DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2008 Páx. 10.568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 29 de maio de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións a persoas físicas e xurídicas titulares de autorizacións de transporte público por estrada para o fomento das condicións de seguridade e da incorporación de novas tecnoloxías e melloras ambientais e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

A calidade na xestión das empresas de transporte, a seguridade laboral e do tráfico e a redución dos prexuízos ambientais son obxectivos primordiais en toda política pública, por canto redundan en beneficio dos propios traballadores e aínda no conxunto da cidadanía. Neste senso, por medio da orde desta consellería do 18 de setembro de 2007 (DOG nº 184, do 21 de setembro) promoveuse a adopción de medidas concretas e eficaces neses eidos, implicando, ademais, a todos os membros do sector. O seguimento maioritario da convocatoria e o éxito das accións propostas aconsellan manter e afondar nesa liña de actuación, de xeito que o sector do transporte avance no seu fortalecemento e concienciación.

Así, nesta nova orde de axudas seguen a potenciarse aquelas medidas que contribúan á mellora da seguridade viaria e á redución da accidentalidade e do número de vítimas na estrada. Ao xa previsto sistema de control de frotas e localización por satélite, engádese agora a promoción da instalación de cintos de seguridade en todos os asentos de vehículos adscritos a autorizacións VD, en consonancia coas campañas de sensibilización que para o seu emprego realizaron outras administracións públicas.

Por outra banda, os requirimentos ambientais, conxugados coa redución de custos aos transportistas, levan a unha aposta decidida polas tecnoloxías menos contaminantes, obxectivo xa perseguido na orde anterior e que se reitera nesta. Na mesma liña, outro obxectivo que se pretende conseguir é a mellora da eficacia e calidade na actuación das empresas do sector, o que se asegura a través das certificacións de xestores especializados, cuxa obtención se trata de promover. No mesmo sentido, a sistematización nun manual do condutor de todas as responsabilidades asumidas polo transportista autónomo no seu campo de actividade propiciará a optimización e constante evolución desta actividade.

Outro eido xa tutelado na convocatoria anterior mantense e poténciase na actual, como é o da promoción da actividade preventiva no campo laboral, vía preferente na loita contra as neglixencias e accidentes que de forma demasiado habitual levan a fatais consecuencias para os traballadores.

Pero a vontade da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes é afondar noutros ámbitos tamén de vital importancia, como é o da integración e mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, ao que se contribúe reducindo as barreiras á súa mobilidade, especialmente no transporte público. Por outra banda, tamén é unha preocupación constante a mellora e modernización do sector, polo que a incorporación paulatina das vantaxes que proporcionan as novas tecnoloxías debe ser un obxectivo prioritario. Neste senso, a implantación da sinatura dixital contribuirá á súa dinamización e eficiencia na relación cos clientes, e aínda coa Administración pública.

En consecuencia, esta consellería considera apropiado establecer unha liña de axudas para impulsar no sector do transporte por estrada a consecución de todos eses obxectivos, contribuíndo así non só ao avance do devandito sector, senón tamén á satisfacción do interese xeral de todos os cidadáns.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde contén as bases reguladoras aplicables para a concesión de subvencións destinadas a fomentar a seguridade, a incorporación de novas tecnoloxías e a aplicación de melloras ambientais no sector do transporte por estrada en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2008.

3. En concreto, consideraranse gastos subvencionables calquera dos seguintes:

a) Adquisición de ordenadores e demais material informático (hardware e software complementario) necesario para poder utilizar na empresa a sinatura dixital.

b) Aplicación ou renovación de sistemas de xestión da calidade ou ambientais, certificados de conformidade coas normas ISO, UNE 13816 ou EMAS.

c) Só para os transportistas autónomos, disposición do manual do condutor para a implantación das normas ISO no transporte por estrada.

d) Disposición de vehículos adaptados á normativa europea sobre emisión de gases contaminantes EURO4 ou superior.

e) Disposición de sistemas de control de frotas con elementos de xestión, localización e control por satélite que estean conectados a un centro de control a través da tecnoloxía GPS-GPRS.

f) Aplicación de sistemas de prevención de riscos laborais.

g) Disposición de vehículos que fosen modificados para equipalos con cinto de seguridade en todos os asentos.

h) Disposición de vehículos que fosen modificados para adaptalos para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, considerarase subvencionable unicamente a introdución no vehículo dalgún dos seguintes elementos: rampla de acceso, mecanismos de subida e baixada ou adaptación para cadeiras de rodas dos espazos interiores.

