DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 29 de maio de 2008 Páx. 9.960

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 21 de maio de 2008 pola que se crea a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da actividade fronte á infección polo Mycobacterium Tuberculosis.

A tuberculose (TB), enfermidade infecciosa causada por unha micobacteria pertencente ao complexo Mycobacterium tuberculosis, é a principal causa de morte entre as enfermidades infecciosas curables.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que arredor dun terzo da poboación mundial está infectada polo Mycobacterium tuberculosis, cerca de nove millóns de casos novos de TB ocorren cada ano e causa case dous millóns de mortes anuais, a pesar de que se dispón de tratamentos baratos e eficaces na case totalidade dos casos.

Nalgúns países confiaban en erradicar esta antiga pandemia nas primeiras décadas do terceiro milenio, pero un aumento dramático da incidencia da enfermidade desde mediados dos anos oitenta incitou a OMS a declarala unha emerxencia global en 1993, debido á grande irrupción que presentou pola aparición do VIH e os movementos migratorios, recomendando que cada comunidade elaborase ao seu nivel o plan de actuación específico adaptado á súa realidade.

Seguindo esas directrices, a finais de 1994, a Consellería de Sanidade pon en marcha o Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, que realiza unha captación e seguimento activo dos casos de TB a través das Unidades de Prevención e Control da Tuberculose (UTB), que se crearon por Orde comunicada do 23 de maio de 1994, establecéndose na mesma as súas funcións e creándose o Comité de Seguimento do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose e o Comité Técnico de Expertos en Tuberculose.

Durante estes anos realizáronse en Galicia múltiples actividades, tanto no campo da vixilancia epidemiolóxica e da prevención como na atención sanitaria e social dos afectados, impulsadas desde as institucións responsables e coa colaboración de organizacións sociais. Froito deste traballo colectivo son os importantes avances conseguidos en Galicia para afrontar esta infección e as súas consecuencias.

O esforzo realizado necesita continuidade, impulso e que todos os axentes involucrados adapten os seus esforzos a esta realidade, no marco dunha estratexia xeral adaptada ao momento e que integre sinerxicamente as achegas gobernamentais e doutras institucións e organizacións e todo iso debe ser seguido, analizado e avaliado.

Para iso creouse o Comité, como órgano de apoio e colaboración coas entidades encargadas de executar as tarefas para a prevención da infección e da enfermidade tuberculosa, co obxectivo de facilitar e rendibilizar a realización das accións necesarias para diminuír a propagación desta infección, garantir a atención sociosanitaria dos afectados e mellorar a súa calidade de vida nun contorno favorable.

Neste período de tempo, Galicia asumiu modificacións na estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías responsables da abordaxe deste problema nalgúns dos seus campos, polo que é necesario adaptar este comité á situación actual.

En consecuencia, conforme as facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta Orde ten por obxecto a creación da Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección polo Mycobacterium tuberculosis, que substituirá o Comité de Seguimento do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, e o establecemento da súa constitución, composición e funcións.

2. Esta comisión estará adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Artigo 2º.-Composición.

1. Integran a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á infección polo Mycobacterium tuberculosis os seguintes membros:

a) Presidente/a:

i. O/A conselleiro/a de Sanidade.

b) Vicepresidentes/as:

i. O/A director/a xeral de Saúde Pública.

ii. O/A director/a xeral da División de Asistencia Sanitaria.

c) Secretario/a:

i. O/A xefe/a do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

d) Vogais:

i. O/A subdirector/a xeral responsable do Programa na Dirección Xeral de Saúde Pública.

ii. O/A subdirector/a xeral de Calidade e Programas Asistenciais.

iii. O/A subdirector/a xeral de Procesos Asistenciais.

iv. O/A comisionado/a do Plan de Galicia sobre Drogas.

v. Un/ha representante da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria.

vi. Un/ha representante da Sociedade Galega de Pediatría.

vii. Un/ha representante da Sociedade Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

viii. Un/ha representante da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria en Galicia.

ix. Un/ha representante da Sociedade Galega de Medicina Interna.

x. Un/ha representante da Sociedade Galega Interdisciplinaria da Sida.

xi. Un/ha representante da cátedra de Medicina Preventiva da Facultade de Medicina.

xii. O/A responsable do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia.

xiii. Un/ha representante do colectivo de ATS/DUE das unidades de prevención e control da tuberculose (UTB), designado/a polo/a director/a xeral de Saúde Pública.

xiv. Un/ha representante do colectivo médico das unidades de prevención e control da tuberculose (UTB), designado/a polo/a director/a xeral de Saúde Pública.

xv. Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Saúde Pública, designado/a polo/a director/a xeral de Saúde Pública.

2. Os membros da comisión serán nomeados por un período de dous anos, transcorrido este deberán proceder a confirmarse ou renovarse os ditos nomeamentos.

3. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a director/a xeral de Saúde Pública.

Artigo 3º.-Asesoramento.

1. A Comisión, por acordo dos seus membros e a proposta do/a conselleiro/a de Sanidade, poderá solicitar a colaboración, participación e o asesoramento naqueles temas e asuntos que considere de interese, de persoas de recoñecido prestixio e de entidades científicas.

2. Por proposta da comisión poderán crearse grupos de traballo específicos en función das necesidades e dos temas que se vaian tratar. Estes grupos disolveranse unha vez conseguidos os obxectivos para os que foron creados.

Artigo 4º.-Funcións.

Á Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección polo Mycobacterium tuberculosis corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Coñecer a situación da infección polo Mycobacterium tuberculosis en todos os campos -epidemiolóxico, sanitario e social- así como a estratexia e actividades que se realizan en Galicia para afrontala.

b) Propoñer todas aquelas medidas que se consideren positivas para orientar a política sanitaria e social na loita contra esta enfermidade.

c) Avaliar as actuacións realizadas e, con base nos seus resultados, propoñer liñas de mellora co fin de aumentar a súa efectividade e eficiencia.

d) Incorporar, actualizar ou redefinir liñas de actuación dentro do Plan de Acción anti Mycobacterium tuberculosis en Galicia.

Artigo 5º.-Normas de organización e funcionamento.

1. A Comisión deberá reunirse, por primeira vez, en sesión constitutiva, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación dos nomeamentos no Diario Oficial de Galicia.

2. Para o non previsto nesta Orde, a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección polo Mycobacterium tuberculosis rexerase no seu funcionamento polo disposto no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto todas as disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta Orde, e expresamente os artigos 7º e 8º da Orde comunicada do 23 de maio de 1994 pola que se crean as unidades de prevención e control da tuberculose, establécense as súas funcións e créase a Comisión de Seguimento do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose e o Comité Técnico de Expertos en Tuberculose.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade