DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2008 Páx. 9.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 15 de maio de 2008 de subvencións aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e modificación das bases reguladas pola Orde do 6 de xuño de 2006.

A conselleira de Vivenda e Solo aprobou, por Orde do 21 de xuño de 2006, publicada no DOG nº 129, do 5 de xullo de 2006, as bases reguladoras das subvencións en materia de chabolismo, en desenvolvemento do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, de desenvolvemento da Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 24 de abril de 2007, publicada no DOG nº 96, do 21 de maio de 2007, modificaba os artigos 15 e 13 da Orde do 21 de xuño de 2006 nos aspectos relativos á publicidade dos convenios e subvencións de acordo coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da administración pública galega, e ao prazo de resolución que se establecía en seis meses.

Despois dos anos de aplicación da Lei 5/1989 e do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, polo que se desenvolve a citada Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, considérase de vital importancia o cumprimento das medidas de inserción social que tanto a Lei 5/1989 como o Decreto 266/1989 recollen no seu articulado. Neste sentido esta orde modifica o artigo 7 da Orde do 21 de xuño de 2006 introducindo a necesidade de que os concellos presenten, no momento da solicitude, un plan de integración social para as familias afectadas.

Esta disposición abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das subvencións, e identifica as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan esta orde.

A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

Logo dos informes preceptivos e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 7 da Orde do 21 de xuño de 2006, que quedará redactado da seguinte maneira:

1. Os concellos presentarán nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a solicitude das subvencións para as actuacións previstas no artigo 4º do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, xunto cos censos debidamente cubertos, así como a proposta das actuacións que van realizar para facilitar o acceso á vivenda e o plan de integración social dos chabolistas, o saneamento da área de actuación, e un esquema dos recursos que achegarán ambas as dúas administracións.

Artigo 2º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, establecer o prazo de presentación de solicitudes, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan a convocatoria de subvencións, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 21 de xuño de 2006, publicadas no DOG nº 129, do 5 de xullo de 2006, e modificadas parcialmente pola Orde do 24 de abril de 2007, publicada no DOG nº 96, do 21 de maio de 2007.

As subvencións deste decreto estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e nomeadamente á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 30 de xuño de 2008.

As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo anexo a esta orde, acompañado da documentación exixida pola orde de bases do 21 de xuño de 2006, publicada no DOG nº 129, do 5 de xullo de 2006.

Artigo 4º.-Consignación orzamentaria e importe máximo.

O importe máximo das subvencións para alugueres será de 170.000 euros, con cargo ao exercicio orzamentario de 2008, 111.200 euros con cargo ao exercicio 2009, 93.600 euros con cargo ao exercicio 2010 e 93.600 euros con cargo ao exercicio 2011.

O importe máximo para as subvencións de fomento da promoción e adquisición da propia vivenda e promoción de vivenda por outros promotores públicos será de 1.850.000 euros con cargo ao exercicio orzamentario de 2008, 1.100.000 euros no exercicio 2009, 1.000.000 euros no exercicio 2010 e 850.000 euros no exercicio 2011.

Estas subvencións instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado no vixente orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para estas finalidades nas aplicacións 17.02.451B.460.0 para subvención de alugueres e na aplicación 17.02.451B.760.0 para as subvencións de fomento da promoción e adquisición da vivenda polo propio chabolista ou polas entidades locais, e promoción de vivenda por outros promotores públicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "09900D009P056.PDF"