4. Aqueles interesados que xa resultasen beneficiarios consonte a Orde do 18 de setembro de 2007 (DOG nº 184, do 21 de setembro) polas causas previstas nas alíneas c (manual do condutor), d (normativa euro) e e (sistemas de control de frotas) do punto anterior, non poderán optar ás axudas reguladas nesta orde por eses mesmos motivos, agás que xustifiquen a realización dun novo investimento neses eidos. Porén, os subvencionados por calquera dos restantes motivos recollidos naquela normativa poderán acollerse de novo a eles para obter a subvención achegando a documentación que para o efecto se especifica no artigo 7º.

5. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Condicionantes.

1. Para que resulte subvencionable a adquisición de ordenadores e demais material informático preciso para implantar a sinatura dixital (artigo 1º.3.a), aquela ten que realizarse entre o 1 de xaneiro de 2008 e a data de presentación da solicitude de subvención, o que se acreditará mediante a correspondente factura, de acordo co previsto no artigo 7º.

A través deste motivo será subvencionable unicamente a compra de equipamento informático, sen que sexan asimilables a esta fórmulas de arrendamento, arrendamento financeiro ou similares. Consonte co anterior, poderase pedir axuda pola adquisición dun ou varios deses equipamentos, co límite do número de tarxetas para as que se solicite a axuda e cumpran os requisitos para poder obtela.

2. Para os efectos da medida contida no artigo 1º.3.c (disposición do manual do condutor), entenderanse incluídos no concepto de traballador autónomo, única e exclusivamente, as persoas físicas que realicen de forma habitual, persoal, directa, por conta propia e fóra do ámbito de dirección e organización doutra persoa ou sociedade, unha actividade económica ou profesional a título lucrativo. En ningún caso poderán resultar beneficiarios por este motivo subvencionable as persoas xurídicas.

3. Para os supostos previstos nas alíneas d (adaptación á normativa EURO), g (introdución de cintos de seguridade en todos os asentos) e h (adaptación para persoas con mobilidade reducida) do artigo 1º.3, a subvención só se concederá para aquelas autorizacións ás que figuren adscritos os vehículos que cumpran as condicións subvencionables.

4. Para ter dereito á subvención polo motivo contido na alínea e do artigo 1º.3 (sistemas de control de frotas), é necesario que o solicitante adquirise o sistema e que sexa o seu titular. En ningún caso será subvencionable a disposición del a través de fórmulas de arrendamento financeiro, prestación por terceiras compañías ou similares.

5. Non obstante o previsto no artigo 4º.2.a, os motivos subvencionables contidos nas alíneas g (introdución de cintos de seguridade en todos os asentos) e h (adaptación de vehículos para persoas con mobilidade reducida) do artigo 1º.3, só serán aplicables a aqueles vehículos que estean adscritos a autorizacións da clase VD. Ademais, non serán subvencionables aqueles vehículos que teñan incorporadas de serie as medidas expostas.

6. Naquelas medidas que, consonte o artigo 7º, se xustifiquen mediante factura, a contía da subvención en ningún caso superará o importe desta, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE).

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. A concesión destas axudas imputarase á aplicación orzamentaria 2008.08.04.512A.770.1 do orzamento de gastos da Xunta de Galicia para o ano 2008, por un importe máximo de 13.000.000 euros. Este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito orzamentario suficiente para poder afrontalas. En ningún caso poderán outorgarse subvencións por un montante superior ao da contía dispoñible na aplicación orzamentaria. Por iso, as contías das axudas que, logo dos cálculos pertinentes, a administración considere en principio adecuadas e en consecuencia, susceptibles de outorgamento, poderán ser obxecto de redución, para que o seu importe total se axuste ás dispoñibilidades orzamentarias. Esta minoración efectuarase aplicando unha porcentaxe lineal sobre o conxunto das axudas.

3. As subvencións concedidas de conformidade con esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que para a mesma finalidade poidan obter os beneficiarios.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade sexa o transporte por estrada, tanto de viaxeiros como de mercadorías.

2. Para ter dereito ás axudas os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritos no Rexistro Xeral de Transportistas do Ministerio de Fomento como titulares de autorizacións de transporte público das clases MDP, MDL ou VD, outorgadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Para que xeren dereito á axuda, esas autorizacións deberán axustarse ao previsto no punto 3 deste artigo.

b) Acreditar o cumprimento de calquera das medidas previstas no artigo 1º.3 desta orde.

c) Non estar incursos en ningunha das prohibicións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no momento de presentar a solicitude.

d) Ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, polo menos desde o 1 de xaneiro de 2008, e mantelo ininterrompidamente ata o momento de presentación da solicitude.

3. Para acceder á subvención, e sen prexuízo dos demais requisitos que poidan resultar desta orde ou da normativa aplicable, as autorizacións deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Unicamente se concederán axudas para aquelas tarxetas das que fose titular o interesado no momento de presentar a solicitude electrónica e que se inclúan nesta.

b) As autorizacións para as que se pida a axuda teñen que estar en vigor o día de presentación da solicitude electrónica, sen que en ningún caso poidan atoparse en situación de suspensión.

c) Ademais do anterior, no caso de tarxetas das clases MDP e MDL, o solicitante tiña que ser titular das autorizacións e estar estas en vigor o 15 de abril de 2007. Desde esa data ata o día de presentación da solicitude deberon manterse en vigor, sen que en ningún caso puideran estar en situación de suspensión. Non obstante o anterior, se durante ese período se producise unha substitución do vehículo adscrito á autorización, esta será subvencionable unha vez que se verifique que houbo continuidade na súa vixencia e titularidade.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

1. As axudas distribuiranse en función das autorizacións ou copias para as que se pida a axuda e que se axusten ao especificado no artigo anterior, de acordo co seguinte:

a) No caso de autorizacións de tipo VD, terase en conta o número de copias de que fose titular o interesado o día de presentación da solicitude electrónica.

b) No caso de autorizacións de tipo MDP e MDL, as axudas distribuiranse en función do número de autorizacións de que fose titular o solicitante e do ámbito que estas tivesen o 15 de abril de 2007.

2. O importe das axudas, segundo a clase de autorización da que dispoña a persoa solicitante, será o seguinte:

a) Por cada autorización MDP de ámbito nacional, 964 euros.

b) Por cada autorización MDP de ámbito comarcal, 406 euros.

c) Por cada autorización MDP de ámbito local, 406 euros.

d) Por cada autorización MDL, 103 euros.

e) Por cada autorización VD para a realización de transporte discrecional, 448 euros.

3. Esta axuda ten o carácter de minimis para os efectos do Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro de 2006). Por tal motivo, o importe máximo da axuda por beneficiario, xunto coa suma de calquera outra axuda de estado cualificada como de minimis que recibise no presente exercicio e máis nos dous últimos exercicios fiscais non superará a contía de 100.000 €.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse, de acordo co que prevé o artigo 8º, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta orde, que irá acompañada dos documentos especificados no punto 3 deste artigo.

En todo caso, deberá presentarse unha única solicitude por beneficiario, que deberá comprender a totalidade das autorizacións para as que pretenda obter as axudas reguladas nesta orde; por cada autorización só poderá optar á axuda pola adopción dunha das medidas previstas no punto 3 do artigo 1º desta orde.

No caso de que un mesmo titular presente varias solicitudes válidas, só se lle dará trámite á última que presentase por rexistro dentro de prazo.

2. A solicitude incorporará unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de achegar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

d) Non estar incurso en ningunha das prohibicións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Conxunto de axudas de estado cualificadas como de minimis recibidas pola empresa, se é o caso, nos dous últimos exercicios fiscais e máis no correspondente ao momento da solicitude.

f) Conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma medida que a indicada na solicitude, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. Xunto coa solicitude impresa achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Documento nacional de identidade (DNI) do asinante da solicitude. No caso de que a persoa que asina en representación dunha empresa non sexa aquela que figura como capacitada ante a administración, deberase achegar, ademais, o poder que acredite a súa habilitación para actuar como representante.

b) Identificación da autorización ou autorizacións de transporte público para as que solicita a axuda. Esta identificación farase mediante a cobertura do formulario de solicitude.

c) Certificación bancaria orixinal do número de conta, de non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da condición ou condicións, de entre as contidas no artigo 1º.3 desta orde, que cumpre o solicitante. En concreto, para cada unha desas condicións consideraranse como xustificacións válidas as especificadas no artigo seguinte.

Artigo 7º.-Documentación xustificativa.

Para cada un dos motivos subvencionables especificados no artigo 1º.3 considerarase como documentación xustificativa válida, respectivamente, a seguinte:

1. Adquisición de ordenadores e demais material informático para implantar a sinatura dixital (artigo 1º.3.a): factura expedida durante o ano 2008 e xustificante do seu pagamento, que comprenda os seguintes elementos: ordenador, lector de tarxetas, escáner e impresora. Así mesmo, deberá achegarse o xustificante da activación da sinatura dixital perante o departamento Ceres da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

2. Sistemas de xestión de calidade ou ambientais (artigo 1º.3.b): certificado ou certificados de cumprimento das normas ISO, UNE 13816 ou EMAS.

Porén, no caso de que o solicitante xa recibise a subvención por este mesmo concepto consonte a Orde do 18 de setembro de 2007 (DOG nº 184, do 21 de setembro), ademais do certificado en vigor deberán achegarse as facturas xustificativas dos gastos en que se incorreu co organismo de certificación, correspondentes aos custos de renovación e seguimento anual da certificación, así como o xustificante do seu pagamento. Estas facturas deberán ter, en todo caso, data posterior ao 22 de outubro de 2007.

3. Manual do condutor (artigo 1º.3.c): o manual do condutor, que deberá estar individualizado co nome e apelidos do transportista autónomo, personalizado para a actividade que realice e asinado por el.

4. Adaptación á normativa EURO4 (artigo 1º.3.d): fichas técnicas e permisos de circulación dos vehículos, en que se acredite que a data da súa primeira matriculación foi posterior ao 1 de xaneiro de 2006 (incluído).

No caso de vehículos matriculados con anterioridade a esa data, o cumprimento da normativa EURO4 ou posterior acreditarase presentando, ademais das fichas técnicas e o permiso de circulación, un certificado orixinal da empresa construtora do vehículo no que así se faga constar. Para estes efectos, non se admitirán os certificados de empresas carroceiras ou similares.

5. Control de frotas (artigo 1º.3.e): factura de compra dos sistemas de control de frotas e localización por satélite GPS-GPRS, así como a xustificante do seu pagamento. Xunto coa factura achegarase, ademais, un documento explicativo do modo de funcionamento e do estado de operatividade destes sistemas, que terá unha extensión de entre 5 e 15 folios.

6. Sistemas de prevención de riscos laborais (artigo 1º.3.f): deberase achegar un dos seguintes documentos: planificación da actividade preventiva, informe de avaliación de riscos laborais ou memoria das actividades desenvolvidas. En todo caso, o documento presentado deberá estar debidamente asinado por un técnico do servizo de prevención ou, de ser o caso, por un traballador designado pola empresa para desenvolver os labores de prevención.

Para aquelas empresas en que o propio empresario teña asumida a actividade preventiva, o documento irá asinado por este e deberá achegarse ademais a autorización da autoridade laboral para poder actuar nese sentido.

No caso de que o solicitante xa recibise a subvención por este mesmo concepto consonte a Orde do 18 de setembro de 2007 (DOG nº 184, do 21 de setembro), deberá presentarse esa mesma documentación, pero actualizada e con data posterior ao 22 de outubro de 2007.

7. Introdución de cintos de seguridade en todos os asentos (artigo 1º.3.g): autorización de reforma de importancia xeneralizada en automóbiles, expedida pola Consellería de Innovación e Industria, factura detallada da modificación efectuada xunto co xustificante do seu pagamento, e permiso de circulación e ficha técnica do vehículo en que conste a modificación realizada.

