DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 02 de xuño de 2008 Páx. 10.255

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia.

A Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, ditada en virtude dos artigos 28.8º 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, que outorga á comunidade a competencia de desenvolvemento en materia de ordenación farmacéutica, establece os principios xerais de ordenación, planificación e atención que afectan o conxunto de establecementos e servizos farmacéuticos contidos nesta, sen prexuízo dos principios de carácter básico recollidos na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, e, especificamente, polo que respecta ás oficinas de farmacia, na Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación dos servizos das oficinas de farmacia.

A citada Lei 5/1999, constitúe un marco de regulación que require a promulgación de diversas normas regulamentarias que desenvolvan determinados aspectos; no capítulo III do título II, relativo á atención farmacéutica na atención primaria, defínese a oficina de farmacia como un establecemento sanitario de interese público, integrado na atención primaria.

Por outra banda, o Decreto 97/1998, do 20 de marzo, que regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece uns principios mínimos aos que debe someterse a publicidade sanitaria que se desenvolva no ámbito da comunidade autónoma, promovendo que as mensaxes publicitarias con repercusión para a saúde da cidadanía sexan ordenados e correctos.

A diversidade existente no relativo á sinalización, identificación e información nas oficinas de farmacia en Galicia, así como a ausencia dunha normativa específica sobre a súa publicidade fai necesario abordar unha regulación destes aspectos, e introducir unha serie de prescricións co fin de que as prácticas que se realicen neste ámbito respondan á condición de establecementos sanitarios, contribuíndo a que os/as usuarios/as as perciban como tal, e garantindo a súa liberdade de elección.

Así mesmo, hai que ter en conta que a regulación a que está sometida a oficina de farmacia ten por obxecto favorecer a accesibilidade da cidadanía ao servizo farmacéutico, e neste contexto compre establecer un marco legal onde, en condicións de igualdade, se poida desenvolver a sinalización destes establecementos, a información que transmitan ás usuarias e usuarios, e as características e requisitos dentro dos que debe enmarcarse a publicidade que realicen.

Tendo en conta o anterior, e ao abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei 5/999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame nº 382/2008 do Consello Consultivo de Galicia, de vinte e tres de abril de dous mil oito, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de maio de dous mil oito,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

É obxecto desta norma regular a sinalización, información e publicidade que realicen as oficinas de farmacia e boticas anexas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Identificación e sinalización das oficinas de farmacia.

1. Na fachada das oficinas de farmacia existirá un rótulo no que figurará de forma facilmente visible a palabra Farmacia ou Botica Anexa, segundo o caso, así como, o nome e apelidos do farmacéutico/a/s, titular/es, ou rexente, segundo o caso, e sigla de control de Sanidade do establecemento.

Así mesmo, poderán figurar na fachada da oficina de farmacia as palabras Óptica, Ortopedia, Laboratorio de análises clínicas, ou denominación doutra especialización, no caso de que o establecemento conte coa correspondente autorización de funcionamento para estas actividades sanitarias.

2. Co obxecto de lles facilitar ás usuarias e usuarios a identificación das oficinas de farmacia, deberán contar na súa fachada cunha cruz verde, cun tamaño máximo de 90 cm × 90 cm, con dispositivo que permita a súa iluminación na que deberá figurar a palabra Farmacia ou Botica Anexa, segundo o caso.

Durante el horario de funcionamento as oficinas de farmacia deberán ter iluminada a cruz verde. Fóra do dito horario a cruz deberá estar apagada.

Poderán instalarse tantas cruces como número de fachadas teña o establecemento, cando esta dea a diferentes rúas.

3. No caso de que existan especiais dificultades para a localización ou visibilidade da oficina de farmacia, a correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade poderá autorizar, sen prexuízo das demais autorizacións exixibles, logo de solicitude por parte do/a interesado/a, a instalación de carteis indicadores, así como a colocación da citada cruz, en lugar e número diferentes aos indicados no punto anterior.

4. As oficinas de farmacia que se encontren desenvolvendo o servizo de garda deberán estar convenientemente sinalizadas, coa cruz verde luminosa iluminada, sen prexuízo do disposto no artigo 3º.4 para as urxencias localizadas.

5. As palabras Farmacia e Botica Anexa, así como a cruz verde de identificación, serán de utilización exclusiva para as oficinas de farmacia. Non se poderán usar estes termos e símbolo para outro tipo de establecementos, agás no suposto recollido no parágrafo segundo do punto 1, deste artigo.

Artigo 3º.-Información nas oficinas de farmacia.

1. Na zona de atención ao usuario, así como nos escaparates das oficinas de farmacia, unicamente poderá figurar información relativa a produtos ou actividades dirixidas á prevención da enfermidade, promoción da saúde e uso racional do medicamento, así como a de medicamentos, produtos sanitarios ou de dispensación en oficinas de farmacia que teñan expresamente autorizada a súa publicidade.

2. Con carácter voluntario, nas oficinas de farmacia poderá figurar información relativa a acreditacións ou certificacións en relación con sistemas de calidade, e con carácter obrigatorio a información relativa a acreditacións, certificacións ou catalogacións outorgadas pola Administración sanitaria.

3. A información relativa aos horarios de atención ao público e de servizo de urxencias das oficinas de farmacia deberá cumprir o establecido na súa normativa reguladora.

4. Naquelas oficinas que teñan autorizado o servizo de urxencias de forma localizada, deberá indicarse de forma visible e clara o modo de acceder ao dito servizo na fachada ou exterior da propia oficina de farmacia, nas farmacias da zona farmacéutica, así como nos centros de atención primaria e hospitalaria máis próximos.

Artigo 4º.-Publicidade das oficinas de farmacia.

1. A publicidade da oficina de farmacia poderá realizarse unicamente a través dos envoltorios, bolsas de plástico ou papel utilizados para os produtos dispensados con datos xerais da oficina de farmacia como nome e apelidos do titular e/ou titulares, enderezo, nº de teléfono, nº de fax, enderezo de correo electrónico, horarios de atención ao público e outras actividades sanitarias autorizadas.

2. Prohíbese de forma expresa a realización de promocións que poidan contribuír a favorecer o consumo de medicamentos ou produtos sanitarios.

3. Así mesmo, poderá realizarse información dirixida ao público nos listíns telefónicos incluíndo, como máximo, os datos xerais enumerados no parágrafo anterior.

4. A través dos medios de comunicación social poderá informarse unicamente da relación de oficinas de farmacia que se atopan en servizo de garda.

Artigo 5º.-Información e publicidade relativa ás campañas sanitarias.

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, as oficinas de farmacia poderán colaborar na realización e difusión de campañas sanitarias organizadas pola Administración sanitaria relativas ao uso racional do medicamento, protección e promoción da saúde, así como en programas de saúde pública e drogodependencias, nos termos establecidos pola autoridade sanitaria.

2. A través dos envoltorios, bolsas de plástico ou papel utilizados para os produtos dispensados poderase reflectir mensaxes relacionadas co uso racional do medicamento ou con campañas sanitarias propostas polos colexios oficiais de farmacéuticos, sen prexuízo do sinalado no artigo 6º.

3. As campañas sanitarias relacionadas co ámbito da oficina de farmacia que estean organizadas polos colexios oficiais de farmacéuticos deberán estar en consonancia coas organizadas pola Administración sanitaria e deberán ser previamente comunicadas á Consellería de Sanidade a través da correspondente delegación provincial.

Artigo 6º.-Infraccións e sancións.

O incumprimento do disposto neste decreto quedará sometido ao réxime de infraccións e sancións que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, na Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e o Decreto 97/1998, do 20 de marzo, polo que se regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

Establécese un período de doce meses desde a entrada en vigor desta norma, como período de adaptación das oficinas de farmacia e boticas anexas ao establecido nesta.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Esta norma entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade