DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 03 de xuño de 2008 Páx. 10.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 108/2008, do 22 de maio, polo que o centro público integrado O Mosteirón do concello de Sada (A Coruña) se transforma en colexio de educación infantil e primaria e se crea un instituto de educación secundaria.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 e o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinan o marco competencial para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

O Decreto 106/2006, do 30 de xuño, polo que se asumen os medios económicos e as funcións e servizos transferidos pola Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos 552 e 553/2006, do 5 de maio, determina que se adscriben á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os medios e servizos encomendados ao Instituto Social da Mariña en materia educativa, e mediante o Decreto 161/2006, do 14 de setembro, transfórmase o transferido centro público O Mosteirón do concello de Sada en centro público integrado.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e atendendo ao disposto no artigo 1º.2 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, e no artigo 1º.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, así como no artigo 1º do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, e, finalmente, tendo en conta a racional distribución das ensinanzas que se van impartir nos centros escolares existentes no concello e as necesidades educativas previstas para a zona, faise precisa a transformación do centro público integrado O Mosteirón do concello de Sada nun colexio de educación infantil e primaria e a creación, por desagregación, dun instituto de educación secundaria.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Transfórmase o centro público integrado O Mosteirón do concello de Sada, código 15014854, en colexio de educación infantil e primaria con capacidade para 3 unidades de educación infantil e 10 unidades de educación primaria.

Artigo 2º.-Créase o instituto de educación secundaria O Mosteirón do concello de Sada, código 15032662, con capacidade para 8 unidades de educación secundaria obrigatoria e 2 unidades de bacharelato, integrando nel as unidades de educación secundaria obrigatoria do actual centro público integrado O Mosteirón.

Artigo 3º.-Ao profesorado afectado aplicaránselle as medidas previstas no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o artigo 1º do Decreto 161/2006, do 14 de setembro, polo que se transforman os centros públicos O Mosteirón do concello de Sada (A Coruña) e o de Panxón do concello de Nigrán (Pontevedra) en centros públicos integrados.

Disposición derradeira

Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queda autorizada para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto neste decreto.

Segundo.-Este decreto entrará en vigor o día un de xullo de dous mil oito.

Santiago de Compostela, vinte e dous de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria