DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2008 Páx. 9.464

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 30 que lles corresponde ás administracións educativas organizar programas de cualificación profesional inicial destinados ao alumnado maior de dezaseis anos, cumpridos antes do 31 de decembro do ano de inicio do programa, que non obtivera o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, co obxectivo de que alcance competencias profesionais propias dunha cualificación de nivel 1 da estrutura actual do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, así como de que teña a posibilidade dunha inserción sociolaboral satisfactoria e de que amplíe as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas. En casos excepcionais permite reducir o límite de idade a quince anos.

Por diferentes motivos, existe alumnado de educación secundaria obrigatoria con dificultades ou atrasos na súa aprendizaxe que poden pór en risco o alcance das competencias básicas e dos obxectivos previstos e, como consecuencia, a obtención da titulación correspondente. Malia tales dificultades, desfases ou limitacións, este alumnado posúe capacidades que cómpre potenciar a través de medidas axeitadas.

Non obstante, hai tamén alumnado que, por diferentes circunstancias, necesita outro tipo de medidas educativas específicas para poder finalizar a súa escolarización en condicións de desenvolvemento persoal e inclusión social satisfactorias, sen as que probablemente teña que afrontar unha situación laboral de precariedade debido á falta de cualificación e de titulación. Para este alumnado establécense os programas de cualificación profesional inicial.

A oferta deste tipo de programas poderá adoptar diversas modalidades, nas que poderán participar os centros educativos, as corporacións locais, as asociacións profesionais, as organizacións non gobernamentais e outras entidades empresariais e sindicais, baixo a coordinación e logo de autorización da Administración educativa.

Estes programas incluirán módulos de carácter obrigatorio e outros de carácter voluntario para o alumnado.

Os módulos obrigatorios serán de dous tipos: específicos e formativos de carácter xeral. Os primeiros estarán referidos a unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Os segundos teñen por obxecto desenvolver as competencias básicas e favorecer a transición desde o sistema educativo ao mundo laboral.

Os módulos de carácter voluntario son os conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, organizados de xeito modular en torno a tres ámbitos: de comunicación, social e científico-tecnolóxico.

O Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria, recolle no seu artigo 14 os programas de cualificación profesional inicial e establece que os módulos específicos inclúan unha fase de prácticas en centros de traballo, respectando as exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais e Formación Profesional.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, establece na disposición adicional décimo primeira que as certificacións académicas expedidas polas administracións educativas ao alumnado que supere os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial darán dereito, a quen o solicite, á expedición do certificado de profesionalidade correspondente pola Administración laboral competente.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, establece o procedemento de solicitude e expedición dos devanditos certificados.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, fixa no seu artigo 16 os aspectos básicos dos programas de cualificación profesional inicial na nosa comunidade.

O artigo 12 do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que no ano académico 2008-2009 se implantarán os programas de cualificación profesional inicial e se deixarán de aplicar os programas de garantía social regulados na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Por todo o anterior, procede regular as medidas de ordenación que posibiliten a implantación, a organización e o desenvolvemento dos programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso académico 2008-2009.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Capítulo I

Aspectos xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é regular os programas de cualificación profesional inicial que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso 2008-2009.

Artigo 2º.-Finalidade dos programas de cualificación profesional inicial.

Os programas de cualificación profesional inicial, previstos no artigo 30 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, teñen como finalidade previr o abandono escolar antes da finalización da escolaridade obrigatoria e abrir novas expectativas de formación e de titulación a mozos e mozas en situación de desvantaxe sociolaboral e educativa. Teñen unha marcada vocación profesional, permiten a relación co mercado de traballo e facilitan a inserción laboral nunha actividade profesional de xeito cualificado.

Artigo 3º.-Obxectivos.

Os obxectivos dos programas de cualificación profesional inicial son que o alumnado:

a) Consiga competencias profesionais propias dunha cualificación profesional de nivel 1 da estrutura do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, creado por medio da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

b) Teña a posibilidade dunha inserción sociolaboral satisfactoria.

c) Amplíe as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas por medio da superación da proba de acceso a ciclos de grao medio, ou coa obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, para o alumnado que curse os módulos conducentes á súa obtención.

Artigo 4º.-Persoas destinatarias.

1. Poderá acceder a programas de cualificación profesional inicial:

a) Alumnado escolarizado con dificultades de aprendizaxe que acepte o marco escolar e valore continuar a súa formación nun ámbito profesionalizador, ou ben que se atope en grave risco de abandono escolar.

b) Alumnado desescolarizado por abandono do sistema educativo ou por proceder doutros países, que desexe acceder ao mercado laboral coa acreditación dunha cualificación profesional básica.

c) Alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade ou trastornos graves de conduta que teñan cursada a escolarización básica en centros ordinarios ou en centros de educación especial, co fin de facilitar a súa inserción laboral.

2. Os departamentos de orientación de cada centro informarán as persoas interesadas en cursar un programa de cualificación profesional inicial sobre a conveniencia da súa incorporación a estes.

Artigo 5º.-Requisitos de acceso.

1. Poderá cursar programas de cualificación profesional inicial o alumnado que teña entre dezaseis e dezanove anos cumpridos dentro do ano de inicio do programa, que non obtivera o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non tivera cursado con anterioridade outro programa de cualificación profesional inicial.

2. Excepcionalmente, o límite inferior de idade poderá reducirse a quince anos para o alumnado que tivera cursado segundo curso de ensino secundario obrigatorio, que non estea en condicións de pasar a terceiro e que xa repetira unha vez na etapa.

3. Non será de aplicación o límite superior de idade nin o requisito de non terse matriculado con anterioridade noutro programa de cualificación profesional inicial nos seguintes casos:

a) Ofertas específicas de programas de cualificación profesional inicial para o alumnado con necesidades educativas especiais destinadas a facilitar a integración social e laboral deste tipo de alumnado, de acordo co establecido na disposición adicional primeira desta orde.

b) Ofertas de programas externos de cualificación profesional inicial baixo a modalidade C á que se fai referencia no artigo 11º desta orde.

Artigo 6º.-Procedemento de incorporación para o alumnado en idade de escolarización obrigatoria.

1. Para determinar a incorporación dun alumno ou dunha alumna a un programa de cualificación profesional inicial en idade de escolarización obrigatoria nas condicións establecidas no artigo 5º.2 desta orde, seguirase o proceso seguinte:

a) Elaboración polo titor ou a titora dun informe individualizado que conteña a proposta razoada do equipo do profesorado do grupo a que pertence o alumno ou a alumna, que será remitido ao departamento de orientación. Nel farase constar:

-A competencia curricular do alumno ou da alumna en cada materia.

