DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 04 de xuño de 2008 Páx. 10.409

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 23 de maio de 2008 pola que se crea a Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

A sociedade civil, as administracións e as instancias políticas veñen manifestando unha vontade clara por encamiñarse cara a un desenvolvemento sustentable. A sustentabilidade no seu aspecto ambiental, económico, social e institucional revélase como unha dimensión complexa que necesita de estratexias axeitadas.

Desde hai décadas véñense producindo conferencias e encontros que apostan por un futuro ligado á sustentabilidade. Así, na I Conferencia de Nacións Unidas sobre o Ambiente Humano (Estocolmo 1972) analizáronse as necesidades globais en materia de desenvolvemento e ambiente. Esta conferencia representa o nacemento do Programa de Nacións Unidas para o Ambiente (PNUMA). No ano 1983, as Nacións Unidas crean a Comisión para o Ambiente e o Desenvolvemento que posteriormente elaborou o informe «Nuestro Futuro Común», onde se define por primeira vez o termo desenvolvemento sustentable como aquel que «asegura as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das futuras xeracións para enfrontarse ás súas propias necesidades».

Na 11 Conferencia sobre Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río en xaneiro de 1992 (Cumio da Terra) formúlanse os principios básicos para acadar un desenvolvemento sustentable desde un punto de vista ambiental, económico e social. Nesta conferencia establecese a Axenda 21 como principal instrumento para abordar os problemas e desafíos futuros e sinálanse, de xeito detallado, accións que emprenderán os gobernos e organizacións internacionais para integrar o ambiente e o desenvolvemento. O programa presta especial atención á necesidade de impulsar os procesos de sustentabilidade no ámbito local co fin de acadar avances cuantificables nas condicións ambientais a través de accións locais e acumulativas. A Axenda 21 é un documento que promove a participación e o consenso entre as administracións municipais, os cidadáns e as organizacións sociais e económicas. Na conferencia de Johannesburgo (2002) ratifícanse estes acordos e compromisos.

En 1994 tivo lugar en Aalborg a Conferencia Europea sobre Cidades Sustentables, patrocinada pola Comisión Europea e organizada polo Consello Internacional de Iniciativas Locais para o Ambiente (ICLEI), onde se elaborou o documento Carta das cidades europeas cara á sustentabilidade coñecida como a Carta de Aalborg, na cal se manifestaba o compromiso de desenvolver os procesos de Axenda 21 partindo da elaboración dun Plan de acción local para a sustentabilidade. A sinatura da Carta de Aalborg compromete a participar nun proceso de Axenda 21, creando e levando a cabo un Plan de acción para a sustentabilidade e supón un símbolo e un compromiso, xa que a súa sinatura se considera o primeiro paso para a realización da Axenda 21 Local.

No ano 2004 ten lugar a conferencia de Aalborg +10 co obxectivo de que os gobernos locais asuman a responsabilidade e o compromiso de reforzar as súas actuacións en materia de sustentabilidade. Os compromisos articuláronse en dez temas base directamente relacionados coa sustentabilidade ambiental, social, cultural e económica, que as entidades locais deben ter presentes para identificar as principais tarefas e prioridades e elaborar un plan de acción que permita lograr un desenvolvemento sustentable axeitado a cada concello.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, a través da Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, exerce as competencias de promoción da sustentabilidade desenvolvendo actividades de planificación, educación, impulso, desenvolvemento e coordinación de iniciativas adoptadas por entidades públicas e privadas para establecer estratexias de desenvolvemento sustentable, de acordo co establecido no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Neste sentido, esta consellería vén fomentando desde hai anos a implantación das axendas 21 nos concellos e mancomunidades galegas, a formación en materia de sustentabilidade e a promoción da educación ambiental.

No ano 2006 púxose en marcha unha experiencia piloto denominada Núcleos de sustentabilidade en trece concellos galegos, para integrar accións susceptibles de ser promovidas ou apoiadas polas administracións municipal e autonómica cara ao deseño dun desenvolvemento local sustentable mediante instrumentos que ambas as dúas partes poidan desenvolver para a planificación da sustentabilidade (Axenda 21 local e escolar, avaliación estratéxica, instrumentos de sustentabilidade empresarial, de gobernanza municipal... ). Estes instrumentos encamíñanse a elaborar un Plan integrado de sustentabilidade que sente as bases dun proxecto a longo prazo que sexa un referente para o resto das administracións locais.

Como consecuencia de todas estas actividades e coa vontade de acadar maior dinamismo e participación nos procesos de sustentabilidade, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible promove a creación dunha Rede galega de concellos pola sustentabilidade para impulsar a asociación e colaboración de todos aqueles concellos que opten polo camiño da sustentabilidade. A adhesión a esta rede permitiralles ás entidades locais intercambiar experiencias, información e formación que permitan desenvolver a implantación de plans de sustentabilidade local en Galicia.

