DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 03 de xuño de 2008 Páx. 10.351

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 15 de maio de 2008 pola que se fixa o prazo para presentación de solicitudes de axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros para o exercicio 2008 e se determina o seu importe global máximo.

A aplicación das disposicións da Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros (DOG nº 245, do 20 de decembro) modificada polas ordes do 2 de decembro de 2004 (DOG nº 252, do 29 de decembro), do 3 de abril de 2006 (DOG nº 70, do 10 de abril), e do 4 de outubro de 2007 (DOG nº 198, do 11 de outubro), establece no seu artigo 4º que as axudas se concederán co cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do programa operativo IFOP 2000-2006, sinale a Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Aínda que o programa operativo do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gastos no ano 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.

A existencia de remanentes nesta medida, producida no exercicio actual por diversos motivos, permite unha nova convocatoria coa que se pretende optimizar estes fondos, sempre que isto sexa posible tendo en conta a escasa marxe de tempo para a execución dos investimentos correspondentes. En calquera caso, a paralización definitiva do buque pesqueiro ten que estar rematada e xustificada antes do 1 de novembro de 2008.

Por outra banda, e tendo en conta que na última convocatoria de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros publicada por Orde do 4 de outubro de 2007 (DOG nº 198, do 11 de outubro), houbo un número significativo de proxectos que cumprían os requisitos para ser beneficiarios das axudas, e que por falta de crédito non foron resoltos de forma favorable, considérase que, dadas as circunstancias expresadas no parágrafo anterior e o carácter de remanente dos fondos con que se conta, deben ser estes proxectos os que sexan atendidos, aplicando a orde rigorosa de avaliación que obtiveron na anterior convocatoria e sempre que o potencial beneficiario manifeste mediante solicitude o seu desexo de acollerse a estas axudas.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas

Dispoño:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas ao abeiro da Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros (DOG nº 245, do 20 de decembro) na súa vixente redacción, para o ano 2008.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.723A.770.1, na que existe crédito axeitado e suficiente ata un importe de 460.102,23 euros, que queda reservado para os efectos desta orde.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os proxectos que, presentados ao abeiro da Orde do 4 de outubro de 2007 citada, cumpran as condicións necesarias para ser beneficiarios, non fosen seleccionados por falta de crédito e soliciten expresamente participar nesta convocatoria.

Os proxectos serán seleccionados seguindo a orde rigorosa de prelación establecida na lista elaborada e asinada pola comisión avaliadora das axudas convocadas pola devandita Orde do 4 de outubro de 2007, cuxa puntuación é resultado da aplicación do baremo establecido no artigo 11 desta orde (DOG nº 198, do 11 de outubro).

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de xustificación da axuda.

Con carácter xeral, e agás que a resolución individual da axuda dispoña o contrario, a paralización definitiva, calquera que sexa a súa forma de realización-desmantelamento ou asignación definitiva a tarefas non pesqueiras- deberá realizarse antes do día 1 de novembro de 2008 e presentarse a documentación para o pagamento antes do 15 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e os preceptos básicos de la Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvenciones, e do seu Regulamento, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-En aplicación do establecido no artigo 15º da Lei de subvencións de Galicia, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará, no Diario Oficial de Galicia, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade e finalidade da subvención.

Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Cuarta.-Delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2008.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "10600D012P023.PDF"