DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 28 de maio de 2008 Páx. 9.814

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de maio de 2008 pola que se desenvolve o Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1º que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que a Lei orgánica do poder xudicial e a Lei orgánica do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Neste sentido, o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

No exercicio desas competencias, a Xunta de Galicia estableceu un marco normativo axeitado ás peculiaridades da nosa comunidade autónoma, a través do Decreto 146/1997, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, que na súa disposición derradeira primeira autoriza o conselleiro competente en materia de xustiza para ditar as disposicións precisas para o seu desenvolvemento e aplicación. Por outra banda, no seu artigo 39 establécese o procedemento para a actualización das cantidades fixadas para compensar economicamente as actuacións dos avogados e procuradores en materia de asistencia xurídica gratuíta.

Os acordos asinados o 24 de setembro de 2003 co Consello da Avogacía Galega e o 19 de outubro de 2003 co Consello Galego de Procuradores, sobre a compensación económica pola asistencia xurídica galega, prevén a aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2008 da actualización de cantidades previstas nos baremos do anexo II do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta co incremento do índice de prezos ao consumo do ano 2007. Segundo os datos publicados polo INE, a evolución do IPC no período indicado é do 4,2%.

Coa finalidade de proceder á actualización dos módulos e bases de compensación económica nos termos acordados, faise necesario adaptar o devandito anexo II do decreto.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Actualízanse os módulos e bases de compensación pola prestación dos servizos de asistencia letrada e de defensa e representación gratuítas aplicables durante o ano 2008 e que se determinan no anexo II do Decreto 146/1997, do 22 de maio, actualizado pola Orde do 16 de maio de 2007.

Disposición derradeira

Esta orde produce efectos desde o día 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2008.

José Luís Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "10200D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "10200D003P007.PDF"