirixirse aos servizos de Turismo das correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria nos teléfonos 981 18 46 93 (A Coruña), 982 29 42 26 (Lugo), 988 38 60 35 (Ourense) e 986 80 55 73 (Pontevedra).

3. A través das solicitudes proporciónanse á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderanse exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2008, ambos os dous inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e non poderá ter unha duración superior a seis meses desde a data de presentación da solicitude.

Artigo 5º.-Información aos/as interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Turismo a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 18 46 93 (A Coruña), 982 29 42 26 (Lugo), 988 38 60 35 (Ourense) e 986 80 55 73 (Pontevedra), dos servizos de Turismo das correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) O enderezo electrónico: axudas.dxt@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades de carácter asociativo sen ánimo de lucro destinadas ao apoio da celebración de festas populares e outros eventos de contido turístico

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o apoio a asociacións para a realización de investimentos relacionados coa promoción e difusión de festas, romarías, exposicións, festivais, certames e outros eventos de interese turístico ou manifestacións populares de semellante carácter que se celebren en Galicia no ano 2008 e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se trate de celebracións de eventos que xiren en todo caso ao redor de manifestacións de interese cultural, lúdico, folclórico, artístico, relixioso, gastronómico, deportivo ou ambiental.

b) Que se trate de actuacións que acentúen a valoración das tradicións populares e posúan unha especial importancia como atractivo turístico cara ao pulo económico da comarca.

2. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionable.

Para os efectos desta orde considéranse actuacións subvencionables a realización dos investimentos necesarios para a organización, desenvolvemento e promoción das celebracións dos eventos definidos neste artigo.

3. Ao abeiro desta orde só será obxecto de subvención a realización dun evento por entidade solicitante.

4. Non se considera subvencionable ningún tipo de taxa ou imposto segundo o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Segundo a natureza das actuacións que se executen deberá figurar de modo visible, se é o caso, que se trata dunha acción subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria, Dirección Xeral de Turismo, cos logotipos correspondentes.

6. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación de solicitudes nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de remate do dito crédito, a Administración publicará esta circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, todo iso sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario como consecuencia da existencia de fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou ben por ampliación da partida orzamentaria destinada a esta finalidade.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Ás subvencións obxecto desta orde destínase unha contía de 650.000 euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.761A.781.2, dos orzamentos xerais da Consellería e Innovación e Industria para 2008, na que existe crédito axeitado para esta finalidade, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria de acordo co establecido no artigo anterior.

2. O importe das subvencións concedidas poderá acadar un máximo de axuda de ata o 75% do investimento subvencionable co tope de 6.000 euros por entidade.

3. Non poderá ser obxecto de subvención a realización daqueles eventos incluídos no ámbito de actuación doutros programas con financiamento con cargo aos créditos da Dirección Xeral de Turismo consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 3º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, incluídas as comisións de festas legalmente constituídas, da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan a celebración de festas populares e outros eventos ou actuacións de carácter similar de interese turístico incluídas no obxecto desta convocatoria que se celebren durante o ano 2008, que cumpran os requisitos establecidos nestas bases e que se atopen incluídas no ámbito de aplicación da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

2. Todas as entidades deberán estar inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia (autonómico ou provincial segundo o seu ámbito territorial) na data de presentación de solicitudes e terán establecido entre as funcións que figuren nos seus estatutos a organización do evento para o que solicitan a subvención.

Non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. A acreditación de non estar incursa nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da interesada.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II.

b) Copia cotexada do DNI da persoa física que asina a solicitude e certificación orixinal que acredite poder suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

c) Copia cotexada do CIF da entidade solicitante.

d) Certificación orixinal subscrita pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, sobre a adopción do acordo de constituírse en entidade organizativa do evento segundo establezan os estatutos da entidade, na que conste o número asignado no Rexistro de Asociacións.

e) Memoria explicativa da actividade que se vaia desenvolver con expresión do prazo de execución e estimación da afluencia de visitantes en edicións anteriores. Indicarase o número de edicións celebradas, que se acreditará mediante documentación gráfica (programas, carteis, etc.).

f) Orzamento detallado dos investimentos que se vaian realizar en que conste cada tipo de gasto e o seu custo concreto con desagregación de impostos.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

h) Declaración expresa de compromiso de utilización da lingua galega.

i) Declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cando se trate dunha federación ou confederación, presentarase certificación orixinal da/o secretaria/o, co visto e prace da/o presidenta/e, ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, CIF e número asignado no Rexistro de Asociacións.

4. Só se admitirá unha solicitude por evento. Para o caso de que distintas entidades pretendan a celebración da mesma actuación unicamente poderá resultar beneficiaria aquela que se acredite como entidade organizativa.

5. A Dirección Xeral de Turismo reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da proposta presentada.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude da subvención comportará a autorización do/a solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o/a solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no artigo 21.4.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado; neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Turismo, con periodicidade quincenal, elaborará a proposta de resolución, que elevará ao conselleiro para a súa resolución. Esta proposta conterá a relación de expedientes instruídos ata ese momento, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e CIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, obxecto da subvención, importe do investimento subvencionable, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou exclusión, segundo corresponda.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao que se lle concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de desestimación ou denegación da solicitude.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

Unha vez esgotado o crédito destinado a estas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia tal circunstancia, o que comportará a denegación dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando por circunstancias debidamente xustificadas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas na proposta inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

Por outra banda, a entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación antes do desenvolvemento da actividade.

A conformidade expresa da Consellería de Innovación e Industria ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Turismo.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 8º.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, as entidades beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación, no prazo de cinco (5) días hábiles desde a recepción da notificación da concesión, comprometéndose á realización e xustificación do obxecto da subvención no prazo e condicións establecidos na convocatoria e na resolución de concesión. De non recibirse a aceptación no prazo indicado entenderase que a entidade renuncia á subvención inicialmente concedida e procederase, logo de resolución, ao arquivo do expediente.

A aceptación da subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Innovación e Industria, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida.

2. Comunicarlle á Consellería de Innovación e Industria a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

3. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio da actividade para a que se concedeu a axuda, agás modificacións ou prórrogas autorizadas pola Dirección Xeral de Turismo.

4. Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

5. Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a entidade solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións requiriráselle para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

6. A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

-Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

7. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución da actividade, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; en concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co evento subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria. Para isto empregarán a lenda Evento financiado acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda Consellería de Innovación e Industria-Dirección Xeral de Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da entidade beneficiaria da subvención.

Cando a publicidade sexa nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Artigo 14º.-Subcontratación.

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial, por unha soa vez, as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, tendo en conta o disposto neste artigo e de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

a) A necesidade da subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria da subvención e as actividades que se pretendan subcontratar realizaranse necesariamente con posterioridade a súa autorización e, en ningún caso, suporá un aumento do custo da actividade subvencionada.

b) A subcontración para as actividades obxecto desta convocatoria exixe autorización previa que se notificará só nos casos en que esta sexa favorable xunto coa resolución de concesión da subvención. O contrato celebrarase por escrito.

c) Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/as subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

d) Os/as subcontratistas están obrigados/as a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 15º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación, por duplicado exemplar, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, tendo de prazo para presentala o sinalado no punto 3º deste artigo:

a) Solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo IV.

b) Certificación orixinal de gasto subscrita pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, que acredite qué gastos foron realizados e o seu importe

c) Facturas orixinais ou fotocopias cotexadas acreditativas dos gastos subvencionados efectuados en función do orzamento e/ou factura pro forma aceptados para a concesión da subvención.

d) Memoria da actuación realizada á que se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada.

e) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da entidade solicitante en que conste o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

g) Declaración responsable onde se recollan os compromisos a que se fai referencia no artigo 13º.

h) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública.

Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución da concesión da subvención ou coas modificacións ou prórrogas autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

3. O prazo para presentar a xustificación será o seguinte:

a) Para os eventos realizados desde o 1 de xaneiro de 2008 ata a data da notificación da resolución de concesión: quince (15) días hábiles a partir desa notificación.

b) Para eventos que teñan lugar con posterioridade á notificación da resolución de concesión e antes do 15 de novembro de 2008: quince (15) días hábiles a partir da data do evento.

c) Para eventos que se celebren a partir do 15 de novembro de 2008: terán de prazo para xustificar ata o 15 de decembro de 2008.

4. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación solicitada entenderase que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. De acordo co disposto no artigo 16.2.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 238, do 11 de decembro) poderán acordarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte da entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a subvención.

3. As entidades que soliciten pagamentos parciais deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo IV

b) Certificación orixinal de gasto subscrita pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, que acredite que gastos foron realizados e o seu importe.

c) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

d) Orixinal e copia das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos correspondentes á xustificación parcial. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos parciais a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento, se atopen declarados en concurso, estean suxeitos a intervención xudicial ou fosen inhabilitados conforme a Lei concursal 22/2003, do 9 de xullo, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso, fosen declarados en quebra, en concurso de acredores, insolvente fallido en calquera procedemento ou suxeito a intervención xudicial, se iniciase expediente de quitación e espera ou de suspensión de pagamentos ou se presentase solicitude xudicial de quebra ou de concurso de acredores, mentres, se é o caso, non fosen rehabilitados.

4. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que soliciten pagamentos parciais quedan exceptuadas da obriga de presentación de garantías por tratarse de axudas de contía inferior á establecida no artigo 17.1º b) do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

5. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente do evento.

Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 18º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "10800D008P049.PDF"