DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 03 de xuño de 2008 Páx. 10.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 13 de maio de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado, aprobadas pola Orde do 4 de xuño de 2003, e se determina para o exercicio 2008 o devandito procedemento.

A aplicación das disposicións da Orde do 4 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado (DOG nº 109, do 6 de xuño) modificada pola Orde do 14 de decembro de 2005 (DOG nº 244, do 22 de decembro) e pola Orde do 27 de marzo de 2006 (DOG nº 69, do 7 de abril) establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas se outorgarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma do ano correspondente.

Aínda que o Programa Operativo do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) rematou no ano 2006, a data límite de subvencionabilidade dos gastos financiados con estes fondos abrangue ata o 31 de decembro de 2008, o que permite a asunción de novos compromisos de gasto no ano 2008 sempre que o pagamento final se realice con anterioridade a aquela data.

A existencia de remanentes nesta medida, producida no exercicio actual por diversos motivos, permite unha nova convocatoria coa que se pretende optimizar estes fondos, sempre que isto sexa posible tendo en conta a escasa marxe de tempo para a execución dos investimentos correspondentes. O propio carácter do remanente dos fondos non permite a asunción dun compromiso plurianual, polo que, en calquera caso, os investimentos que poidan estar suxeitos á axuda deberán estar rematados e xustificados antes do 1 de novembro de 2008.

Por outra banda, e tendo en conta que na última convocatoria de axudas houbo un número significativo de proxectos que cumprían os requisitos para ser beneficiarios das axudas, e que por falta de crédito non foron resoltos de forma favorable, considérase que, dadas as circunstancias expresadas no parágrafo anterior e o carácter de remanente dos fondos con que se conta, deben ser estes proxectos os que sexan atendidos, aplicando a orde rigorosa de avaliación que obtiveron na anterior convocatoria e sempre que o potencial beneficiario manifeste mediante solicitude o seu desexo de acollerse a estas axudas.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas ao abeiro da Orde do 4 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado (DOG nº 109, do 6 de xuño) na súa vixente redacción, para o ano 2008.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas outorgaranse con cargo á aplicación 14.03.722A.780.0, na que existe crédito axeitado e suficiente ata un importe máximo de 378.322,75 euros, que queda reservado para os efectos desta orde.

Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As solicitudes presentadas que sexan seleccionadas e reúnan todos os requisitos serán resoltas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias existentes.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os proxectos que, presentados ao abeiro da citada Orde do 4 de xuño de 2003, modificada pola Orde do 14 de decembro de 2005 e pola Orde do 27 de marzo de 2006, cumprindo as condicións necesarias para ser beneficiarios, non foron seleccionados por falta de crédito e soliciten expresamente participar nesta convocatoria.

Os proxectos serán seleccionados seguindo a orde rigorosa de prelación establecida na lista elaborada e asinada pola comisión avaliadora, das axudas convocadas pola dita Orde do 4 de xuño de 2003, cuxa puntuación é resultado da aplicación dos criterios de selección establecidos no artigo 11 da citada orde (DOG nº 109, do 6 de xuño).

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral, e agás que a resolución individual da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e o pagamento dos conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro de 2008.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, de 17 de decembro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "10600D011P020.PDF"