DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2008 Páx. 10.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convocan e se regulan os seminarios de baile, música e cociña tradicional galega, dirixidos ás entidades galegas do exterior durante o ano 2008.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral de Emigración, centro directivo que segundo o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, en virtude do disposto no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegas, convoca distintos programas formativos de baile, música e cociña tradicional galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promocione a nosa cultura na Galicia exterior.

En virtude da desconcentración de competencias que me atribúe a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, pola que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio 2008, consonte o establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade,

DISPOÑO:

Primeiro.-Esta resolución ten por obxecto convocar seminarios de baile, música e cociña tradicional galega, dirixidos ás entidades galegas do exterior durante o ano 2008.

Segundo.-Os programas convocados son os seguintes:

a) Programa de danza e música tradicional galega. Este programa constará das seguintes modalidades:

-Seminarios de baile.

-Seminarios de gaita.

-Seminarios de percusión.

-Seminarios de pandeireta e canto.

b) Programa de cociña tradicional galega. Este programa consta dunha única modalidade:

-Seminarios de cociña galega.

Terceiro.-Os programas convocados terán as seguintes características comúns:

a) Estes programas serán de formación intensiva e de carácter participativo. Os programas desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas e a formación será impartida por profesionais con experiencia nas distintas modalidades.

b) Os programas convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

-A solicitude do seminario supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

-Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría modificar a resolución de concesión.

-O incumprimento por parte das entidades adxudicatarias dos seminarios das condicións impostas con motivo da concesión comportará a imposibilidade de ser beneficiario deste tipo de programas en edicións futuras.

-A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas ás que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

-Ao remate do seminario, a entidade remitirá a Secretaría Xeral de Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

Cuarto.-Financiamento dos programas definidos na disposición primeira de acordo cos seguintes criterios:

A Secretaría Xeral de Emigración e as entidades galegas faranse cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos seminarios:

a) A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

-Do custo de compensación económica do formador.

-Do custo do desprazamento do formador ao lugar de realización do seminario.

-Do custo de material necesario para impartición dos seminarios de cociña, e se é o caso, do seu envío.

b) As entidades galegas faranse cargo:

-Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do formador.

-Gastos de traslados do formador dentro da cidade onde se vai a celebrar o seminario.

-Da xestión e dotación das instalacións axeitadas.

-Da subministración doutro material funxible necesario.

Os gastos financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.226.07.-Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2008, na que existe crédito adecuado e suficiente, cun importe máximo de 115.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto.-As entidades galegas deberán solicitar por orde de prioridade os seminarios tendo en conta que se concederá un seminario por entidade e coa posibilidade de incrementar o número de seminarios concedidos tendo en conta os criterios de valoración e a dispoñibilidade orzamentaria.

Sexto.-As bases das respectivas convocatorias para cada un dos programas incorpóranse como anexo I e como anexo II nesta resolución.

Sétimo.-Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1988, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2008.

Manuel Luís Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

ANEXO I

Bases para a convocatoria do programa de danza e música tradicional galega

Primeira.-Solicitantes.

Poderán solicitar estes seminarios as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles. Os seminarios están dirixidos ás entidades galegas que teñan grupo folclórico ou vontade de crealo.

Serán estas entidades as que propoñan os posibles beneficiarios do seminario entre os galegos ou descendentes de galegos, así como aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia e que participen nas actividades do grupo folclórico da entidade.

Segunda.-As características dos seminarios de danza e música tradicional.

-Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase as necesidades dos solicitantes cun mínimo de 30 horas.

-Agás en casos excepcionais debidamente xustificados, o número de participantes non será inferior a 15 alumnos.

Terceira.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As entidades galegas presentarán as solicitudes xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderanse presentar solicitudes na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose sábado ou inhábil, o prazo prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. A documentación necesaria para solicitar a participación neste programa será:

a) Solicitude da entidade ou agrupación de entidades segundo o modelo do anexo A desta resolución.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos na que constarán apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte, idade e orixe galega dos solicitantes.

c) Breve memoria da composición do grupo folclórico, curriculum e traxectoria profesional, así como das actuacións realizadas nos dous últimos anos.

Cuarta.-Emenda da solicitude.

No caso de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá á entidade galega para que no prazo de dez días emende a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicándolle que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Procedemento e criterios de selección.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que será o órgano instrutor, que formulará a correspondente proposta ao secretario xeral de Emigración. O dito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Programas Sociais e dous funcionarios da Secretaría Xeral de Emigración.

Os criterios de valoración para a concesión dos seminarios serán os que se sinalan a continuación:

-Número de persoas solicitantes do seminario (ata 20 puntos).

-Número de persoas galegas preinscritas para o seminario (ata 30 puntos).

-Composición, traxectoria profesional do grupo folclórico e actividades realizadas nos dous últimos anos (ata 50 puntos).

Sexta.-Resolución.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas ás entidades galegas solicitantes. Así mesmo, publicarase na páxina web (www.galiciaaberta.com) a relación de seminarios concedidos.

O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, en caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II

Bases para a convocatoria do programa de cociña

tradicional galega

Primeira.-Solicitantes.

Poderán solicitar os seminarios de cociña galega as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de poñer en común os medios e recursos dispoñibles.

Serán estas entidades as que propoñan os posibles beneficiarios do seminario entre os galegos, socios, colaboradores e persoas galegas residentes na área xeográfica na que está situada a entidade.

Segunda.-As características dos seminarios de cociña galega.

-Terán unha duración máxima dunha semana e ata 20 horas semanais.

-Agás en casos excepcionais debidamente xustificados, o número de participantes non será inferior a 20 alumnos por seminario.

-Nestes seminarios farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles coa denominación de orixe cualificada.

Terceira.-Lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. As entidades galegas presentarán as solicitudes xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderanse presentar solicitudes na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose sábado ou inhábil, o prazo prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. A documentación necesaria para solicitar a participación neste programa será:

-Solicitude da entidade galega segundo o modelo do anexo B desta resolución.

-Relación nominal dos participantes preinscritos en que constarán apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte, idade e orixe galega dos solicitantes.

-Breve memoria das actividades realizadas nos dous últimos anos, con motivo da difusión da cociña tradicional galega.

Cuarta.-Emenda da solicitude.

No caso de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá a entidade galega para que no prazo de dez días emende a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicándolle que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Procedemento e criterios de selección.

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que será o órgano instrutor, que formulará a correspondente proposta ao secretario xeral de Emigración. O dito órgano colexiado estará formado polo xubdirector xeral de Programas Sociais e dous funcionarios da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Os criterios de valoración para o outorgamento dos seminarios serán os que se sinalan a continuación:

-Número de persoas solicitantes do seminario (ata 20 puntos).

-Número de persoas galegas preinscritas para o seminario (ata 30 puntos).

-Actividades realizadas nos dous últimos anos pola entidade galega con motivo da difusión da cociña galega (ata 50 puntos).

Sexta.-Resolución.

As resolucións será ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas ás entidades galegas solicitantes. Así mesmo, publicarase na páxina web (www.galiciaaberta.com) a relación de seminarios concedidos.

O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, en caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Ver referencia pdf "10800D002P009.PDF"