DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 19 de maio de 2008 Páx. 8.999

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 28 de abril de 2008 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobadas polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

O Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, actualiza e refunde nun único texto legal gran cantidade de normativa de gas que se encontraba dispersa en numerosas ordes ministeriais, vixentes algunha delas desde hai máis de trinta anos.

O antedito regulamento lexisla o control da seguridade das instalacións de gas dun xeito máis liberalizador, seguindo a liña marcada por outros regulamentos desde a publicación do Real decreto 2135/1980, do 25 de setembro, sobre liberalización industrial. Neste sentido establece que a responsabilidade do cumprimento dos requisitos técnicos das instalacións corresponde aos titulares, ás empresas instaladoras e aos organismos de control, reservando á Administración o labor de rexistro e, se é o caso, inspección das instalacións.

As instrucións técnicas complementarias que van da ICG 01 á ICG 08, así como a ICG10 regulamentan diversos tipos de instalacións existentes no sector e introducen unha serie de novidades no proceso da súa inscrición que fan necesario actualizar as solicitudes asociadas aos ditos procedementos, o que se leva a cabo nos anexos a esta orde.

Entre as novidades introducidas pola ITC ICG-09 figura o establecemento de diversas vías para a obtención dos certificados de cualificación individual. Aínda que nesta ITC non se establece para poder acceder ao exame para a obtención do certificado de cualificación individual a obrigatoriedade de realizar previamente un curso teórico-práctico, isto non significa que estes cursos teñan unha importancia fundamental nun sector como é o das instalacións de gas, en que se precisa dun persoal moi cualificado que sexa capaz de adaptarse os continuos cambios tecnolóxicos que se producen no sector. Por iso no artigo seis desta orde regúlase a autorización de entidades de formación, establecéndose a posibilidade de que sexan fixados uns medios mínimos para desenvolver a actividade formativa neste campo.

Para a elaboración desta norma tivéronse en conta os preceptos e condicións precisas do réxime autorizatorio establecidos na Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior (DOUE L376, do 27 de decembro). Neste senso, a autorización de axentes a que se refire o capítulo II desta orde cumpre coas condicións e criterios establecidos nos artigos 9 e 10 da referida directiva, e non supedita o acceso á condición de entidade autorizada aos requisitos prohibidos no seu artigo 14 ou aos requisitos que precisan avaliación que figuran no artigo 15.2.

A exixencia de inscrición das instalacións nun rexistro e a exixencia de autorización ás entidades de formación e outorgamento de certificado de empresa á instaladora de gas forman parte do concepto de autorización establecido no considerando 39 da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

De conformidade coa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza, os obxectivos de saúde pública, protección dos consumidores, sanidade animal e protección do contorno urbano constitúen razón imperiosa de interese xeral que permiten xustificar a aplicación de réximes de autorización e outras restricións.

As medidas adoitadas xustifícanse pola obriga da Administración de velar polo cumprimento dos requisitos técnicos mínimos coa finalidade de protexer a saúde e seguridade públicas en xeral e dos usuarios destas instalacións en particular. Trátase de medidas que lle posibilitan á Administración a comprobación dos requisitos técnicos mínimos de deseño e funcionamento das instalacións por unha banda, e dos coñecementos e medios técnicos mínimos cos que deben contar os axentes autorizados constituídos nesta orde polas persoas dotadas de certificado de cualificación individual, as empresas instaladoras de gas e as entidades de formación.

Non obstante, os réximes de autorización ou restrición desta norma non supoñen discriminación en razón de nacionalidade. Ademais, respéctanse os principios de necesidade e proporcionalidade. En efecto, non constitúen medidas discriminatorias desde o punto de vista formal xa que afectan por igual a prestadores de servizos españois ou estranxeiros. Aínda que recoñecendo que o seu cumprimento pode ser máis dificultoso para os segundos, os incrementos de gastos e cargas administrativas para empresas establecidas noutro Estado membro son mínimas, polo que estas empresas se encontran en igualdade condición que os seus competidores no Estado de acollida, non sendo os requirimentos administrativos elementos que as induzan a deixar de prestar este servizo neste Estado membro.

A inscrición no rexistro, tras a comprobación do cumprimento dos requirimentos mínimos, é unha medida necesaria e proporcionada para a consecución do obxectivo de control da seguridade industrial, non podendo conseguirse de xeito menos restritivo.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial e das facultades que me foron conferidas, na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é desenvolver, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o establecido polo o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias, en adiante ITC, ICG 01 a 11, aprobadas polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, en diante regulamento.

Capítulo I

Rexistro de instalacións

Artigo 2º.-Centros de almacenamento e distribución de envases de gases licuados do petróleo.

Conforme o establecido no artigo 3.1º a) do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de establecementos industriais de Galicia, deberán inscribirse no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia os centros de almacenamento e distribución de envases de gases licuados do petróleo, en diante GLP, a que se refire a ITC-ICG 02 punto 2, agás os de 5ª categoría que teñan o almacenamento en locais comerciais. Todo isto sen prexuízo da comunicación de datos que, se é o caso, deberá ser feita conforme o establecido na Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

As delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria levarán un rexistro dos centros de almacenamento e distribución de envases de GLP de 5ª categoría situados en locais comerciais con capacidade nominal de contido total de ata 500 kg, a que se refire a ITC-ICG 02 punto 2.

