DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2008 Páx. 9.501

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 15 de maio de 2008 pola que se acorda a cesión definitiva de determinadas motobombas e tractores, propiedade da Xunta de Galicia, á empresa pública Servizos Agrarios Galegos, S.A.

O Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do goberno no ámbito rural que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, montes e prevención e defensa dos incendios forestais, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais e industrias agroalimentarias, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, mentras que a Subdirección Xeral de Defensa contra os Incendios Forestais ten atribuídas as competencias en materia de prevención, detección e extinción de incendios forestais.

Por outra banda, mediante Decreto 260/2006, do 28 de decembro, creouse a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. SEAGA que, segundo establece o artigo 2 do citado decreto ten, entre outros obxectivos a realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais. De acordo co punto 2 do artigo 1 da instrución conxunta das consellerías de Economía e Facenda e do Medio Rural sobre o réxime das encomendas á empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A., do 19 de marzo de 2007, SEAGA ten a natureza de medio instrumental propio, estando obrigada a realizar os traballos e actividades que lle sexan encomendadas pola Xunta de Galicia.

No PLADIGA (Plan de loita contra os incendios forestais) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse son, respectivamente: reducir as superficies queimadas por lume, a defensa das masas arborizadas, defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provoca este tipo de sinistros e detectar rapidamente os focos de lume e verificar as alarmas, exercendo unha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación das causas.

Debido a que, tal e como establece o PLADIGA (Plan de loita contra os incendios forestais), o persoal laboral fixo ou fixo descontinuo da Consellería do Medio Rural é insuficiente para cumprir os obxectivos marcados, é necesario contar cos servizos da empresa pública SEAGA para reforzar o operativo de loita contra os incendios forestais.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdase a cesión definitiva á empresa pública Servizos Agrarios Galegos, S.A., das motobombas e tractores que se detallan a continuación:

Ver referencia pdf "09900D006P045.PDF"

Artigo 2º.-A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade ao establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido destinarase pola empresa cesionaria a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais.

2. SEAGA farase cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e os derivados do seu uso así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben e os derivados do seguro deste.

3. Se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, como se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrise.

4. A empresa cesionaria responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

Artigo 3º.-A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, e o órgano competente da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A., debendo constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería do Medio Rural, a través da Secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural