DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2008 Páx. 9.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 5 de maio de 2008 pola que se convocan os cursos que forman parte do Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, inclúe no seu artigo 5.3º, entre outras áreas de actuación, as relativas á familia, á infancia e á mocidade, e recolle no artigo 26.3º as competencias para a regulamentación das entidades, servizos e centros que presten servizos sociais, establecendo as condicións para o seu funcionamento, a capacitación do seu persoal e demais requisitos. O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, asígnalle as devanditas competencias á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Un dos obxectivos prioritarios do plan de calidade 2006-2009 para as escolas infantís, que a Secretaría Xeral da Igualdade vén desenvolvendo, é proporcionar ao persoal das escolas infantís galegas vías e recursos para unha actualización profesional permanente que redunde na calidade da oferta educativa realizada desde as escolas.

O actual Plan de formación permanente, dirixido ao persoal das escolas infantís 0-3, estrutúrase a partir de dous pivotes básicos, dun lado as necesidades detectadas pola propia Secretaría Xeral da Igualdade e doutro, as necesidades suxeridas polo persoal das escolas infantís que saen da análise da enquisa que se lles fixo chegar a todos os/as profesionais das escolas infantís.

Os cursos que o integran desenvolveranse ao longo do ano 2008 na modalidade presencial e a súa localización está vinculada á demanda prevista, de xeito que algúns deles implican varias edicións, en distintas localidades, e outros realizaranse nunha soa localidade, atendendo á súa condición de punto xeográfico equidistante.

Finalmente, a presentación e posta en funcionamento deste plan de formación para o persoal das escolas infantís vén materializar un dos compromisos adquiridos pola Secretaría Xeral da Igualdade por mellorar a calidade da educación infantil en Galicia, poñendo os medios que fagan posible a actualización profesional e a adaptación do traballo aos requirimentos socioeducativos que deben considerar os centros que atenden nenas e nenos de 0 a 3 anos no século XXI.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é convocar os cursos que integran o Plan de formación permanente correspondente ao ano 2008 que se relacionan no anexo I desta norma.

Artigo 2º.-Requisitos dos/as participantes e preferencia no acceso.

1. Poderán solicitar a súa participación nas actividades formativas convocadas os/as profesionais que presten os seus servizos nas escolas infantís 0-3 radicadas en Galicia e que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de fillo/a ou de familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos cursos relacionados no anexo I.

Toda persoa solicitante que no momento do inicio do curso correspondente se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da relación de admitidos/as.

2. O acceso ás actividades convocadas seguirá a seguinte orde de preferencia na adxudicación das prazas, de acordo cos criterios de selección especificados para cada curso:

a) Profesionais dependentes das escolas infantís da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

b) Profesionais dependentes das escolas infantís de titularidade municipal e as dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

c) Profesionais dependentes das escolas infantís de titularidade privada.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos no anexo I para cada un dos cursos, desexen participar en calquera das actividades formativas, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido no anexo II, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede Galega de Escolas Infantís (www.galescolas.net).

Xunto co anuncio das actividades formativas concretaranse o lugar e as datas de celebración de cada unha delas.

2. O prazo de inscrición estará aberto desde a data de publicación da actividade na páxina web www.galescolas.net ata 15 días antes do inicio do curso de que se trate, podendo utilizar para a inscrición calquera das seguintes vías:

Correo ordinario:

Servizo de Infancia e Programas Especiais

Secretaría Xeral da Igualdade

Edificios administrativos San Caetano

15781 Santiago de Compostela

Fax: 981 95 76 90.

Vía telemática: paxina web www.galescolas.net

3. Xunto coa solicitude achegarase a certificación acreditativa da condición de persoal do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar ou, de ser o caso, de persoal de escola infantil municipal, de entidade de iniciativa social ou de escola privada, con especificación da súa categoría profesional. No caso do persoal dependente da Vicepresidencia, comprobarase de oficio a súa condición e categoría.

Artigo 4º.-Selección.

Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas serán os seguintes:

a) Pertenza á categoría profesional a que se dirixe a convocatoria do curso.

b) Non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.

c) Orde na presentación da solicitude en calquera das vías previstas no artigo 3º.2.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos/as aspirantes dará lugar á súa exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso do plan de formación deste ano.

No caso de que o/a solicitante se atope en situación de incapacidade temporal no momento da realización do/s cursos, deberá comunicar por escrito esta circunstancia co fin de cubrir a vacante producida e evitar a penalización que suporía a non-comunicación.

Artigo 5º.-Publicación das listas de admitidos/as.

As listas de admitidos/as de cada curso serán publicadas na páxina web www.galescolas.net dentro dos 5 días seguintes ao remate do prazo de inscrición.

Non se realizarán notificacións individuais de admisión.

Artigo 6º.-Requisitos de asistencia ás actividades formativas.

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante a persoa responsable do curso nun prazo de máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. A ausencia aínda xustificada superior ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á obtención do diploma.

A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias dos restantes cursos do plan de formación correspondente ao ano 2008.

2. Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Artigo 7º.-Certificados.

Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, poderá fixarse a realización das probas que se consideren oportunas.

Artigo 8º.-Anulación da reserva.

Cando unha persoa seleccionada non poida asistir ao curso para que está admitido/a , deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no artigo 3º desta norma, cunha antelación mínima de catro días hábiles á data de inicio do curso de que se trate.

De non facelo así, agás causa xustificada, no poderá ser admitida a ningunha das actividades formativas integradas neste plan de formación.

A cobertura das prazas vacantes por baixas cubrirase segundo a orde da listaxe de inscrición que para estes efectos se constitúe en lista de espera.

Artigo 9º.-Suspensión ou modificación das actividades formativas.

No suposto de que o número de solicitantes a unha actividade formativa sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a Administración reserva para si o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto a comunicación ás/aos interesados farase a través da páxina web www.galescolas.net.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "09900D003P037.PDF"