Artigo 3º.-Instalacións receptoras de GLP e de almacenamento en depósitos fixos.

A comunicación para a posta en servizo das instalacións receptoras de combustibles gasosos que requiran proxecto segundo o establecido na ITC-ICG 07, e das instalacións de almacenamento de GLP en depósitos fixos segundo o establecido na ITC-ICG 03 punto 5.6, realizarase ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria, mediante os modelos de solicitude, memoria técnica e certificado de instalación, que figuran respectivamente nos anexos I, II, III e IV desta orde.

Artigo 4º.-Estacións de servizo para vehículos a gas.

As estacións de servizo para vehículos a gas a que se refire a ITC-ICG 05 punto 4.7, deberán ser inscritas no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, sen prexuízo das obrigas establecidas na Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

Capítulo II

Axentes autorizados

Artigo 5º.-Requisitos para a obtención do certificado de cualificación individual e do carné de instalador de gas.

A emisión e renovación do certificado de cualificación individual e do carné de instalador de gas regulamentados na ITC ICG09, punto 2, serán tramitados polas delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria.

A antedita ITC no seu punto 2.3.1 establece que o certificado concederase, nas súas diversas categorías:

a) Cando o interesado se atope en posesión dunha titulación que, en virtude do ordenamento legal vixente, outorgue ao seu titular atribucións suficientes para a realización da actividade.

b) Noutro caso, a criterio da comunidade autónoma:

b.1) Mediante a superación dun exame teórico-práctico sobre os contidos que se indican no anexo 1 da antedita ITC ICG 09.

b.2) Mediante a certificación realizada por unha entidade acreditada para a certificación das persoas, segundo o establecido no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, de ter superado un exame teórico-práctico que inclúa os contidos que se indican no anexo 1 da referida ITC ICG 09.

A relación de titulacións a que se refire o antedito punto a) serán establecidas mediante resolución do director xeral competente en materia de industria, que será feita pública mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Xunta de Galicia.

O modelo de solicitude para realizar a inscrición nas probas teórico-prácticas, para obter ou renovar o certificado de cualificación individual na súas diversas categorías, así como para solicitar a expedición ou renovación do carné de instalador de gas, a que se refiren os puntos 2.3 e 2.4 da ITC-ICG09, figura no anexo V a esta orde.

Artigo 6º.-Entidades de formación.

As persoas que desexen obter o certificado de cualificación individual poderán realizar o exame teórico-práctico a que se refire a ITC-ICG09 punto b-1) sen necesidade da realización de curso previo ningún. Porén, as entidades de formación que desexen impartir os ditos cursos deberán ser autorizadas pola consellería competente en materia de industria conforme o establecido na Orde do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais, e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial e a normativa que a desenvolva. Poderán, así mesmo, impartir os ditos cursos as entidades de formación homologadas recoñecidas ou autorizadas por outra comunidade autónoma ou outro Estado membro da Unión Europea.

A consellería competente en materia de industria poderá fixar os medios mínimos con que deberán contar en Galicia as ditas entidades de formación, coa finalidade de conseguir que os cursos relativos a instalacións de gas sexan impartidos axeitadamente aos coñecementos establecidos no anexo I da ITC-IGC9.

Artigo 7º.-Empresa instaladora de gas.

O certificado de empresa instaladora de gas a que se refire o punto 3.2 da ITC-ICG 09, poderá obterse nas delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria. As empresas instaladoras de gas autorizadas noutra comunidade autónoma que desexen exercer a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia deberán comunicalo á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de industria na que vaian a iniciar a actividade, achegando copia do certificado de empresa instaladora autorizada en vigor e un certificado de non sanción, expedidos pola comunidade autónoma de orixe.

A solicitude para obter ou renovar o certificado de empresa instaladora de gas nas súas diferentes categorías así como para realizar a comunicación a que se refire o parágrafo precedente, figura como anexo VI desta orde.

Disposición transitoria

Única.-Validación de carnés profesionais.

Conforme o establecido na disposición transitoria primeira do Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG01 a 11, a consellería competente en materia de industria validará os carnés profesionais de instalador de gas e a autorización de empresa instaladora nos termos establecidos na referida disposición.

Disposicións adicionais

Primeira.-Mantemento e revisións periódicas de instalacións.

As operacións de mantemento preventivo sinaladas na norma UNE 60250 terán unha periodicidade dun ano como máximo.

A primeira revisión periódica, a que se refire o punto 4.2 da ITC ICG 07, que de maneira conxunta deberán pasar unha instalación receptora non alimentada desde redes de distribución e a instalación que a alimenta, realizaranse na data de vencemento máis próximo dos períodos de revisión correspondentes á instalación receptora e á instalación de alimentación. A partir desa primeira ocasión rexerá a periodicidade establecida na ITC ICG 07.

Segunda.-Autonomía mínima dos depósitos fixos.

En relación á autonomía de subministración suficiente das instalacións de almacenamento de GLP en depósitos fixos a que se refire a ITC-ICG 03 punto 4, considerarase como tal cando se dispoña dunha autonomía mínima de 10 días.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Actualización e desenvolvemento.

Facúltase o director xeral competente en materia de industria para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde así como para modificar o contido dos seus anexos.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "09500D001P007.PDF"