Neste sentido, a creación da Rede galega de concellos pola sustentabilidade converteuse nun obxectivo prioritario da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, xa que é un instrumento necesario e imprescindible para consolidar os procesos da sustentabilidade local e poñer á disposición dos concellos todos os instrumentos necesarios que permitan que os cidadáns e os pobos aposten polo desenvolvemento sustentable como obxectivo de futuro.

Polo exposto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Obxectivos da Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

A Rede galega de concellos pola sustentabilidade é unha asociación voluntaria de concellos que pretende impulsar o desenvolvemento efectivo dos plans de sustentabilidade local (Axenda 21 local), cos seguintes obxectivos estratéxicos:

a) Facilitar a capacitación técnica e metodolóxica dos concellos nos procesos de integración da sustentabilidade na xestión municipal a través de instrumentos como a Axenda 21 local.

b) Dotar os concellos de recursos compartidos que faciliten e optimicen o desenvolvemento destes plans de sustentabilidade.

c) Fomentar a comunicación, cooperación e intercambio de información entre concellos e entre as distintas administracións, e incidir na integración da sustentabilidade no desenvolvemento de políticas supramunicipais.

d) Elaborar e desenvolver proxectos conxuntos que faciliten a introdución de criterios de sustentabilidade nos concellos.

e) Potenciar a educación na cultura da sustentabilidade e promover a participación do conxunto da sociedade.

f) Fomentar a cooperación con outras redes que promovan a sustentabilidade desde a escala local no ámbito estatal e internacional.

Artigo 2º-Criterios de adhesión á rede.

Os concellos que desexen adherirse a esta rede deben cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter iniciado o proceso de implantación da Axenda 21 local no concello.

2. Adherirse á Carta de Aalborg +10, comprometéndose a potenciar o desenvolvemento sustentable do concello mediante a participación cidadá e a implicación dos sectores económicos e sociais.

3. Comprometerse á adhesión do concello á Rede de cidades e municipios polo clima.

4. Acordar no pleno municipal a adhesión á rede e a inscrición no seu rexistro, así como realizar unha declaración institucional do alcalde a todos os cidadáns onde se amose o compromiso municipal de implantación de políticas municipais encamiñadas a acadar a sustentabilidade no concello.

5. Organizar unha comisión técnica de seguimento no concello integrada por todas as concellerías implicadas nos procesos de sustentabilidade (urbanismo, transporte, ambiente, participación....).

6. Designar un vocal e un suplente, elixidos polo Pleno, que actuarán como representantes do concello na Asemblea Xeral da rede.

7. Fomentar canles estables de participación cidadá e comprometerse a organizar e manter os foros de participación da Axenda 21 local.

Artigo 3°-Procedemento de adhesión.

1. A adhesión será voluntaria e as solicitudes, dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, deberán ser presentadas no modelo normalizado recollido no anexo I desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4° da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as solicitudes poderán ser presentadas na Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas delegacións provinciais ou nos servizos centrais.

2. As solicitudes deberán de ser presentadas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Xunto co modelo de solicitude deberá presentarse a documentación acreditativa de ter cumprido os requisitos detallados no artigo 2°.

3. No caso de que a solicitude non se axuste ao establecido no anexo I desta orde ou non se achegue a documentación sinalada no punto anterior, requiriráselle á entidade local que no prazo de 10 días emende a súa solicitude con indicación de que, se así non o fixese se lle terá por desistida da súa solicitude para integrarse na Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

4. O director xeral de Desenvolvemento Sostible resolverá este procedemento no prazo máximo dun mes desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente. Transcorrido este prazo sen que o interesado recibise comunicación expresa da resolución, entenderanse estimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 4°-Estrutura da Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

A Rede galega de concellos pola sustentabilidade estará formada polos seguintes órganos:

a) Asemblea Xeral.

b) Presidente/a.

c) Vicepresidente/a.

d) Secretariado.

e) Comité Directivo.

f) Comité Técnico.

Artigo 5°-Asemblea Xeral.

1. A Asemblea Xeral, como órgano de participación, intercambio e discusión das liñas de actuación da rede, estará composta por un representante de cada un dos concellos adheridos elixido polo Pleno do concello ou órgano equivalente e polo Comité Directivo. Designarase un suplente para cada titular.

2. As competencias da asemblea serán as seguintes:

-Aprobación do programa anual de actividades da rede.

-Aprobación do regulamento interno da rede.

-Admisión de novos asociados por proposta do Comité Directivo.

-Elección dos representantes do Comité Técnico.

-Aprobación, modificación ou rexeitamento das propostas presentadas polo Comité Directivo.

3. A asemblea da Rede galega de concellos pola sustentabilidade reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao ano, para o que será debidamente convocada polo presidente. Cando existan motivos de especial transcendencia, directamente relacionados coas competencias que lle son propias, procederase a convocar unha asemblea extraordinaria por iniciativa do presidente ou dun terzo dos membros.

O funcionamento da Asemblea Xeral rexerase, nos aspectos non determinados por esta orde, polo regulamento interno da rede.

Artigo 6º-Presidente.

1. O presidente/a da Rede galega de concellos pola sustentabilidade será elixido pola Asemblea Xeral entre os representantes dos concellos membros da rede.

2. Así mesmo, o presidente exercerá as seguintes funcións:

a) Exercer a representación da Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

b) Realizar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día da asemblea.

c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento delas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente para o suposto de empate.

d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente da rede.

Artigo 7º-Vicepresidentes.

1. Serán vicepresidentes/as natos da rede o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e o director/a xeral de Desenvolvemento Sostible, ou persoas en que deleguen.

2. Os vicepresidentes/as desempeñarán as funcións atribuídas ao presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

Artigo 8º-Secretariado da rede.

1. O secretariado da rede estará a cargo da Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible e da Secretaría Xeral da FEGAMP, e actuará como secretario/a o subdirector/a xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible.

2. Son funcións do secretario:

a) Levar a cabo as decisións e acordos tomados na asemblea.

b) Levar o libro de rexistro dos socios.

c) Asistir con voz, pero sen voto, ás reunións da asemblea.

d) Executar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente, así como proceder á citación dos membros da asemblea.

e) Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros da asemblea das cales deba ter coñecemento.

f) Redactar e autorizar as actas das sesións.

g) Expedir certificación das consultas, informes ou acordos aprobados.

h) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 9º-Comité Directivo.

1. O Comité Directivo é o órgano de dirección da rede. Estará constituído polo presidente, os vicepresidentes, o presidente da Comisión Informativa de Medio Ambiente da FEGAMP e o Secretariado.

2. As competencias do Comité Directivo serán as seguintes:

a) Adoptar as medidas oportunas para o mellor funcionamento da rede.

b) Dirixir o funcionamento da rede.

c) Propoñer os contidos e reunións da asemblea.

d) Presentar a proposta de regulamento interno da rede á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

Artigo 10º-Comité Técnico.

1. O Comité Técnico será presidido polo secretario da Rede galega de concellos pola sustentabilidade.

2. Este órgano terá como obxecto formular propostas técnicas respecto de metodoloxías comúns de axendas 21, indicadores troncais, formulación de estratexias conxuntas e participación en proxectos europeos ou estatais, entre outros.

3. O Comité Técnico estará composto por:

a) Dous representantes (vogais) dos concellos de poboación de máis de cincuenta mil habitantes.

b) Dous representantes dos concellos con poboación entre cincuenta mil e dez mil habitantes.

c) Dous representantes dos concellos de menos de dez mil habitantes.

d) O xefe/a do Servizo de Promoción da Sostible.

e) Un representante da Comisión Informativa de Medio Ambiente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

f) Un técnico/a da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

g) O/a representante da FEGAMP no Secretariado da rede.

4. Os representantes das entidades locais serán propostos polos concellos correspondéndolle á Asemblea Xeral a aprobación da dita proposta.

Artigo 11º.-Seguimento e control.

Para determinar o grao de avance nas estratexias de sustentabilidade dos municipios elaborarase un informe anual, no cal se avaliará o grao de avance das pautas de sustentabilidade dos concellos mediante indicadores de seguimento que se actualizarán periodicamente para avaliar os progresos das accións e instrumentos fixados.

Así mesmo, a rede redactará anualmente unha memoria na cal se determinará cada unha das actuacións desenvolvidas en cumprimento das súas funcións e será editada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no primeiro semestre de cada ano.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Rede galega de concellos pola sustentabilidade constituirase no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor desta orde.

Con anterioridade ao vencemento deste prazo, o director/a xeral de Desenvolvemento Sostible convocará á asemblea xeral constituínte da rede galega de concellos pola sustentabilidade, os membros natos da Rede galega de concellos pola sustenabilidade, así como todos aqueles concellos que ata a data estivesen adheridos a ela.

Nesta asemblea tomarán posesión do cargo os seus membros natos e, así mesmo, designaranse os membros electivos.

Segunda.-As adhesións de concellos posteriores á constitución da Rede galega de concellos pola sustentabilidade serán resoltas pola Asemblea Xeral, por proposta do Comité Directivo, de acordo co establecido no artigo 5º.2. desta orde e no Regulamento de funcionamento interno desta rede.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Sostible para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "10700D001P009.PDF"