DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 27 de maio de 2008 Páx. 9.735

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 106/2008, do 15 de maio, polo que se regula a legalización de documentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro.

A dilixencia de legalización consiste nun recoñecemento de sinatura mediante o que unha autoridade que teña atribuída a competencia para iso declara a autenticidade da sinatura do signatario dun documento administrativo. A devandita dilixencia é un requisito imprescindible para que os documentos expedidos en España produzan efectos no estranxeiro, salvo nos supostos determinados e nos países exceptuados en virtude de convenios internacionais subscritos pola Administración xeral do Estado. Nestes últimos casos, os documentos administrativos que teñan que producir efectos nos estados que forman parte do Convenio Internacional da Haia do 5 de outubro de 1961, deberán conter a apostila correspondente, de acordo coa normativa que regula o devandito convenio (BOE nº 229, do 25 de setembro de 1978; nº 248, do 17 de outubro de 1978, e nº 226, do 20 de setembro de 1984).

Na normativa anterior da comunidade autónoma nesta materia e que este decreto derroga, o Decreto 230/2002, do 4 de xullo, de legalización de documentos da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro, regulaba os procesos de recoñecemento de sinatura de documentos que por vía diplomática se legalizaban no Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, mais non recollía un sistema alternativo para aqueles expedientes que tivesen que producir efectos en países signatarios do Convenio Internacional da Haia de 1961. Por outra banda, razóns de eficiencia, eficacia e celeridade nos complexos procedementos de adopción de menores aconsellan designar o órgano que neste eido específico debe legalizar os documentos dos ditos expedientes.

A variedade de relacións interadministrativas na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten atribuídas competencias exclusivas contempladas no seu Estatuto de autonomía e que desenvolve unha intensa actividade administrativa que pode ter implicacións no ámbito internacional, así como a multiplicidade de documentos que esta actividade xera e os distintos rangos dos órganos que os producen e asinan, xustifican unha nova normativa específica que regule a legalización de sinaturas da Administración autonómica no Ministerio de Asuntos Exteriores e que ao mesmo tempo, dea cobertura a aqueles documentos administrativos que, por razón dos estados en que deban producir efectos, teñan que seguir o procedemento do Convenio da Haia.

Polo tanto, previo ao trámite de legalización que se realiza no Ministerio de Asuntos Exteriores ou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante a colocación da apostila do Convenio da Haia, os documentos emitidos por órganos ou autoridades da Administración da Comunidade Autónoma galega deben legalizarse previamente na Secretaría Xeral de Relacións Institucionais, dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en virtude do Decreto 212/2007, do 8 de novembro (DOG nº 221, do 15 de novembro), polo que se modifica o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. Así mesmo, por razóns de eficacia e eficiencia administrativa establécense os órganos que deben legalizar os documentos en materia de menores, relativos aos procedementos de adopción.

O procedemento de legalización de documentos da Administración autonómica iníciase co recoñecemento na Secretaría Xeral de Relacións Institucionais das sinaturas dos órganos que en cada consellería visen os documentos emitidos polos distintos funcionarios dela. Pola súa vez, a sinatura do/a responsable da antedita secretaría xeral figurará recoñecida polo Ministerio de Asuntos Exteriores, así como a sinatura da persoa que a substitúa, para a ulterior legalización definitiva dos documentos. No caso de que os países aos cales estean destinados os documentos sexan signatarios do Convenio da Haia, a sinatura do/a titular da Secretaría Xeral de Relacións Institucionais estará depositada na Secretaría da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo coa normativa reguladora do dito convenio. Nos procedementos de adopción de menores, o recoñecemento de sinaturas será efectuado polo/a titular da secretaría xeral do departamento da Xunta ao cal estean atribuídas as

competencias en materia de menores e, na súa substitución, pola persoa titular do órgano superior con competencias directas na dita materia.

Este decreto non é de aplicación aos documentos académicos, para os cales a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten creada unha unidade de legalización singularizada -dada a especificidade cualitativa e cuantitativa destes documentos- de acordo coa Orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 16 de abril de 1990 sobre legalización de documentos académicos españois que teñan que producir efectos no estranxeiro (BOE nº 94, do 19 de abril de 1990) e as ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de maio de 1990 (DOG nº 104, do 30 de maio) e 16 de marzo de 1999 (DOG nº 67, do 9 de abril).

Por todo iso, en virtude da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa sesión do día quince de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto:

1. Establecer o procedemento para o recoñecemento das sinaturas das autoridades e empregados/as públicos da Administración da comunidade autónoma nos documentos que teñan que producir efectos no estranxeiro, para a súa posterior legalización polos órganos administrativos designados por este decreto.

2. Atribuírlle a función de legalización de sinaturas de documentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que vaian producir efectos no estranxeiro á Secretaría Xeral de Relacións Institucionais. No caso dos expedientes de adopción de menores, o recoñecemento de sinaturas será efectuado polo/a titular da secretaría xeral do departamento da Xunta ao cal estean atribuídas as competencias en materia de menores e, na súa substitución, pola persoa titular do órgano superior con competencias directas na dita materia.

3. Quedan excluídos da aplicación deste decreto os documentos académicos sometidos a legalización, que continuarán rexéndose pola súa normativa específica.

Artigo 2º.-Órganos que deben visar os documentos para a súa legalización.

Os documentos emitidos por calquera órgano ou autoridade da Administración autonómica deberán ser visados por:

-As persoas titulares das secretarías xerais de cada consellería.

-As persoas titulares da presidencia, dirección ou cargos equivalentes dos organismos autónomos, entes públicos dependentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e axencias públicas autonómicas.

Artigo 3º.-Procedemento de recoñecemento da sinatura.

As sinaturas dos titulares dos órganos sinalados no artigo anterior enviaranse á Secretaría Xeral de Relacións Institucionais ou ao órgano competente en materia de relacións institucionais para o seu recoñecemento previo á legalización, de xeito que a secretaría xeral e os órganos designados a continuación só legalizarán os documentos que as conteñan.

A dita legalización de documentos será realizada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Relacións Institucionais ou órgano competente en materia de relacións institucionais e, na súa ausencia, polo/a titular da subdirección xeral organicamente dependente que teña atribuída a competencia en legalizacións. No caso dos expedientes de adopción de menores, a sinatura válida será a do/a titular da secretaría xeral do departamento competente en materia de menores, que será substituída, nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, de acordo co previsto no artigo 1º.2.

Pola súa vez, as sinaturas dos órganos que realizan o recoñecemento anteriormente descrito figurarán recoñecidas no Ministerio de Asuntos Exteriores e no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 4º.-Texto da dilixencia de legalización.

A dilixencia de legalización realizarase mediante a inserción ao dorso do documento que se vai legalizar, ou nun espazo que non afecte o seu contido, do seguinte texto:

«Dilixencia: de acordo cos antecedentes que constan no meu poder, a/s sinatura/s que anteceden corresponde/n a (nome, apelidos e cargo que figuren no documento). Lugar, data e sinatura».

Disposición adicional

Única.-A Secretaría Xeral de Relacións Institucionais disporá dun ficheiro coas sinaturas das persoas titulares dos órganos designados por este decreto para a acreditación das sinaturas correspondentes de cada departamento.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrógase o Decreto 230/2002, do 4 de xullo, polo que se regula a legalización de documentos da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase o titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de relacións institucionais para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE