DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 30 de maio de 2008 Páx. 10.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2008 pola que se ordena a publicación do Acordo do 24 de abril de 2008, do Consello da Xunta de Galicia, polo que se autoriza o asinamento do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as organizacións patronais e as organizacións sindicais da ensinanza privada concertada da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino.

O artigo 117, número 4, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que se posibilitará a equiparación gradual da remuneración do persoal docente do ensino privado concertado coa do profesorado público das respectivas etapas.

Así mesmo, o artigo 13.1º a) do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, incide nesta cuestión, dispoñendo que as cantidades correspondentes a salarios do persoal docente dos centros privados concertados tenderán a facer posible gradualmente que as remuneracións sexan análogas á do profesorado estatal dos respectivos niveis de ensino obxecto do concerto.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais da ensinanza privada concertada consideran oportuno dar pasos para camiñar cara á citada equiparación.

Por outro lado, o artigo 117, número 7, da citada lei recolle a posibilidade de establecer medidas para os centros privados concertados que escolaricen alumnado con necesidades específicas de apoio educativo en proporción maior á establecida con carácter xeral ou para a zona en que se localicen, polo que, coa finalidade de mellorar a calidade do ensino recóllense medidas neste sentido.

Por todo iso, a Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, na súa reunión do día 24 de abril de 2008,

ACORDOU:

Primeiro.-Autorizar a sinatura do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as organizacións patronais e as organizacións sindicais da ensinanza privada concertada da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino, segundo o anexo I a esta resolución.

A eficacia do acordo desde setembro de 2009 ata decembro de 2010 queda supeditada á aprobación dos concertos educativos para o período 2009-2013.

Segundo.-Aprobar o importe do módulo económico por unidade escolar, para efectos de distribución da contía global dos fondos públicos destinados ao sostemento dos centros concertados para o ano 2008, en aplicación do previsto no artigo 49.catro da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, segundo o anexo II desta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Anexo I

Acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as organizacións patronais e as organizacións sindicais da ensinanza privada concertada da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino

Reunidas as partes mencionadas ás 14 horas do día 14 de maio de 2008 na Consellería de Educación, en Santiago de Compostela, e tras unha serie de reunións previas, deciden subscribir o presente acordo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 117, número 4 establece que se posibilitará a equiparación gradual da remuneración do persoal docente do ensino privado concertado coa do profesorado público das respectivas etapas. Neste senso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais da ensinanza privada concertada consideran oportuno dar pasos para camiñar cara á citada equiparación.

Por outra banda, o citado artigo no seu apartado 7 establece a posibilidade de establecer medidas para os centros privados concertados que escolaricen alumnos con necesidade específica de apoio educativo en proporción maior á establecida con carácter xeral ou para a zona en que se localicen. Por este motivo, establécense no presente acordo medidas relacionadas coas unidades de educación especial e con centros que escolaricen alumnos con necesidades educativas especiais, que supoñan unha mellora na calidade do ensino destes alumnos e alumnas.

Tendo en conta o anterior, este acordo conta coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira.-O presente acordo será de aplicación ao profesorado en pagamento delegado e aos centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia a partir das datas sinaladas en cada caso e ata decembro de 2010.

Segunda.-Acórdase proceder por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ao pagamento dos atrasos do ano 2006, derivados do incremento do módulo estatal por enriba do previsto pola Comunidade Autónoma galega para ese ano.

Terceira.-Con carácter xeral, as nóminas do profesorado en pagamento delegado experimentarán os seguintes incrementos nos anos 2008, 2009 e 2010: por unha parte, a subida que marquen os orzamentos do Estado nos módulos correspondentes, por outra parte, un incremento interanual do 2% no Complemento Retributivo da Comunidade Autónoma (CRCA) e ademais os incrementos de 60 € brutos mensuais (14 pagas) no ano 2008, de 45 € brutos mensuais no ano 2009 e de outros 45 € brutos mensuais no ano 2010 para todo o profesorado en pagamento delegado e xornada completa. Este último incremento será reducido proporcionalmente no caso de que o profesorado implicado non complete horario de traballo en pagamento delegado.

En todo caso, o CRCA do profesorado licenciado do primeiro ciclo da ESO será axustado de xeito que o salario deste profesorado non supere o do profesorado licenciado do segundo ciclo da ESO. Para este fin constituirase unha comisión de seguimento deste acordo que determinará o CRCA do profesorado licenciado do primeiro ciclo da ESO.

Cuarta.-As ratios máximas profesor/unidade serán, coa vixencia indicada en cada caso, as seguintes:

-Educación infantil: tramitarase no primeiro trimestre do ano 2008 unha ratio de 1,04 que será efectiva trala aprobación polo Consello da Xunta de Galicia e publicación no DOG e sen carácter retroactivo. A partir do 1 de setembro de 2008 a ratio para este nivel educativo será de 1,08. As novas ratios supoñen un incremento de 0,04 e 0,08 puntos respectivamente.

-Educación primaria: tramitarase no primeiro trimestre do ano 2008 unha ratio de 1,40 para centros de ata 6 unidades de primaria (incluídos os de 6) que será efectiva tras a aprobación polo Consello da Xunta de Galicia e publicación no DOG e sen carácter retroactivo. Mantense a ratio de 1,36 para o resto de centros. A nova ratio supón un incremento de 0,04 puntos para os centros citados.

-Educación secundaria: a nova ratio será de 1,56 para centros de ata 4 unidades de ESO (incluídos os de 4) a partir do 1 de setembro de 2008. Mantense a ratio de 1,52 para o resto de centros. A nova ratio supón un incremento de 0,04 puntos para os centros citados.

-Educación especial: tramitarase no primeiro trimestre do ano 2008 unha ratio de 1,08 que será efectiva trala aprobación polo Consello da Xunta e publicación no DOG e sen carácter retroactivo. A partir do 1 de setembro de 2008 a ratio para este nivel educativo será de 1,12. As novas ratios supoñen un incremento de 0,08 e 0,12 puntos respectivamente.

Ademais iguálase o complemento do módulo de persoal complementario de autistas ou alumnado con problemas graves de personalidade ao de plurideficientes.

A modificación das ratios indicadas está supeditada a que por parte da patronal se tomen as medidas oportunas para que, dentro da xornada do persoal docente, as actividades lectivas do profesorado se reduzan a un máximo de 24 horas lectivas semanais nas etapas de educación infantil, educación especial e educación primaria (incluíndo os profesores que presten a súa xornada completa en pagamento delegado entre os niveis de primaria e ESO) o 1 de setembro de 2008. Para o profesorado que imparte exclusivamente na ESO, esta redución a 24 horas lectivas semanais farase efectiva o 1 de setembro de 2010.

Quinta.-Para o caso dos centros que escolaricen alumnos con necesidades educativas especiais (segundo o establecido no artigo 73 da Lei 2/2006, do 3 de maio: aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta) destinarase un máximo de 300.000 € en cada un dos anos 2008, 2009 e 2010 para empregar en medidas de atención á diversidade (modificación puntual de ratios, contratación de coidador/a, etc.). O procedemento e os criterios para a dotación destes recursos adicionais desenvolveranse nunha orde específica, que se levará previamente á Comisión Tripartita do Ensino Concertado.

Sexta.-A Administración comprométese a revisar este acordo non máis tarde do mes de setembro de 2010, mediante a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado coa finalidade, entre outras, de mellorar as ratios e avanzar no proceso de homologación.

Ver referencia pdf "10400D003P011.PDF"

Muíños e industrias cerealistas.

Ver referencia pdf "10400D003P011.PDF"