DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 22 de maio de 2008 Páx. 9.342

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 15 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción.

A Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción (BOE nº 250, do 19 de outubro), e o Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, que a desenvolve (BOE nº 204, do 25 de agosto), establecen a obriga das empresas que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos nunha obra de construción de estar inscritas nun rexistro creado para o efecto.

Pola súa vez, as devanditas normas establecen que o referido rexistro, de natureza administrativa e carácter público, dependerá da autoridade laboral correspondente á comunidade autónoma onde radique o domicilio da empresa contratista ou subcontratista, para o que cada comunidade deberá crear o seu propio rexistro.

Por outra banda, o artigo 45.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, prevé que as administracións impulsarán a aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias e a Lei 11/2007, do 22 de xuño, do acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, ambas as dúas de carácter básico, establece que as administracións públicas poderán establecer a obrigatoriedade de que as comunicacións se fagan por medios electrónicos, así como o contido mínimo dos rexistros electrónicos, as comunicacións e as notificacións electrónicas.

Así mesmo, e en virtude do establecido no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de traballo, no Real decreto 2381/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de gabinetes de seguridade e hixiene no traballo, así como no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, esta consellería é competente nesta materia.

Por todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación do Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción.

1. Créase o Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción ao abeiro do establecido na Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción, e do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, ditado no seu desenvolvemento.

2. O rexistro creado queda adscrito á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, ou ao órgano directivo ao cal queden atribuídas as competencias en materia de traballo pola normativa de organización da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia do órgano responsable da administración do sistema informático que soporte o devandito rexistro.

O órgano a que quede adscrito o Rexistro de Empresas Acreditadas, terá competencia para realizar calquera acto relacionado con este.

3. O rexistro ten carácter público e será único para toda a comunidade autónoma, rexéndose polas normas contidas na Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción, o Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a devandita lei, e o disposto nesta orde.

4. A finalidade do Rexistro de Empresas Acreditadas é a de garantir o acceso aos datos recollidos nel.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. A presente orde será de aplicación ás empresas que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos en obras de construción, en todos os ámbitos, incluído o de aplicación da lexislación de contratos do sector público, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén será de aplicación plena ás empresas que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos en obras de construción, en todos os ámbitos antes referidos, que despracen traballadores a España en virtude do previsto na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacional, cuxa primeira prestación de servizos deste tipo en España se vaia realizar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Natureza xurídica.

1. O Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción, segundo o establecido no artigo 9 do Real decreto 1109/2007, ten natureza administrativa e carácter público. Así mesmo, de acordo co artigo 6.2 da Lei 32/2006, a inscrición neste terá validez para todo o territorio do Estado.

2. As empresas terán acceso aos datos rexistrais por vía telemática nos termos que establece o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, os datos de carácter persoal que contén o Rexistro de Empresas Acreditadas gozarán da protección e as garantías que establece a lexislación vixente nesta materia.

Artigo 4º.-Funcións.

O Rexistro de Empresas Acreditadas ten as seguintes funcións:

a) Tramitar os procedementos relativos ás solicitudes de inscrición e renovación, as comunicacións de variación de datos e solicitudes de cancelación, cumprindo as formalidades e requisitos establecidos nesta orde.

b) Expedir as certificacións sobre as inscricións rexistrais existentes en calquera rexistro relativas ás empresas contratistas e subcontratistas, por solicitude destas ou de calquera outra persoa, física ou xurídica, entidade ou organismo, público ou privado.

c) Dar acceso público aos datos existentes en calquera dos rexistros de empresas acreditadas, a excepción dos referentes á intimidade das persoas.

d) A custodia e conservación da documentación achegada pola empresa.

e) Calquera outra que se lle atribúa.

Artigo 5º.-Medio de acceso e relacións da cidadanía co rexistro.

1. Segundo posibilita o artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, establécese a obriga de se comunicar por vía telemática coa Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de calquera trámite relacionado co Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia para intervir no proceso de contratación no sector da construción.

2. O acceso ao Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, e na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos sendo toda esta normativa de obrigado cumprimento en todo o referente á sinatura electrónica exixida, medios telemáticos de acceso, modelos normalizados de acceso, requisitos técnicos, prazos, horarios, comprobantes etc., así como calquera outra norma que lle sexa de aplicación.

3. En todo o non previsto nesta orde ou na normativa aplicable nela indicada, serán de aplicación as previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia

Artigo 6º.-Obrigatoriedade da inscrición.

1. Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia as empresas que teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia e pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos nunha obra de construción, en calquera ámbito, así como as empresas estranxeiras que pretendan ser contratadas ou subcontratadas para traballos en obras de construción que despracen traballadores a España en virtude do previsto na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre desprazamento de traballadores no marco dunha prestación transnacional cuxa primeira actuación de servizos deste tipo en España se vaia realizar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A referida inscrición deberá realizarse con carácter previo ao inicio da súa intervención no proceso de subcontratación no sector da construción como contratistas ou subcontratistas, segundo o establecido nesta orde e demais normativa de aplicación.

3. Igualmente, as empresas deberán comunicarlle á autoridade laboral calquera variación que afecte os datos identificativos da empresa incluídos na solicitude. Esta comunicación deberá realizarse dentro do mes seguinte ao feito que a motiva.

Artigo 7º.-Solicitude de inscrición e declaración anexa.

1. A empresa que pretenda a súa inscrición deberá achegar os seguintes datos:

a) Nome da empresa e, de ser o caso, da persoa que a represente, así como a identificación do enderezo electrónico elixido para o efecto de notificacións.

b) Domicilio da empresa.

c) Código de identificación fiscal (CIF) da empresa.

d) Código de conta de cotización principal da Seguridade Social.

e) Actividade da empresa, identificada segundo a Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE)

f) Sinatura do solicitante, lugar e data.

Só se admitirán as solicitudes que estean asinadas electronicamente con calquera dos medios establecidos polo sistema de xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas.

2. Á solicitude de inscrición xuntaranse, no formato electrónico establecido polo sistema, os seguintes documentos:

a) Declaración subscrita polo empresario/a ou persoa que o represente legalmente relativa ao cumprimento dos requisitos previstos nos puntos 1 e 2 a) do artigo 4 da Lei 32/2006, do 18 de outubro.

b) Documentación acreditativa de que a empresa dispón dunha organización preventiva adecuada á Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

c) Documentación acreditativa de que dispón de recursos humanos, no seu nivel directivo e produtivo, que contan coa formación necesaria en prevención de riscos laborais.

d) Poder de representación válido en dereito, para o caso de actuar en representación do titular da solicitude.

3. O titular da sinatura electrónica será responsable da veracidade dos datos facilitados coa súa solicitude, así como da autenticidade dos documentos electrónicos que se xunten.

Artigo 8º.-Procedemento da inscrición.

1. A solicitude de inscrición realizarase por vía telemática desde a páxina web da Xunta de Galicia, a través do enlace http://traballo.xunta.es/REA, ou calquera outro que oficialmente se estableza, onde se poderán realizar todos os trámites relacionados co Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia conforme esta orde, e onde constarán todas as exixencias técnicas e legais para o acceso ao rexistro.

2. Se a solicitude reunise os requisitos previstos nesta orde, procederase a efectuar a inscrición da empresa no rexistro.

Nese caso, a autoridade laboral asignará unha clave individualizada de identificación rexistral, que será única para cada empresa e para todo o territorio nacional. A clave estará formada por un total de once díxitos: os dous primeiros serán identificativos da autoridade laboral competente, correspondéndolle á Comunidade Autónoma de Galicia os seguintes: «11», segundo a táboa de asignación que figura no anexo II do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto. Os dous díxitos seguintes corresponderanse coa provincia galega onde radique a empresa, identificando tamén as empresas estranxeiras, segundo figura no anexo I desta orde. Os sete últimos díxitos recollerán o número de orde de inscrición asignado a cada empresa.

3. Se a solicitude non reunise os datos ou non se achegasen os documentos exixidos, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, proceda á oportuna corrección, advertíndolle que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

4. Só poderá denegarse a inscrición neste rexistro se a solicitude ou a declaración anexa non reunisen os requisitos ou non achegasen os documentos establecidos nesta orde. A autoridade laboral ditará resolución denegatoria da inscrición no prazo de quince días desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, notificándollo nos dez días seguintes.

5. De acordo co disposto na alínea a) do artigo 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos casos en que se requira a persoa interesada para que corrixa a solicitude, é dicir, cando esta non reúna os datos e documentos exixidos, ou cando non se acredite a representación por calquera medio admitido en dereito, suspenderanse os prazos previstos para resolver.

Artigo 9º.-Efectos da inscrición e renovación desta.

1. A inscrición no rexistro, que será única e terá validez para todo o territorio nacional, permitiralles ás empresas incluídas neste intervir na subcontratación do sector da construción como contratistas ou subcontratistas.

2. A inscrición terá un período de validez de tres anos, renovables por períodos iguais. Para tal efecto, as empresas deberán solicitar a renovación da súa inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia dentro dos seis meses anteriores á expiración da súa validez e de acordo co procedemento establecido nesta orde.

Transcorrido o período de validez da inscrición sen que se tivese solicitado en prazo a súa renovación, entenderase automaticamente cancelada esta no rexistro.

3. A inscrición non exime a empresa inscrita da obriga de xustificar, en calquera momento, cando sexa requirida para isto pola autoridade laboral, o mantemento dos requisitos previstos nos puntos 1 e 2 a) do artigo 4 da Lei 32/2006, do 18 de outubro.

Artigo 10º.-Certificación da inscrición.

A solicitude de certificación da inscrición dunha empresa no Rexistro de Empresas Acreditadas, regulada no artigo 6 do Real decreto 1109/2007, será efectuada vía telemática. A certificación deberá ter sido solicitada dentro do mes anterior ao inicio da execución do contrato e deberá ser emitida pola autoridade laboral no prazo máximo de dez días naturais desde a recepción da solicitude debidamente cuberta e terá efectos con independencia da situación rexistral posterior da empresa afectada.

Artigo 11º.-Cancelación da inscrición.

1. As empresas deberán solicitar a cancelación da inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas cando cesen na actividade que determina a súa inclusión no ámbito de aplicación desta orde ou cando deixen de cumprir os requisitos exixidos legalmente para a inscrición, seguindo o procedemento establecido nesta orde.

2. A autoridade laboral poderá cancelar de oficio a inscrición das empresas inscritas no rexistro cando, polos datos que figuren no seu poder, como consecuencia da actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou por calquera outro procedemento, teña coñecemento de que a empresa se atopa nun dos supostos que dean lugar a isto.

Artigo 12º.-Procedementos de renovación e cancelación da inscrición e comunicacións de variación de datos.

1. As solicitudes de renovación, cancelación e variación de datos farase por vía telemática a través do enderezo do rexistro telemático establecido e, en calquera caso, deberán formularse dentro do mes seguinte ao feito que motive cada un dos trámites.

2. Estas solicitudes de renovación ou de cancelación da inscrición, así como as comunicacións de variación de datos, tramitaranse de acordo co procedemento previsto nesta orde para as solicitudes de inscrición inicial, no que lles sexa aplicable, coas seguintes peculiaridades:

a) Nos procedementos de renovación, a presentación da solicitude dentro do prazo establecido prorrogará a validez da inscrición, salvo que se produza resolución denegatoria e ata a data da notificación desta.

b) Cando a empresa cambie de enderezo e isto determine a competencia dunha autoridade laboral diferente para efectos de inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas dirixirase unha comunicación de variación de datos á autoridade laboral competente por razón do novo domicilio. A comunicación determinará a inscrición da empresa no novo rexistro polo tempo que restaba ata a súa renovación e producirá a cancelación automática da inscrición no rexistro anterior.

3. O procedemento de cancelación de oficio iniciarase por acordo da Dirección Xeral de Relacións Laborais, autoridade laboral competente, da cal depende o rexistro, que se notificará á empresa afectada e que conterá sucinta relación dos datos que están en poder da autoridade laboral dos que poida resultar que a empresa se atopa en calquera dos supostos de cancelación previstos.

A empresa disporá dun prazo de quince días desde a data da notificación para achegar cantas alegacións, documentos ou informacións coide convenientes.

Sen prexuízo da solicitude dos informes que a autoridade laboral competente xulgue necesarios para resolver, con carácter previo á redacción da proposta de resolución efectuarase o trámite de audiencia nos termos establecidos no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, debendo ditarse e notificarse a oportuna resolución no prazo máximo de tres meses desde a data do acordo de iniciación.

Disposición transitoria única

1. A obriga de inscrición no Rexistro de Empresas Acreditadas prevista no Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, só poderá exixirse a partir do 26 de agosto de 2008.

Para estes efectos, as empresas que desexen acreditarse con anterioridade, unicamente poderán solicitar a súa inscrición a partir da entrada en vigor desta orde.

2. Ata que se realice a inscrición, as empresas comitentes poderán comprobar o cumprimento polas súas empresas contratistas ou subcontratistas das obrigas previstas nos puntos 1 e 2.a) do artigo 4 da Lei 32/2006, do 18 de outubro, xuntando ao contrato de execución de obra unha declaración subscrita polo empresario ou o seu representante legal relativa ao cumprimento destes requisitos, así como documentación acreditativa de que a empresa conta cunha organización preventiva e certificación de que o seu persoal dispón de formación en materia de prevención de riscos laborais.

3. En todo caso, os requisitos exixidos aos contratistas e subcontratistas no artigo 4 da Lei 32/2006, do 18 de outubro, non serán de aplicación ás obras de construción cuxa execución se iniciase con anterioridade ao 19 de abril de 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A creación do Rexistro de Empresas Acreditadas de Galicia non supón un incremento do gasto público.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO

Códigos das provincias:

A Coruña: 15.

Lugo: 27.

Ourense: 32.

Pontevedra: 36.

Estranxeiro: 99.

b) NOMEAMENTOS VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR