DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 03 de xuño de 2008 Páx. 10.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 30 de maio de 2008 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantiren os servizos esenciais durante a folga convocada polas organizacións sindicais, UGT e CIG, que terá lugar desde as 00.00 ás 24.00 horas dos días 4 e 11 de xuño; e que afectará as empresas de aplicación do Convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1998), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento destes servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga polos sindicatos UGT e CIG, que terá lugar desde as 00.00 ás 24.00 horas dos días 4 e 11 de xuño; e que afectará as empresas de aplicación do convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A convocatoria de folga realizada polos sindicatos UGT e CIG, que terá lugar das 00.00 ás 24.00 horas dos días 4 e 11 de xuño; e que afectará as empresas de aplicación do convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga abrangue toda a xornada laboral e afecta todas as áreas das institucións sanitarias implicadas. Xa que logo, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia nos centros sanitarios, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos/ás usuarios/as.

Tales mínimos respostan á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos/ás usuarios/as que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso se manteñen os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos/ás usuarios/as, que non pode adiarse, sen consecuencias negativas para a saúde.

Para a determinación e mantemento durante a folga dos servizos mínimos nos centros sanitarios aos que lle resulta de aplicación o convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña, establécense os seguintes criterios reitores:

Criterios reitores:

A) Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias, gardas médicas, UCI, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/as usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inadiables no seu ingreso. Para estes efectos consideraranse inaprazables as intervencións cirúrxicas de doentes con neoplasia maligna.

-Atención aos paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos doentes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida destes ou agraven o seu estado de saúde.

III. Nas áreas de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas para valoración médica, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consultas atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, a criterio do facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e as consultas dos doentes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, a criterio do facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

VI. Garantirase a dispensación de medicamentos e de produtos sanitarios, que a criterio do facultativo sexan necesarios.

B) Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias, UCI, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/as usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no seu ingreso. Para estes efectos consideraranse inadiables as intervencións cirúrxicas de doentes con neoplasia maligna.

-Atención aos paritorios.

II. Nas áreas de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, a criterio do facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e as consultas dos doentes desprazados.

IV. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio do facultativo, sexan necesarias e inadiables; entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasia maligna.

V. Garantirase a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios.

VI. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos doentes.

C) Persoal non sanitario:

I. Urxencias: o 100% do persoal non sanitario.

II. Áreas de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos.

III. Servizos de admisión e arquivo de atención especializada: un número equivalente ao de domingos ou festivos.

IV. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos en cada quenda.

V. Atención ao doente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos en cada quenda.

VI. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

VII. Servizos de lavandaría e lenzaría: ata o 50% dos efectivos en cada quenda.

VIII. Limpeza: ata o 50% dos efectivos en cada quenda.

IX. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos en cada quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

X. Condutores: o mesmo número de efectivos que os domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

XI. Servizos administrativos:

-Información: un número de profesionais imprescindible para garantir a debida información aos pacientes que acudan aos centros en xornada de folga.

-Subministracións: un número de profesionais imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25% dos efectivos en cada quenda.

-Almacén: un número de profesionais imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25% dos efectivos en cada quenda.

-Contabilidade: un número de profesionais imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25% dos efectivos en cada quenda.

XII. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos domingos ou festivos.

Artigo 2º.-A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar axeitadamente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia deste dos factores ou criterios, dos que a súa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación suficiente ao comezo da folga.

Coas premisas precedentes, determinarase por centro de traballo e por grupo profesional, o número de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos durante as xornadas de folga.

Artigo 3º.-A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada aos/ás profesionais designados/as de xeito nominal.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar á substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4º.-Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais aos efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto Lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 5º.-O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6º.-Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente Orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade