DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 20 de maio de 2008 Páx. 9.142

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 101/2008, do 30 de abril, polo que se regulan as unidades de xestión forestal en Galicia.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu capítulo V do título III un sistema de reorganización da propiedade forestal que se concreta en unidades de xestión forestal. Con este sistema trátase de acadar, en consonancia coa devandita lei, unha mellor defensa contra os incendios forestais, facilitando a ordenación dos montes e do seu planeamento preventivo.

Consonte a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, este decreto concibe as unidades de xestión forestal como as entidades a que se encomenda a ordenación e xestión dos terreos forestais, coas cales se pretende obter un mellor aproveitamento integral do monte que redunde no beneficio para as persoas titulares do predio, pero tamén para a sociedade en xeral. Ao concentrar a xestión de parcelas acádase un mellor rendemento da explotación e evítase o risco de incendios que se produce pola proliferación incontrolada de especies de alta combustibilidade.

A creación das unidades de xestión forestal poderá ser iniciada polas persoas propietarias que queiran pór en valor os seus predios con criterios modernos de silvicultura e de sustentabilidade, permitindo ao mesmo tempo a profesionalización das actividades que decidan desenvolverse na súa superficie.

Así mesmo, as unidades de xestión forestal, ao seren un instrumento previsto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, poderán ser instadas de oficio pola Administración, sempre que tal previsión apareza no planeamento de defensa contra incendios forestais de distrito.

As unidades de xestión forestal estarán obrigadas a manter un instrumento de xestión forestal específico, que permitirá a todas as persoas propietarias beneficiarse das economías de escala e dunha xestión profesionalizada.

A constitución dunha unidade de xestión forestal por iniciativa das persoas propietarias interesadas farase sempre logo de proposta asinada por elas, para constituír posteriormente unha comisión de propietarios. Partirase na solicitude de constitución dun proxecto de estatutos para a devandita entidade e dun proxecto de instrumento de xestión forestal específico. Este instrumento tratará sobre a xestión conxunta da superficie forestal, que sexa consensuada polas persoas propietarias e que reflicta as súas expectativas de uso, sempre que tecnicamente se poida xustificar.

A organización interna das persoas propietarias que integran a unidade de xestión forestal, consonte o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, tradúcese nunha entidade cuxa composición aparecerá nos seus estatutos, que, como mínimo, deberán prever unha asemblea xeral e unha xunta reitora, con estrutura e funcionamento democráticos. Os acordos adoptaranse coas maiorías que determinen os estatutos da entidade de xestión, respectando as previsións contidas ao respecto na devandita lei.

Respecto do instrumento de xestión forestal específico con que se xestionará toda a superficie forestal contigua da unidade de xestión forestal, lonxe de especificar unha instrución detallada para a súa elaboración, trátase de que poida ser elaborado cuns parámetros técnicos áxiles e acordes cos obxectivos da unidade de xestión forestal, tendo en conta os usos e as capacidades propias do lugar en que se asenta e a súa obrigatoriedade para todas as persoas propietarias afectadas por esa superficie contigua, sempre partindo da base da necesidade da ordenación dos montes para conseguir unha axeitada defensa contra os incendios forestais, o que redundará nunha mellor conservación do ambiente e da seguranza das persoas e os seus bens, obxectivos que benefician a toda a comunidade no seu conxunto.

As unidades de xestión forestal inscribiranse no Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia, que se regula no capítulo VI deste decreto.

En definitiva, coa articulación das unidades de xestión forestal ponse en valor o monte galego, tanto no seu aspecto ambiental como desde as perspectivas social e económica, dando cumprimento e desenvolvendo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, oído o Consello Consultivo de Galicia, consultadas as organizacións profesionais sectoriais interesadas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de abril de dous mil oito,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto:

1. Establecer o réxime xurídico das unidades de xestión forestal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia;

2. Regular a estrutura e o contido dos instrumentos de xestión forestal específicos;

3. Crear o rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste regulamento defínense os seguintes termos:

a) Unidade de xestión forestal: consonte o establecido no artigo 2.21º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, é a superficie forestal cunha extensión mínima de 15 hectáreas que vén obrigada a manter un instrumento de xestión forestal específico e unha rede de infraestruturas preventivas básicas, e que será obxecto de priorización nas accións de fomento forestal.

b) Terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.

Non obstante, e para os únicos efectos do cumprimento das obrigas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, poderán ter a consideración de monte aquelas superficies que estean clasificadas como terreo rústico de protección agropecuaria que reúnan as características previstas no artigo 5.1º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, mentres subsista o seu uso forestal.

c) Persoa propietaria forestal: a persoa titular dominical dun predio con terreo forestal.

d) Planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais: o planeamento para combater as emerxencias derivadas dos riscos de incendios forestais de nivel autonómico, de distrito, municipal e inframunicipal previsto no capítulo II do título II da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

e) Instrumento de xestión forestal específico: é o documento que, desde o punto de vista técnico, regula a xestión da unidade de xestión forestal e resulta de obrigado cumprimento para todas as persoas propietarias afectadas pola superficie contigua dela. Conterá, como mínimo, un plan técnico de xestión e un plan de defensa contra os incendios forestais, e en función das concretas necesidades da unidade de xestión forestal, poderá incluír outros plans específicos.

f) Rede de faixas de xestión de biomasa: o conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, onde se garante o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

g) Regularización de teselas: a normalización e definición de determinadas superficies ou recintos con base en criterios que garantan a defensa contra os incendios, o seu planeamento preventivo e a ordenación dos montes por medio do instrumento de xestión forestal específico.

h) Reorganización da propiedade forestal: ordenación da xestión da superficie forestal establecida para os efectos de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo. Esta reorganización poderá ser temporal, consonte o que estableza o instrumento de xestión forestal específico.

i) Tesela: parcela forestal, consonte o establecido no artigo 2.24º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

Artigo 3º.-Obxectivos das unidades de xestión forestal.

1. As unidades de xestión forestal teñen por finalidade a reorganización da propiedade forestal para o efecto de garantir a defensa contra os incendios forestais e facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo, obrigándose a manter un instrumento de xestión forestal específico e unha rede de infraestruturas preventivas básicas.

2. Son obxectivos específicos das unidades de xestión forestal:

a) Promover a xestión sustentable do espazo forestal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Valorizar o uso forestal e facer viables os aproveitamentos forestais mediante a reorganización das propiedades dos membros da unidade de xestión forestal incluídas no seu perímetro.

c) Promover instrumentos prácticos que eviten o abandono das pequenas propiedades forestais.

d) Promover ferramentas que potencien a posibilidade de xestión de pequenas parcelas e que inclúan un planeamento de defensa do espazo rural contra os incendios forestais.

e) Cohesionar territorialmente todo tipo de propiedades forestais integrándoas nunha mesma xestión.

f) Facilitar a aplicación territorial das medidas máis axeitadas para previr os incendios e loitar contra os lumes.

Artigo 4º.-Delimitación das unidades de xestión forestal.

1. A delimitación do perímetro das unidades de xestión forestal respectará preferentemente as seguintes divisións territoriais:

a) Redes de faixas de xestión de biomasa.

b) Ríos, lagoas e encoros.

c) Cumios ou vales.

d) A organización administrativa territorial.

e) Outras unidades de xestión forestal estremeiras ou outras propiedades ou organizacións de titulares forestais que xestionen a súa superficie con criterios de xestión técnica análogos aos das unidades de xestión forestal e consonte a Lei 3/2007.

f) Terreos definidos nos plans de ordenación municipal ou nos plans de ordenación de recursos naturais con uso distinto ao forestal.

g) Os límites parroquiais ou os correspondentes nos procesos de concentración parcelaria.

2. As unidades de xestión forestal incluirán na súa superficie as parcelas de titulares descoñecidos que se encontren no seu perímetro e que na data da constitución da unidade de xestión forestal non estean incluídas noutra.

3. Os propietarios de terreos forestais que estremen coa delimitación proxectada da unidade de xestión forestal en constitución que manifesten a súa vontade de incorporación non poderán ser excluídos do seu ámbito sempre e cando os seus propietarios soliciten a incorporación á devandita unidade, agás razóns excepcionais fundamentadas en calquera dos instrumentos de planificación forestal definidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ou na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

4. Os límites das unidades de xestión forestal poderán ser establecidos consonte o planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais.

Artigo 5º.-Obrigas documentais das unidades de xestión forestal.

As unidades de xestión forestal deberán levar os seguintes documentos:

a) Os estatutos da entidade de xestión.

b) O instrumento de xestión forestal específico.

c) O informe de investigación da propiedade.

d) O plano descritivo das propiedades e dos límites das unidades de xestión forestal.

e) O rexistro das persoas propietarias pertencentes ás unidades de xestión forestal.

f) O libro de rexistro en que se relacionan cronoloxicamente os labores desenvolvidos en aplicación dos plans.

g) Libros de actas da asemblea xeral e da xunta reitora.

h) Libros contables de conformidade co plan xeral de contabilidade ou co plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas.

i) As memorias anuais de xestión.

Capítulo II

Tramitación das unidades de xestión forestal

Sección I

Constitución, modificación e extinción das unidades de xestión forestal

Artigo 6º.-Inicio do procedemento.

O procedemento para a constitución dunha unidades de xestión forestal iniciarase por solicitude dos interesados ou, nos supostos previstos no artigo 13, de oficio.

Artigo 7º.-Constitución dunha comisión de propietarios.

1. As persoas propietarias interesadas anunciarán a xuntanza de constitución dunha comisión de propietarios, con 15 días naturais de anticipación, nun dos xornais de maior difusión e nos taboleiros de anuncios dos concellos e nos lugares de costume nas parroquias, indicando a súa pretendida composición e un plano dos límites que comprende a proxectada unidades de xestión forestal.

2. Os acordos adoptados serán documentados en acta, asinada por todas as persoas asistentes á xuntanza.

3. A acta de constitución da comisión de propietarios notificarase persoalmente de forma individual a cada persoa propietaria coñecida do ámbito da proxectada unidade de xestión forestal, a través dun medio que deixe constancia da recepción pola persoa interesada ou polo seu representante.

4. A comisión de propietarios designará un representante que se encargará de redactar as actas e realizar as notificacións previstas neste decreto.

Artigo 8º.-Inicio do proceso por instancia dos interesados.

1. Están lexitimados para promoveren a creación dunha unidade de xestión forestal as persoas propietarias forestais de predios que superen o 50% dunha superficie contigua de terreo forestal cunha extensión mínima de 15 hectáreas.

2. As persoas propietarias que reúnan os requisitos do parágrafo anterior asinarán a proposta de constitución da unidade de xestión forestal.

3. A creación da unidade de xestión forestal será impulsada pola comisión de propietarios integrada polas persoas asinantes da proposta. Tamén poderán ser parte desta comisión, con voz pero sen voto, as persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas, que sexan autorizadas polas devanditas persoas asinantes.

Artigo 9º.-Presentación da solicitude de creación.

1. Á solicitude de creación da unidade de xestión forestal, que se dirixirá á dirección xeral competente en materia forestal conforme o modelo do anexo I deste decreto, achegarase:

1. Proposta asinada polas persoas propietarias, conforme o modelo do anexo II deste decreto.

2. Acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 7 relativos á constitución da comisión de propietarios e ás notificacións individuais aos interesados.

3. Memoria xustificativa do cumprimento das maiorías requiridas polo artigo 30.1º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

4. Un informe preliminar de investigación de propiedade, acompañado dos documentos acreditativos de propiedade dos propietarios promotores.

5. O proxecto de instrumento de xestión forestal específico.

6. O proxecto de estatutos da entidade de xestión.

7. Copia da acta de constitución da comisión de propietarios.

8. O plano en que se sinalen os límites da proxectada unidade de xestión forestal.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro central da consellería competente en materia forestal, no das súas delegacións provinciais ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Tramitación da solicitude.

1. No caso de que a solicitude de iniciación non reúna os requisitos exixidos neste decreto, así como aqueles previstos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requerirase a comisión de propietarios para que se corrixan ou emenden as faltas no prazo de 10 días, consonte o establecido no artigo 71.1º da devandita lei.

2. Examinada a solicitude de creación da unidade de xestión forestal, a dirección xeral competente en materia forestal realizará un estudo de viabilidade que comprenderá a descrición do estado actual da proxectada unidade de xestión forestal e dos resultados previsibles que, como consecuencia da súa constitución, permitan determinar a súa viabilidade, no cal se expresarán os seguintes aspectos:

a) Grao de división, dispersión, propiedades descoñecidas e situación xurídica das parcelas, en relación coas explotacións forestais existentes no ámbito territorial da proxectada unidade de xestión forestal. Para estes efectos, cursarase solicitude de información sobre os predios afectados ao Catastro e ao Rexistro da Propiedade.

b) Descrición dos recursos naturais, incluíndo as parcelas abandonadas ou con aproveitamentos inadecuados.

c) Terreos de especial importancia polos seus valores ambientais, paisaxísticos ou culturais.

d) Valoración das iniciativas ou propostas feitas na solicitude de creación da unidade de xestión forestal.

e) Outros aspectos que se estimen relevantes para ser valorados pola consellería na toma da decisión sobre a aprobación ou denegación da constitución da unidade de xestión forestal.

3. Neste trámite comprobarase a adecuación do proxecto de estatutos ás disposicións contidas neste decreto.

4. O proxecto de instrumento de xestión forestal específico será sometido a informe polo distrito forestal a que pertence a unidade de xestión forestal e polo concello ou concellos atinxidos polo seu ámbito territorial. O informe deberá ser emitido no prazo máximo de 30 días naturais. Transcorrido o dito prazo sen que se emitan os ditos informes, entenderanse favorables ao proxecto de instrumento de xestión forestal específico.

5. Así mesmo, no caso de que a creación da unidade de xestión forestal se proxecte sobre terreos forestais incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais, segundo o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, será preceptivo o informe da consellería competente en materia de ambiente para efectos de garantir a adecuación do proxecto e do instrumento de xestión forestal específico sobre os valores naturais protexibles.

Artigo 11º.-Proposta de creación da unidade de xestión forestal.

1. Nos 60 días seguintes á presentación da solicitude ou, de ser o caso, á emenda dos defectos ou omisións observados nela ou na documentación exixida, a dirección xeral con competencias en materia forestal publicará o proxecto de aprobación da unidade de xestión forestal no Diario Oficial de Galicia, nun dos diarios de maior difusión da zona afectada e na páxina web da consellería competente en materia forestal, someténdoo a información pública por un prazo non inferior a vinte días hábiles.

2. Se a proposta de aprobación introduce modificacións para axustar a unidade de xestión forestal ás previsións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, deste decreto e demais normativa de aplicación, previamente á súa publicación deberá dar traslado das ditas modificacións para os promotores interesados para os efectos da súa aceptación ou rexeitamento. No caso de que as modificacións non sexan aceptadas, arquivarase a solicitude sen máis trámite e, de ser o caso, continuará o procedemento respecto dos propietarios partícipes sempre que conten coas maiorías exixidas no artigo 8 deste decreto.

3. Simultaneamente, procederase á notificación individual ás persoas propietarias ou titulares de dereitos de contido patrimonial na zona de actuación, co fin de formularen alegacións por un prazo de vinte días hábiles sobre os proxectos de ordenación forestal e de estatutos, rexeitándose calquera outra obxección ou reparo, e manifesten, así mesmo, a súa vontade de incorporación.

4. No caso de persoas propietarias ou titulares de dereitos reais na zona obxecto de ordenación forestal que resulten descoñecidas, procederase á súa notificación por medio de edictos conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Aprobación da unidade de xestión forestal.

1. Á vista das alegacións efectuadas polos propietarios ou titulares de dereitos reais na zona de actuación, ou por calquera persoa no trámite de información pública, a dirección xeral competente ditará proposta de resolución, da cal se dará traslado a todos os propietarios ou titulares de dereitos de contido patrimonial na zona de actuación da proxectada unidade de xestión forestal, por un prazo de dez días para facer as alegacións que considere oportunas.

2. Transcorrido o dito prazo, a consellería resolverá motivadamente sobre a constitución da unidade de xestión forestal, dos seus estatutos e do instrumento de xestión forestal específico, nos prazos e cos efectos sinalados no artigo 30.7º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, excluíndo da entidade de xestión ás persoas propietarias que tiveren manifestado a súa vontade de non incorporarse á unidade de xestión forestal no prazo marcado no número 3 do artigo anterior.

3. A resolución aprobatoria e os estatutos inscribiranse no Rexistro de unidades de xestión forestal, consonte o previsto neste decreto.

Artigo 13º.-Inicio do proceso de oficio.

1. A Xunta de Galicia poderá iniciar o procedemento de oficio, mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellaría competente en materia forestal, sempre que a reorganización da propiedade estivera prevista no plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. Nestes supostos, e previamente á constitución da unidade de xestión forestal, a consellería competente en materia forestal asumirá as funcións que este decreto atribúe á comisión de propietarios.

3. Os restantes trámites do procedemento serán os establecidos nos artigos 9 a 12 deste decreto.

Artigo 14º.-Cumprimento das obrigas derivadas da aprobación da unidade de xestión forestal.

A aprobación da unidade de xestión forestal implica a reorganización forzosa da propiedade forestal para todos os propietarios integrantes dela así como o cumprimento obrigatorio das especificacións previstas no instrumento de xestión forestal específico para as persoas propietarias da superficie contigua da unidade de xestión forestal.

Artigo 15º.-Regularización de teselas.

1. O acordo de aprobación final de regularización das teselas será aprobado pola asemblea xeral por maioría absoluta das cotas de participación e será elevado a público, comunicado ao catastro e inscrito no rexistro da propiedade.

2. O dito acordo acompañarase dos planos correspondentes en que consten as infraestruturas básicas da unidade de xestión forestal, tanto as relativas á xestión da propiedade como á defensa contra incendios, e reflectirá a constitución dos dereitos de superficie ou calquera outro admisible en dereito establecidos sobre as parcelas integrantes da unidade de xestión forestal.

Artigo 16º.-Modificación das unidades de xestión forestal.

1. A modificación das unidades de xestión forestal pode producirse polas seguintes causas:

a) Pola alteración da súa superficie, sempre e cando se manteña unha superficie igual ou superior a 15 hectáreas.

b) Pola renuncia de calquera número de persoas propietarias que superen o 50% da superficie das parcelas que conforman a unidade de xestión forestal. A renuncia será admitida sen prexuízo do cumprimento obrigatorio do instrumento de xestión forestal específico polo tempo que medie ata o cumprimento do prazo para o que se tiña creado a unidade de xestión forestal.

c) Pola fusión da unidade de xestión forestal, consistente na inclusión dos terreos dunha unidade de xestión forestal noutra unidade de xestión forestal de terreos confinantes con aquela.

d) Polo cambio de clasificación ou clasificación urbanística dos predios que conforman a unidades de xestión forestal.

2. Se a modificación da unidade de xestión forestal afectar sensiblemente o planificado no seu instrumento de xestión forestal específico, procederase antes da autorización á modificación deste, adecuándoo á nova situación.

3. A modificación da unidade de xestión forestal será autorizada pola consellaría competente en materia forestal, tras a proposta da dirección xeral con competencias na dita materia e logo de tramitación do expediente en que se garantirá a audiencia das persoas interesadas.

Artigo 17º.-Extinción das unidades de xestión forestal.

1. As unidades de xestión forestal poden ser extinguidas polo transcurso do prazo para que foron creadas e por iniciativa das persoas propietarias.

2. Tamén será causa de extinción da unidade de xestión forestal a alteración da súa superficie cando a resultante sexa inferior a 15 hectáreas.

3. O acordo de extinción deberá ser adoptado pola asemblea xeral de acordo co establecido nos seus estatutos e autorizado pola consellería competente en materia forestal.

4. No acordo de extinción, as persoas propietarias optarán entre aplicar o instrumento de xestión forestal específico da unidade de xestión forestal ata o remate do seu período de vixencia ou solicitar da dirección xeral competente en materia forestal a aprobación dun plan específico de xestión do monte.

Artigo 18º.-Revogación da aprobación da unidade de xestión forestal.

1. A aprobación da unidade de xestión forestal poderá ser revogada pola consellaría competente en materia forestal se sobreviñer ou se puxer de manifesto algún feito que podería ter orixinado a denegación da aprobación, ou se a entidade de xestión incumprir gravemente as obrigas establecidas neste decreto.

2. Neses supostos deberá mediar un apercibimento previo da dirección xeral competente en materia forestal, que fixará un prazo non inferior a un mes para a emenda ou correción dos feitos sinalados.

Sección II

Normas de xestión provisionais durante a constitución dunha unidades de xestión forestal

Artigo 19º.-Realización dos aproveitamentos madeireiros ou leñosos durante a constitución da unidade de xestión forestal.

1. Todas as persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade de xestión forestal terán a obriga de manter e coidar as parcelas forestais, sen que se poida diminuír o valor destas sen a autorización previa da dirección xeral competente en materia forestal.

2. En todo caso, os aproveitamentos forestais realizados polas persoas propietarias dos predios situados no perímetro da unidade de xestión forestal en constitución estarán sometidas ao réxime de autorización previsto na Orde do 6 de outubro de 2004, pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos ou norma que a susbtitúa, en aplicación da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, coas seguintes particularidades:

a) A xustificación técnica da denegación poderá ser fundamentada, ademais de nos motivos previstos na orde, na adecuación dos aproveitamentos ao proxecto de instrumento de xestión forestal específico presentado pola comisión de propietarios atinxida.

b) Os rareos, as cortas de mellora e os tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial requirirán, nos predios situados no perímetro da unidade de xestión forestal en constitución, a autorización prevista pola dirección xeral con competencias en materia forestal en todos os casos e seguindo os procedementos descritos na devandita orde.

Capítulo III

Da organización e funcionamento das entidades de xestión

Artigo 20º.-Estatutos da entidade de xestión.

1. A entidade de xestión rexerase por uns estatutos que respectarán as previsións deste capítulo e que terán como mínimo o seguinte contido:

a) Denominación da unidade de xestión forestal e situación xeográfica das parcelas comprendidas no seu ámbito.

b) Os dereitos e obrigas das persoas propietarias das parcelas que manifestaron a súa vontade de incorporación á unidade de xestión forestal e das persoas xestoras, e o seu grao de representatividade no seo da entidade de xestión.

c) As regras de funcionamento da entidade de xestión.

d) Os órganos da entidade de xestión, que serán, como mínimo, unha asemblea xeral e unha xunta reitora, especificando a súa composición, competencias, e o réxime de adopción dos acordos. A súa estrutura interna e funcionamento terán que ser democráticos e axustaranse ás previsións do artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que en todo caso será de aplicación supletoria.

e) O réxime de maiorías de adopción dos acordos, respectando o disposto no parágrafo 10 do artigo 30 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

f) O réxime disciplinario.

g) O financiamento, especificando o patrimonio inicial, o réxime de administración, control e xestión e a composición do fondo común e o seu destino no caso de disolución da unidade de xestión forestal.

2. Contra os acordos da entidade de xestión poderase recorrer en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia forestal, no prazo dun mes desde a súa adopción, por parte de calquera membro da entidade de xestión.

3. Os estatutos da entidade de xestión da unidade de xestión forestal serán inscritos de oficio no Rexistro de unidades de xestión forestal no momento da súa aprobación.

Artigo 21º.-Asemblea xeral.

1. A asemblea xeral, da cal forman parte todas as persoas propietarias, é o órgano supremo de expresión da vontade da unidade de xestión forestal e deberá constituírse no prazo máximo dun mes desde a aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación.

2. Exercerán a presidencia e a secretaría da asemblea xeral as mesmas persoas que o sexan da xunta reitora.

3. Corresponde ao presidente acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente anticipación e as demais funcións previstas no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A asemblea xeral será convocada polo menos unha vez ao ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio económico para aprobar o estado de contas.

5. A asemblea xeral convocarase cun mínimo de dez días de anticipación á data da súa celebración, mediante notificación por calquera medio que deixe constancia da súa recepción, a todas as persoas propietarias e coa orde do día dos asuntos a tratar. Esta convocatoria exporase por medio de anuncios, e durante o mesmo prazo, nos taboleiros de anuncios dos concellos atinxidos pola unidade de xestión forestal e nos lugares de costume das parroquias onde esta radique.

6. Para asistir á asemblea xeral, calquera titular poderá delegar a súa representación noutra persoa propietaria ou no seu cónxuxe, ascendentes ou descendentes en primeiro grao, con plena capacidade de obrar, sen que ningún caso poida asumir máis dunha delegación. A delegación deberá ser expresa para cada asemblea xeral.

7. As persoas que non poidan comparecer persoalmente ou mesmo quen así o desexe, poderán votar por medio de poder notarial específico para cada unidade de xestión forestal.

Artigo 22º.-Competencias da asemblea xeral.

A asemblea xeral terá as seguintes competencias:

a) A proposta de modificación de estatutos e do instrumento de xestión forestal específico, que deberá ser aprobada pola persoa titular da consellería competente en materia forestal.

b) A elección dos membros e dos órganos da xunta reitora.

c) A aprobación da proposta de regularización das teselas feita pola xunta reitora.

d) O debate, a aprobación e a censura da xestión realizada pola xunta reitora.

e) A censura, debate e aprobación do balance e contas do exercicio económico.

Artigo 23º.-Xunta reitora.

1. No mes seguinte á constitución da asemblea xeral, deberá constituírse a xunta reitora.

2. A xunta reitora, en canto órgano reitor da entidade de xestión, é o órgano de goberno e xestión da unidade de xestión forestal.

3. A Xunta reitora terá a composición que se fixe nos estatutos, e como mínimo preverá a existencia dos seguintes cargos coas seguintes atribucións:

a) A presidencia, que representa a entidade de xestión, preside e modera os debates e terá voto de calidade no caso de empate nas votacións.

b) A secretaría, que será a encargada de facer as citacións, redactar as actas que deberán ser autorizadas coa sinatura da presidencia, xestionar a correspondencia, expedir as certificacións co visto e prace da presidencia, levar o libro de actas e, en xeral, custodiar a documentación e dirixir os servizos administrativos da entidade de xestión.

c) A tesouraría, que formula o orzamento, reflicte a xestión económica nos libros contables, controla os ingresos e autoriza os gastos.

4. Así mesmo, formará parte da xunta reitora unha persoa representante da consellaría competente en materia forestal, que terá voz pero non voto, que será designada no acordo de aprobación definitiva da unidade de xestión forestal.

5. De non ser posible a constitución da xunta reitora, asumirá as súas funcións a asemblea xeral.

Artigo 24º.-Réxime de maiorías da xunta reitora.

Os acordos da xunta reitora adoptaranse por maioría simple, agás que os estatutos exixan unha maioría diferente.

Artigo 25º.-Competencias da xunta reitora.

1. A xunta reitora desenvolve as seguintes funcións:

a) Elevar á asemblea xeral a proposta de modificación dos estatutos e do instrumento de xestión forestal específico.

b) Promover a xestión conxunta das propiedades forestais que compoñen a unidade de xestión forestal, e propoñer a regularización das teselas á asemblea xeral.

c) Procurar a confluencia de intereses entre os propietarios.

d) Elaborar e publicitar os documentos que conforman o réxime documental da unidade de xestión forestal.

e) Cumprir e facer cumprir os estatutos.

f) Aplicar a normativa forestal.

g) Manter informadas as persoas propietarias nos asuntos que as afecten.

h) Coordinar as actividades descritas no instrumento de xestión forestal específico da unidade de xestión forestal.

i) Colaborar coa autoridade competente en materia forestal no cumprimento do planeamento da defensa contra os incendios forestais.

j) Dirimir todas as cuestións relativas ao funcionamento da unidade de xestión forestal e responder da súa xestión.

k) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.

2. A xunta reitora presentará cada ano perante os propietarios reunidos en sesión plenaria da asemblea xeral o plan anual e o estado de contas, e elaborará unha memoria anual de xestión.

Artigo 26º.-Inscrición dos actos dos órganos das unidades de xestión forestal de Galicia.

As resolucións relativas a todos os actos que teñan relación con este decreto serán inscritas no Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia, así como os estatutos e os acordos que sexan adoptados pola asemblea xeral e pola xunta reitora, que serán remitidos por esta última á sección provincial correspondente do rexistro.

Capítulo IV

Xestión da superficie forestal

Artigo 27º.-Instrumento de xestión forestal específico.

1. As unidades de xestión forestal xestionaranse mediante un instrumento de xestión forestal específico, que será de obrigado cumprimento para todas as persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade de xestión forestal.

2. O instrumento de xestión forestal específico determinará os seguintes aspectos, integrándoos e compatibilizándos co planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais de nivel superior:

a) As accións silvícolas e de organización da xestión forestal.

b) As accións de defensa do monte contra os incendios forestais.

c) As infraestruturas básicas dos terreos forestais.

d) Cronograma de execución.

3. Aprobado o instrumento de xestión da unidade de xestión forestal, será comunicado de oficio ao Rexistro de unidades de xestión forestal no prazo de 30 días, sen prexuízo do sinalado na Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de proxectos de ordenación e plans técnicos de xestión de montes ou norma que a substitúa.

4. As modificacións do instrumento de xestión forestal específico, logo do acordo da asemblea xeral, requirirán a autorización da dirección xeral competente en materia forestal e a notificación ás persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade de xestión forestal non integrantes dela.

Artigo 28º.-Obxectivos e criterios do instrumento de xestión forestal específico.

1. O instrumento de xestión forestal específico, respectando sempre as medidas de silvicultura, forestación, reforestación, ordenación preventiva do terreo forestal, e as demais establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, procurará os seguintes obxectivos:

a) O respecto á vontade da entidade de xestión sobre o futuro uso da superficie forestal.

b) O agrupamento da xestión, materializándoa en unidades mínimas e homoxéneas de xestión, atendendo aos seguintes criterios:

i) Económicos.

ii) Ambientais.

iii) Sociais.

iv) Outros criterios xustificados e de carácter técnico.

2. O instrumento de xestión forestal específico reflectirá fidedignamente a situación da superfice da unidade de xestión forestal con respecto á propiedade, ao estado natural e ao estado forestal, referidos ao momento da solicitude de creación da unidade de xestión forestal.

3. O instrumento de xestión forestal específico incluirá unha proposta de parcelas forestais, entendidas para estes efectos como as subunidades mínimas de xestión nunha unidade de xestión forestal, establecidas con criterios que garantan a defensa contra os incendios, o seu planeamento preventivo e a ordenación dos montes por medio do instrumento de xestión forestal específico.

Artigo 29º.-Contidos e estrutura dos instrumentos de xestión forestal específico.

1. O instrumento de xestión forestal específico definirá os seguintes aspectos:

a) A situación que se pretende acadar como consecuencia da reorganización da propiedade.

b) A planificación e ordenación temporal e espacial da utilización sustentable dos recursos do monte.

c) A descrición pormenorizada da superficie forestal, en particular, un inventario forestal que permita a toma de decisións no que atinxe á silvicultura aplicable en cada unha das teselas do monte e a estimación das súas rendas.

d) Aqueles outros condicionantes que desde o punto de vista ambiental, legal, social ou económico incidan no desenvolvemento das accións previstas na planificación forestal e poidan afectar a situación que se pretende acadar.

2. O instrumento de xestión forestal específico conterá un plan de defensa contra os incendios forestais adaptado ás exixencias do planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais de orde superior. Se a superficie dunha unidade de xestión forestal se estender a máis dun concello, o planeamento de defensa da unidade de xestión forestal adaptarase a aquelas estipulacións que supoñan a maior seguranza e garantía de defensa contra o lume.

3. O instrumento de xestión forestal específico establecerá un plan de cortas e aproveitamentos para as unidades mínimas en que se subdivida a superficie da unidade de xestión forestal.

4. O inventario forestal do instrumento de xestión forestal específico reflectirá, polo menos, os seguintes contidos:

a) As áreas por especies e estratos dominantes.

b) O estado forestal da masa ou clases naturais de idade.

5. No citado inventario será obrigatoria a inventariación do voo nos seguintes supostos:

a) Nos predios en que a valoración do voo se poida facer con criterios económicos actuais de mercado e cando o requira a reorganización da xestión conxunta dos predios.

b) Nas parcelas de persoas descoñecidas con arboredo e que se pretendan incluír na xestión conxunta da unidade de xestión forestal.

6. O instrumento de xestión forestal específico axustará a súa estrutura de contidos ao establecido no anexo III.

Artigo 30º.-Execución dos plans do instrumento de xestión forestal específico.

1. A execución dos plans do instrumento de xestión forestal específico nos predios que forman a unidade de xestión forestal é responsabilidade da xunta reitora, salvo que nos estatutos se reflicta outra responsabilidade. Será responsabilidade das persoas propietarias dos terreos naqueles casos en que non se tiveren integrado na unidade de xestión forestal e estiveren afectados pola superficie contigua dela.

2. En todo caso, a execución dos plans de xestión que afecten predios de titularidade descoñecida será responsabilidade da xunta reitora. Toda actuación nos devanditos predios terá que quedar fidedignamente rexistrada e documentada.

3. A xunta reitora levará un libro de rexistro en que se relacionen cronoloxicamente os labores desenvolvidos en aplicación dos plans.

Capítulo V

Financiamento

Artigo 31º.-Fontes de financiamento.

O financiamento para crear as unidades de xestión forestal e para desenvolver as actuacións previstas nos plans, sen prexuízo doutras fontes de financiamento que se poidan obter ou habilitar para estes efectos, poderá proceder:

1. De investimentos das persoas lexitimadas para crear a unidade de xestión forestal.

2. Do fondo común.

3. Das liñas de axudas destinadas a promover a xestión forestal sustentable de carácter comunitario, estatal, autonómico ou local.

Artigo 32º.-Fondo común.

1. A xunta reitora da unidade de xestión forestal constituirá un fondo común para financiar as accións da unidade de xestión forestal na execución dos plans e no desenvolvemento dos seus obxectivos.

2. Os ingresos do fondo común procederán:

a) Das cotas das persoas propietarias integrantes da unidade de xestión forestal acordadas consonte o procedemento previsto nos estatutos.

b) Dunha porcentaxe dos beneficios obtidos nas actividades desenvolvidas no seo da unidade de xestión forestal, segundo o disposto e ao abeiro dos seus estatutos.

c) Dos beneficios derivados da xestión de terreos de propiedade descoñecida incluídos na unidade de xestión forestal.

d) Dos ingresos procedentes de convenios ou contratos subscritos con entidades públicas ou privadas.

e) Subvencións e outros ingresos e achegas de dereito público que poida percibir conforme dereito.

f) Doazóns, legados, herdanzas e outros ingresos e achegas de dereito privado que poida recibir conforme dereito.

Capítulo VI

Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia

Artigo 33º.-Creación do Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia.

1. Créase o Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia como un rexistro público de carácter administrativo adscrito á consellaría competente en materia forestal que recolle as unidades de xestión forestal constituídas ao abeiro da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e deste decreto.

2. Neste rexistro anotaranse as unidades de xestión forestal creadas e o seu estado ao abeiro da devandita lei e deste decreto.

3. Este rexistro terá unha sección en cada delegación provincial da citada consellería.

Artigo 34º.-Actualización dos contidos.

O rexistro terá permanentemente actualizado o seu contido, e permitirá coñecer o estado de tramitación das distintas fases de creación e funcionamento das unidades de xestión forestal inscritas.

Artigo 35º.-Actos inscribibles.

As resolucións relativas a todos os actos que teñan relación coa creación e o funcionamento das unidades de xestión forestal, serán inscritas no rexistro, así como os estatutos e os acordos que sexan adoptados pola asemblea xeral e pola xunta reitora, que serán remitidos por esta última á sección provincial correspondente do Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia. As inscricións están suxeitas ás normas establecidas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

O incumprimento deste deber dará lugar á perda do dereito da unidade de xestión forestal á obtención de axudas para o funcionamento e a realización de investimentos.

Artigo 36º.-Solicitude e emisión de certificacións.

1. O acceso, para os efectos de expedición de certificacións polo rexistro, realizarase mediante solicitude dirixida á dirección xeral competente en materia forestal ou ben directamente, empregando os modelos normalizados que para tal efecto se faciliten no rexistro.

2. As certificacións serán emitidas polo responsable do rexistro e a súa expedición estará suxeita ás normas establecidas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O acceso ao rexistro garantirá o respecto ao dereito á intimidade persoal e realizarase de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 37º.-Organización do rexistro.

1. O rexistro organizarase por provincias e termos municipais alfabeticamente ordenados.

2. Á unidade de xestión forestal inscrita outorgaráselle un número, encabezado polos díxitos da provincia, seguidos dos do concello e parroquia onde se asenta, e finalmente o que se lle asigne á propia unidade de xestión forestal.

3. Indicarase se a unidade de xestión forestal se está a constituír de oficio ou por instancia de parte interesada.

4. Disporá dun ficheiro pormenorizado e actualizado cos datos das persoas membros da comisión de propietarios e da asemblea xeral, así como da superficie achegada por cada unha das persoas propietarias integrantes da unidade e das persoas propietarias afectadas pola superficie contigua.

5. Constarán a denominación, superficie, estremas, e as datas de inicio e aprobación da unidade de xestión forestal.

Artigo 38º.-Informe anual.

Anualmente achegarase ao Rexistro de unidades de xestión forestal unha copia da acta de asemblea xeral correspondente á aprobación do estado de contas e unha copia da memoria anual de xestión elaborada pola xunta reitora.

Artigo 39º.-Protección de datos.

A comunicación ou cesión de datos de carácter persoal contidos no Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia terá lugar consonte o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Capítulo VII

Das medidas de fomento en prol das unidades de xestión forestal

Artigo 40º.-Incentivos e axudas.

1. A Xunta de Galicia priorizará os seus recursos cara á constitución daquelas unidades de xestión forestal que poidan acadar maior superficie de terreo forestal, e maior número de persoas propietarias en relación coa respectiva rede de protección en que se sitúen eses terreos.

2. A Xunta tamén poderá establecer axudas para incentivar a constitución o investimento de capital e o funcionamento corrente das unidades de xestión forestal.

Capítulo VIII

Réxime sancionador

Artigo 41º.-Réxime sancionador.

1. O incumprimento das especificacións previstas no instrumento de xestión forestal específico sancionarase de acordo co disposto nos artigos 67.l) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e 51.3.b) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

2. O incumprimento das obrigas contidas nos estatutos polas persoas propietarias integrantes da unidade de xestión forestal sancionarase en virtude do disposto no artigo 51.3.b) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sen prexuízo da redución na repartición de ganancias da parte proporcional que corresponda incrementada cos xuros legais, cando o incumprimento derive da falta de pagamento das cotas que estatutariamente se tiveren establecido.

3. Os restantes incumprimentos do disposto neste decreto serán sancionados conforme o disposto no título VII da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e no título VII da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Publicidade.

1. Toda a información sobre as unidades de xestión forestal en constitución estará dispoñible no portal da internet da consellería competente en materia forestal, así como a información e tramitación telemática necesaria para a creación e xestión das unidades de xestión forestal.

2. Co mesmo fin informativo, esa dirección xeral establecerá taboleiros en cada distrito forestal.

Segunda.-Deber de colaboración de todas as administracións e propietarios.

1. Toda entidade pública colaborará, nos termos legalmente previstos, na prestación de canta información sexa requirida para a creación das unidades de xestión forestal.

2. A comisión de propietarios poderá requirir das administracións públicas, a través da dirección xeral competente en materia forestal, a información relativa aos predios da proxectada unidade de xestión forestal.

Terceira.-Xestión cautelar da unidade de xestión forestal.

Se foren parte da unidade de xestión forestal parcelas forestais pertencentes a montes veciñais en man común, poderán ser xestionadas cautelarmente pola consellería competente en materia forestal nos seguintes supostos:

1. Por extinción ou desaparición da comunidade veciñal titular do monte, de forma provisional, ata que se reconstitúa a comunidade, e sempre que a parroquia non exerza o dereito que lle confire o artigo 20 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. Cando o monte veciñal sexa declarado en situación de grave abandono ou degradación, consonte o procedemento e efectos previstos no título IV da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da Consellaría do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "09600D001P006.PDF"

ANEXO III

Contidos básicos dun instrumento de xestión forestal específico para unha UXFOR

Estado legal da superficie que abrangue a UXFOR:

1. Concello.

2. Parroquia.

3. Persoas propietarias.

4. Superficies por persoa propietaria.

5. Superficie total real da superficie da UXFOR.

6. Servidumes e ocupacións.

7. Figuras de protección.

8. Usos do solo segundo a Lei do solo.

Estado natural:

1. Breve descrición da situación xeográfica, orográfica, clima e solo.

2. Principais ecosistemas presentes no monte.

3. Usos do solo segundo IFN3.Relación de usos coa superficie dedicada a cada un.

Estado forestal e inventario:

1. Relación de estratos forestais (segundo o IFN3 ou segundo a proposta do redactor coas equivalencias co IFN3) coa superficie dedicada a cada un.

2. Vexetación actual e potencial.

3. Relación non exhaustiva de fauna asociada ás distintas formacións vexetais.

4. Relación de especies de fauna e flora sometidas a calquera tipo de réxime de protección con posible presenza na UXFOR.

5. Descrición de unidades inventariais.

6. Para cada unidade: especie, estado da masa (repoboado, monte baixo, latizal, fustal), fracción de cabida cuberta (intervalos <5%, 5-20, 20-40, 40-60, 60-90, >90). Estimación de existencias madeireiras. Xustificación dos cálculos.

7. Estado sanitario. Descrición sucinta do aspecto sanitario da masa e das posibles afeccións.

8. Estado da rexeneración en cada unha das unidades inventariais.

Estado das infraestruturas:

1. Accesos.

2. Pistas e vías de saca.

3. Devasas.

4. Puntos de auga.

5. Outras.

Estado económico:

1. Distancia aos principais núcleos de poboación.

2. Distancia aos principais centros de transformación de produtos forestais.

Planificación da xestión forestal:

1. Obxectivo xeral por unidade (produción madereira e non madeireira, protección, mixto).

2. Limitacións (servidumes, ordenanzas municipais, decreto de incendios, planeamentos de prevención…).

Zonificación segundo intensidades de xestión e definición de teselas:

Plan xeral:

1. Elección de especies.

2. Elección de modelo silvícola con cronograma de actuacións.

3. Condicións mínimas de xestión (código de boas prácticas, quendas para as distintas especies...).

Plan especial:

Plan de aproveitamentos:

1. Cortas (por cantón, mouteira), con referencia temporal ou cronograma de actuacións.

2. Outros aproveitamentos (pastos, fungos, biomasa…).

Plan de melloras:

1. Melloras silvícolas (por cantón, mouteira, conxunto de parcelas ou teselas definidas) con cronograma de actuacións.

2. Outras melloras.

Plan de prevención de incendios:

1. Actuacións para a adecuación aos planeamentos de distrito e municipal de defensa contra os incendios forestais.

2. Infraestruturas básicas.

3. Silvicultura adoptada que incida na prevención de incendios.

4. Infraestruturas previstas.

5. Devasas, áreas tornalumes e outros usos con incidencia na prevención.

6. Redes de faixas de xestión de biomasa.

Balance económico:

1. Previsión de ingresos e gastos no conxunto da superficie da UXFOR.

Planos (en formato papel e dixital):

1. Plano das parcelas SIXPAC afectadas por este instrumento de xestión forestal específico.

2. Plano de infraestruturas.

3. Plano de usos do solo (segundo normativa urbanística e segundo IFN3).

4. Plano de estratos forestais.

5. Plano de zonificación segundo intensidades de xestión e teselas.