8. Adaptación do vehículo para o seu uso por persoas con mobilidade reducida (artigo 1º.3.h): autorización de reforma de importancia xeneralizada en automóbiles, expedida pola Consellería de Innovación e Industria, factura detallada da modificación efectuada xunto co xustificante do seu pagamento, e permiso de circulación e ficha técnica do vehículo en que conste a modificación realizada.

Artigo 8º.-Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes.

1. Os que desexen optar ás axudas previstas nesta orde deberán completar a solicitude en liña, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo desta orde.

O formulario da solicitude de axuda cubrirano e obterano necesariamente os solicitantes a través da aplicación informática inserida na páxina oficial da Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sita no enderezo da internet: http://www.cptopt.xunta.es/sutran. Nesa web disporase tamén de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes; non obstante, en caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención do formulario, poderán pórse en contacto coa administración a través dos medios previstos no artigo 19 desta orde.

O formulario poderase cubrir e obter ata as 24 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do deber de presentación indicado no punto 2 deste artigo, que terá que se efectuar, en todo caso, dentro dese mesmo prazo.

O anexo desta convocatoria publícase no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, e será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención do formulario da solicitude. As solicitudes que non cumpran o aquí indicado non serán admitidas a trámite.

2. Unha vez completada a solicitude en liña, e sempre antes de que remate o prazo establecido no punto 3 deste artigo, presentarán esa mesma solicitude impresa e debidamente asinada, así como a documentación requirida no artigo 6.3º, preferentemente no rexistro do Servizo Provincial de Transportes que corresponda, sitos nos seguintes enderezos:

a) A Coruña: Alcalde Pérez Ardá, 4 - 15008 A Coruña.

b) Lugo: rolda da Muralla, 70 - 27071 Lugo.

c) Ourense: José Ángel Valente Docasar, 2 baixo - 32003 Ourense.

d) Pontevedra: Calvo Sotelo, s/n (est. autobuses) - 36003 Pontevedra.

Así mesmo, a solicitude impresa, xunto coa documentación correspondente, poderá presentarse por calquera dos medios previstos para a presentación de instancias no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 18 de agosto de 2008, incluído.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde o remate do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas expecificacións previstas nas leis.

Artigo 10º.-Órganos competentes.

1. Delégase na directora xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Instrución dos procedementos.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañen, comprobando a existencia e titularidade das autorizacións identificadas na solicitude, así como a concorrencia do resto de requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 12º.-Proposta de resolución.

1. Os expedientes que non cumpran os requisitos exixidos nesta orde ou na demais normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. A directora xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución, e procederse a resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

2. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. As resolucións notificaranse de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, o interesado poderá manifestar na solicitude de subvención o seu consentimento para que a notificación se realice a través de fax, da páxina web da consellería ou, se é o caso, por medios electrónicos, indicando, neste último suposto, o seu enderezo electrónico.

Alén do anterior, as axudas concedidas ao abeiro desta orde publicaranse no Diario Oficial de Galicia dentro do mes seguinte á súa concesión, e poderase consultar así mesmo na páxina web da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no punto de Transportes.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora xeral de Transportes logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16º.-Obrigas e pagamento.

1. Os beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Obriga de comunicar ao órgano outorgante todas as axudas solicitadas e as concedidas para a execución do mesmo investimento que aquel dos previstos nesta orde para o que se solicite e outorgue a axuda.

d) Obriga de manter o investimento durante un período mínimo de cinco anos, consonte co establecido no artigo 29.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez notificada a resolución de outorgamento da subvención procederase ao seu aboamento, que se fará nun só acto, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado polo beneficiario.

Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Control.

1. A Dirección Xeral de Transportes poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cptopt.xunta.es).

b) Os teléfonos dos Servizos Provinciais de Transportes: 881 88 10 03; 982 29 44 21; 988 68 73 06; 886 20 60 08.

c) O enderezo electrónico: suxestions.web.cptopt@xunta.es.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nesta orde aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Transportes para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

Ver referencia pdf "10800D005P032.PDF"