-As dificultades de aprendizaxe presentadas.

-As medidas de atención á diversidade aplicadas.

-Os motivos polos que o equipo docente considera a conveniencia de que o alumno ou a alumna se integren nun programa de cualificación profesional inicial.

b) Realización por parte da xefatura do departamento de orientación dun informe en que se inclúan as conclusións da avaliación psicopedagóxica.

Para a incorporación ao programa, será imprescindible a conformidade por escrito do alumno ou da alumna, a do seu pai e a da súa nai, ou a de quen teña asignada a súa representación legal, así como o compromiso, tamén por escrito, de cursar os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria a que se refire o artigo 10º desta orde. Cumprirá incorporar ao informe o referido documento de conformidade e de compromiso.

c) Realización da proposta de incorporación ao programa por parte da dirección do centro á vista dos informes anteriores, que será remitida ao servizo provincial de inspección educativa.

d) Corresponderalle ao servizo provincial de inspección educativa, unha vez valorada a documentación anterior, a resolución sobre a autorización da proposta de incorporación ao programa, que se deberá remitir ao centro educativo antes do 12 de setembro.

e) O centro remitiralles unha comunicación aos pais, ou a quen teña asignada a representación legal do alumno ou da alumna, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, en que se indicará a concesión ou denegación da autorización.

2. A autorización permitirá a matrícula nun programa de cualificación profesional inicial, que quedará condicionada á existencia de prazas vacantes e, de ser o caso, ao establecido na disposición adicional segunda desta orde.

Capítulo II

Estrutura dos programas de cualificación profesional inicial

Artigo 7º.-Tipos de módulos.

1. Os programas de cualificación profesional inicial terán unha estrutura modular e incluirán os seguintes tipos de módulos:

a) Específicos.

b) Formativos de carácter xeral.

c) Conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Os módulos específicos e os de carácter xeral constitúen os módulos obrigatorios, que deberá cursar a totalidade do alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial nas condicións que se establezan nesta orde.

3. Os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria teñen o carácter de voluntarios, e serán cursados polo alumnado que desexe obter este título. O alumnado incorporado a un programa de cualificación profesional inicial en idade de escolarización obrigatoria deberá comprometerse a cursalos, tal e como se indica no artigo 6º desta orde.

Artigo 8º.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos desenvolverán as competencias do perfil profesional e incluirán, como mínimo, unha cualificación profesional completa de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

2. Todos os programas de cualificación profesional inicial contarán cunha fase de prácticas en centros de traballo, respectando as exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais e Formación Profesional. Con tal fin, incluirán un módulo específico de formación en centros de traballo que, con carácter xeral, se desenvolverá durante o terceiro trimestre do curso académico e ao que só poderá acceder o alumnado que teña superados os restantes módulos obrigatorios.

3. Os currículos dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais que se establezan desenvolveranse por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e deberán indicar:

a) Identificación do perfil profesional.

b) Competencia xeral.

c) Competencias profesionais, persoais e sociais.

d) Cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais incluídas.

e) Contorno profesional.

f) Resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación, contidos, orientacións pedagóxicas e carga horaria para cada un dos módulos específicos.

g) Espazos e equipamento.

h) Atribución docente e perfil das persoas formadoras.

4. A carga horaria prevista para a totalidade dos módulos específicos, incluído o de formación en centros de traballo, será de 580 horas, cunha distribución semanal de dezaoito sesións lectivas durante o período de formación no centro educativo.

Artigo 9º.-Módulos formativos de carácter xeral.

1. Os módulos formativos de carácter xeral teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento das competencias básicas e favorecer a transición desde o sistema educativo ao mundo laboral. Son os seguintes:

a) Módulo de competencia comunicativa e dixital: contribúe a desenvolver o hábito de lectura e a comprensión e expresión oral e escrita nas linguas galega e castelá, así como as capacidades de procura e tratamento da información, mediante o emprego das tecnoloxías da información e da comunicación.

Este módulo terá unha carga lectiva de catro sesións semanais.

b) Módulo de sociedade e cidadanía: contribúe ao coñecemento do mundo actual, da sociedade e da súa organización, así como dos dereitos e dos deberes da cidadanía.

A carga lectiva para este módulo será de tres sesións semanais.

c) Módulo científico-matemático: contribúe á interpretación da realidade mediante a identificación e a resolución de problemas habituais na interacción co contorno.

Este módulo terá unha carga lectiva de catro sesións semanais.

d) Módulo de iniciativa persoal e relacións laborais: contribúe ao desenvolvemento da autonomía persoal, o coñecemento dos dereitos e as obrigas das relacións laborais, a hixiene e a prevención de riscos, así como ao fomento do espírito emprendedor e da necesidade de aprender ao longo da vida.

A carga lectiva para este módulo será de dúas sesións semanais.

2. Os currículos dos módulos formativos de carácter xeral son os que figuran no anexo X desta orde.

Artigo 10º.-Módulos formativos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

1. Os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria organizaranse en tres ámbitos de coñecemento: de comunicación, social e científico-tecnolóxico.

O ámbito de comunicación incluirá os aspectos básicos do currículo das materias de lingua galega e literatura, de lingua castelá e literatura, e de primeira lingua estranxeira. O ámbito social incluirá os referidos ás materias de ciencias sociais, xeografía e historia, e de educación para a cidadanía, así como os aspectos de percepción recollidos no currículo de educación plástica e visual, e no de música. O ámbito científico-tecnolóxico incluirá aqueles referidos ás materias de ciencias da natureza, de matemáticas, e de tecnoloxía, así como aos aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de educación física.

2. O currículo destes módulos será o establecido para o nivel II da educación secundaria para persoas adultas, desenvolvido en aplicación do establecido na disposición adicional primeira do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Estes módulos deberanse cursar nos centros que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine, que deberán ter autorizada a impartición das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria en réxime ordinario ou de persoas adultas.

Capítulo III

Desenvolvemento

Artigo 11º.-Modalidades de impartición.

1. Os programas de cualificación profesional inicial poderán cursarse a través dalgunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade A, en que todos os módulos obrigatorios se imparten nun mesmo centro educativo, agás o de formación en centros de traballo.

b) Modalidade B, en que os módulos específicos se imparten nun centro educativo, agás o de formación en centros de traballo, e os módulos formativos de carácter xeral se imparten noutro.

c) Modalidade C, en que poderán participar as corporacións locais, as asociacións profesionais, as asociacións non gobernamentais e outras entidades empresariais e sindicais, baixo a coordinación e logo de autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Atendendo ao lugar de impartición dos módulos obrigatorios, a oferta de programas baixo a modalidade C aterase a algunha das seguintes opcións:

-Programas mixtos, en que os módulos formativos de carácter xeral se imparten en centros educativos e os módulos específicos fóra deles.

-Programas externos, en que todos os módulos obrigatorios se imparten fóra dos centros educativos.

2. En todo caso, os módulos conducentes á expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria serán impartidos nos centros educativos a que se fai referencia no punto 3 do artigo anterior.

Artigo 12º.-Duración e carga horaria.

1. Os programas de cualificación profesional inicial terán unha duración de dous cursos académicos.

2. Os módulos obrigatorios serán cursados no primeiro curso do programa, que terá unha duración de 900 horas, das que 160 estarán destinadas á realización do módulo específico de formación en centros de traballo.

O horario semanal será de 32 períodos lectivos, de acordo co disposto nos artigos 8º e 9º desta orde. Quedará exceptuado o período en que se curse o módulo de formación en centros de traballo, en que se aterá ao horario laboral establecido no convenio colectivo ou na normativa laboral aplicable á empresa en que se realice.

Reservarase un período lectivo semanal para actividades de titoría e orientación do alumnado.

3. Os módulos voluntarios serán cursados no segundo ano e respectarán a carga horaria prevista para os módulos de nivel II da educación secundaria para persoas adultas.

Capítulo IV

Admisión e matrícula

Artigo 13º.-Solicitude de matrícula.

1. As persoas que desexen realizar un programa de cualificación profesional inicial deberán formalizar a matrícula en cada curso académico de que consta o programa.

2. A matrícula no primeiro curso dará dereito a unha única convocatoria para cada módulo obrigatorio.

3. Para a formalización da matrícula no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial cumprirá ter superados todos os módulos do primeiro. O alumnado incorporado a un programa de cualificación profesional inicial en idade de escolarización obrigatoria que non supere os módulos obrigatorios reincorporarase ao centro de procedencia no curso que corresponda da educación secundaria obrigatoria para continuar os seus estudos, sen prexuízo do disposto no artigo 15º.

4. A matrícula no segundo curso dará dereito a cursar os módulos de nivel II da educación secundaria para as persoas adultas nas condicións establecidas na normativa que a regula.

5. A solicitude de matrícula axustarase ao modelo que figura no anexo II, e deberase entregar dentro do prazo que se estableza na secretaría do centro que ofreza o programa, xunto coa seguinte documentación:

-Documento oficial de identidade.

-Compromiso de aproveitamento, segundo o modelo que figura no anexo III.

-Comunicación da autorización para a incorporación a un programa de cualificación profesional inicial, no caso de alumnado incorporado en idade de escolarización obrigatoria.

-Certificado de recoñecemento do grao de minusvalidez e ditame técnico facultativo, no caso de alumnado con discapacidade.

Artigo 14º.-Procedemento de admisión.

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, no caso de existir maior número delas que prazas ofrecidas, o Consello Escolar asignará as prazas conforme os seguintes criterios de prioridade, pola orde en que figuran a seguir:

a) Alumnado incorporado en idade de escolarización obrigatoria.

b) Alumnado escolarizado no curso anterior.

c) De persistir o empate, sorteo público efectuado polo Consello Escolar.

2. A formalización da matrícula nos programas sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quedará condicionada ao establecido na disposición adicional segunda desta orde.

3. O alumnado ao que non se lle asignara praza por algunha das causas descritas nos puntos anteriores deste artigo terá a posibilidade de matricularse noutro programa en que existan prazas dispoñibles. A inspección educativa informará a este alumnado para tal efecto.

4. Para cada alumno ou alumna con matrícula nun programa de cualificación profesional inicial abrirase un expediente académico, segundo o modelo que se recolle no anexo IV desta orde.

Artigo 15º.-Convocatoria excepcional.

1. O alumnado que esgotase a convocatoria prevista e non superase a totalidade dos módulos obrigatorios poderá solicitar por unha soa vez ante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a concesión dunha convocatoria excepcional para rematar o programa.

2. A solicitude deberase presentar na secretaría do centro onde se cursara o primeiro curso do programa de cualificación profesional inicial.

3. O centro remitirá ao servizo provincial de inspección educativa correspondente a devandita solicitude, xunto coa certificación académica actualizada e os informes da titoría e da dirección do centro sobre a conveniencia ou non da convocatoria excepcional.

4. O devandito servizo emitirá un informe sobre a procedencia ou non da concesión da convocatoria excepcional, que deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para que esta resolva. Contra esta resolución, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Unha vez concedida a convocatoria excepcional, o alumno ou a alumna poderán formalizar unha nova matrícula no programa, sempre que existan prazas vacantes, unha vez finalizado o proceso de admisión a que se refire o artigo anterior.

En caso de non concesión, o alumnado incorporado a un programa de cualificación profesional inicial en idade de escolarización obrigatoria que non supere os módulos obrigatorios reincorporarase ao centro de procedencia no curso que corresponda da educación secundaria obrigatoria, para continuar os seus estudos.

6. O prazo de presentación de solicitudes de convocatoria excepcional será do 17 de xuño ao 2 de xullo de cada ano.

7. A concesión da autorización implicará cursar necesariamente todos os módulos que compoñen o curso.

Capítulo V

Renuncias e baixas de matrícula

Artigo 16º.-Renuncia á matrícula nos módulos obrigatorios.

1. Poderase renunciar por unha soa vez á matrícula nun programa de cualificación profesional inicial, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico do alumno ou da alumna.

b) Doenza prolongada de carácter físico ou psíquico de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade do alumno ou alumna.

c) Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, nun horario incompatible coas ensinanzas do programa de cualificación profesional inicial.

d) Obrigas de tipo familiar ou persoal que impidan a normal dedicación ao estudo.

A renuncia á matrícula sempre se deberá xustificar documentalmente.

2. A aceptación da renuncia non implicará reserva de praza para o seguinte curso académico. No caso de que o alumnado procedente de renuncia desexe reincorporarse novamente ao programa deberá realizar unha nova solicitude de matrícula.

3. A solicitude de renuncia de matrícula, xunto coa documentación acreditativa, deberase presentar ante a dirección do centro educativo cunha antelación mínima de dous meses á data prevista para a realización do módulo de formación en centros de traballo. O director ou a directora do centro resolverán no prazo máximo de dez días hábiles.

4. Non poderá solicitar a renuncia o alumnado incorporado ao programa en idade de escolarización obrigatoria bardante o suposto da letra a) do punto 1 anterior. Neste caso, o alumno ou alumna será reincorporado ao curso de procedencia que corresponda da educación secundaria obrigatoria para continuar os seus estudos.

5. A renuncia á matrícula rexistrarase no expediente académico do alumno ou da alumna, así como nas actas de avaliación parciais ou finais, mediante as letras RE (renuncia).

Artigo 17º.-Baixa de oficio en programas de cualificación profesional inicial.

1. Causarán baixa de oficio os alumnos e as alumnas que acumulen en calquera momento do primeiro curso un número de faltas de asistencia inxustificadas de acordo co especificado nos puntos 2 e 3 deste artigo.

2. Apercibimento. A persoa responsable da titoría remitiralle unha comunicación ao alumno ou a alumna, ou ben aos seus pais ou representante legal, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) O número de faltas de asistencia inxustificadas acumuladas represente o dez por cento da duración global dos períodos lectivos impartidos do conxunto dos módulos, sempre que supoñan un mínimo de vinte sesións.

b) O número de faltas de asistencia inxustificadas acumuladas en calquera módulo represente o quince por cento da duración global deste, sempre que se impartiran un mínimo de cinco períodos lectivos do dito módulo.

Na devandita comunicación lembrarase a obriga de asistir ás actividades lectivas e indicarase que se procederá a baixa de oficio no caso de acumular dez novas faltas de asistencia inxustificadas a partir da recepción da comunicación e con independencia dos módulos en que estas se produzan.

3. Baixa. Se o alumno ou alumna, tras a recepción do apercibimento, incorre en dez novas faltas de asistencia inxustificadas causará baixa de oficio, que será comunicada ao interesado ou interesada.

Na secretaría do centro deberá quedar constancia do apercibimento e da comunicación da baixa.

4. O alumnado que cause baixa de oficio non se poderá matricular novamente nun programa de cualificación profesional inicial.

5. Non procederá a baixa de oficio con respecto ao alumnado incorporado ao programa en idade de escolarización obrigatoria, ao que lle será de aplicación o disposto no artigo seguinte.

Artigo 18º.-Falta de aproveitamento académico do alumnado incorporado anticipadamente ao programa.

1. O equipo docente poderá adoptar por maioría a proposta de reincorporación dun alumno ou dunha alumna ao nivel de educación secundaria obrigatoria de procedencia nos seguintes casos:

a) Falta manifesta de aproveitamento académico no programa de cualificación profesional inicial, logo dun apercibimento, especialmente naqueles casos que poida supoñer un risco para a propia saúde, a do resto do grupo ou as instalacións.

b) Faltas de asistencia inxustificadas que motivarían a baixa de oficio, de acordo co establecido nos puntos 2 e 3 do artigo 17º desta orde.

2. A proposta poderase tomar nalgunha das sesións de avaliación parcial ou en xuntanza do equipo docente convocada para o efecto polo titor ou a titora, por iniciativa propia ou por petición dun terzo do equipo docente.

3. A dirección do centro remitirá a proposta de reincorporación xunto co informe da persoa responsable do departamento de orientación ao servizo provincial de inspección educativa, a quen lle corresponderá a súa autorización, unha vez valoradas a documentación e as circunstancias que concorran no caso.

4. O servizo provincial de inspección educativa remitirá á dirección do centro a comunicación da orde de reincorporación. A dirección do centro daralle traslado aos pais, ou a quen teña asignada a representación legal do alumno ou da alumna, que deberá reincorporarase ao centro de procedencia no curso que corresponda da educación secundaria obrigatoria para continuar os seus estudos.

Capítulo VI

Profesorado

Artigo 19º.-Atribución docente.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará, na normativa específica pola que se estableza cada perfil profesional de programas de cualificación profesional inicial, as titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos en centros de titularidade privada e pública, así como nas organizacións que poden participar na modalidade C, ás que se fai referencia no artigo 11º desta orde.

2. Os módulos formativos de carácter xeral impartiraos o profesorado que se indica a continuación:

a) O módulo da competencia comunicativa e dixital será preferentemente impartido por mestres ou mestras e, en caso de non ser posible, por profesores ou profesoras pertencentes ao corpo de profesores de ensino secundario das especialidades de lingua e literatura galega, ou de lingua castelá e literatura. No caso de centros de titularidade privada, por profesorado habilitado para impartir as devanditas materias.

b) O módulo da sociedade e da cidadanía será preferentemente impartido por mestres ou mestras e, en caso de non ser posible, por profesores ou profesoras pertencentes ao corpo de profesores de ensino secundario de xeografía e historia. No caso de centros de titularidade privada, por profesorado habilitado para impartir as devanditas materias.

c) O módulo científico-tecnolóxico será preferentemente impartido por mestres ou mestras e, en caso de non ser posible, por profesores ou profesoras pertencentes ao corpo de profesores de ensino secundario de tecnoloxía, de matemáticas, de bioloxía e xeoloxía, ou de física e química. No caso de centros de titularidade privada, por profesorado habilitado para impartir as devanditas materias.

d) O módulo de iniciativa persoal e relacións laborais será preferentemente impartido por profesores ou profesoras pertencentes ao corpo de profesores de ensino secundario da especialidade de formación e orientación laboral e, en caso de non ser posible, de economía, e de xeografía e historia, sucesivamente. No caso de centros de titularidade privada, por profesorado habilitado para impartir as devanditas materias.

3. Os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria serán impartidos polo profesorado que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine na normativa específica de regulación da educación secundaria para as persoas adultas.

Artigo 20º.-Titoría e orientación.

1. A dirección do centro designará para cada programa de cualificación profesional inicial unha persoa titora de entre o profesorado que imparta docencia ao grupo, preferentemente dos módulos específicos. A titoría contará coa especial colaboración e asesoramento do departamento de orientación.

2. No plan de acción titorial do centro deseñaranse actividades específicas para o alumnado dos programas de cualificación profesional inicial. Estas actividades centraranse especialmente nos seguintes aspectos:

a) Técnicas de estudo e organización do traballo.

b) Resolución de conflitos.

c) Fomento da responsabilidade individual.

d) Habilidades comunicativas.

e) Traballo en grupo.

Deberase contar coa participación do orientador ou da orientadora dentro da aula naquelas actividades que así veñan determinadas no plan de acción titorial.

3. No caso de alumnado desescolarizado, o departamento de orientación reunirá toda a información salientable do último centro onde estivera escolarizado ou do organismo de procedencia.

Capítulo VII

Avaliación

Artigo 21º.-Aspectos xerais do proceso de avaliación de módulos obrigatorios.

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial realizarase de xeito diferenciado para cada módulo obrigatorio. En todo caso, a avaliación realizarase tomando como referencia os criterios de avaliación de cada un dos módulos que constitúen o programa, segundo o establecido no correspondente currículo.

2. A avaliación realizarase ao longo de todo o proceso formativo do alumno ou da alumna, polo que ten un carácter continuo. Por este motivo, é obrigatoria a asistencia do alumnado ás actividades programadas para os módulos obrigatorios que constitúen o programa.

3. Os centros docentes desenvolverán o currículo mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas dos módulos, e deberán prestar especial atención aos criterios de planificación e toma de decisións propias do proceso de avaliación, especialmente aos seguintes:

a) Procedementos para avaliar o progreso da aprendizaxe do alumnado e a correspondencia entre os instrumentos xerais de avaliación e os criterios de avaliación e de cualificación.

b) Criterios e pautas de avaliación que se deben ter en conta na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais.

c) Mínimos exixibles para que o alumnado acade unha avaliación positiva en cada módulo.

Artigo 22º.-Cualificacións.

1. A cualificación dos módulos obrigatorios, bardante o de formación en centros de traballo, será numérica: entre un e dez, sen decimais. Consideraranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a cinco puntos. O módulo de formación en centros de traballo cualificarase como apto ou non apto.

Na avaliación do módulo profesional de formación en centros de traballo colaborarán coa persoa responsable da titoría do centro educativo o titor ou a titora da empresa que designe o correspondente centro de traballo para o período de estadía do alumno ou da alumna, pero non participará na sesión de avaliación final.

2. A nota final dos módulos obrigatorios do programa de cualificación profesional inicial será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada módulo expresada con dous decimais.

3. As cualificacións e a nota final dos módulos voluntarios do programa de cualificación profesional inicial serán as establecidas na normativa específica pola que se regula a educación secundaria de persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo VIII

Desenvolvemento dos procesos de avaliación

Artigo 23º.-Consideracións xerais.

1. O profesorado que imparte docencia ao alumnado dun programa de cualificación profesional inicial constitúe o seu equipo docente, e estará coordinado polo profesor ou pola profesora que se encarguen da titoría do devandito grupo.

2. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado que realice o equipo docente, convocadas e presididas polo profesor ou pola profesora que se encarguen da titoría do grupo e realizadas co obxecto de contrastar as informacións proporcionadas polo profesorado dos módulos en relación á valoración dos resultados de aprendizaxe do alumnado e ao seu progreso na consecución dos obxectivos xerais do programa. Nestas sesións, o equipo docente tomará as decisións que afecten o proceso de avaliación do alumnado.

3. O titor ou a titora de cada grupo levantará acta do desenvolvemento das sesións, na que se farán constar os acordos alcanzados e as decisións adoptadas.

A valoración dos resultados derivados destes acordos e destas decisións constituirá o punto de partida na seguinte sesión de avaliación.

O equipo docente adoptará as medidas oportunas para garantir a máxima confidencialidade da información que mereza un tratamento reservado.

Artigo 24º.-Avaliación inicial.

Ao comezo das actividades do programa de cualificación profesional inicial, o equipo docente realizará unha sesión de avaliación inicial do alumnado, que terá por obxecto coñecer as características e a formación previa de cada alumno e de cada alumna, así como as súas capacidades.

Nesta sesión, o profesor ou a profesora que se encargue da titoría dará a información dispoñible sobre as características xerais do grupo ou sobre as circunstancias especificamente académicas, ou persoais con incidencia educativa, dos alumnos e das alumnas que o compoñen.

Esta información procederá, de ser o caso, da avaliación académica e psicopedagóxica realizada para autorizar o acceso do alumno ou a alumna ao programa de cualificación profesional inicial, da observación das actividades realizadas nas primeiras semanas do curso, e doutra información e documentación de que se dispoña.

Os acordos que adopte o equipo docente nesta sesión de avaliación, que en ningún caso levará consigo unha cualificación para o alumnado, recolleranse nunha acta redactada para o efecto.

Artigo 25º.-Avaliacións parciais de módulos obrigatorios.

1. Realizaranse tres avaliacións parciais nas datas que se fixen en cada centro, en función dos períodos lectivos e da temporalización prevista para o módulo de formación en centros de traballo.

2. As actas das dúas primeiras avaliacións parciais axustaranse ao modelo do anexo V desta orde.

3. A terceira avaliación parcial determinará o acceso do alumnado ao módulo de formación en centros de traballo, que con carácter ordinario se desenvolverá durante o terceiro trimestre do curso académico e ao que só poderá acceder o alumnado que teña superados os restantes módulos obrigatorios. O modelo de acta será o que figura no anexo VI desta orde.

Quedarán exceptuados os programas cursados baixo a modalidade C en que os módulos específicos se impartan directamente en contextos produtivos.

4. Para o alumnado que non acceda á formación en centros de traballo por ter módulos pendentes, o equipo docente realizará un informe de avaliación individualizado que servirá de base para o deseño das correspondentes actividades de recuperación. A cualificación definitiva destes módulos farase efectiva na avaliación final de módulos obrigatorios.

Artigo 26º.-Avaliación final de módulos obrigatorios.

1. A sesión de avaliación final de módulos obrigatorios levarase a cabo unha vez finalizado o período ordinario de realización do módulo de formación en centros de traballo, e nela avaliarase:

-O módulo de formación en centros de traballo, para o alumnado que o realizase.

-Os módulos pendentes, para o alumnado que non accedera á formación en centros de traballo, por non os ter superados na terceira avaliación parcial, tomando como base as actividades de recuperación a que se fai referencia no punto 4 do artigo anterior. En caso de obter unha cualificación positiva nestes módulos, o alumno ou a alumna proporanse para a realización da formación en centros de traballo en período extraordinario. Para os efectos de rexistro nas actas de avaliación, o módulo de formación en centros de traballo será cualificado con NA (non avaliado).

A acta de avaliación final axustarase ao modelo do anexo VII desta orde.

2. No caso de programas cursados baixo a modalidade C, en que os módulos específicos se impartan directamente en contextos produtivos, a avaliación final realizarase unha vez que se complete a totalidade das horas de formación do programa. A avaliación do módulo de formación en centros de traballo será automaticamente de apto en caso de ter superados todos os módulos obrigatorios, e non procederá a súa avaliación no caso de ter algún módulo pendente.

Artigo 27º.-Avaliación final extraordinaria de módulos obrigatorios.

O alumnado que realizara a formación en centros de traballo nun período extraordinario avaliarase desta na avaliación final extraordinaria de módulos obrigatorios, da que se levantará acta por medio do modelo que figura no anexo VIII desta orde.

Artigo 28º.-Avaliación de módulos voluntarios.

As avaliacións dos módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria realizaranse consonte o establecido na normativa específica pola que se regula a educación secundaria de persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29º.-Certificación académica e titulación.

1. O alumnado que teña superados todos os módulos obrigatorios de que se compón o programa de cualificación profesional inicial recibirá unha certificación académica, segundo o modelo que figura no anexo IX, que terá efectos de acreditación das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional, coa que poderá solicitar da Administración laboral o certificado de profesionalidade correspondente e, de ser o caso, a acreditación das unidades de competencia incluídas no programa.

2. A superación dos módulos de carácter voluntario dará dereito á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria nas condicións que se establezan na normativa específica pola que se regula a educación secundaria de persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se acredite a superación dos módulos obrigatorios do programa de cualificación profesional inicial.

Capítulo IX

Alumnado con necesidades educativas especiais

Artigo 30º.-Alumnado con necesidades educativas especiais.

1. O alumnado con necesidades educativas especiais que curse un programa de cualificación profesional inicial incorporarase, con carácter xeral, co resto do alumnado matriculado no programa.

2. Cando as necesidades de apoio específico así o xustifiquen, este alumnado poderase autorizar para cursar o programa de cualificación profesional inicial de xeito fragmentado por módulos, cunha temporalización distinta á establecida con carácter xeral.

3. O procedemento de solicitude de flexibilización modular será o seguinte:

a) Unha vez comezado o curso académico e realizada a sesión de avaliación inicial, a dirección do centro presentará a oportuna solicitude no servizo provincial de inspección educativa correspondente para que se emita informe ao respecto. Á solicitude deberáselle achegar a seguinte documentación:

-Informe que xustifique a necesidade da medida, elaborado polo departamento de orientación do centro en colaboración co profesor ou a profesora que exerzan a titoría.

-Conformidade expresa do pai e da nai, ou de quen teña asignada a titoría legal do alumno ou da alumna, en caso de ser menor de idade, ou a súa propia, se é maior de idade.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Proposta da nova distribución horaria para cursar as ensinanzas e, de ser o caso, de medidas de reforzo educativo ou de adaptación do currículo dentro dos límites previstos na normativa vixente.

b) O servizo provincial de inspección educativa remitiralle toda a documentación, xunto co seu informe, ao delegado ou á delegada provincial, a quen corresponderá a autorización ou denegación da flexibilización.

Por iniciativa tanto do servizo provincial de inspección educativa como da delegación provincial, poderáselle requirir ao equipo de orientación específico dependente da delegación provincial correspondente a elaboración dun informe complementario ao respecto.

3. O prazo para presentar as solicitudes de flexibilización perante o servizo provincial de inspección educativa será no primeiro trimestre de cada curso académico, antes da realización da primeira avaliación parcial de módulos.

A resolución da autorización da flexibilización comunicarase ao centro no prazo dun mes, para a súa comunicación á persoa interesada.

4. Para os efectos de rexistro nas actas de avaliación, o alumnado autorizado a flexibilizar o período de escolarización para a realización do programa será cualificado con PC (pendente de cualificar) nos módulos en que non corresponda a súa cualificación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Oferta de programas de cualificación profesional inicial.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria autorizará anualmente a oferta de programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A definición desta oferta poderá determinar que os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria sexan cursados en centros diferentes a aqueles en que se autorizasen os módulos obrigatorios.

2. Coa finalidade de facilitar a integración social e laboral do alumnado con necesidades educativas especiais, de conformidade co establecido no artigo 75.1º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar ofertas específicas de programas de cualificación profesional inicial adaptadas para este alumnado que non se pode integrar na modalidade ordinaria.

3. O número máximo de alumnos e alumnas matriculados no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial será de doce. O alumnado con necesidades educativas especiais computará dobre para estes efectos.

Segunda.-Autorización de programas de cualificación profesional inicial sostidos con fondos públicos.

1. O número mínimo de alumnos e alumnas que se requirirá para a impartición dos módulos obrigatorios nas modalidades A e B de programas de cualificación inicial sostidos con fondos públicos será de seis.

2. Cando nun mesmo centro educativo se impartan varios programas de cualificación profesional inicial, os módulos formativos de carácter xeral poderán ser impartidos nun único grupo unificando o alumnado dos diferente programas, sempre que o número non sexa superior a doce. No caso de programas mixtos baixo a modalidade C, o número mínimo que permita a autorización de acordo co establecido no punto anterior referirase aos módulos formativos de carácter xeral.

3. O número mínimo de alumnos e alumnas que permita a creación de grupos específicos para cursar os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria será de dez.

4. De xeito excepcional, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá autorizar de forma expresa a impartición de programas sostidos con fondos públicos cun número inferior ao establecido nos puntos anteriores.

Terceira.-Módulo de formación en centros de traballo.

Para o non previsto nesta orde para o módulo de formación en centros de traballo, aplicarase o disposto na Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos establecidos na súa disposición décimo sexta.

Cuarta.-Autorización de programas de cualificación profesional inicial de xeito integrado.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar en centros públicos a impartición de programas de cualificación profesional inicial de xeito integrado, nos que os módulos específicos, os formativos de carácter xeral e os conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria se impartan ao longo dos dous cursos académicos que integran o programa.

A distribución dos módulos será a que se determine na resolución de autorización. En todo caso, o módulo de formación en centros de traballo impartirase no período final do segundo curso, e accederase a el unha vez superado o resto dos módulos obrigatorios.

Quinta.-Validacións de ámbitos de módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria na educación secundaria para as persoas adultas.

O alumnado que superara algún ámbito do segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial poderá solicitar a validación co ámbito correspondente da educación secundaria para as persoas adultas, en caso de incorporarse a esta.

Disposición transitoria

Única.-Concertos educativos.

Os concertos, os convenios e as subvencións para os programas de garantía social referiranse aos módulos obrigatorios do primeiro curso dos programas de cualificación profesional inicial.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 5 de maio de 1997 pola que se regulan os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento da orde.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións que cumpran para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e seralle de aplicación ao alumnado que se matricule en programas de cualificación profesional inicial.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "09900D002P008.PDF"

ANEXO X

Módulos formativos de carácter xeral

Obxectivos xerais:

-Desenvolver o hábito de lectura como fonte de información, formación e pracer.

-Comprender e producir textos en formato variado dos ámbitos persoal, social, cultural e profesional, con vocabulario apropiado para a finalidade pretendida.

-Desenvolver a observación e o espírito crítico.

-Desenvolver a competencia matemática e dixital que lle facilite desempeñar o seu papel na vida persoal e no mundo social e laboral.

-Desenvolver a capacidade para identificar problemas, contrastar información, avanzar hipóteses e aplicar técnicas adecuadas para a súa resolución.

-Desenvolver actitudes democráticas que permitan a participación nunha sociedade plural e diversa, tendo presentes os dereitos e os deberes compartidos, e o respecto polas diferenzas.

-Desenvolver a autoestima, o afán de superación e a capacidade de adaptación a novos retos, de acordo cos intereses e coas aptitudes persoais.

-Desenvolver hábitos e habilidades que faciliten o acceso ao contorno laboral e o adecuado progreso.

1. Módulo formativo de carácter xeral 1: competencia comunicativa e dixital.

1.1. Obxectivos:

-Comprender textos orais e escritos variados de índole social, cultural e profesional, e de progresiva dificultade, nas linguas galega e castelá.

-Comprender instrucións orais e escritas a través de linguaxes variadas.

-Expresar oralmente e por escrito textos variados de temática social, cultural e profesional, nas linguas galega e castelá, con coherencia, con corrección lingüística, e con adecuación ás situacións e aos contextos.

-Facer da lectura unha fonte de pracer, de información, de enriquecemento persoal e de coñecemento do mundo.

-Coñecer a diversidade de usos das linguas para evitar estereotipos lingüísticos que resulten discriminatorios.

-Procurar e seleccionar recursos en fontes e medios diversos para realizar e completar producións propias.

-Recoñecer a relación entre tipo de texto e intencionalidade comunicativa.

-Planificar e executar proxectos de progresiva dificultade recorrendo ás fontes impresas e dixitais, así como elaborar presentacións claras, correctas e coherentes dos resultados, a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

-Coñecer as posibilidades de información en internet e a necesidade dunha postura crítica e responsable ante esta rede.

1.2. Contidos:

-Coñecemento das estruturas lingüísticas básicas, adecuadas á finalidade pretendida, que permitan unha comunicación correcta e coherente.

-Lectura comprensiva de textos en soportes variados. Determinación da idea principal e das ideas secundarias. Intención comunicativa.

-Comprensión de linguaxes non verbais, icónicas e gráficas, ilustracións, etc.

-Comprensión de textos orais en situacións de relacións sociais da vida cotiá e no ámbito laboral.

-Formulación de hipótese sobre o contido e a intención de textos orais e escritos.

-Comprensión e elaboración de textos específicos relacionados co mundo social e laboral (guías, correspondencia, cuestionarios, instrucións, currículos, informes, resumos, etc.), respectando as estruturas lingüísticas e as normas ortográficas, e cun rexistro adecuado a cada situación.

-Utilización de gráficos, resumos, imaxes e outros complementos non verbais.

-Elaboración de pequenos proxectos, tendo presente a planificación, a execución e a exposición.

-Utilización da tecnoloxía da información e da comunicación como ferramenta básica para a elaboración de textos, para a procura de información complementaria e para a comunicación, manexando os elementos fundamentais dun procesador de textos.

-Valoración do traballo compartido e da creación de redes de información e coñecemento.

1.3. Criterios de avaliación:

Cos seguintes criterios preténdese comprobar se o alumnado é capaz de:

-Comprender textos orais e escritos, mediante a identificación da información e o recoñecemento das ideas máis salientables e da intencionalidade.

-Expresar de xeito claro, ordenado e correcto textos orais e escritos que resuman a información oída ou lida.

-Usar a lectura, con progresiva autonomía, como fonte de información e de formación, recorrendo a manuais, dicionarios, folletos, internet, etc.

-Relacionar informacións de medios diversos sobre un mesmo tema, con capacidade para contrastar a información e tomar decisións.

-Aplicar as ideas e os coñecementos adquiridos a tarefas concretas.

-Expresar de xeito oral e escrito textos con intención de informar, solicitar e reclamar, con formato e rexistro adecuados.

-Elaborar pequenos proxectos cos pasos precisos de planificación, execución e avaliación.

-Elaborar documentos con recursos informáticos empregando imaxes, gráficos e complementos precisos.

2. Módulo formativo de carácter xeral 2: sociedade e cidadanía.

2.1. Obxectivos:

-Coñecer e valorar as características organizativas, sociais e culturais fundamentais do contorno.

-Coñecer e valorar os principias trazos das organizacións sociais e culturais do Estado.

-Coñecer as características da sociedade democrática e tomar conciencia da necesidade de participación, con recoñecemento dos dereitos e dos deberes da cidadanía.

-Coñecer as principias institucións supranacionais: Unión Europea e organismos internacionais.

-Coñecer e analizar os problemas sociais do mundo actual.

2.2. Contidos:

-Coñecemento da organización social de Galicia. Institucións e servizos públicos da Comunidade.

-Coñecemento da organización do Estado español. O sistema das autonomías.

-O sistema democrático: participación cidadá; dereitos e deberes; a Constitución e o Estatuto de autonomía.

-Galicia e España en Europa. Organismos internacionais. Política de cooperación.

-Coñecemento doutros modelos sociopolíticos actuais.

-Desequilibrios e conflitos no mundo actual. A acción humana como causa e efecto dos problemas. A globalización. O compromiso persoal.

-A violencia como lacra da sociedade: violencia entre pobos e violencia de xénero.

-Desenvolvemento e consumo. Consumo responsable.

-Educación viaria: normas de seguranza e condución responsable.

2.3. Criterios de avaliación:

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de:

-Coñecer a distribución xeográfica de Galicia (organización e paisaxes galegas, e a súa economía), localizar en mapas a súa situación, e argumentar as causas e as consecuencias das súas características.

-Coñecer a estruturación do Estado español en comunidades autónomas. Valorar as diferenzas como elemento enriquecedor. Saber localizar as comunidades en mapas. Organizar itinerarios para se mover entre elas.

-Coñecer e apreciar o sistema democrático. Representación da cidadanía. Participación como valor para a mellora da vida na comunidade. Deberes e dereitos.

-Coñecer sumariamente a Constitución española. Dificultades para os consensos. Significado dunha norma común.

-Coñecer sumariamente o Estatuto de autonomía e o longo percorrido pola historia ata chegar a el. O Goberno autónomo e as relacións co resto do Estado español.

-Analizar as desigualdades no mundo actual. Reflexionar sobre a multicausalidade. Valorar a cooperación entre os pobos.

-Recoñecer o consumo responsable. Papel da publicidade. Valorar igualmente a capacidade de comprender os prexuízos que pode provocar na vida persoal e na do contorno.

-Recoñecer a necesidade da seguranza viaria para persoas condutoras e peóns.

3. Módulo formativo de carácter xeral 3: científico-matemático.

3.1. Obxectivos:

-Coñecer e identificar o propio corpo.

-Valorar actitudes saudables en relación con hábitos de alimentación, exercicio e consumo.

-Coñecer os recursos naturais do contorno. Intervención humana na conservación e na modificación: repercusión no medio e desenvolvemento sustentable.

-Coñecer os elementos dun ecosistema: a súa vulnerabilidade.

-Coñecer e apreciar as fontes de enerxía como algo necesario e limitado, así como a necesidade dun uso responsable destas.

-Coñecer e realizar operacións e cálculos numéricos aplicados a situacións e a problemas da vida cotiá.

-Coñecer e utilizar os sistemas de medida na vida persoal e profesional.

-Realizar cálculos aproximados, avanzar hipóteses para a resolución de problemas e contrastar resultados.

3.2. Contidos:

-Corpo humano: aparellos e sistemas; funcións vitais.

-Dieta equilibrada.

-Exercicio físico como hábito saudable e de lecer.

-Recursos naturais en Galicia: flora e fauna. Utilización e explotación racional dos recursos.

-Recursos enerxéticos en Galicia: a auga, o vento e a biomasa.

-Resolución de problemas. Cálculo matemático.

-Operacións básicas: propiedades e aplicacións a situacións reais. Números enteiros, fraccionarios e decimais.

-Proporcións e porcentaxes.

-Cálculo aproximado. Redondeo. Estratexias para efectuar cálculos.

-Sistema internacional de medidas. Unidades de uso frecuente. Instrumentos de medida na vida cotiá e profesional.

-Cálculo de distancias, perímetros, superficies e volumes.

-Rectas e ángulos. Formas planas. Polígonos e corpos xeométricos.

-Escalas e planos.

-Sistema monetario. Prezos. Ingresos e gastos. IVE.

3.3. Criterios de avaliación:

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de:

-Identificar as partes do corpo, os aparellos e as súas funcións, así como valorar as actitudes responsables ante o consumo, o exercicio e as relacións interpersoais.

-Recoñecer os recursos naturais do contorno e valorar as actitudes responsables para a súa conservación.

-Recoñecer os compoñentes dun ecosistema na súa proximidade.

-Coñecer as fontes de enerxía, valorar a necesidade dun consumo responsable e presentar actitudes individuais nese sentido, na vida cotiá.

-Realizar operacións e cálculos numéricos mediante procedementos variados.

-Realizar estudos de custos con descontos e IVE, así como elaborar orzamentos aplicados a situacións da vida cotiá.

-Realizar estimacións de medidas e comprobar hipóteses cunha aplicación precisa das medidas que correspondan.

-Aplicar os coñecementos de xeometría a situacións da vida cotiá: medición dunha leira, cálculo do material necesario para as paredes dun cuarto, etc.

-Utilizar escalas, planos, gráficos, etc., para representar resultados matemáticos.

4. Módulo formativo de carácter xeral 4: iniciativa persoal e relacións laborais.

4.1. Obxectivos:

-Desenvolver as capacidades persoais que faciliten planificar un proxecto persoal e profesional.

-Desenvolver actitudes, hábitos e estratexias que faciliten a procura dun emprego acorde coas aptitudes e cos intereses propios.

-Valorar a necesidade da motivación, da autoestima e da formación ao longo de toda a vida.

-Coñecer as opcións de orientación do mundo laboral, as fontes de emprego e as súas condicións.

-Coñecer as características do mundo laboral, asumindo as condicións da vida activa e a relación entre a formación e os requisitos profesionais.

-Coñecer o marco legal que regula as relacións laborais.

-Coñecer e valorar os hábitos de seguridade e hixiene no traballo, e asumir a responsabilidade persoal.

-Tomar conciencia da importancia dunha cultura emprendedora.

4.2. Contidos:

-Proxecto persoal e profesional. Significado e valor do traballo.

-Hábitos e actitudes responsables no posto de traballo: traballo ben feito, colaboración e esforzo persoal, e planificación de tarefas.

-Formación ao longo da vida.

-Procura activa de emprego:

-Fontes de orientación e información.

-Currículo e carta de presentación.

-Entrevista de traballo.

-Relacións laborais:

-Contrato de traballo.

-Recibo de salario.

-Ordenación do tempo de traballo.

-Clasificación profesional.

-Principais vicisitudes do contrato.

-Prevención de riscos laborais.

-Cultura emprendedora. Traballo autónomo. Cooperativas de traballo asociado.

4.3. Criterios de avaliación:

Cos seguintes criterios preténdese comprobar se o alumnado é capaz de:

-Recoñecer a relación entre a formación, as aptitudes propias e o posto de traballo buscado, e asumir as necesidades de formación continua para a mellora e a conservación do emprego.

-Planificar o traballo. Cooperar coas outras persoas, con actitudes de respecto e de rexeitamento de actitudes discriminatorias.

-Coñecer e valorar actitudes, hábitos e estratexias que permitan procurar, atopar e conservar un posto de traballo.

-Coñecer institucións, organismos e empresas en relación coa procura de emprego.

-Elaborar currículos e cartas de presentación correctas.

-Manifestar un comportamento axeitado nunha entrevista de traballo.

-Coñecer e actuar consonte os dereitos e os deberes das persoas traballadoras.

-Elaborar un recibo de salarios sinxelo.

-Recoñecer a necesidade de empregar todas as medidas de prevención de riscos laborais.

-Valorar a cultura emprendedora.

-Coñecer as posibilidades de opcións de traballo autónomo e cooperativo.

Ver referencia pdf "09900D002P008.PDF"